domingo, 29 de septiembre de 2019

Roubando fácil

  A finais do ano 2004 houbo en Ordes un par de roubos que chamaron bastante a atención e que se produciron con pouca diferenza de tempo.

  O segundo non foi nada fóra do normal, un roubo nunha casa bastante illada cando non estaban os seus propietarios, feito bastante habitual pero cun punto de interese: que a vítima foi o entón alcalde Teodosio Martino.
  Martino residía habitualmente nunha casa en Gouzón (Leira) que está á beira da N-550 pero apenas é visible por estar nunha pendente a menor altura ca estrada. Tampouco é moi visible desde a unha única casa próxima (45 metros ao sur) porque hai árbores entre elas. Unha situación ideal para o ladrón ou ladróns que o 2 de decembro, entre as 8 da mañá e as 3 e media da tarde, entraron por unha fiestra aproveitando a ausencia da familia. Despois de revolvelo todo, levaron un considerable botín en xoias, obxectos persoais e unha pequena cantidade de diñeiro que non chegou aos 100 euros.

  O primeiro roubo, que foi en novembro pero que se deu a coñecer case ao mesmo tempo que o sucedido na casa do alcalde, foi moito máis interesante.
  Os feitos ocorreron con gran limpeza a noite do día 11 de novembro. O dono dunha empresa radicada no Campo da Feira descubriu que faltaban da súa caixa 18.000 euros. Denunciou o roubo á Garda Civil que comezou a investigación. Aparentemente foran auténticos profesionais porque non había ningún rastro. Non se usaron ganzúas nin se practicou ningún burato nin nada polo estilo.
  Estaba claro que alguén se fixera cunha chave. O delincuente debía ser algún dos empregados ou alguén moi próximo a el. Aquí a investigación podía encallar porque normalmente o ladrón trata de pasar desapercibido e non chamar a atención. É o que adoita facer calquera con dous dedos de fronte (ou que tivese visto un pequeno número de películas de atracos americanas)... pero non foi aquí o caso.
  A nosa ladroa (porque ao final resultou que era unha moza) bateu todas as marcas habidas e por haber de incompetencia. Despois de cometer o roubo, apropiándose das chaves do seu marido, do que por certo estaba en trámites de separación, en lugar de tentar pasar desapercibida púxose a gastar o diñeiro alegremente... xa ao día seguinte!
 Apareceu nun concesionario e pagou ao contado dunha tacada 13.500 euros por un flamante coche, coche que xa tentara comprar o 3 de novembro pero non puidera porque o banco negouse en redondo a concederlle un préstamo.
  Por se a compra do coche non bastaba, gastouse 250 euros nun teléfono móbil dos punteiros na época e outro bo pico en renovar o vestiario.
  Loxicamente con todas esas facilidades á Garda Civil non lle custou demasiado atrapala acabando así con esa espiral de gastos e de despropósitos.
 
  Desta segunda historia podemos sacar unha ensinanza: Non roubes pero se o fas, marcha inmediatamente co diñeiro a outro país (a Suíza preferiblemente) e non te quedes gastándoo a mans cheas na túa propia vila.

martes, 24 de septiembre de 2019

Xente de 1850

  Coñecemos algúns nomes de personaxes destacados de Ordes a mediados do século XIX grazas a publicacións como o Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña ou o Boletín Judicial de Galicia. Así sabemos que en 1846, ano do Pronunciamento de Solís, era alcalde Domingo Moar Méndez mentres en 1849 ocupaba o posto José Antonio Barreiro, probablemente da familia que viviu fronte á igrexa (que aínda non existía pois construiríase desde 1864 a 1879). En xaneiro de 1851 era alcalde Ramón García e en 1854 Manuel Calvo.

  Un peditorio a favor do Hospital de la Princesa na Coruña a principios de 1852 permítenos coñecer a toda a corporación municipal.
  Ademais do alcalde Ramón García, aparecen os dous tenentes de alcalde: Domingo Moar (o ex-alcalde) e José Martínez. Os concelleiros eran José Mosquera, Andrés Candal, Benito Louro, Pedro de Castro, José Veiras, Antonio Mosquera, José Antonio Barreiro (o outro ex-alcalde), Juan Moure, Alberto Viqueira e Melchor Presedo.
  Tamén aparecen Gabriel Guisande (o secretario), Jacobo Amor (médico), Francisco Conde (avogado) e outras persoas sen determinar profesión: Santiago Nieto, Juan Antonio Linares, Andrés Garaboa, Tomás Núñez, Hilario Suárez, Benito García, Benito Beiras -con " b"-, Francisco Varela, Juan Moure (distinto do concelleiro) e José Suárez Varela.
  Por certo que os máximos contribuíntes (probablemente eran os máis ricos) foron o alcalde Ramón García, Domingo Moar e o secretario Gabriel Guisande con 6 pesetas cada un. José Suárez Varela achegou 4 e os demais 2 ou 1 peseta.

  En xullo de 1854 o cambio de corporación municipal debeu ser algo traumático vendo esta acta que escribiu Antonio Uzal e que dirixe ao presidente da Xunta provisional da Coruña precisando que o pobo quedou "en la más completa tranquilidad".
  Don Antonio Uzal, vocal secretario de la Junta de Gobierno de Órdenes.
Cerifico: Que en el libro de actas al folio 2º se halla lo que copio: En Órdenes a 30 de julio de 1854: reunidos en Junta los señores presidente y vocales nombrados la tarde de ayer, y teniendo a la vista el numeroso concurso del vecindario de la mayor parte de los pueblos de todo el partido y escucharles de viva voz, acordó se renueve el ayuntamiento actual de este distrito y en su lugar se nombren, como nombrados queden, para regir los diferentes cargos de la nueva municipalidad a los señores D. Manuel Calvo, alcalde presidente, D. José Benigno Iglesias, primer teniente de alcalde, D, Ventura Viqueira, segundo teniente; y por el orden y numeración que se expresa de regidores a D. Manuel Casares, D. Manuel Bello, D. Pedro Gómez, D. Jacobo Liñares, D. Pedro Patiño de Nouche, D. Domingo Viqueira de Mercurín, D. José Recouso, D. Andrés Botana de Barbeiros, D. Manuel Varela de Ordes, D. Benito Vermúdez de Parada, y de síndico D. Benito Jélez de la Iglesia, de cuyo nombramiento se dio conocimiento al pueblo que lo esperaba, quien aprobó por unanimidad la elección que esta Junta hizo en favor de los individuos de los que se lleva hecho mérito. Ofíciese el conducente al actual don Jacobo Amor, para que dentro de cuatro horas expida las oportunas convocatorias y ponga en posesión a los individuos del nuevo Ayuntamiento. Y en consideración a que el pueblo aclamó por conformidad la supresión de la Junta instalada sin acuerdo de ningún voto bajo la presidencia de D. Bernardo Losada, desde luego la que hoy representa a dicho pueblo, tuvo por conveniente al objeto de conciliar los ánimos y aquietar las pasiones que en circunstancias excepcionales suceden, admitir en su seno a dos individuos de aquella y por tales al D. Bernardo Losada y D. Domingo Benito Rivas, con solo el objeto de hacer esta elección municipal. Con lo cual se dio por conclusa esta acta que firman con el vocal secretario de que certifico.
-Jesús María Varela Sarmiento, presidente. -Bernardo Losada. -Francisco del Río. -Manuel Bello. -Domingo Benito Rivas. -Antonio Pérez. -Manuel Lema y Torres. -Manuel Varela. -Antonio Uzal, vocal secretario. -Así consta del libro a que me refiero. Órdenes 30 de julio de 1854.

sábado, 21 de septiembre de 2019

Plano de Ordes

  Aínda que se orixinou ao redor da Rúa da Igrexa e da Capela de Lourdes, a destrución desta nos anos 50, fixo que o centro histórico e sentimental da vila sexan hoxe os apenas 160 metros que van desde o "Cruce" á Igrexa de Santa María onde están a Casa do Concello, a Alameda e algúns dos establecementos máis emblemáticos como o popular Chocolateiro.
  Hoxe en día Ordes ocupa unha gran extensión xa que engloba a antiga vila das tres rúas tradicionais (Alfonso Senra, Recreo e Lagartos) xunto a barrios máis modernos (Campo da Feira e Paraíso) coas antigas aldeas como O Casal, Vilar, Reboredo, O Piñeiro e A Espenica que mesturan as vellas casas de agricultores cos modernos chalés dos seus descendentes.
  Con todo a maior parte da poboación vive no centro, nunha zona menor de 40 hectáreas.

Preme para ver máis grande. 

martes, 17 de septiembre de 2019

1930: A Dictablanda

  1930 non foi un bo ano a nivel mundial. A crise do 29 deixouse notar e a locomotora mundial, os USA, case saíu da vía. Son tempos de pobreza e gangsterismo, de John Dillinger e de Al Capone. En decembro o presidente Herbert Hoover presenta un programa de obras públicas por valor de 150 millóns de dólares para paliar a crise. A pesar de todo isto tamén é o ano no que se inaugura o icónico edificio Chrysler, o máis alto do mundo (319 metros) nese momento.
  Non ían ben as cousas en Alemaña onde o Partido Nazi convértese nas eleccións de setembro no 2º máis votado. En Etiopía chega ao poder Haile Selassie e na República Dominicana comeza a longa ditadura (31 anos) de Rafael Leónidas Trujillo.
  E tampouco lle ían ben as cousas ao Imperio Británico desafiado na India por Mahatma Gandhi e a súa Marcha do Sal.
  Pero non todo era negativo: tivo lugar o primeiro mundial de fútbol en Uruguay, gañado pola selección anfitrioa.

  En España 1930 foi o ano da caída da ditadura de Primo de Rivera. O rei nomeou o 1 de febreiro xefe do Consello de Ministros ao xeneral Dámaso Berenguer como encargado da transición, pero ese labor resultoulle imposible debido ao baldío político que deixara Primo. Os antigos membros dos partidos dinásticos que foran satanizados nos primeiros tempos da ditadura negáronse a colaborar, do mesmo xeito que a Unión Patriótica, mentres o resto de partidos xa estaban previamente en contra. Berenguer só tivo o apoio dos conservadores máis reaccionarios encabezados por Gabino Bugallal.
  A lentitude das reformas fixo que a prensa comezase a falar de "Dictablanda" para denominar ao novo réxime
  Nese momento a idea de república comezou a poñerse de moda e a deixar de ser un soño utópico. En agosto os representantes dos partidos republicanos xuntáronse en San Sebastián para deseñar un plan de acción. A precipitada Sublevación de Jaca do 12 de decembro non logrou o seu obxectivo pero o rápido fusilamento (dous días despois) dos capitáns Galán e García Hernández proporcionou os primeiros mártires á aínda nonata república.
  Para entender ata que punto a idea de república (á que se revestía de todas as virtudes) calou na sociedade, temos o feito de que ata Ramón Franco e Queipo de Llano encabezaron outra fracasada sublevación republicana. Ironicamente Queipo sería varios anos despois tan desapiadado cos seus inimigos republicanos que sería chamado "o Carniceiro de Sevilla".
 
 En Galicia, por inspiración da ORGA celébrase o 26 de marzo o chamado Pacto de Lestrove, no que firman alianza distintas forzas republicanas e mesmo algúns militantes da CNT. Xorde como froito deste pacto a Federación Republicana Galega FRG, o compromiso de enviar a San Sebastián un representante (Casares Quiroga) e outros compromisos menores como candidaturas e propaganda conxunta. Ese ano a poboación galega chegou aos 2.230.000 habitantes, o 9,4 % da española (23,7 millóns).

  Ordes tiña entón 8.200 habitantes que viviron moitos acontecementos...
XANEIRO: Comezou o ano 1930 arrastrando as consecuencias das choivas do ano anterior que deixaron a ponte do Recreo nun estado lamentable, nova da que se facía eco o xornal vigués El Pueblo Gallego que, por certo, vendíase na barbería de Manuel del Río. Morreu de bronquite crónica Manuel Castro y Castro aos 65 anos.
FEBREIRO: O imposto de matriculación de carros agrícolas puxo en pé de guerra aos campesiños que en número de 500 achegáronse á vila a manifestar a súa protesta ao alcalde, que prometeu trasladar o seu malestar ao Gobernador Civil. Tivo lugar a constitución de moitos concellos incluído o de Ordes. Os concelleiros por ser maiores contribuíntes foron José Faya Fernández (irmán do propietario da fábrica de curtidos), Antonio Álvarez o Cotovío, Antonio Verea Fandiño, Manuel García Bermúdez (o patriarca dos de Carballo), Javier Verea Fandiño e Fernando Liste Caramelo (o pai de Fernanducho). Os concelleiros que xa o foran con anterioridade eran Jacobo Cancelada Salgueiro, José Caamaño Gómez, Pedro Areoso Pena, Andrés Rey Castromil (que morrería en xullo), Melchor Presedo Rodríguez e Domingo Gestal Mosquera. Ángeles Villaverde Castro casou co mozo de Montaos José Noya Mosquera. Faleceu Balbina Patiño Pérez, viúva de Emilio Sánchez Somoza e logo casada en segundas nupcias cun comerciante de Arzúa. Como dato curioso o enterro tivo lugar ás dez da mañá, hora que hoxe nos pode sorprender, pero naqueles tempos era o habitual. Tamén faleceu con 51 anos José Moar Veiras de Buscás, tío do alcalde Domingo Antonio Moar.
MARZO: Mª Carmen Carnota Soto (filla do procurador José Carnota e da mestra Juana Soto, e sobriña do famoso xornalista Vicente Carnota) casou co mozo Antonio Barcia Bonavida. Faleceu Josefa Villaverde Mosquera, esposa do contratista de estradas Pedro Pardo Fandiño.
ABRIL: A corporación elixiu como alcalde a Manuel García Bermúdez que xa o fora noutras ocasións pero que apenas desempeñou un mes o cargo. Voda do mestre Lisardo Castro Amor* con Julita Pol Crespo.
 
