martes, 1 de agosto de 2017

A familia (Xan) Ferreiro

  Estudo realizado por Xorxe de Xan Ferreiro (JLP) coa colaboración de membros da familia, especialmente Antonio Ferreiro Recouso (Tonecho do barbeiro).

  A orixe da familia Ferreiro en Ordes é moi antiga. Remóntase aos albores do século XIX e comeza nunha casa, que aínda existe, na parte de atrás de Moda Xovén A Ferreiro, na Rúa da Igrexa. Alí vivía o matrimonio formado por Antonio de Noya (nacido na Espenica) e Inés Fernández, nacida nesa casa (o 10 de xuño de 1794). O primeiro Ferreiro que se instalou alí foi Pascual Ferreiro Gómez, fillo de Jacobo Ferreiro e María Gómez (ambos os dous naturais de Poulo), quen casou con Josefa Joaquina de Noya Fernández, filla de Antonio e Inés.
  O matrimonio tivo 8 fillos: Ventura, Vicenta Antonia, Francisco, Francisca Antonia, Buenaventura, Juán, José María e Fernando Ferreiro de Noya.

  O que permaneceu na casa paterna foi Juan Ferreiro de Noya Xan Ferreiro (1828-1885) que casou con Jacoba Pérez Soneira (1835-1913). Son a orixe da maioría dos ferreiros da vila (os da zona norte descenden do seu irmán José).
  Tamén tiveron 8 fillos: María del Carmen, Francisca, Casilda, Dominga, Jesús, José, Antonio e Francisco Ferreiro Pérez. Deles, o herdeiro da casa paterna foi Antonio Antón de Xan Ferreiro (1867-1951) quen casou con Dolores del Río Lorces (1869-1949).
  Este matrimonio tivo 11 fillos: José, Mª Josefa, Elvira, Secundino, Augusto, Jesús, Evaristo, Estrella, Dolores, Antonio e Manuel Ferreiro del Río (os xanferreiros do século XX).

  Deles, Antonio seguiu a carreira militar en Zaragoza e Augusto e Evaristo establecéronse na Coruña. O resto permaneceu en Ordes ou na comarca (José foi garda civil en Sigüeiro). Casaron con coñecidas familias como os Conde, Carballido, Castro ...
  O membro máis destacado da familia foi Ramón Ferreiro Regos Ramón o practicante (1923-2006), un dos Fillos Predilectos de Ordes.
  Tamén Manuel Lois García, o soldado Lois, compartía estirpe pois era de dominio público que o seu pai era Pepe de Dominga, a 3ª filla de Xan Ferreiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario