sábado, 31 de octubre de 2020

Parroquia de Parada

 
  Parada localízase ao oeste do concello, entre o municipio de Tordoia e a parroquia de Ordes. Limita con Lesta e Mercurín polo norte e Montaos polo sur. 
  A páxina web do concello dalle unha superficie de 11,21 km² (o 7,1% de todo o concello) por debaixo da media municipal. 
  A súa orografía caracterízase pola suavidade do seu perfil. Hai un descenso de altura xeral de norte a sur. As cotas máis altas están no noroeste roldando os 365 m, e as máis baixas no sur, coincidindo co límite municipal determinado polo Lengüelle, con 236 m. Este é o río principal e rega a zona oeste mentres polo leste discorre o rego de Cestaños, que augas abaixo enlaza co río Cabrón
  Preto dos núcleos atopamos cultivos e praderías de extensión media que dan paso a grandes masas de arboredo composto de coníferas e en menor medida de eucaliptos, máis característicos da zona sur. Cara ao noroeste, antes das zonas forestais, atopamos amplas extensións de matogueira. 


 
   Aínda que a AC-413, que vai de Ordes á Silva, con orientación sueste-noroeste, é a estrada de maior categoría, a DP-5904, que enlaza coa anterior á altura do núcleo do Empalme e que continúa con dirección suroeste cara ao veciño concello de Tordoia, é a que ten máis importancia para os habitantes de Parada. As pistas que parten dela cara ao norte son as principais vías de vertebración.
  Os 13 núcleos da parroquia non se distribúen de forma homoxénea. Só hai dous na zona norte: Cestaños e Castenda. O resto localízase nunha estreita franxa desde o centro ata o sur. 
  A poboación, que  a finais do século XX superaba os 350 habitantes, descendeu en número e no ano 2021 era de 283 habitantes.
 
LUGARES: A Agrela, A Carballeira, Castenda, O Castro, Cestaños, A Estación (Pontraga), As Fontenlas, O Pazo, A Ponte Quinín, Rebordelos, O Rego, O Valiño.
 
  Tanto a igrexa de Santa Mariña co seu cruceiro e cemiterio como a pista polideportiva localízanse no Pazo, polo que podemos consideralo como núcleo principal. Tamén está a chamada "Casa Grande" co seu enorme hórreo. No núcleo de Cestaños hai unha pequena e encantadora capela dedicada a San Pedro e na Pontraga está a antiga estación ferroviaria construída a principios dos anos 30. Tamén hai aloxamento alí desde 2010 en que se rehabilitou a Casa da Maquía
  A presencia do río Lengüelle fai que esta parroquia sexa unha das que conte coas paisaxes máis fermosas de todo o concello.
 
 
  Cabeza Quiles cre que o topónimo ven do latin e significaría "lugar de descanso" entre montes ou antigas pousadas viarias. 
  Parada estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os numerosos castros que hai na parroquia.
  No Antigo Réxime Parada pertencía á xurisdición de Folgoso. A principios do século XVII nas "Memorias del arzobispado de Santiago" (1607) de Jerónimo del Hoyo, Parada aparece con 44 veciños (uns 198 habitantes), os mesmos que a parroquia de Ordes. 
  No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declaran ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Nesa época contabilizábanse 62 veciños en 63 casas. Había varios artesáns, entre eles o zapateiro Domingo de Raña, e ningún "pobre de solemnidade". Antes de 1773 naceu o personaxe máis importante da parroquia: Isabel Zendal.
 
  Xa no século XIX, en 1849, segundo o Diccionario de Madoz, os veciños eran 56 e os habitantes chegaban a 882 en 60 casas. Engadía que o clima era "benigno y con buena ventilación" e producía centeo, millo, trigo e algunhas legumes. Criaba gando cabalar, lanar, vacún e algúns porcos, e cazábanse perdices, lebres e xabarís. A única industria eran tres muíños fariñeiros. En 1862 foi restaurada a igrexa, acadando o seu actual aspecto. A finais de século a parroquia dependía da de Numide, tendo un único cura que era don Manuel Ovelleiro. A súa sobriña Joaquina sería asasinada en 1902, crime famosísimo na época. 
 
  A principios do século XX Parada sobrepasaba por pouco os 300 habitantes. En 1911 eran 337, sendo alcalde pedáneo Andrés Franqueira e o mestre Julio Caamaño Fariña. Había un rico propietario que era Manuel Recouso Calvo (1870-1915) e, como non, o dono da "Casa Grande", Balbino del Valle, que vivía en Chantada pero que viña a miúdo á súa propiedade e financiaba as festas na honra da Virxe do Carme. Posuía un terzo da parroquia porque as súas terras alcanzaban as 400 hectáreas de superficie!
  1927 é un ano clave na historia de Parada: comezan as obras do ferrocarril. O trazado da liña pasa pola parroquia e ademais gozará dunha estación que se construirá a principios dos anos 30 na Pontraga. A chegada dos "carrilanos" (como eran chamados os traballadores do tren) espalla as novas ideas republicanas e esquerdistas. Froito diso é a constitución en maio de 1932 da "Sociedad de Agricultores de Sta Marina de Parada" que en xullo presumía de 400 asociados e estaba dirixida por Jesús Raña e José Ascaso Hermesto. Tamén chegou a violencia: pronto houbo problemas entre os asociados e os non asociados producíndose atentados con bombas contra a casa de José Moure Noya ese mesmo ano e contra a máquina debulladora de Pedro Pampín del Río en 1933, ademais doutros incidentes menores. En outubro de 1933 foron aprobados os regulamentos da "Unión Campesina" que tamén incluía aos agricultores da parroquia de Lesta.
 
 O Alzamento de 1936 tinguiu de sangue a parroquia. Na estrada de Carballo, no lugar coñecido como "Pinar da Torre" apareceron mortos o fotógrafo Francisco Barreiro Permuy e o "consumeiro" Germán López Pérez, ambos os dous veciños de Betanzos. Antonio Ríos del Río, entón de 29 anos, foi procesado por delito de auxilio á rebelión. Jesús Liste Remuiñán (1910-1991), militante socialista e concelleiro durante o goberno municipal da Fronte Popular, que exerceu tamén como mestre de barrio e membro do Sindicato Galego Labrego, pasou 6 anos agochado para logo emigrar clandestinamente a Sudamérica, regresando 10 anos máis tarde e formando familia en Parada. 
  Peor parado saiu José Ríos Gómez Ríos da Pontraga (1912-1947), natural do Outeiro (Poulo) pero criado na Pontraga, foi xulgado en Compostela por rebelión pero despois de saír do cárcere exerceu de enlace coa 4ª Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, polo que foi detido e brutalmente torturado ata que se suicidou tirándose ao pozo do cárcere de Ordes. José Remuiñán Barreiro, o Ricardito ou Simeón, despois de saír do cárcere ingresou no Exército Guerrilleiro de Galicia, formando parte da 4ª Agrupación, e foi un dos máis destacados ata a súa morte en 1949 en Pazos (Monfero). 

  En 1943 inaugurouse a liña férrea, o que a pesar das penurias da posguerra, fixo da Pontraga un lugar destacado en todo o concello.
 
  En palabras de Manuel Soneira: A estación entre os anos 40 e pico e 60 e tantos tiña moita vida pois había traballo, tanto na propia estación para carga e descarga como nas industrias que apareceron con ela: 2 ultramarinos-taberna-casa de hóspedes que ao lado tiñan sendos almacéns de viño, abono, sal... un "complexo" con serradoiro, maquía e ferraxería, 2 panaderías (unha tamén despachaba viño), 1 ou 2 serradoiros mais, 1 estanco-taberna, 1 barbería-taberna, a cantina da estación, unha minifábrica de bloques, 1 carpintería, 1 zapatería de confección e reparación, 2 xastres e varias costureiras (ou modistas). Ademais os empregados de RENFE: 1 xefe, 2 ou 3 factores, 2 ou 3 gardaagullas, 1 encargado da auga, 10 ou 12 obreiros. Da outra banda do que xa é a Pontraga había unha taberna-bodega-casa de comidas, outra taberna fábrica de gasosas e "boliches" e outra maquía. Máis tarde houbo outra taberna, 1 carpintería, etc. Tamén daban traballo algúns compradores de madeira que cargaban na estación e os vendedores ambulantes que paraban e comían por aquí. Aínda me quedou unha carnicería na outra banda do rio, (o que lle chamabamos Portugal). Antes do ano 40 non había máis que a casa de Boquete da Grela de Abaixo.
 
  Pouco a pouco a importancia do tren foi caendo e toda esa actividad esmoreceu ata desaparecer.
  No ano 1959 inaugurouse o local da escola en terreos cedidos por Balbino del Valle. Nela estudaron os rapaces da parroquia ata finais da 1ª década do século XXI en que quedou para local social.
  Desde o ano 2010 celebrouse durante uns anos, organizada por diversas organizacións nacionalistas, a "Festa da República Galega" na vella estación ferroviaria.

jueves, 29 de octubre de 2020

Florentino Ruibal Rivas

   Florentino Ruibal Rivas naceu en 1928 no lugar da Maquía, na parroquia de Buscás. Máis coñecido polo seu alcume Flor da Maquía, alternou o oficio familiar de canteiro (do que tamén estaba moi orgulloso) coa música tradicional.

  O seu avó xa facía muíños de auga en Trabes (de onde ven o seu alcume) e o seu pai, José Ruibal Graña (1895-1981), tamén foi canteiro. Do seu matrimonio con Jesusa Rivas Viqueira (1900-1982) tivo 9 fillos, a maioría mulleres, dos que Florentino foi o 4º. A anterior a el, Sofía Ruibal (1927-2001), marchou a servir a Santiago e fíxose famosa nos anos 80 porque facía poemas que enviaba ás redaccións dos xornais e a distintos mandatarios como Albor, Estévez, o rei e mesmo o presidente do Uruguay.

 Florentino sentiu a chamada da música. Con 10 anos xa fabricaba punteiros coas canaveiras que recollía indo coas vacas, logo poñíalles unha palleta de bieiteiro e aprendeu a tocar de oído. O seu pai prometeulle unha gaita se o axudaba cos panteóns do cemiteiro de Poulo e así conseguiu o seu primeiro instrumento, segundo el "un dos dous días máis felices da miña vida" (o outro foi cando casou coa súa muller).

  Xunto con Domingo Calviño Viqueira (1920-2004) que tocaba o clarinete, o seu irmán José Mª que tocaba a caixa, e Cesáreo Liñares Cesáreo da Rúa que levaba o bombo, formaron un dos mellores e máis famosos grupos musicais de toda a comarca: Airiños de Buscás (aínda que realmente a xente simplemente lles chamaba Os de Calviño). Ensaiaron durante dous anos seguidos e debutaron nas festas de Ordes en agosto de 1942 cando tiña catorce anos e con permiso do alcalde para non ser detidos pola Garda Civil. Esa actuación foi un rotundo éxito. 

  A partir dese momento comezaron a ser contratados para festas e celebracións por toda a comarca. Tocaban practicamente todos os festivos e no mes de agosto non daban abasto. Durante unha década foron unha atracción que superaba en tirón polular ás bandas daqueles tempos pero logo as circunstancias vitais de cada un, especialmente os problemas co servizo militar de Calviño, fixeron que as reunións fosen máis esporádicas.

  Tamén tocaría co grupo de Ardemil Os da Fraga, formado polos irmáns Manuel (gaita), Lourenzo (clarinete), Ricardo (tambor) e Jesús Louro Raposo (bombo). Flor e José López Bao (1927-2015) substituíron algunhas veces ao irmán maior Manuel que estaba enfermo.

  Flor tivo un romance cunha moza da Gorita, Marina Areoso (a familia tiña un posto cun touro, onde levaban as vacas), pero o amor da súa vida foi Beatriz Suárez Blanco (1939-2017), una moza de Poulo, lugar onde se instalou a principios dos 50, despois da voda, na que fora antiga casa consistorial. O matrimonio tivo alí 3 fillos: Juan Carlos, Mª Elena e Mª Jesús Ruibal Suárez.

  Durante un tempo deixou de tocar pero co renacer da música tradicional, chegou o seu recoñecemento coma un dos mestres gaiteiros da comarca ordense. Do seu inxenio da mostra que, debido a serios problemas de saúde (anxina de peito), Flor non tiña folgos para soprar polo punteiro, entón argallou usar un inchador de lanchas que premía co pé para fornecer de aire o fol. Remediado o problema, Flor participou en varias foliadas, así como no programa "Alalá" (núm. 192) da TVG do que foi protagonista.

  Transmitiu a súa paixón pola música tradicional á familia, especialmente ás súas netas que o animaban a saír da casa. Os seus veciños recórdano como un home afable, paseador e moi conversador (moitos peregrinos do Camiño poden dar fe diso). Nos últimos anos instalouse en Ordes na Rúa Compostela na casa dunha filla ata a súa morte o 2 de outubro de 2020.

FONTE: "Vilaverde - Os Viqueiras"


domingo, 25 de octubre de 2020

Festas en 1934

 
    En 1934 seguiu habendo moitas festas. Temos noticias da Divina Pastora que se celebrou o 2 de abril en Pereira. Iniciou xa o día 1 ás doce da mañá co estoupido de abundantes bombas, que se repetiría pola noite. Ademais elevouse un "grotesco" globo de grandes dimensións ao rematar a tarde. O día 2 houbo misa solemne a cargo do párroco don Antonio Duro e outros sacerdotes acompañados dun armonium. Para a música veu a Banda de Arca e unha gaita do país "de las más renombradas de la comarca".
 
 En xuño tivemos o día 29 a festa do Sagrado Corazón que comezou cunha misa ás 8 da mañá. Ás 9 a vila viu o desfile da Banda de Ordes tocando "alegres pasacalles", ás 11 tivo lugar a misa solemne con sermón e conseguinte procesión percorrendo as rúas "máis céntricas". De 1 a 2 paseo na Alameda. De 5 a 9 sesión vespertina coa banda e de 11 ás 2 da noite a verbena. Tamén houbo unha representación teatral en Carballo como vemos na prensa:

  El pasado sábado día 9, yen el teatro Lumier, tuvo lugar una velada organizada por una entusiasta y simpática agrupación de pequeños aficionados de la villa de Órdenes.
  En la comedia en tres actos de los hermanos Quintero titulada "Pipiola", los elementos de uno y otro sexo desempeñaron su papel como verdaderos profesionales. Fueron ellas Pilarita Linares, Olvido Viqueira, Marujita Bello, Carmiña Suárez y Teresa Louro.
  Marujta Bello y Luis Fandiño recibieron todos los aplausos de la sala por lo bien que estuvieron en el número "Katiuska", acompañados al piano por la distinguida señorita de esta localidad María Elisa Peinador.

  En Santa Cruz o día 1 de xullo tivo lugar a festa do Carme que comezou coa misa solemne das 11 da mañá. De 5 a 9 da tarde houbo romería e desde as 10 ata ás 3 da noite a verbena "con espléndida iluminación", ambas as dúas amenizadas por gaitas do país e a Banda da Garabanxa. Rematou a festa cunha sesión de "sorprendentes" fogos de artificio.

   En agosto tivo lugar a carreira ciclista Santiago - Coruña - Santiago na que se inscribiron 47 corredores dos que finalmente participaron 39, entre eles estaban todos os mellores ciclistas galegos (Bermúdez, Delio Rodríguez, Rivadulla, Chaves, Ferreño ...) agás Ferradás e Rosales. O gañador foi o gran Delio Rodríguez seguido de Chaves e Ferreño. Houbo númeroso público e a carreira foi un gran éxito. Só houbo que lamentar que a entrada de Ordes estaba sementada de chinchetas polo que alí pincharon os 8 xuíces motorizados que fiscalizaban a proba, coches do xurado, siareiros, etc. Como sempre a nosa vila destacando.
  Outra nova importante ese mes (concretamente o venres 10 de agosto) foi o breve paso pola vila do presidente da República Niceto Alcalá Zamora. Para a ocasión levantouse un arco na estrada e actuou a banda municipal.      
 
  A comisión das festas patronais estivo presidida ese ano polo deputado provincial Juan Liñares Iglesias e composta por Rafael Álvarez Salgueiro, Segismundo Viqueira Ramos, Francisco Concheiro García, Ángel Concheiro Iglesias, Luis Liñares Castro, Ricardo Rivas, Leandro Veiga, Gabino Amor del Río e Francisco Trillo Castiñeiras, que prepararon este programa espectacular: 
Martes 14: Ás 12 da mañá disparo dunha gran cantidade de bombas, repenique xeral de campanas e gaitas do país anunciarán o comezo da festa. Ás 6 da tarde percorre as rúas a Banda Municipal de Ordes. Ás 11 da noite comeza unha "espléndida" verbena onde se queimarán moitos fogos de artificio.
Mércores 15: O día grande inicia ás 8 da mañá coa entrada da Banda de Arca que saudará á vila tocando dianas e alboradas. Ás 11 será o tempo da solemne misa cantada e a habitual posterior procesión. De unha a dúas "paseo de moda" pola Alameda que será amenizado polas bandas de Ordes e Arca. De 6 a 9 da noite as bandas altérnanse na Alameda tocando diversas pezas bailables e de concerto. De 11 a 3 espléndida velada, fermosa e sorprendente iluminación e soberbia serie de fogos artificiais. 
Xoves 16: O día de San Roque tamén ás 8 da mañá as bandas de música e gaitas do país percorrerán as rúas. Ás 10 sairá a comparsa de Xigantes e Cabezudos. De 11 a 2 paseo de moda na Alameda, concerto musical e concurso de bandas. Ás 5 da tarde terá lugar unha carreira ciclista, disputándose un trofeo doado polo comerciante Manuel Arceo. De 6 a 9 concerto musical no paseo público. De 11 a 3 gran iluminación á veneciana con artísticos faroliños e gran sesión de fogos de artificio. 
Venres 17: Iniciarán unha hora máis tarde, ás 9, as dianas e alboradas. De 11 a 2 concerto de pezas rexionais adxudicándose un trofeo á mellor banda. Ás 5 da tarde cucañas, carreiras de sacos e a pé, espectáculo amenizado polas bandas. Ás 7 designación de "Miss Órdenes". De 7 a 9 concerto musical. De 11 a 3 sorprendente iluminación eléctrica e verbena á veneciana na que se queimarán gran cantidade de fogos de artificio e como remate elevación dun gran globo de 16 metros! 
Sábado 18: Dianas e alboradas ás 8 da mañá. Ás 11 concurso de gando no campo da feira (hoxe os parque municipais) adxudicándose ao gañador un valioso premio da Excelentísima Deputación Provincial. Á unha sairán as tradicionais merendiñas ao bosque de Castro onde as bandas tocarán escollidas pezas do seu repertorio. De 10 a 4 última verbena na Alameda con espléndida iluminación.

sábado, 24 de octubre de 2020

Foucellas

   Nos anos 90 apareceu en Galicia un movemento cultural coñecido como "Rock Bravú", do que foi un representante especialmente exitoso o grupo Heredeiros da Crus. Un dos seus sinais de identidade era a reivindicación dun ruralismo ridículo e esaxerado. Nas súas letras abundaban as expresións malsoantes e o uso e abuso de gheada e seseo, que se transcribían logo ao pé da letra na lingua escrita. Era a apoteose do "jañanismo".

  Este movemento tivo o seu reflexo no Instituto de Ordes durante o curso 1996-97. Un grupo de estudantes pensaron en algo máis que nas clases e nas copas e decidiron montar a asociación "Foucellas". O nome daba pistas algo contradictorias: pretendían ser rebeldes (algo moi típico desa idade) pero, contra o que se podía pensar, non había mensaxes políticos, polo menos claros.

  O froito máis visible foi unha revista tamén chamada FOUCELLAS que se declaraba "Revista jañán de información contracultural" e que naceu como unha gran broma. Para empezar empregaban como idioma o castrapo, rexeitaban calquera tipo de norma ortográfica e dicían dos seus contidos que «non serven para nada, pero no caso de que esteades aburridos ou deprimidos, ijual vos alejran o día: o Oróskopo Jañán, as Noticias de Ozkad-ito ou as estúpidas Historias por entrejas, nas que irá subindo o nivel de adrenalina».

  O equipo de redacción eran (segundo eles) Araña, Demi Moure, Psantónio, Ozú, O Polbo bravo, Nonsontato, Yimi Fárix, Jroucho +, Tanhoi, Ozkad-ito, Ninidea e Peace.

  A revista que tivo dous números (0 en novembro de 1996 e 1 en decembro) estaba feita en branco e negro en formato A3 dobrado (16 páxinas A4).

  O nivel era bastante bo porque, fóra do chiste barato das palabras mal escritas e do humor escatolóxico para adolescentes, algún dos membros tiña moito talento e os seus artigos eran moi divertidos a pesar de que en moitos casos a revista estaba demasiado enfocada en personaxes do instituto. Tamén era moi alto o nivel gráfico grazas á cercedense Demi Moure.

  Aínda que por suposto non gustara a todos, a revista foi moi ben acollida. Mesmo o entón ex-xefe de estudos Velo aceptou ser entrevistado no segundo número.

  O éxito tamén chegou fóra das fronteiras ordenses. En maio de 1997 foi nominada no Instituto As Lagoas de Ourense ao premio á mellor revista no seu Concurso de Prensa Escolar "Gaiola Aberta". O asunto serviu para destapar un novo enfrontamento coa dirección pois os Foucellas queixáronse de pouco apoio por non recibir unha axuda para a viaxe, mentres o director alegou que non a podía conceder directamente senón que tiña que ser decidida polo Consello Escolar. Rematou indo un grupo de 9 membros a Ourense e quedaron sorprendidos do espectacular recibimento por parte de alumnos e profesores. Ata lles fixeron asinar autógrafos como estrelas de rock! Finalmente lograron o 1º premio de 50.000 pesetas e o xurado calificou a revista como «a máis orixinal, a única que se apartou da típica idea que se ten da revista de instituto».

domingo, 18 de octubre de 2020

Ovella negra

   Os Concheiro García, tamén coñecidos como os de Carballo, foron (xa faleceron todos) unha das familias máis ricas e distinguidas de Ordes. Procedían da unión do procurador de tribunais Pedro Concheiro Rodríguez con Juana García Mouriño, filla do riquísimo comerciante Manuel García Bermúdez. A voda tivo lugar no ano 1900 e dese matrimonio naceron 12 fillos, entre eles personaxes tan coñecidos como Manuel Concheiro, o fundador de Macoga e Internaco, ou os exiliados Choncha e Luciano.

  Pero como en toda familia ben que se prece e especialmente se a prole é numerosa, como foi o caso, é inevitable que haxa unha ovella negra. Aquí sen dúbida ese papel correspondeulle ao 5º fillo, José, nacido en 1910.

 José Concheiro García, un mozo aposto e encantador, parecía seguir a senda familiar. Marchou a Santiago onde estudou Dereito, pero non hai noticias de que acabase a carreira. Aínda así parecía un mozo prometedor en grao sumo que tiña relación co máis selecto da sociedade. En Ordes participaba nas comisións de festas e compartía as ideas republicanas da familia. En xaneiro de 1933 convidou a un banquete na súa casa familiar a Niceto Alcalá Zamora, fillo do presidente da República, ao catedrático Calvo e ao profesor auxiliar Castro Rial. Poucos días despois participaría nun mitín republicano na vila.

  Nalgún xornal foi mencionado como funcionario do Ministerio da Gobernación e iso é o que aparecía na súa tarxeta. Claro que tamén tiña moitas outras con diversas ocupacións. Segundo o xornal El Compostelano: «Hace algún tiempo comenzó a recorrer Galicia un joven de aspecto elegante y fácil verba, que, a juzgar por sus manifestaciones, hacía y deshacía en ministerios y gobiernos civiles, y no había asunto por complicado que fuese al que no hallara solución satisfactoria. Desempeñaba según él y según las tarjetas y membretes en que iba esculpido en relieve su nombre, unas diez o doce secretarías particulares entre ministros, gobernadores -los de Galicia especialmente- y directores generales. Informaba acerca de carreteras y obras públicas como ingeniero; intervenía en pleitos como jurista; acompañaba a la policía de diversas partes como detective; tramitaba licencias de armas como un cacique rural y no sería difícil que interviniese también en la solución de los intrincadísimos "affaires" que inquietan a los graves caballeros de la Sociedad de Naciones. Todo naturalmente, forjado en el espeso laberinto de su fantasía novelesca».

  Obviamente comezaron as sospeitas e denuncias pero grazas á forza do seu apelido nunca houbo unha actuación policial contra el. Ata maio de 1934 que pasou do timo ao roubo. José, de 24 anos, vivía entón na Avenida de Abril Nº 30 e foi curarse dunhas doenzas ao sanatorio do seu veciño, o médico Manuel Villar Iglesias, que estaba en Xeneral Pardiñas.

  O doutor notou que lle faltaran 200 pesetas na súa carteira e nunha segunda ocasión outras 800. Posto de acordo co xefe de policía Bernardino del Vado y López Soldado, este estableceu un servizo de vixilancia no sanatorio, marcando un billete de 100 pesetas, outro de 50 e dous de 25 que foron gardados na carteira, e logo na americana do doutor. Pouco despois o axente Díaz Cardama atrapou a José, quen nun principio negou os feitos pero acabou confesando e entregando as 200 pesetas que tiña no zapato. Recoñeceu os roubos anteriores e dixo que con eles comprara un traxe e pagara débedas.

  Máis interesante é o que se atopou no seu piso nunha maleta: unha licenza para usar armas de fogo como empregado do estado e outras catro máis, oito guías gratuítas, varias autorizacións para circulación de transportes dos Gobernos civís da Coruña, Pontevedra ... e Gipúscoa! oficios do gobernador de Pontevedra para asistir como delegado a reunións en Cangas, unha autorización do Goberno Civil de Pontevedra para uso dun rifle, outra para unha delegación de Valga, outro de Pontevedra transcribindo unha orde do Ministerio para que a Garda Civil e forzas de orde pública de Galicia se puxesen ás súas ordes como inspector rexional de vixilancia de camiños, e varios máis de menor importancia.

