domingo, 10 de septiembre de 2023

Boas novas en 1950

  En 1949 e 1950 seguiu habendo festas, pero produciuse unha especie de "apagón informativo" e non apareceron novas delas nos xornais como era habitual outros anos.
  Aínda así sabemos que as festas patronais de Ordes de 1949 duraron 5 días, do luns 14 ata o venres 18 de agosto, e contaron coa música, iluminación, cabezudos, xogos e fogos habituais.
 

  En 1950 xa temos novas na prensa dalgunhas celebracións. Por exemplo en marzo houbo en Ordes a habitual plantación de árbores do país por parte dos veciños e os alumnos das escolas nacionais.  
  En abril tivo lugar no Mesón do Vento unha Festa da Árbore organizada polo alcalde Genaro González e o comerciante Julián Marcos co apoio da Corporación  e os señores Ángel Concheiro e José Antonio Castro Rodríguez. Contaron ademais con Federico García que deu un discurso sobre os beneficios que árbores e paxaros proporcionan á agricultura e saúde dos pobos. Os nenos foron obsequidos con peciñas de pan, figos e chocolate.
  Tamén en abril, pero en Santa Comba tivo lugar a voda de Antonio Lois del Río (1923-1999) con Elisa Blanco Blanco. O seu irmán maior Valentín e o comerciante Antonio Ramos pediran en febreiro a man da moza á súa nai Balbina Blanco "de distinguida familia de Santa Comba". O matrimonio estableceríase alí, igual que o seu irmán menor José que casou cunha irmá da noiva, Josefa Blanco Blanco. Tamén a nai dos dous, María del Río Viqueira (1901-1981) que nacera en Vilar, acabou os seus días en Santa Comba.
 
  O sábado 19 de maio tivo lugar a voda máis fastosa de 1950. Na igrexa de Santa María "profusamente engalanada" casaron Antonio del Río Rial con Elvira Pardo Villaverde, en ceremonia oficiada polo párroco don Joaquín Andrade. Os padriños foron o pai da noiva, o contratista de obras públicas Pedro Pardo Fandiño, e a tía do noivo, a mestra Amelia del Río. Representou á lei Amadeo Patiño Blanco e firmaron a acta como testemuñas, Manuel Bermúdez Rodríguez, director do Banco Español de Crédito na Coruña, o mestre José Bello Segade Pepe Bello, o inspector veterinario Manuel Reyero Gijón, o médico Fernando Concheiro García, o funcionario Jesús Peleteiro, o director do Banco de La Coruña Segismundo Viqueira Ramos Mundito e o mestre Manuel Picallo Ameijeiras. Os numerosos invitados foron obsequiados cun "espléndido banquete". Logo os noivos saíron de viaxe de lúa de mel por diversas capitais españolas.
 
  Temos novas da festa que se celebrou en Buscás o día 26 de xuño na honra de San Paio. Ademais das misas de comuñón e de ofrecer a reliquia para ser bicada polos romeiros, da misa solemne con procesión ata o cruceiro e da música (con altavoces no campo!), fogos e bombas, houbo de novidade un precioso arco con flores artificiais que foi confeccionado polos mozos e mozas da parroquia baixo a dirección das relixiosas do Colexio La Milagrosa de Santiago.
  En agosto antes das festas patronais, concretamente o sabado día 12, tivo lugar a solemne inauguración do Sanatorio Concheiro no edificio que aínda ocupa actualmente (antes estaba na casa contigua e a partir deste momento viviron nela as irmás Josefina e Pilar Martínez Pilar do Sanatorio que puxeron unha mercería). Dadas as influencias do médico Antonio Concheiro non sorprendeu que o propio arcebispo de Santiago Quiroga Palacios fose o encargado de bendicir as instalacións.
  En outubro foi inaugurada unha sucursal da Caixa de Aforros de Santiago na rúa Primo de Rivera 5 (o Recreo preto do cruce). Alí apareceron o presidente Fernando Alsina González e os conselleiros Bartolomé Varela, Fernández Fernández e Díaz de Rábago ademais de todas autoridades locais. Comezou bendicindo as instalacións o párroco don Joaquín Andrade e logo veu o inevitable discurso do sr. Alsina que agradeceu a asistencia e falou da historia das caixas de aforros e os seus beneficios. Despois de dar ao cura e alcalde donativos para os pobres da localidade, houbo a inevitable copa de viño español.
 
  En novembro foron as festas de Santa Margarida na Coruña. Houbo competicións de baile con varias parellas de Ordes premiadas: José Sousa e María Álvarez acadaron un 2º premio de 150 pesetas, Antonio Iglesias Viqueira e Luisa Prado un 3º de 100 pesetas e Nonito Prado e Nieves Franqueira un 4º de 75 pesetas.
  A última voda notoria do ano celebrouse o xoves 14 de decembro na igrexa de Santa María. Os noivos eran Ovidio Prado Iglesias, fillo de Rogelio, e a "bella señorita" Rosalía Vilar García, filla de Francisco Vilar o Chocolateiro. Oficiu a cerimonia o párroco de Marzoa don Antonio Lemos, coa intervención do Rvdo. P. Leonardo Díaz García, procurador do Convento de San Francisco. Foron testemuñas Genaro Faya Vilariño, Pedro Castro del Río e Jesús Castro Castro.

1 comentario: