jueves, 30 de julio de 2020

Festas en 1933

  En febreiro o Entroido estivo moi animado. No Salón Troche que daquela pertencía á Empresa Pereira tiveron lugar os días 26, 27 e 28 concorridos bailes amenizados pola brillante banda local baixo a batuta do mestre Higinio Cambeses (que sería nomeado poucos días despois subdelegado da Asociación de Bandas Civiles da provincia da Coruña).
  Curiosamente houbo premios para a máscara máis fea e non para a máis bonita. Tamén tivo lugar a elección de Miss Órdenes. Segundo La Voz de Galicia houbo unha moi longa deliberación do "competente tribunal" debido á gran cantidade de "encantadoras señoritas" que se presentaron. Finalmente a elixida foi a xentil e fermosísima Tilita Clotilde Viqueira, filla de Antón de Simón e irmá de Mundito, que tiña 16 primaveras e que, tristemente, morrería só 12 anos despois.

  En xuño El Compostelano informaba das festas do Corazón Délfico que revestían aínda maior solemnidade "debido a los actuales tiempos en los que la fe brilla a porfía entre los elementos católicos". Como sempre, estaban custeadas por Mercedes Salgueiro García, muller de Manuel Álvarez (da farmacia de abaixo), e as súas irmás políticas Antonia e Pilar Álvarez Valdés.
  Acudiu o Padre Solana da entón disolta Compañía de Xesús e o domingo 29 houbo a solemne misa oficiada por don Ramón Mosteiro* (que no pouco tempo que levaba xa lle dera tempo de instalar luz eléctrica no templo). O xesuíta deu un sermón titulado "Beati pauperes spíritu". Tamén cantou o coro local reforzado por voces da capela da catedral. A procesión percorreu as rúas sen incidentes desagradables estando as casas adornadas con flores para a ocasión. Pola tarde houbo máis exercicios na igrexa e baile na alameda ata as nove da noite. 
 

* Ramón Mosteiro Ferro

  Nacido en Santiago en 1880. Foi ordenado presbítero en 1903 e ecónomo de San Pedro de Nantón en 1905. Durante 23 anos ata máis ou menos 1930 foi párroco de San Martiño de Meanos (Zas) e, ao final tamén era arcipreste de toda a diocese de Céltigos. En 1930 marchou para Lousame.

  En 1931 era sancristán maior da catedral de Santiago, posto que deixou en 1933 para ser párroco de Ordes (tiña 53 anos). Veu en xuño e inmediatamente tamén sería o arcipreste da diócese de Berreo.

  En 1940 restaurou a igrexa e impulsou a construción da nova reitoral. A súa actitude intransixente durante a Guerra Civil gañoulle poucos afectos na vila, na que estivo ata 1943, pouco antes de que viñera o seguinte párroco, don Joaquín Andrade Orza (1889-1984).

   Morreu en decembro de 1960.

 
  As festas patronais duraron do 12 ao 18 de agosto. Comezaron co paso dos corredores da Volta Ciclista a Galicia. Varias señoritas colocaron aos espectadores distintivos alegóricos á volta.
  Tamén se celebrou unha gran feira de gando con exposición de produtos agrícolas da zona e os seus derivados.
  Ademais houbo as habituais funcións relixiosas, verbenas, concertos, iluminacións, partidos de fútbol, carreiras de bicicletas, bailes rexionais, velada teatral e excursión ao Bidueiro onde se celebraban as merendiñas.
  A música corría a cargo da Banda de Ordes, agora baixo a batuta de Bernardo del Río, o novo director desde o mes de xuño.
 
  As festas do Recreo celebráronse os días 17 e 18 de setembro. A comisión estivo composta por Manuel Franqueira, Ramón Abeijón, Ramón Prado, Manuel Vieites, José Ferreiro, Manuel Abey (?), Pedro Graña, Pedro Pardo, Ramón del Río, Jesús del Río e Juan Liñares. Foron amenizadas pola Banda de Arca, dirixida por Manuel Regueiro. Houbo de todo: gaitas do país, xigantes e cabezudos, "sorprendente" iluminación eléctrica e á veneciana, cucañas con valiosos premios e un "verdadero derroche" de fogos de todas clases. Por suposto a función relixiosa tamén foi moi concorrida debido á devoción que espertaba a Virxe de Lourdes entre os seus fieis.

   Rematou a tempada de festas cunha chocolatada con pastas e champán servida polo "acreditado" Bar Linares para despedir á numerosa colonia foránea. A festa rematou cun baile ata altas horas da noite e o desexo de que os distinguidos hóspedes volveran en anos sucesivos.

domingo, 26 de julio de 2020

A fortaleza de Montaos

  A arqueóloga Mª del Rosario Valdés Blanco-Rajoy, por certo descendente de Eduardo Pondal, investigou e publicou "Las fortalezas medievales que jalonaban la ruta jacobea entre Santiago y Betanzos", varias delas na comarca ordense. Velaquí as liñas que dedica á desaparecida fortaleza de Montaos.
 
  El castillo se localizaba en la parroquia de Santa Cruz de Montaos, sobre la margen izquierda del camino, a unos 800 m. de distancia en dirección oeste. Esta feligresía de Santa Cruz estaba dentro los límites de la demarcación que Alfonso VII hace de la antigua tierra de Montaos en el año 1124; dicha demarcación está contenida en el privilegio por el cual el rey dona la tierra de Montaos a la Iglesia de Santiago.
  En el siglo XV eran señores de Montaos los Bermúdez. Según el Tumbo Vermello de don Lope de Mendoza, en 1435 le correspondía al prelado compostelano designar él mismo quién debía estar al frente del juzgado de Montaos: "El juzgado de Montâaos, tienelo Pedro Lourenço de las Encrobas, e perteesçe de dar al arçobispo". De los feudos que recibe Pedro Bermúdez de Montaos "o Moço" del arzobispo don Álvaro de Isorna en 1445, únicamente nos encontramos cuatro parroquias que luego aparecerán, en el siglo XVI, como parte integrante de la merindad-jurisdicción de Montaos, esas parroquias son: Santa María de Castelo, Santa María de Castenda, San Cristovo de Leobalde y Santiago de Numide.

 
  La fortaleza de Montaos estaba ubicada en el extremo norte de una pequeña loma que se adelanta sobre la confluencia del arroyo de "Carrás" con el río de "A Ponte da Ribeira". Las suaves pendientes de la loma rodeaban el emplazamiento totalmente, excepto por el lado Sur que constituía un flanco sumamente vulnerable; precisamente toda esa zona, por la que transcurre el camino que da acceso al lugar, se conoce con el nombre de “Porta dos Condes”. Hoy no quedan restos a la vista de la antigua fortaleza, en su lugar se levantan las casas de una pequeña aldea que conserva el topónimo "Castrelo".
  Los vecinos mantienen el recuerdo vivo de que allí hubo un antiguo asentamiento e indican como posible solar del castillo unas fincas ubicadas a espaldas de las casas del lugar que están dedicadas al cultivo y que se encuentran completamente allanadas; parece ser que al arar aparecen restos cerámicos.
 
  En la Historia Compostelana se narra cómo la reina Urraca, buscando la reconciliación con Gelmírez, le promete el castillo de Montaos (Montana); es la primera referencia conocida a esta fortaleza. La misma fortaleza en el siglo XV estuvo en manos de los Bermúdez de Castro, tal como consta en el memorial del pleito que mantuvo Fernando Bermúdez de Castro con el arzobispo Juan Sanclemente y Torquemada. En dicho memorial (año de 1589), el prelado compostelano defendía que en 1445 y 1458, sus antecesores habían concedido en feudo, primero a Pedro Bermúdez el Viejo y después a Pedro Bermúdez el Mozo, la fortaleza de Montaos: "[...] y todo lo dicho se allana más por no poder mostrar el arçobispo ningun pleyto omenaje de las otras dos fortalezas de montaos y dubra pretendiendo auverse infeudado las dichas tierras el mesmo dia que las de salnes y moraña, y desto se arguye clarissimamente q los dichos pleyto omenajes no fuero hechos, por fortaleza agena ni feudal [...]"; por el contrario, Fernando Bermúdez de Castro defendía que a mediados del siglo XV la fortaleza era ya de su familia.
Mª del Rosario Valdés Blanco-Rajoy

