sábado, 30 de marzo de 2019

Homenaxe a Carnota

  A homenaxe ao xornalista e clérigo Vicente Carnota foi o evento máis importante que viviu Ordes en moitos anos. Nunca se reuniron no pasado (nin se reunirían no futuro) tantas personalidades das letras como ese chuvioso domingo 8 de novembro de 1925.
  A noticia daquel importante evento apareceu nos principais xornais como os coruñeses La Voz de Galicia ou El Ideal Gallego pero destacou sobre todos a cobertura do xornal El Compostelano, que lle dedicou unha páxina enteira, o que entón non era nada habitual.

  Pola mañá trasladáronse desde Santiago a Ordes os membros do comité para a homenaxe, representantes da prensa, o alcalde compostelán José Díaz Varela e outras personalidades, todos eles acompañados da banda de música municipal que realzaría a celebración. En Ordes foron recibidos polo alcalde Manuel García Rivas á fronte de todas as autoridades locais e dun nutrido público a pesar do desapracible do día.

  Encabezada pola banda, a comitiva dirixiuse á igrexa de Santa María onde se celebrou ás once e media unha misa oficiada polo sacerdote e vicepresidente do comité Jesús Carro García. Seguidamente os asistentes trasladáronse á zona sur da alameda para descubrir o monumento, que estaba tapado e ostentaba as bandeiras española e galega. A banda tocou a Marcha Real e o Himno Galego mentres a señorita Celsa Carnota (filla do homenaxeado) e o alcalde descubrían a estatua. Tamén houbo estoupido de bombas para destacar tan emotivo momento. Había unha tribuna no lugar para continuar o acto pero unha choiva torrencial obrigou a escapar á comitiva cara ao salón consistorial.

  Alí tiveron lugar os discursos. Comezou o xornalista Jesús Rey Alvite (secretario do comité) narrando a xestación do proxecto, seguiuno o tamén xornalista, catedrático e presidente da Asociación de Prensa da Coruña Fernando Martínez Morás, glosando a figura de Carnota, e concluíu Narciso Correal (presidente do comité) cun discurso que foi reproducido integramente por El Compostelano. O alcalde de Ordes respondeu eloxiando a Carnota e a Correal, acolleu o monumento e prometeu que sería gardado polo pobo de Ordes "como una sagrada reliquia".
  Comezou á unha e media o banquete con 80 comensais. Na sobremesa houbo novos discursos. Falou o Delegado Rexio de Belas Artes José García Acuña, logo o xefe de Telégrafos Manuel J. Lema agradeceu en nome da familia a homenaxe. Continuou o delegado gobernativo Marqués de la Atalaya e rematou cos brindes de Narciso Correal e do alcalde de Ordes.
  A Banda Municipal de Compostela amenizou o banquete tocando temas galegos e pezas da ópera "Tosca". Pola tarde deu un concerto no salón da Casa consistorial que rematou cun baile "dedicado al bello sexo de la villa".

  Ademais dos nomeados tamén estiveron presentes o escultor Francisco Asorey, Camilo Díaz Baliño (pintor, escenógrafo, muralista e pai de Isaac Díaz Pardo), Francisco Ponte Blanco (presidente da RAG), Eladio Rodríguez González (escritor, secretario da RAG e director de El Noroeste), Juan Barcia Caballero (médico e escritor) e Victoriano Taibo García (poeta).

 O Concello de Ordes quedou moi contento e pouco despois tomou a decisión de recompensar a Narciso Correal co título de "Fillo adoptivo", honor que só tiña ata este momento o deputado vigués Alfonso Senra. En decembro o alcalde acompañado de dous concelleiros viaxou a Coruña para comunicarllo persoalmente.

jueves, 28 de marzo de 2019

O pazo do Bidueiro

  Un dos máis antigos e importantes pazos da comarca de Ordes está no mesmo centro, a propia parroquia de Ordes, no lugar do Bidueiro a uns 2,5 Km ao oeste do centro da vila.