Lisardo Castro Amor o Peseta (1896-1986): fillo do médico ordense Joaquín Castro Amor (1864-1932) que exerceu e morreu en Trazo, e de Ascensión Amor del Río (da rica familia Amor). Estudou Maxisterio e titulou en 1917, aprobando as oposicións en 1918. Deu clase en Vilamaior, Campo (Trazo), Noia, Castenda (Tordoia), Baltar (Curtis), Barbeiros... ata que en 1943 chegou a Ardemil. Casou en abril de 1930 cunha das fillas de Julio Pol Caamaño, Julia Pol Crespo, coa que tivo catro fillos: Alfonso, Pastora, Julio e Francisco Javier Castro Pol.
 
MAIO: Agora foi nomeado alcalde o empresario Juan Liñares que tampouco duraría demasiado (non chegaría ao ano). Enfermo grave o tenente coronel Arturo Pérez Loureiro (que se acabaría recuperando e vivindo 20 anos máis). José Viqueira Carballido, un veciño de Vilar de 69 anos, decidiu acabar coas súas penas afogándose no río Cabrón no lugar da Pinguela. Estaba casado con Josefa Vázquez Pombo (m.1969) e era o pai dos moitos Viqueiras de Vilar. Tamén foi tráxica a morte dunha neniña de tres anos, filla do legoeiro José Noya Boquete Cachorro, vítima de graves queimaduras en Parada. En cambio o propietario de Leira José López Viqueira morreu á moi avanzada idade de 80 anos. Tamén faleceu o comerciante e concelleiro Manuel Viaño Prado, marido de Casilda Dono González e pai de Manuel (que tivo unha carnicería) e de Leonor.
XUÑO: O soldado Luciano del Toro Moratín foi dado de baixa como carteiro de Leira por non ter aparecido polo lugar. O mesmo sucedería co seu sucesor Daniel Ferré Pujol (con eses apelidos é de supoñer que no lle quedaría preto da súa casa o traballo). Nomeados pola Audiencia Benigno Concheiro García como xuíz municipal e Ezequiel Astray Mato como fiscal. 
XULLO: Inaugurouse a "Fábrica de chocolates" de Francisco Vilar no lugar onde hoxe está a farmacia de abaixo.
AGOSTO: Morte accidental da nena Dolores Méndez na Rúa de Poulo cando caeu a cornixa dunha casa en construción pertencente a Ignacio Botana Suárez.
NOVEMBRO: Voda de Milagros Rodríguez Maroño co carteiro Manuel del Río Pampín (que sería fusilado en Boisaca en 1937). Manuel Faya Mariño morreu con 26 anos dun terrible accidente cando conducía a súa camioneta tansportando seis bocois de viño.
DECEMBRO: Manuel Concheiro (o futuro fundador de MACOGA) pasou pola vigairía con Elena Barreiro Martínez. Por certo que a mestra dona Juanita, a nai da segunda, sufriu unha gravísima enfermidade a finais de ano, da que por sorte puido recuperarse. E, como non, para rematar o ano non podía faltar a habitual pelexa entre mozos de Ardemil que deu cos ósos de Juan Rivas Bestilleiro no hospital.
   Tamén morreron ese ano 1930 o ex-concelleiro Antón Veiras do Outeiro (Poulo) aos 85 anos, Martín Sánchez Viaño en Montaos aos 69 e Lorenzo Boga Calvo en Buscás aos 65.

sábado, 14 de septiembre de 2019

Manuel Viqueira Vieites

  Manuel Viqueira, coñecido na súa xuventude como Manolo da Farruca (pola súa avoa Francisca) e logo como o Gaiteiro de Vilaverde, naceu en Vilaverde (Ordes) o 7 de setembro de 1929.
  A súa nai era Estrella Viqueira, que tivo catro fillos de solteira (Benito, José, Manuel e Francisco). Manuel foi o terceiro e o único con afeccións musicais.

  Aos oito anos xa comezou a fabricar gaitas de alcacén e practicaba no monte cando ía coas vacas para disgusto dunha veciña que tiña que soportar os longos ensaios de Manuel. Aos 10 anos mercoulle a Ricardo de García do Alto a súa primeira gaita coa que fixo saídas polo Nadal acompañado de cantores de panxoliñas, entre eles Che de Lucas (o seu medio irmán), Che de Gorecho, José García ou García de Loureda.
  Neses comezos Manuel fixo parella co seu veciño José Villaverde Veiras, Cheíño de Ghorecho, que tocaba o clarinete. Tocaron nos entroidos, nas cacharelas de San Xoán e tamén polo San Xosé.

  En 1943 Andrés de Pardiñas, o gaiteiro do grupo "Os gaiteiros do Xulio" tivo que marchar para o servizo militar e Manuel, entón con 14 anos, foi o seu substituto. Nos dous anos que tocou con eles comproulle a segunda gaita por 24 pesos ao artesán de Santiago Basilio Carril.
  Para ir ensaiar Manuel percorría uns sete quilómetros de ida e outros tantos de volta, pero isto quedaba curto coas andainas que se pegaban cando ían tocar, ás veces 30 ou 40 quilómetros para chegar ás festas nas que os contrataban. Despois da camiñata tiñan que tocar todo o día e, moitas veces, ata ben entrada a noite. Unha vez rematado o baile, debían volver camiñando. Posto que os membros do grupo moraban en aldeas diferentes, parte do camiño tíñano que facer sós. 

  Para escorrentar o medo (e deixar clara a súa identidade porque eran tempos de Foucellas) Manuel tocaba a súa gaita todo o camiño ata a mesma porta da súa casa. Atrás deixaba un nocturno rastro de música que moitos dos veciños das aldeas que ía atravesando normalmente agradecían. Este costume desapareceu nos anos cincuenta cando as bicicletas chegaron a Ordes. Alugaba unha na tenda de Angelito de Monteiro que estaba a carón do Chocolateiro e empregábaa para ir e volver ás festas. Os veciños comentáronlle o feito de que xa non o oían tocar polas noites, pero claro, era imposible tocar e guiar a bici ao mesmo tempo.
  En 1945, cando tiña 16 anos, o clarinetista Domingo Calviño chamouno para o seu grupo "Os de Buscás" xunto co caixeiro Andrés do Creto e un rapaz de Pardiñas que tocaba o bombo.

  En 1950 Manuel casou con Carmen Noya Villaverde (1929-2018), naquel momento criada na farmacia de abaixo, coa que tería catro fillos, e debeu marchar para facer o servicio militar, deixando o grupo de funcionar. Só coa volta de Manuel, en outubro de 1952, volveron a actuar "Os de Buscás", manténdose en activo durante uns anos. Nesta época Manuel establécese en Gosende, aldea que motivaría o alcume do seu fillo maior.
  No 1949, polo San Isidro, Vicente da Sindical organizou un concurso de gaiteiros. Manuel dubidou en participar pois estaba de loito pola recente morte da súa avoa, pero ao final fíxoo e acadou o 2º premio.
  En 1955, cando contaba 26 anos, xuntouse con Lourenzo Louro, que xa era clarinetista dun famoso cuarteto denominado "Os da Fraga" composto por el e tres irmáns seus: Manuel (gaita), Jesús (bombo e canto) e Ricardo (tambor). Lourenzo e Manuel xunto con Ramón Fuentes Uzal o Pelado (caixa) e Cesáreo Liñares Vilariño (bombo) actuaron por toda a redonda sendo un grupo de moita sona.

  Nos anos 60 a música popular xa non daba para vivir e Manuel marchou para Ordes (viviu na Fonteseca) onde fundou a súa propia empresa de construción o que lle obrigou a deixar de tocar. Gran parte dos edificios da entón Calle General Mola (hoxe Rúa Galicia) foron levantados por el, incluído un do que foi propietario e onde viviu.
  Foi unha etapa de prosperidade económica que rematou cando, construíndo un edificio fronte á igrexa parroquial, caeu un muro da casa adxacente, a da familia Amor. Isto levouno a un preito que perdeu e o arruinou completamente. O matrimonio tivo que ir vivir ao Recreo a un piso que estaba a nome da súa filla e posteriormente a unha pequena casa en Guindiboo de Arriba.

  Manuel e Carmen tiveron catro fillos: Manuel, Francisco (1957-2022), Elvira e Fernado. A todos eles procurou inculcarlles o amor pola música tradicional e todos foron compoñentes, entre os anos 1970 e 1980, da agrupación folclórica "Sementes do Arte" de Ordes.
  Nesta época os seus fillos encargáronlle unha gaita ao famoso artesán López Bao e agasallaron con ela ao seu pai no día do seu santo. Con ela tocou ata os anos oitenta canto a trocou por outra do mesmo artesán.
  No 1990 formou co seu fillo maior, Manolo Viqueira Ghosende, tamén gaiteiro, o grupo "Os Viqueiras" co que seguiu tocando nas festas do concello e co que creou en xuño de 2008 as "Noites de Tasca". A Manolo correspóndelle o mérito de ter animado ao seu pai a seguir tocando nos últimos anos.
  Morreu o 10 de febreiro de 2015 aos 85 anos de idade.

  Manuel Viqueira está considerado como un dos mellores gaiteiros da comarca. Músico autodidacta, era un dos poucos que conservaba a dixitación antiga propia da zona e unha maneira de tocar pechada, complexa e ornamentada, moi particular, desde a súa infancia.
  FONTE principal: Texto da edición discográfica «Manuel Viqueira» da colección «Os nosos gaiteiros» e "Vilaverde" (Os Viqueiras)
 
Houbo outros membros da mesma familia que se chamaban igual:
Manuel Viqueira Vieites (1912-1977) era fillo de Farruca e por tanto tío do músico. Casado con Josefa Campos Souto (1912-2003), viviron en Guindibóo e foron pais de 8 fillos -os Viqueira Campos ou Sabelos-.
Manuel Viqueira Vieites (1942-2020) Manolo de Pura -Pura era outra filla de Farruca que viviu en Penelas-. Foi empresario da construción e casou con Manuela Campos Boquete (1946-2021). Tamén tiveron 8 fillos (2 xa falecidos) -os Viqueira Campos ou Puros-.

martes, 10 de septiembre de 2019

A casa de Brandón

   A casa de Brandón está na vila de Ordes no solar que está lindando co DIA polo norte, pero apenas se ve, semioculta por un denso arboredo. Para falar dela, debemos retroceder no tempo unhas oito décadas.

  Hoxe custa imaxinalo pero a comezos do século XX Ordes era un destino de vacacións para numerosas familias distinguidas da Coruña e Santiago que buscaban fuxir do bulicio cidadán e respirar a paz campestre ou curar as súas doenzas pois, como naquel tempo era considerado lugar de montaña, o noso clima tiña reputación de moi "salutífero".
  Entre estes veraneantes había xente como o avogado santiagués residente en Madrid Joaquín Varela Tojo (propietario do pazo do Peñasco), a familia Nine ou o médico santiagués Marcial Carrero Ulloa (m.1912) e a súa muller Efigenia Cárdelo Vilarelle (m.1917) que tiñan unha casa en Alfonso Senra (onde despois estivo o Bar Azul), logo habitada polas súas fillas (María, Pepita e Consuelo), chamadas as Marcialas, das que se comentaba que eran familiares do almirante Carrero Blanco.

  Outro deses distinguidos veraneantes foi José María Méndez-Gil Brandón (1900-1963), avogado nado no Carballiño pero que viviu desde a infancia na Coruña. Foi un personaxe importante que chegou a ser deputado nas Cortes pola CEDA nas eleccións de 1933. Nos seus últimos anos (de 1959 a 1963) sería decano do Colexio de Avogados de Coruña.
  En 1928 casou con María Miranda González del Valle (m.1988), dunha familia aínda máis rica, propietaria de "Hilados y Tejidos de Vilasantar" unha fábrica fundada en Présaras en 1901 e que chegou a ter ata 300 obreiras. Con ela tivo tres fillas: Margarita, Mª Dolores e Elena.

  En plena Guerra Civil Brandón -como se lle chamaba en Ordes- decidiu construír unha casa de verán na vila e o terreo comproullo ao empresario de transporte Rogelio Prado que, á súa vez, llo comprara á familia Ferreiro. Rogelio tivo que ir facer a súa casa máis ao norte pero conseguiu a concesión da futura liña á estación da Pontraga.
  A casa é significativa porque, que saibamos, é a primeira construción de Ordes realizada en ladrillo e formigón, pois Brandón, que non se fiaba dos canteiros locais, trouxo aos obreiros desde a Coruña para construíla.
  Consta de dúas plantas e un tellado a 4 augas cuns beirados especialmente anchos. Tiña todas as comodidades das que se podían gozar na época. 