martes, 21 de julio de 2020

Aquel Sevilla de Buyo


  Hoxe en día os equipos de 1ª división son xigantescas empresas multinacionais e os seus xogadores millonarios executivos que a duras penas se mesturan coa plebe.
  Pero houbo uns tempos máis sinxelos onde isto non era así. Quitando ao Real Madrid e ao Barcelona o resto de equipos era máis terreal. Por iso, nos anos 80 do século XX os afeccionados de Ordes puideron ver e case convivir un par de semanas cos xogadores do Sevilla FC.
  O artífice foi o betanceiro Paco Buyo, un dos mellores futbolistas da historia de Galicia, que daquela militaba no conxunto do Nervión, pero que nos seus tempos de xogador do Deportivo xa estivera no hotel "Os Carballos".
  O Deportivo, interesado en xogar contra o equipo andaluz na súa pretemporada, fíxolle unha oferta ao Sevilla e contou coa influencia do gardameta que "tirou para casa", ponderando o bo clima estival da comarca, a calidade do campo de fútbol e a esmerada atención do hotel.
  Así que desde o mércores 24 de xullo ata o 5 de agosto de 1985 instaláronse nos Carballos e comezaron os adestramentos que constaban de dúas sesións, unha matinal onde se traballaba a parte física e outra vespertina onde se traballaba a técnica.
  O adestrador Manolo Cardo aseguraba nunha entrevista: "Estamos tratando con gente extraordinaria. Aquí nos están atendiendo a la perfección, con lo que todos solamente tenemos elogios para el pueblo de Órdenes".
  E tan ben que os tratamos! Houbo lendas urbanas sobre que algunhas mozas da zona pasáronse de agarimosas cos sevillistas e outras que involucraban ás profesionais da "Casa da Pradera" e que lles custaron a algúns xogadores unhas cantas voltas de máis polo campo ao día seguinte.

  O resultado non foi malo. O Sevilla FC que na tempada 81/82 chegara por 1ª vez á Copa da UEFA caeu logo na mediocridade. Viña dunha tempada 84/85 bastante decepcionante onde quedara en 12º lugar e na 85/86 mellorou tres postos, quedando de 9º, pero seguindo lonxe das posicións de honra.
  Para os completistas, os 19 xogadores do Sevilla que estiveron nos Carballos eran: Buyo, Villalba, Grande, Nimo, Serna, Choya, Álvarez, Sanjosé, Jiménez, Francisco, Estella, José Luis, Montero, Zambrano, Ruda, Juan Álvarez, Alfaro e Sanabria.

sábado, 18 de julio de 2020

Timo en Bembibre

  O día 6 de febreiro de 1933, como todos os primeiros luns de mes, celebrábase a feira de gando en Bembibre (Val do Dubra -entón aínda chamado "Buján"-), que como de costume estaba moi concorrida.
  Tamén, como de costume, non faltaban os carteiristas, trileiros e pícaros de toda especie que chegaban a estas feiras rurais atraídos pola suposta candidez dos campesiños.

  Este foi o caso dunha parella de estafadores que atoparon alí a un veterano labrego de 60 anos da veciña parroquia de Santa María de Arabexo, chamado Pedro Cancela Cambón.
  Contáronlle que o pai dun deles, residente en Uruguai quedara a deber a varios obreiros da zona unhas 20.000 pesetas e quería, home de gran conciencia social, satisfacer esa débeda que o mortificaba antes da súa posible morte, porque ía someterse a unha arriscada operación cirúrxica.
  Debido a iso, non puidera vir persoalmente pero mandou a un fillo seu xunto a un apoderado para que canto antes cumprimentásen tan sacra débeda.
  Obviamente, o fillo, preocupado pola saúde do seu pai, quería volver de inmediato a Uruguai e non perder máis tempo na procura deses obreiros, así que buscou a un home que, aínda que non o coñecían persoalmente, tiña fama de honorable para confiarlle as 20.000 pesetas que estaban nunha caixiña de ferro e que lle ensinaron a Pedro. 
  A pesar da súa boa fama, para ter máis seguridade, esixíronlle unha "garantía positiva" de 1.750 pesetas que, claro está, o campesiño non levaba no peto. Inmediatamente achegouse á sucursal do Banco de Hijos de Olimpio Pérez para recoller un depósito de diñeiro que esperaba e logo foi á súa casa a "rafuñar" a cantidade restante.
  Ao día seguinte na estrada do Pombal os dous apoderados esperárono e verificouse a operación. Intercambiaron a carteira do labrador pola caixiña dos 4.000 pesos e logo fóronse a comer, dicíndolle que volverían pronto.
  Por suposto iso non sucedeu, cousa nada rara, porque cando o labrador abriu a caixa só atopou un par de billetes reais acompañados de moitos recortes de papel de xornal.