 
  Data do século XVII pero foi reformado nos séculos XIX e XX.
  A súa planta, case rectangular, está formada por un corpo cadrado e outro que se retranquea na fachada Norte. Feito maioritariamente de cachotaría enfoscada e pintada de cor branca, tamén ten perpiaños de granito na zona das fiestras.

  O terreo está amurallado e rodeado por un vello e frondoso arboredo. O edificio está próximo á estrada que une o Bidueiro co Casal e un muro divide en dous patios o espazo que hai diante del. A horta, separada por outro muro, está dedicada a pastos e árbores froiteiras. Hai un hórreo perfectamente restaurado nos xardíns e unha pequena capela, dedicada a San Xoán, fóra das murallas do pazo.
  Na fachada oriental hai un escudo do século XVIII no que aparecen 9 ramas familiares dos propietarios. Tamén hai outro escudo máis pequeno e menos ornamentado na fachada da capela. 


  Foi construído no século XVII pola poderosa familia dos Becerra. Durante varias xeracións procuraron casar entre eles, para aumentar os seus bens, anexionando os das outras ramas da familia.
  Esta tradición rompeuse no século XVIII cando Mª Esclavitud Becerra Varela casou con Bernandino José de Rioboo y Suárez de Deza (1714-1775), fillo dos señores das Torres do Allo en Baio (Zas) e do Pazo de Cabanas na ribeira do Eume. Non obstante ter todas estas posesións (ademais dunha casa na Rúa Nova en Santiago da familia Becerra) a súa vivenda principal era neses momentos o Pazo de Gontón nas Encrobas (Cerceda).
 En 1775 Nicolás Mª Rioboo Becerra (e ademais Varela e Seixas) acumula todo este patrimonio que deixa ao seu fillo Francisco Rioboo Roldán. En 1869 a herencia recae na única filla deste, Francisca Rioboo Álvarez.

  Francisca intenta continuar a tradición familiar casando co seu primo Nicolás para manter a linaxe Rioboo, pero este morre en 1869 sen descendencia. Entón Francisca casa co coñecido naturalista Víctor López Seoane (m.1900) co que tería moitos fillos. Á súa morte (1920) e xa posta, rompeu tamén a outra tradición familiar, a de que o patrimonio quedase unido para o primoxénito e repartiuse entre algúns dos seus fillos, os López Rioboo.
  O Pazo do Bidueiro correspondeulle a Francisco López Rioboo (m.1920), casado con Sara Tenreiro Berdié e logo, herdouno o seu fillo Francisco López-Rioboo Tenreiro (1911-1999), que foi enxeñeiro agrónomo. Este casou en 1938 con Mª Dolores Latorre Béthencourt Loló (1918-2011) e residiron en Madrid co que se desentendeu bastante do seu patrimonio en Galicia.
  Un dos seus fillos, Juan Luis López-Rioboo Latorre, era o último membro da familia (que saibamos) no que recaeu a herencia.


  Na primeira década do século XXI os propietarios do Hotel Barreiro de Leira fixéronse cargo do pazo e convertérono no mellor escenario para celebrar eventos, especialmente vodas. Hoxe é un dos lugares de moda na comarca para este tipo de celebracións.

sábado, 23 de marzo de 2019

Festas en 1925

  Unha das festas que se celebraron foi a do Corazón Délfico a finais de xuño, custeada por Antonia e Pilar Álvarez Valdés e a súa cuñada Mercedes Salgueiro.
  Houbo misa que contou coa predicación do Xesuíta padre Cepa e o coro das fillas de María dirixido polo párroco de Marzoa, don Manuel Liñares Gónzalez, que estivo acompañado ao armonio polo "avantaxado escolar" de Teoloxía Manuel Romero Álvarez*. As compoñentes eran Julia e Carmen Pol, Carmen Barreiro, Amelia del Río, Felisa Fraga, Sara Rivas, Rosita Trasmonte, María e Maura Amor Rivas e Pilar Romero.
  Tamén houbo solemne procesión. Gabino Amor Rivas, José e Fernando Varela*, Nicolás del Río Carro e Gumersindo Liñares Castro alternáronse levando a imaxe, mentres o mestre Nicolás del Río, acompañado do seu fillo Ramón e de Javier Castro García*, portaba o estandarte. Para que non faltase detalle había varias nenas vestidas de branco que levaban bandexas, arcos e ramos de flores que botaban ao público durante a procesión. Eran Encarnación del Río Barros, Maruja e Blanca del Río, Carmen Verea, Sara Romero, Concha e Adela Maroño*, Socorro Villaverde, Soledad Hernández e Ángeles Ceán Meiro.
  Pero non hai festa sen música e para iso nesta ocasión contouse coa reputada Banda da Garabanxa.