  José tamén declarou que non foi nunca empregado do estado e que unicamente estivo na secretaría de don Ángel Castillo, gobernador de Pontevedra. Tamén manifestou que as firmas foran falsificadas por el.

  Parecería que un golpe tan lesivo para a súa reputación podería afundir a moral de José, pero nada máis lonxe da realidade. A malos tempos, solucións imaxinativas. En 1936 tivo lugar o alzamento e a familia Concheiro García, notoriamente de esquerda, sufriu (tres dos irmáns remataron exiliados en México). Non foi o caso de José, porque esquecendo aquelas amizades e simpatías republicanas, agora era un fervoroso falanxista.

  A seguinte vez que oímos falar del foi en setembro de 1936 cando se achegou a escola de Cures (Boiro) onde se ía repoñer solemnemente o crucifixo na escola. Alí tomou a palabra despois do cura Enrique Romero e segundo a prensa "pronunciaron brillantísimas oraciones patriótico-religiosas encaminadas a hacerles comprender la importancia del acto que se estaba celebrando [...] ya que no esposible hacer de los niños de hoy los hombres que mañana han de ser útiles a Dios y a la Patria, sin una educación y una instrucción en los más sanos principios de la moral cristiana".

  Por certo que casou coa mestra desa escola, Benedicta Pazos Rodríguez, filla do médico de Pontevea Jesús Pazos Touceda. Alí, en Pontevea, onde era Xefe da FET de la Jons, sorprendeuno a morte o 20 de febreiro de 1938, co só 28 anos de idade, privándonos dun personaxe que prometía ser un dos ordenses de biografía máis interesante. Alí está soterrado no cemiterio de San Cristovo de Reis (Teo).

martes, 13 de octubre de 2020

Morte en Mesía

  A noite do 4 de febreiro de 1934 houbo un novo homicidio na comarca. Esta vez foi particularmente atroz porque un fillo morreu a mans do seu pai.

  Sucedeu en Mesía, diante da casa de Manuel Blanco. Alí estaba José María Mosquera Rodríguez cando pasou o seu fillo de 25 anos Manuel Mosquera Uzal, co que tiña unha gran inimizade desde longo tempo por cuestión de intereses. Segundo a narración do fiscal no xuízo, José iniciou a conversación co seu fillo atraéndoo ao dicirlle que tiña para el dúas caixas de mistos. Manuel achegouse e o seu pai, sempre segundo a versión do fiscal, abalanzouse sobre el cun coitelo e, a pesar de que Manuel se defendeu cun pau, asestoulle cinco puñaladas que o deixaron case morto. Foi levado ao hospital de Santiago pero 15 días despois faleceu pola gravidade das súas feridas.

  José Mosquera ao día seguinte presentouse voluntariamente ás autoridades xudiciais declarándose autor da morte. Pouco tempo despois tivo lugar o acto fúnebre polo eterno descanso de Manuel, que congregou a unhas 400 persoas na igrexa de Olas, unha cantidade de xente que non acordaban os máis vellos do lugar.

  O xuízo tivo lugar en febreiro de 1935. O fiscal Pedro González Villamil pedía para o procesado a pena de 20 anos e un día de reclusión coas accesorias e as costas. Sabendo que nas causas con xurado popular o homicida case sempre era exculpado, Villamil, invocando unha moi recente sentenza do Supremo, expuxo que se declarase incompetente ao tribunal do xurado e continuase entendendo o asunto o Tribunal de Urxencia. 

  Loxicamente o avogado defensor, o curtido Manuel Iglesias Corral, opúxose firmemente a esa pretensión afirmando que, como nas conclusións provisionais do fiscal non se definiu o feito contrario á orde pública, debía manterse a competencia dese tribunal porque senón sería un ataque á institución do xurado a pesar de estar constitucionalmente garantida a súa implantación.

  Por suposto o tribunal estivo de acordo coas teses do defensor pronunciándose por manter a súa competencia no asunto. O problema foi que ningunha das testemuñas propostas pola fiscalía se presentou no xuizo. Así que tivo que suspenderse, non sen que o avogado defensor pedira (supoño que con sarcasmo) que se tomasen "enérxicas medidas" para que comparecesen esas testemuñas das que se sabía que estaban na cidade da Coruña pero que voluntariamente non tiñan acudido á sala.

  O xuízo pasou á Audiencia de Santiago de Compostela. O 25 de maio volveu a repetirse e o fiscal aumentou a 27 anos de cárcere e a 15.000 pesetas de indemnización aos familiares a condena que pedía para José Mosquera. Pero tamén se volveu a repetir a falta de testemuñas de cargo, así que de novo o xuízo foi suspendido.

   Lamentablemente non puiden atopar máis información sobre o caso que probablemente continuou demorándose porque ninguén quería declarar.

  Segundo "Nomes e voces" houbo un José Mosquera Rodríguez, propietario agrícola de Mesía que foi paseado e morto o 26 de setembro de 1936, pero ignoro se é a mesma persoa do caso anterior, pois tanto o nome como os apelidos son moi comúns na zona.

viernes, 9 de octubre de 2020

El Reloj de la Iglesia

  En el municipio de Órdenes o Ordes, como se llama hoy por acuerdo del Parlamento Gallego para la normalización lingüística, existió una primera capilla en un solar que hoy ocupan dos edificios de la calle Alfonso Senra (anteriormente calle Real) nº 122, 124 y 126.