  Foi a poñer a denuncia e dixo á policía que os "mandatarios" tiñan sobre 60 anos e que un deles debía ser un home ataviado con traxe de muller. Os axentes respondéronlle que era unha muller de verdade e o labrador, moi teso, contestou:
- Non pode ser. Unha muller non me facía iso. Ademais choraba moito polo seu pai, porque lle ían facer unha operación.
  A "operación" fixéronlla eles a el: 1.750 pesetas. O que custaban un par de boas vacas!

  La Voz de Galicia comentaba con ironía: "Por lo que se ve, y de ello nos debemos congratular los defensores de las buenas condiciones de la mujer, este labriego resulta ser un gran afecto al sexo femenino".
  E concluía coa tópica reflexión: "Cada día nace un primo, el objeto primordial es encontrarlo".

martes, 14 de julio de 2020

O ano 2001

  O ano 2001 non se pareceu en nada a aquel que pintaba a famosa película de Stanley kubrick, baseada nun conto de Arthur C. Clarke. Non houbo monolitos nin viaxes espaciais pero si houbo avións chocando contra edificios.


  O 11 de setembro foi un día para a historia. Algúns sosteñen que aí comezou realmente este século XXI cheo de ameazas. Nunca antes os cidadáns dos USA foran atacados no seu propio territorio, nunca antes se sentiran vulnerables. As guerras que libraran transcorrían a moitas millas do seu sacrosanto fogar, pero ese día todo cambiou.
  Ás nove menos cuarto da mañá, cando a cidade de New York aínda non levaba moito tempo traballando, un avión comercial de American Airlines estrelouse contra unha das entón famosísimas Torres Xemelgas.
  En Galicia eran as tres menos cuarto da tarde dun fermoso día de verán. A xente que ía traballar pola tarde ou a tomar o sol na praia puido ver por televisión o ataque dun Boeing 757 á segunda torre, apenas 15 minutos despois.
  A estes ataques continuaron outros contra o Pentágono, a Casa Branca, o Departamento de Estado ... en fin, todos os símbolos máis prezados do país.
  O mundo enteiro quedou conmocionado. A maioría dos países expresáronlle as súas condolencias ao xigante ferido e correron a poñerse ao seu lado na vinganza inevitable.
  Poucos días despois todo apuntaba a que o responsable era un rico árabe, antigo aliado dos USA, Osama Bin Laden, que se converteu no home máis buscado do mundo.

  O ano tamén foi nefasto para Arxentina da que se fugaron en 11 meses 18.000 millóns de dólares. O 2 de decembro o presidente Fernando de la Rúa implantou as restriccións monetarias (o famoso "corralito"). Pouco despois fuxiu en helicóptero e o país tivo catro presidentes en 10 días!

  O noso país, en cambio, vivía a 2ª lexislatura do goberno de Aznar. Eran os tempos de "España va bien", porque efectivamente a economía ía coma un tiro. O ladrillo colonizaba cada metro cadrado libre de terreo e 50 millóns de turistas visitaban as nosas praias.
  A xente, que asistira embobada o ano anterior ao boom de "Gran hermano", comezou a ver os luns deste 2001 un programiña no que pouca xente confiaba. Debía competir co xigante mediático, Javier Sardà, que remataba de devorar sen piedade ao millonario fichaxe de Antena 3 Máximo Pradera. O programiña, chamado "Operación Triunfo" foi aos poucos levantando cabeza, desbancou aos "marcianos", desbancou ao fútbol e chegou ... marabilla de marabillas! a ser o programa máis visto desde que naceran as privadas.

  Galicia vivía a era Fraga (a 3ª lexislatura) e Ordes o  Martinismo. Non é que non houbese oposición, que a había, pero o bo momento económico ocultaba todos os problemas e as maiorías absolutas caían unha detrás doutra. Así, nas eleccións autonómicas daquel ano, o PP sacou en Ordes 3.389 votos, o BNG 1.473 e o PSOE 1.133 votos.
  Se a economía ía ben, o que castigaba era o clima. O inverno do ano 2000-2001 choveu tanto que algúns ata falaban dun 2º diluvio.
  En Ordes as principais polémicas viñan da desmesura que empezaba a tomar a movida e das dificultades de aparcamento.
  Ao longo do ano cambiouse a dirección dalgunhas rúas, fóronse eliminando estacionamentos nunha beira das rúas dos Lagartos e o Mercado e en verán comezou a zona azul na zona da Alameda ata o Sanatorio. Tamén comezou o emprego de soares baleiros para o aparcamento. A medida que máis sorprendeu e cambiou o aspecto da vila comezou o 19 de xullo e foi a prohibición de aparcar na marxe oeste da Rúa Alfonso Senra. Por suposto, isto non foi do agrado de moitos veciños, pero o tempo deulle a razón aos cambios.
  En novembro a atención popular estivo no xuizo na Audiencia da Coruña contra Manuel Antonio Prado, o mozo que matara a un taxista e logo se fora de copas. Finalmente foi declarado culpable, pero non pasaría moito tempo no cárcere e, en 2008, volvería a cometer outro crime en Betanzos. 
 
  2001 foi un ano de cine espectacular. Apareceron os blockbusters "The Lord of the Rings" e "Harry Potter". No campo da animación vimos "Shrek", "Monsters, Inc." e a experimental "A viaxe de Chihiro". Reese Whitherspoon foi "Legally Blonde" e Amenabar dirixiu "Los otros" con Nicole Kidman.
  No campo da música foi a explosión internacional de Shakira con "Whenever, Wherever", mentres en España non paramos de escoitar a Sonia e Selena co seu pegañento "Yo quiero bailar" e a Coyote Dax coa viral coreografía de "No rompas más". 

domingo, 12 de julio de 2020

Axitación agraria en 1933

  O ano 1932 contemplara o nacemento de varias sociedades agrarias en Ordes e en 1933 a tendencia consolidouse. Xa en xullo dese ano había sociedades en Ardemil, Barbeiros, Buscás, Leira, Lesta, Montaos, Parada, Pereira e Vilamaior, que xunto ás de Cerceda, Rodís, Encrobas e Leobalde formaban unha Federación Agraria del Partido de Órdenes, da que era presidente Heriberto Pérez Proenza e secretario Jesús Liste. Houbo unha reunión da Federación Galega o día 16 de xullo en Vigo para protestar contra o tratado con Uruguay á que foron como representantes Manuel Lameira, Manuel Souto, Senén Raña, José Areoso, Juan Ríos, Severino Suárez e Heriberto Pérez. 
  En outubro o gobernador civil aprobou os regulamentos de "Unión Campesina" de Lesta e Parada, "Defensa del Agro" de Ardemil, "Solidaridad Agraria" de Montaos, "Redención del Campesino" de Pereira e "Mancomunidad Agraria" de Barbeiros.
  Sabemos que en Ardemil constituíuse unha sociedade agraria e de oficios varios da CNT. Manuel García Gerpe revelou nun escrito que unha sociedade de agricultores do Canedo estaba na liña ideolóxica de Izquierda Republicana.
  En 1936 practicamente todas as parroquias de Ordes contaban con sociedades agrarias. Isto que en principio era unha boa noticia, tivo tamén efectos perversos.
  Non hai que esquecer que moitos dos asociados a estas organizacións eran os mesmos campesiños semi-analfabetos que se daban paus con entusiasmo na romarías. As actitudes violentas foron unha constante desde o principio. 
 

  En marzo o xornal El Compostelano citaba expresamente ás sociedades de Ardemil e Leira dicindo que os asociados organizaban campañas de boicot contra os non asociados. Estas campañas ían desde negarse a auxilialos en calquera contratempo ou enfermidade, non alugar as súa maquinaría agricola, non comprar nos seus comercios, talleres, consultorios, etc, nin traballar para eles. Máis sorprendente é que, como en Romeo e Xulieta, os mozos negábanse a bailar e a mocear coas fillas dos non asociados e viceversa. Pero a cousa chegaba a máis porque comezaron a darse ataques á propiedade, como lanzamento de pedras aos tellados -que ninguén ousaba denunciar- e chegouse á intimidación física. Por exemplo, o día 18 de marzo, cuadrillas de asociados situáronse nos camiños de acceso ao Mesón do Vento e impediron a chegada á feira dos non asociados, tirando polo chan as mercadorías dos que se negaron a retroceder. O 25 ía ocorrer o mesmo na feira de Cerceda pero a Garda Civil impediuno, aínda que non na súa totalidade.