  Non obstante o muro que se ve desde a avenida Alfonso Senra foi erixido ao modo tradicional pola cuadrilla do meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira, quen era o seu veciño do lado norte e que lle concedeu unha saída polo leste. As pedras foron traídas na camioneta de Pepe do Ferreiro desde a canteira que había na Chousa do Ferro (lugar que está preto da Chabola e ao oeste da Cruz Vermella).
  Todo isto completouse cun frondoso xardín cheo de árbores.

  A familia Méndez sempre veraneou en Ordes e as tres fillas alternaron durante os veráns cos mozos distinguidos da vila. Eran unhas das poucas que tiñan bicicletas naqueles tempos.
  Á morte de dona María en 1988, a filla mediana, Mª Dolores Méndez (casada co funcionario do Ministerio de Agricultura Federico Irazusta Apraiz), comprou as partes das súas irmás e reformou a vivenda por dentro. Namorada do lugar, seguiu veraneando nela ata a súa morte en xullo de 2019.
  Na actualidade a casa pertence á familia Méndez (si, co mesmo apelido!), os escaiolistas da Fonte Estrei.

sábado, 7 de septiembre de 2019

Cancro en Ordes

  O Sergas realizou un complexo estudo sobre o cancro utilizando datos que van desde 1980 ata 2015. Centrouse nos 13 tipos de cancro máis comúns (que supuxeron o 70 % das mortes en 2014).
  Respecto á evolución da mortalidade constataron que descendeu nalgúns casos (os cancros de esófago e estómago en homes e mulleres; os de larinxe, pulmón e próstata en homes; e os de fígado, mama e colo do útero en mulleres). Subiu en cambio nos cancros de páncreas en homes e mulleres e de colon en homes. No caso do cancro de pulmón, a mortalidade mostra un comportamento contraposto entre homes e mulleres con respecto á tendencia, sendo decrecente no caso dos homes e crecente no caso das mulleres.

  O principal factor de risco é a idade. A maior idade, maior probabilidade de sufrir un cancro. Galicia é, por tanto, unha comunidade con maior incidencia que outras menos envellecidas.
  O sexo ten unha relativa importancia. En xeral os homes sempre teñen un risco algo máis alto salvo escasas excepcións. Un caso particular é o cancro de pulmón (un dos catro tumores maioritarios xunto aos de colon, mama e próstata) onde a mortalidade foi moi superior no caso dos homes, pero cunha tendencia á alza nas mulleres: mentres a idades avanzadas a mortalidade é maior en homes -de 70 a 74 anos recóllese unha defunción por cada 25 homes e por cada 126 mulleres-, de 30 a 34 a situación é a contraria, sendo a mortalidade en mulleres dunha por cada 9.377, fronte aos 11.401 homes.

  Para ver se hai influencia territorial na mortalidade, os investigadores dividen as mortes entre o número de habitantes dun concello (o que se chama RME bruta). Dado que os concellos máis envellecidos teñen cifras máis altas, suavízanse os resultados tendo en cuenta a idade media (a RME suavizada).
  Así puideron realizar mapas onde comparan a media galega (1) coa dos distintos territorios. En xeral non hai grandes diferenzas, excepto en dous dos cancros maioritarios (mamá e pulmón) onde as zonas costeiras de Coruña e Pontevedra sofren unha alta incidencia, mentres nas zonas de interior é escasa.


SITUACIÓN EN ORDES
  En 2005 estalou a alarma entre os veciños de Ordes. Catorce mortes por cancro no barrio do Recreo entre 2001 e 2004 desataron unha especie de paranoia (en parte alentada por algún partido político) e buscábase unha razón para este elevado número. Sempre no aire estaban Sogama e a central térmica de Meirama.
  Un estudo realizado polo catedrático da USC Juan Jesús Gestal, en colaboración cos doutores Adolfo Figueiras e Jacobo Laya, concluíu que as defuncións por cancro eran menores en Ordes que na media de Galicia (21,8 % fronte a 25,5 %) e que as mortes no Recreo eran un "clúster aleatorio" (traducido a linguaxe ordinaria, unha triste coincidencia).
  A presentación pública do estudo en xaneiro de 2005 suscitou desconfianza e malestar (novamente co apoio da oposición política). Os veciños pediron un novo estudo que foi autorizado en marzo.