  En Buscás, parroquia da que era párroco don Manuel Martínez Iglesias, tamén foi moi concorrido o San Paio, que contou coa Banda dos Ánxeles (Oroso), elevación de globos e queima de figuras.
  O San Pedro de Ardemil celebrouse cunha misa celebrada polo párroco don Pascual Couce Pico acompañado de don José Mª Barreiro, parroco de Poulo, e don Manuel Martínez, párroco de Buscás. Non contentos con isto, os veciños da Barcula custearon outra misa por San Antonio. O día seguinte celebrouse o Santísimo Corpus custeado polo cura. A festa foi amenizada pola Banda de Visantoña e unha gaita do país. Queimáronse variadas figuras no adro da igrexa e eleváronse voadores e globos de "caprichosas formas".

  As festas patronais estiveron, como sempre, moi animadas.
  A novidade foi que Ezequiel Astray, o organizador habitual, deu un paso atrás. Substituírono varios mozos como o futuro alcalde Juan Liñares Castro, o seu irmán Gumersindo, Gabino Amor Rivas e José Romero.
  Desde 1923 as festas contaron con iluminación eléctrica pero o resto non variaba moito (non se cambiaba o que funcionaba) así que tamén unha vez máis botouse man da prestixiosa Banda de Arca dirixida por Manuel Regueiro*.
  O día 14 fixo a súa entrada acompañada de bombas e elevación de globos. Ás 9 comezou a verbena onde tamén había gaiteiros do país.
  O día 15 houbo diana ... ás 6 da mañá. Misa solemne ás 11 con sermón a cargo do director da residencia de Xesuítas de Santiago. Desde a unha ata as tres o "paseo de moda" e ás cinco da tarde competición de baile onde se premiou ás mellores parellas cun centro de prata. De nove á unha da noite verbena con queima de figuras, elevación de globos e fogos artificiais.
  Despois de tamaño desenfreo, o día 16 a diana atrasouse unha hora, ás 7 da mañá. Do mesmo xeito que o día anterior houbo misa solemne ás 11 e procesión con todas as imaxes ata a capela de Lourdes.
  O día 17 houbo caneiros nun campo próximo e un encontro de foot-ball entre o "Órdenes" e o "Comercial".

  En setembro a Nosa Señora da Mercé en Poulo tamén estivo moi animada. Despois dun novenario con misa diaria, a do día da festa foi oficiada polo párroco de Becerreá don Manuel Martínez. Na procesión a Virxe luciu o suntuoso manto regalado polo matrimonio formado por Laureano Varela* e Felisa Uzal Varela (xa era o segundo que lle regalaban). Tamén Juana Figueiras Varela, sobriña do cura de Santa Lucía na Coruña, regalou un mantel. O funcionista foi José Ferreiro e quedaron encargados para o ano seguinte Benito Veiras Suárez e Manuel Veiras Rey.

* Manuel Romero Álvarez (1905-1975), da familia dos de Julián, foi sacerdote en varios lugares, rematando en Rianxo onde está soterrado.
José Mª e Fernando Varela Rendueles eran fillos do avogado Joaquín Varela Tojo, propietario do Pazo do Peñasco, que tamén custeaba a festa.
Javier Castro García (m. 1976) era fillo do médico Ignacio Castro Iglesias (da familia Castro). Foi médico e viviu na Virxe da Cerca en Santiago.
Os Maroño Rodríguez eran varios irmáns procedentes de Sar. Adela casou con Celestino Leandro Veiga, da familia dos Veiga.
Manuel Regueiro (m. 1934) foi fillo do fundador da Banda de Arca e alcalde do Pino.
Laureano Varela Ferreiro (1869-1928) era o propietario da Casa Maldonado onde pernoctou o rei Felipe II.

martes, 19 de marzo de 2019

Klaus

  A primeira década do século XXI comezou co augado inverno sen fin, continuou con varios anos de invernos xélidos (o de 2006 foi especialmente duro con temperaturas nocturnas baixo cero durante semanas, chegando algunha vez aos -6º) e finalizou practicamente co temporal máis forte do século ata o momento.

  Klaus, aínda que non baixou ata os 955 milibares do esquecido temporal de 1941 (os de Klaus foron 964), pulverizou os rexistros do Hortensia. Por fortuna non pasou de cheo por enriba de Galicia.

  Chegou a noite do venres 23 ao 24 de xaneiro do 2009 e os refachos de vento foron tan intensos que se rexistraron 198,4 km/hora na estación de Estaca de Bares, superando amplamente os 158 Km/hora do mítico temporal de 1984.
  Non obstante, os seus efectos non foron comparables aos do Hortensia, agás nas comarcas costeiras do norte (especialmente as de Lugo) onde se concentrou a furia do temporal. Así, de 1.200.000 toneladas de árbores danadas, máis dun millón (o 80%) foi alí. 
  Tamén alí houbo que lamentar a única vítima en terra, o sarxento da Garda Civil de Tráfico Lorenzo Martín, que pereceu preto de Burela cando estaba de servizo prestando axuda aos damnificados. Un pesqueiro portugués afundiuse a 60 millas da costa coruñesa pola forte ondada, e aínda que toda a tripulación puido ser rescatada en helicóptero, o capitán faleceu vítima dun infarto. Houbo ademais varios feridos por accidentes de tráfico e desprendemento de obxectos. O vento tamén derrubou seccións do tendido eléctrico deixando a varios miles de usuarios sen luz durante varias horas. Os cortes prolongáronse varios días en zonas rurais da Coruña.
  As Torres de Arneiro, un conxunto de antenas de radio de máis de 100 metros de altura construídas durante a Segunda Guerra Mundial, caeron derrubadas polo vento.

  En Ordes o temporal deixouse sentir a partir das 20:30 horas. Ás 9 da noite empezaron os intermitentes cortes de luz ata que uns minutos máis tarde, un apagamento escureceu a vila na súa totalidade mentres o vento e a auga ruxían. Ao día seguinte veu o reconto de danos que foron altos pero non tanto como se temía.
  Unha opinión persoal: os eucaliptos soportaron mellor o vento que os piñeiros e frondosas, o que limitou os danos. En 1984 os bosques da comarca estaban constituídos maioritariamente por piñeiros e a destrución foi terrible. Necesitáronse semanas para recoller a madeira, mentres en 2009 só foron necesarios uns poucos días.

domingo, 17 de marzo de 2019

Unión Patriótica

   O réxime de Primo de Rivera quixo substituír o pluralismo político da Restauración (ao que achacaba -como despois faría Franco- gran parte dos males do país) por un partido único, denominado non por casualidade Unión Patriótica (UP).
  As súas premisas estaban claras: fronte ao disenso dos vellos partidos, a unidade, e fronte á posible disgregación territorial ou a debilidade doctrinal, o patriotismo como emblema.

 Creado desde o poder, como a Unión Nacional do portugués Oliveira Salazar, non tivo gran implantación popular a pesar da elevada taxa de afiliación formal (ata o 10,7 % da poboación de Lugo pertenceu ao partido segundo o Boletín de la UP). Con todo, ao revés que os partidos fascistas europeos de entreguerras, a UP de Primo non foi un partido de masas.
  En cambio, si había un grupo bastante numeroso de cadros ben formados na súa dirección. Este grupo estaba vinculado aos medios catolicos e mauristas desde o punto de vista ideolóxico. Socioloxicamente pertencían a sectores comerciais ou profesións liberais organizadas en corporacións. Os presidentes das Cámaras de comercio, das Federacións Católico Agrarias ou de Ligas de Defensa exerceron con frecuencia os cargos máis altos na UP galega.
  En Galicia tivo algúns líderes importantes que dirixiron institucións locais como concellos e deputacións ou participaron na Asamblea Nacional Consultiva, constituída en 1927. Alí estaban Enrique Fraga (A Coruña), Arturo Salgado Biempica (Ourense) ou Daniel de la Sota (Pontevedra).