  Pode parecer que esaxeraba El Compostelano, xornal con simpatías agraristas aínda que católico e de dereitas, pero houbo moitas e peores noticias que estas.
  En maio tivo lugar un atentado con dinamita no Mesón do Vento. Foron derrubados tres postes do tendido eléctrico da "Sociedad General Gallega", o que ocasionou que quedasen sen enerxía eléctrica a liña tendida para as obras do ferrocarril e a vila de Ordes.
  A hipótese máis probable que se barallou sobre a causa do atentado era que foi por incidentes que houbera nas obras do ferrocarril con motivo da admisión de obreiros non afiliados a determinada sociedade.
  En agosto houbo un atentado en Parada de novo (xa houbera outro en 1932). Dous petardos explotaron e produciron danos na máquina debulladora de Pedro Pampín del Río. Os autores foron Manuel Souto Galano, Manuel Remuiñán Filgueira, Antonio Soto Pena, Heriberto Pérez Proenza e Juan Ríos. A Causa foi, como non, negarse a integrase na asociación agraria á que pertencían eles.
  Tamén en agosto pero esta vez en Pereira, os irmáns José e Ramón Suárez Pedreira propinaron unha malleira ao seu conveciño Antonio García Varela pola mesma razón.

  Pero o suceso máis grave ocorreu de novo en Ardemil, a finais de agosto. Despois de oficiar misa, o sacerdote da parroquia, Pascual Couce Pico, foi obxecto dun atentado. Cando regresaba á súa casa varios veciños saíronlle ao encontro e disparáronlle balas e pedras mentres gritaban "Matalo!". Afortunadamente puido escapar e refuxiarse na casa dun fregués, resultando ileso.
  Os autores fuxiron pero foron detidos un par de días despois. Eran Manuel Sánchez Gómez, Manuel Blanco Bello, Jacobo Brandariz, Andrés Gómez, Carmén e Andrea Gómez e dous fillos desta, chamados Ricardo e Andrés.
  A causa do atentado: que o sacerdote non quixo utilizar a maquina debulladora da sociedade na malla das leiras da súa propiedade. 

miércoles, 8 de julio de 2020

Obradoiro da Historia

  A principios dos anos 90 a maioría dos antigos membros da ARO, que participaran nas revistas "ARO" e "O Mês", entraron a formar parte da asemblea local do BNG e dedicáronse á acción política.
  Non foi o caso de Manuel Pazos Gómez, nado e residente na parroquia de Marzoa (Oroso) e licenciado en Maxisterio, que naqueles momentos estaba máis preocupado pola conservación do patrimonio e a historia da comarca.

  En 1996 a destrución do dolme de Aiazo foi un feito determinante na súa vida: "Escribimos ás institucións pedindo protección para estes restos arqueolóxicos. Démonos conta de que politicos e asociacións pasaban de todo, e decidimos formar Obradoiro da Historia".
  Xunto co seu amigo Daniel Pereiro (tamén ex-ARO) e as mozas Begoña Pérez Feijóo e Chus Souto* creou en marzo dese ano a asociación Obradoiro da Historia.
  O seu traballo desenvolveuse en tres ámbitos: a organización de actividades culturais, a defensa do patrimonio e a recuperación da memoria histórica na comarca ordense.

  Deste xeito apareceron as "Xornadas literarias" nas que un recoñecido autor asistía na Casa da Cultura a unha exposición, venda e sinatura das súas obras, logo daba unha conferencia e remataba cun concerto dalgún grupo de música tradicional.
  Así viñeron a Ordes Xosé Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda en novembro de 1997. En febreiro de 1999 o invitado foi Suso de Toro nunha velada amenizada por Quico Cadaval e o grupo Pandeiromus. En febreiro do ano 2000 asistiu Manuel María que contemplou a actuación do contacontos Cándido Pazó e dos músicos Mini e Mero. En abril de 2001 o invitado foi o escritor pontevedrés Bernardino Graña e en novembro do 2002 o ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín.
  Paralelamente Obradoiro da Historia impulsou a creación literaria coa edición da publicación SEGREL, subtitulado "Boletín Poético da Terra de Ordes" porque en principio só estaba pensado para a poesía. O dous primeiros números que tiñan formato A3 dobrado en cartolina satinada apareceron en setembro e decembro de 1998 e contaban con poemas das ordenses Mª Xesús Botana Vilar e Reme Liste. O terceiro e último número apareceu no verán de 2006, xa como "Revista Literaria da Terra de Ordes" con formato de libro. Seguía habendo poemas de Mª Xesús e Reme, pero tamén narración curtas (unha do propio Pazos) e ata cómics de Pedro Fernández Faya e Xan Ferreiro.
  Non foi a literatura o único campo artístico que tocaron porque a finais do ano 2006 organizou un concerto musical titulado "Rock en galego no Camiño Inglés" que se celebrou no pub Nunca Máis e que contou coa participación de ITH, Machina e Zënzar. 
  Arredor do ano 2000 a asociación intentou conseguir do concello un lugar para instalar a súa biblioteca e crear un museo etnográfico pero as negociacións non chegaron a bo porto.