Según el sacerdote que hoy atiende la parroquia, D. Jesús, esa capilla era románica, construida en el siglo XII. Según otras informaciones recogidas de archivos de antiguas familias del pueblo, la capilla se construyó sobre unos terrenos donados al lado del camino que unía el lugar de A Calle (hoy Poulo), por donde pasaba el Camino Real de Coruña y Betanzos a Santiago de Compostela, con el lugar de Casal, en una época en la que al mismo tiempo se construían otras iglesias para dar servicio a fieles y peregrinos a Compostela.

Próximo a esa capilla se irían construyendo algunas casas que serían el germen de la actual población de Ordes y de esa manera se convertiría en la primera Iglesia Parroquial, dedicada al culto de Santa María. Con el crecimiento de la población se hizo necesario hacer un templo nuevo, el lugar elegido fue una finca colindante con la reciente carretera de Coruña a Santiago de Compostela. La construcción parece que se inicia en el año 1864 siendo finalizada y celebrándose su inauguración en el año 1879. La sede parroquial se traslada al nuevo edificio quedando la vieja capilla dedicada al culto de la Virgen de Lourdes, establecida como patrona del barrio del Recreo.

La carretera se empezó a idear con el primer plan de carreteras aptas para amplios vehículos y grandes carretas de transporte durante el reinado de Carlos III, pero sería en años muy posteriores cuando llegaría a culminarse. Participaron en los planes de carreteras de España, el Rey Carlos IV, los ministros Floridablanca, el Conde de Aranda y Godoy, pero el impulso definitivo vendría de la mano del Rey Fernando VII y durante el gobierno de la Reina Isabel II. Como se ve, el proceso que culminó en la nueva carretera fue lento, pero una vez fijado el trayecto, se comenzaron a construir casas en la nueva zona que prometía mejor futuro que en el lugar de la vieja población de Poulo, ya relegada al viejo Camino de Peregrinación apenas utilizado por el que solo podían pasar mulas, caballos o estrechas carretas. Por este motivo, el municipio se desarrollaría en los últimos años del siglo XVIII y sobre todo a finales del XIX. Durante el XX multiplicaría su población hasta triplicarla. La nueva vía, como muchas otras, recibía el nombre de Carretera Real y el espacio marcado por las nuevas casas recibió inicialmente el nombre de Calle Real, posteriormente, en 1923, sería renombrada como avenida de Alfonso Senra en honor al diputado en Cortes por el partido judicial de Órdenes, D. Alfonso Sebastián Senra Bermúdez (1916-1923), en agradecimiento por lo mucho que había logrado para el pueblo y por haber conseguido los recursos necesarios para el adoquinado de esa calle.

El nuevo templo, inaugurado en 1879, llegó a contar con un reloj en su fachada con una única esfera encima de la puerta de entrada. Era frecuente que todo pueblo contara con un reloj público que regulara la actividad y vida de las gentes y siendo el edificio de la iglesia el mayor del pueblo, era lógico que allí se colocara un reloj. Cuando el actual párroco, D. Víctor Maroño, se hizo cargo de la parroquia, se encontró con que apenas había documentación del contenido del templo y no constan datos sobre el momento en el cual se colocó ese reloj, no obstante por su aspecto bien pudo ser poco después de inaugurado el templo. En el año 1954 se finaliza el edificio de la nueva Casa Consistorial de Ordes y poco después le instalan un moderno reloj con cuatro esferas orientadas a los cuatro lados de la torre que culmina el edificio en su fachada principal.

Como la precisión no era buena en aquel tiempo, el cuidado de los dos relojes no estaba a cargo de personas suficientemente competentes y no había buenas fuentes para controlar la hora exacta, se daba la circunstancia de que los dos relojes públicos de Ordes, el de la Iglesia y el del Ayuntamiento, pocas veces coincidían. Había el chascarrillo en el pueblo para ver cuál de ellos marcaba la hora más adelantada y cuál iba más cansado.

El párroco D. José Fernández decide ampliar el templo, el proyecto es de 1956, trasladando la fachada principal unos metros al frente para ampliar la nave principal y al mismo tiempo le colocaban dos torres, una a cada lado. La formidable obra termina y se hace la inauguración en el año 1962 pero ya no contaba con reloj. Algunos vecinos aseguran que el párroco D. José estaba molesto por los comentarios que corrían por el pueblo sobre las diferencias que había entre los dos relojes públicos y por ese motivo decidió finalizar la fachada sin ese aparato. Lo cierto es que por aquellos años empezaba a haber fuentes bastante fiables de hora, a través de la radio, el teléfono y la naciente televisión, además el uso de relojes personales se había generalizado tanto que los relojes públicos ya tenían menos utilidad, por otra parte tampoco se necesitaban dos, ya que ambos estaban muy cerca uno del otro. Con el tiempo, el reloj público fue perdiendo su utilidad inicial y pasa a ser un mero elemento decorativo del edificio, por tanto la decisión de D. José parece que pudo ser acertada. 