  A data do nacemento da UP foi abril de 1924 en Valladolid. A partir de aí o modelo difúndese para todas as provincias.
  En Ordes constituíuse o partido o domingo 25 de maio de 1924.
  Naquela reunión os oradores foron o mestre Nicolás del Río, o profesor da Escola de Veterinaria Jesús Culebras (que falou en galego), o avogado Salvador Sanz, o catedrático do Instituto de Lugo José de Santiago Carlofé, o director de El Ideal Gallego Alberto Paredes Bravo, José García de Bodaño de Negreira, o avogado Francisco Vázquez Enríquez en nome da Federación Agraria, e por último o delegado gobernativo José Méndez García.
  Ao final a Unión Patriótica do distrito de Ordes quedou constituída, sendo o seu presidente o deputado provincial Manuel Astray Mato, vicepresidente o avogado Juan Amigo Iglesias e secretario o mestre Nicolás del Río. Os vogais eran os párrocos Emilio Regueiro García (Leira) e Antonio Leiro Eiré (Papucín e Frades), o mestre de Trazo Manuel Bascoy* e os alcaldes Manuel Fernandez (Cerceda), Pedro Sánchez (Mesía), Eduardo Veiras (Oroso) e Manuel Fraga (Tordoia).
  O 26 de outubro de 1924 tivo lugar outra reunión con maior boato (mesmo houbo unha banda de musica que percorreu as rúas da vila), pois asistiu o Gobernador Civil da provincia, o moi destacado militar Pío López Pozas. Houbo un banquete das "forzas vivas" (o xeneral chegou para o café) onde falou, como non, o mestre Nicolás del Río e logo o gobernador. A continuación pasou revista aos somatenistas de todo o partido "en perfecta formación" ás ordes do cabo Antonio Fernández López. O mitin propiamente dito comezou despois e nel interviron o delegado gobernativo José Méndez García* presentando aos oradores: o alcalde Manuel García Rivas, o mestre Nicolás del Río, o avogado Tomas Pedret e o catedrático Wenceslao González Oliveros. Concluíu o xeneral dando grazas e comunicando que seguiría "traballando pola patria" e informaría ao propio Primo de Rivera da gran acollida en Ordes.
  Segundo El Ideal Gallego "Todo cuanto pudiéramos decir de un acto tan trascendental, que señalará una era gloriosa para los habitantes de esta floreciente comarca, resultaría pálido ante la realidad".

  En 1929, época de decadencia da ditadura, habería unha nova directiva encabezada por Manuel García Rivas (presidente) e o mestre Nicolás del Río. Sería o tesoureiro Juan Liñares Iglesias, o secretario Manuel Mosquera Iglesias, os censores Francisco Liñares e José Mariño, e os vogais Antonio Ramos Insua e Domingo Antonio Moar Veiras.

* Manuel Bascoy Pereira (1893-1970), mestre e secretario municipal de Trazo, era cuñado de Fernanducho, pois estaba casado con Carmen Liste Mosquera (1900-1975) coa que tivo 5 fillos.
José Méndez García sería substituído un par de meses despois polo capitán de artillería Jesús Quiroga Losada, Marqués de la Atalaya.

miércoles, 13 de marzo de 2019

Aves paseriformes

  Os paseriformes son a orde máis moderna das aves. Son boas voadoras e teñen tarsos curtos e delgados con catro dedos independentes, tres dirixidos cara a adiante e un cara a atrás, pero os seus rasgos máis definitorios son internos como a estructura do padal ou das células espermáticas. Aínda que en xeral son de pequeno tamaño (roldando os 15 cm), algunhas familias como os oriólidos, os estúrnidos e, sobre todo, os córvidos superan bastante estas cifras.
  A pesar de que teñen unha antigüidade de só 50 millóns de anos, constitúen aproximadamente o 60 % do total de aves e abranguen máis de sesenta familias, polo tanto tamén hai moitas especies na comarca (máis de 50 dunhas 25 familias distintas).

 
  Aínda que poida parecer sorprendente, os córvidos pertencen á orde dos paseriformes dos que son a familia con individuos de maior peso e tamaño. Na comarca hai 4 especies: os ubicuos corvo común, corvo pequeno e pega e a menos habitual pega marza.
  Os estúrnidos representados polo estorniño negro, os lánidos polo picanzo real e os oriólidos polo ouriolo (tamén coñecido como vichelocrego ou papafigos) teñen tamaños superiores aos 20 cm.
  Tamén as 3 especies de túrdidos, entre eles o merlo (o máis coñecido pola súa presencia habitual preto do home) chegan aos 20 cm. En cambio as 3 especies de aláudidos (cotovías e laverca) xa non alcanzan ese tamaño.

(Corvus corax)
cuervo
(Corvus corone)
corneja negra
(Pica pica)
urraca
gaio, pega marza
(Garrulus glandarius)
arrendajo
(Sturnus unicolor)
estornino negro
(Lanius meridionalis)
alcaudón real
(Oriolus oriolus)
oropéndola
(Turdus merula)
mirlo
(Turdus philomelos)
zorzal común
(Turdus viscivorus)
zorzal charlo
(Galerida cristata)
cogujada
(Lullula arborea)
totovía
(Alauda arvensis)
alondra

  As especies paseriformes de pequeno tamaño son moi numerosas. Ás familias dos frinxílidos (pimpín ...), motacílidos (lavandeiras), sílvidos (papuxas), páridos (ferreiriños), hirundínidos (andoriñas), muscicápidos (cotovías) e emberícidos (escribentas) pertencen 26 especies (o 50 % de todas as de paseriformes da comarca de Ordes). Entre eles están algunhas das máis abundantes como a andoriña de cu branco, a lavandeira branca, o paporroibo, o chasco ou o pimpín.

(Delichon urbicum)
avión común
(Riparia riparia)
avión zapador
(Hirundo rustica)
golondrina
(Anthus trivialis)
bisbita arbórea
(Motacilla alba)
lavandera blanca
(Motacilla cinerea)
lavandera cascadeña
(Motacilla flava)
lavandera boyera
(Cinclus cinclus)
mirlo acuático
(Troglodytes troglodytes)
chochín
(Prunella modularis)
acéntor
(Erithacus rubecula)
petirrojo
(Phoenicurus ochruros)
colirrojo tizón
(Saxicola rubicola)
tarabilla


(Cettia cetti)
ruiseñor bastardo
(Cisticola juncidis)
buitrón
(Hippolais polyglotta)
zarcero
(Sylvia communis)
curruca zarcera
(Sylvia undata)
curruca rabilarga
(Sylvia borin)
curruca mosquitera
(Sylvia atricapilla)
curruca capirotada
(Phylloscopus collybita)
mosquitero común
(Regulus ignicapilla)
reyezuelo listado
(Aegithalos caudatus)
mito
(Cyanistes caeruleus)
herrerillo común
(Lophophanes cristatus)
herrerillo capuchino
(Parus major)
carbonero común
(Periparus ater)
carbonero garrapinos


(Sitta europaea)
trepador azul
(Certhia brachydactyla)
agateador común
(Passer domesticus)
gorrión común
(Passer montanus)
gorrión molinero
(Fringilla coelebs)
pinzón vulgar
(Serinus serinus)
verdecillo
(Chloris chloris)
verderón común
(Carduelis carduelis)
jilguero
(Linaria cannabina)
pardillo común
(Pyrrhula pyrrhula)
camachuelo común
(Emberiza cirlus)
escribano soteño
(Emberiza citrinella)
escribano cerillo
(Emberiza cia)
escribano montesino