  A protección do patrimonio foi outra fronte de actuación. Novamente en palabras de Pazos: "Cando atopamos ou nos avisan dalgunha acción destrutiva, mandamos denuncias á Dirección Xeral de Patrimonio, aos concellos, ao Valedor do Pobo e á prensa. Buscamos que se cumpra a Lei de Patrimonio, aínda que algúns non saiban que existe tal cousa. Máis da metade de casos que denunciamos non acaban como nós queremos, pero polo menos as denuncias serven como aviso aos gobernantes locais de que hai persoas dispostas a protestar. [...] En realidade estamos facendo un traballo que é responsabilidade deles".

  Pero quizais o que máis perdura na memoria son as moi numerosas publicacións sobre aspectos históricos e culturais da comarca. A gran maioría delas eran escritas polo propio Pazos e conlevaban unha gran cantidade de traballo de investigación (nunha época onde case non existía a Internet e isto levaba aparellado moita dificultade).
  O formato máis habitual era o dun tríptico feito en cartolina de cor. Grazas ao soporte económico de empresas como Reyca, Internaco, Electricidad Carlos ... e a puntuais aportacións da Deputación e o Concello, estas publicacións  podían ser repartidas de balde en diversos establecementos da vila.
 A primeira, en marzo de 1996, foi unha tarxeta coa foto do guerrilleiro Manuel Ponte. Logo seguiron traballos sobre o dolme de Aiazo e achados arqueolóxicos na comarca, o patrimonio e a heráldica de Oroso, biografías de personaxes importantes de Ordes (Vicente Carnota, Nicolás del Río, Alfonso Senra, García Gerpe, o Soldado Lois ...) que só eran coñecidos de nome pero dos que non se sabía nada máis, etc.


  Colaborador gráfico habitual na maioría destas publicacións foi Xan Ferreiro.
  Dado que as publicacións eran en branco e negro e as fotografías podían saír borrosas ao imprimilas, o meu traballo, maioritariamente, era calcar esas fotografías remarcando moito os bordes e dando unha axeitada gradación ás sombras, cousa que era especialmente difícil nos escudos e monumentos de pedra.

  Ademais houbo libros e cadernos de pago. O primeiro, sobre os antigos camiños no concello de Oroso, foi patrocinado pola empresa Rafra e publicado en 1996. Especialmente exitosos foron os dous libros recopilando fotografías antigas dos concellos de Ordes (2002) e Oroso (2004) feitos en colaboración con Daniel Pereiro López. Tamén en cadernos e libros tocou o tema da 2ª República e a represión despois do Alzamento. O último libro publicado ata o de agora é "A República da Berxa" en 2014.

* María Jesús Souto Alvedro: Pode que vos sone o nome porque é meteoróloga e saiu como muller do tempo varios anos na TVG.

sábado, 4 de julio de 2020

Carpe

  A España da 2ª República padecía unha complicada situación chea de tensións políticas e sociais, pero, fóra dese ámbito, a vida seguía. Non hai que esquecer ademais que, aínda que amplas capas da sociedade como campesiños e obreiros malvivían sempre ao límite, había tamén clases acomodadas que podían permitirse gastos suntuarios. A esa xente que tiña tempo de ler xornais ía dirixida a publicidade nese medio.
  Hoxe imos ver un exemplo curioso. A firma catalá Prol-bel SA creaba produtos de beleza, entre eles o CARPE. En 1933 Fernando Ruiz Moreno, conselleiro do xornal El Pueblo Gallego, era nomeado representante para toda Galicia da firma e paralelamente comezaba nese xornal unha potente campaña de publicidade que durou algúns anos.
 Estes anuncios de 1933 son moi interesantes porque, por unha banda permítennos ver a situación da muller burguesa daquela época obsesionada coa caza dun marido, e polo outro tamén nos permite ver o pouco que cambiou o fondo da publicidade (só foi substituído o matrimonio polo sexo).