El viejo mecanismo del reloj fue recluido en el bajo cubierta de la nave lateral izquierda sin ninguna protección y lamentablemente no tuvo ningún cuidado especial durante los años siguientes, además algunas personas curiosas parece que hurgaron en él, por tanto el deterioro era inevitable. En julio de 2014 hemos tenido ocasión de ver y fotografiar la máquina gracias a la amabilidad del sacerdote que desde hace bastantes años atiende la parroquia, D. Jesús Codesido Ben, y hemos podido apreciar lo siguiente: La carcasa externa de la máquina es de chapa de hierro, dispone de dos puertas en los laterales pero una de ellas está desaparecida, al frente tiene una pequeña esfera con dos agujas para señalar la hora en el interior del edificio, por el otro lado de la caja sale un eje que es el que comunicaría la máquina con la esfera de la calle. La caja metálica exteriormente está bastante sucia y oxidada. La maquina propiamente dicha, tiene alguna suciedad, en los ejes de las ruedas y en las palancas se les aprecia algo de óxido pero aparentemente no tienen un deterioro importante y la calidad final parece francamente buena, tal y como se aprecia en la fotos adjuntas, siendo el sistema de rueda de escape de pasadores con un buen ajuste con la pieza de áncora. En una caja aparte se guardan unas piezas que se corresponden al mecanismo de detrás de la esfera exterior, las cuales moverían las agujas, y unos bloques de hierro cuya función no está del todo clara. Debajo de unas tablas encontramos el péndulo, bastante sucio, con una ligera doblez entre la varilla y el disco. En la otra nave, encontramos lo que fue la parte colocada en el exterior de la fachada, es decir, un marco de madera redondo con cristal y un disco de mármol con la numeración de las horas, que encajaría en el marco, aparentemente todo en buen estado, salvo el deterioro de la pintura. 


Por su estado podría ser perfectamente recuperable pero ya no tiene mucho interés como reloj público, no obstante la máquina una vez restaurada, tendría un bello aspecto y podría ser una atractiva pieza que despertaría una importante curiosidad, sobre todo entre la gente joven. De interesar exponerla, habría que hacerle un soporte para levantarla aproximadamente un metro del suelo, despojarla de la carcasa externa para poder ver el mecanismo en su plenitud y protegerla con una vitrina de cristal. Todo ello con el fin de que se viese como funciona uno de estos aparatos que durante muchos años regularon la vida de la villa de Ordes y también para que algún profesor de física pueda explicar a sus alumnos la Ley del Péndulo.
 
Agradezco a D. Jesús Codesido el haberme permitido fotografiar la máquina del viejo reloj y desear que la siga conservando bajo su control para evitar más deterioro o pérdida de piezas.
 
Espero que algún día se encuentren los recursos necesarios para efectuar la restauración y un lugar adecuado para poder exponerla convenientemente.
Antonio Pérez Casas, Julio, 2014

sábado, 3 de octubre de 2020

Marzo vermello

   Marzo de 1934 non foi un bo mes en Ordes. Producíronse dous sucesos sanguentos, o que por desgraza non era inhabitual.

  O 4 de marzo dese ano reuníronse varios mozos en Senra (Poulo), na casa da agraciada moza Dolores del Río. Eran Pedro García, de 25 años, natural da parroquia de Beán, José Barreiro lópez, Ricardo Fernández Garabato* e Manuel Reboredo Viaño. Despois de parolar coa moza, Pedro marchou para a súa casa e foi seguido polos outros tres mozos. Xa en Pereira agredírono e matárono a paus, supostamente por ciumes. Pedro quedou morto no camiño co cranio fracturado.

  A Garda Civil detivo pouco tempo despois aos agresores que tamén eran veciños de Beán. O xuízo tivo lugar en marzo de 1936. O fiscal Alonso Pérez Hickman retirou a acusación contra José Barreiro e Ricardo Fernández, pero mantívoa contra Manuel Reboredo, aínda que apreciando algúns atenuantes. O avogado defensor foi o omnipresente Manuel Casás. O xurado dictou, como era habitual, veredicto de inculpabilidade e por tanto Manuel foi absolto.

   A parroquia de Ardemil, facendo honra ao seu nome (o gótico Ardemiro significa "famoso pola súa dureza"), sempre foi terra de homes -e mulleres- duros e violentos. O 13 de marzo de 1934 quedou de novo demostrado: José Blanco Remuiñán, de 44 anos, acababa de casar en segundas nupcias e como era tradicional un grupo de mozos (e non tan mozos) foron máis dunha noite ata a súa casa para darlle a habitual cencerrada. Cansado de escoitar insultos José, escopeta en man, disparou contra o grupo ferindo a 5 persoas. Francisco Sánchez Rodríguez, de 34 anos, levou un tiro na íngua do que foi atendido no hospital pero o peor parado foi o adolescente Manuel Sánchez Gómez, 16 anos, que quedou tendido no chan sen vida.

  José non gozou da súa lúa de mel: foi detido e ingresado no cárcere de Ordes. O xuízo tivo lugar 20 meses despois, en novembro de 1935, sendo fiscal Gustavo Varela Radío (irmán do famoso médico Manuel Varela Radío) e avogado defensor de novo o inevitable Manuel Casás. Adiviñades o veredicto do xurado? Efectivamente, foi de inculpabilidade e por tanto o tribunal absolveu a José Blanco.

  * En La Voz de Galicia (17-03-1934) chámanlle Andrés Fernández Garabato, pero noutras publicacións aparece como Ricardo. Posiblemente era un mozo da Regueira (1910-1984).