  Anos despois este macroestudio do Sergas demostra que o concello de Ordes é un lugar que está nos promedios galegos, igual ca comarca, como podemos ver na seguinte táboa (RME suavizada).


  A continuación un mapa dos catro principais tipos de cancro. Neste caso os resultados son os da RME bruta porque senón terían unha ou dúas cores de máximo.

martes, 3 de septiembre de 2019

A familia Bello (Pereira)

  No século XIX e principios do XX practicamente todo o mundo tiña terras e gando, incluso os VIP da vila, fosen médicos, avogados ou empresarios posuían leiras e vacas, só que no seu caso podían permitirse criados ou xornaleiros para traballalas.
  Por suposto fóra da pequena zona urbana había familias campesiñas con grandes cantidades de terreo. Estas familias ricas* tentaban acumular sempre máis terra de forma que buscaban emparentar entre si e procuraban repartir as herdanzas o menos posible.

 Unha desas familias poderosas eran os Bello, os maiores propietarios da parroquia de Pereira, tanto que chegaron a ter nove caseiros. A casa principal, co seu notable hórreo, está a uns 250 metros ao sueste da igrexa parroquial. Alí viviron no século XIX Manuel Bello Pulleiro e a súa muller ? Garaboa Recouso. O seu fillo Antonio Bello Garaboa colaborou economicamente na restauración da igrexa polo que o seu nome aparece na fachada. Casou con Josefa Suárez Señarís, tamén de Pereira,coa que tivo un fillo que herdaría a casa familiar e tres fillas que casaron con membros doutras ricas familias campesiñas dos arredores.
  Manuela Bello Suárez (1864-1956) casou con Andrés Mosquera Uzal (1860-1934) dos Mosqueira da Costa de Poulo co que tería cinco fillos.
  Francisca casou con Jesús Veiras Pérez, o patriarca dos Veiras de Pardiñas (Poulo), co que tivo igualmente cinco fillos.
  Dolores casou para Buscás con José Moar Veiras (1869-1930), da rica familia Moar dos Ramos -tamén emparentada cos Veiras de Pardiñas-, e viviron na casa que hoxe é coñecida como a da Bella da Rúa.

  O herdeiro principal, Francisco Bello Suárez (que por certo tivo en 1909 un pleito coas súas tres irmás e cuñados a causa do testamento), casou con Mª Josefa Pérez Ramos (doutra familia de grandes propietarios, os Peres de Barbeiros) coa que tivo 6 fillos.
  María (1904-1997) casou con Antonio Martínez, descendente doutra gran familia campesiña, os Martís do Casal. Antonio morreu en 1945 a mans dos foucellas cando ía cara ao Mesón cobrar os impostos da feira da Adina. Dos catro fillos do matrimonio o máis coñecido é José Antonio Martínez Bello, o propietario da "Auto-escuela Órdenes" onde aprendeu a conducir gran cantidade da xente do concello.
  Antonio (1906-1984) herdou a casa principal. Do seu matrimonio con Elvira Botana Varela tivo catro fillos, do que o último, tamén de nome Antonio, que non casou é o que permanece na casa.
  Francisco, que cometeu un homicidio na súa xuventude, viviu lonxe e deixou dous fillos. De Manuel Jesús cremos que morreu novo.
  Asunción (1918-2013) casou con Antonio Cañón León (1930-2022), un electricista que reparaba televisores, matrimonio que non tivo fillos.
  Houbo outra filla máis da que non coñezo o nome que casou en Sigüeiro para a casa coñecida como de Rivera da Ulloa e que morreu no parto da súa filla Nieves Rivera. Esta última casou para a casa de Matías de Lavandeira con Pedro Villaverde.
  Por certo que o seu pai casou en segundas nupcias con Mª Veiras Mosquera, filla de Carmen Mosquera Bello (curmá da súa primeira muller, por ser filla de Manuela Bello). Todo quedaba en familia.  
FONTE: Julio Lino Mosquera Ríos.

*   Non eran ricas no sentido que lle damos hoxe de ter unha vida luxosa, pero si vivían con folgura e sen medo aos percances (como unha enfermidade ou a morte dunha vaca) que á inmensa maioría dos campesiños podían arruinalos e deixalos sen nada, converténdoos no que entón se chamaba "os caseteiros" que vivían case nunha choza e gañaban malamente a vida indo ao xornal.