miércoles, 28 de septiembre de 2022

A feira da Adina

   A feira da Adina é moi antiga. Ten polo menos 270 anos! porque xa aparece mencionada no "Catastro de la Ensenada" de 1750, pero ignoramos cantos anos levaba existindo antes desa data. 
  Nel podemos ler nas páxinas dedicadas á parroquia de Ardemil: "Y solo hay una feria que se celebra el tercer sábado de todos los meses del año en el lugar de la Adigna, que se compone de ganado grueso, bueyes, vacas, novillos, cerdos, trigo, centeno, mijo grueso, menudo, linaza, castañas y habas. La que corre a cargo de Francisco Gómez de Rioboo S.rio de SM vecino de la feligresía de San Miguel de Filgueiras y a don Andrés García vecino de la de Santiago de Villa Mayor que traen por subarriendo por lo que pagan para cuenta de lo que se halla encabezada un mil doscientos sesenta Reales Vellón al año y regulan prudencialmente lo que dará dentitio ad aelano ciento cincuenta Reales Vellón cada uno".

  Case 100 anos despois, en 1846, o Diccionario de Madoz infórmanos que a aldea da Adina tiña 3 veciños (casas) e só 14 habitantes, pero a feira que se celebraba o penúltimo sábado do mes duraba seis horas e asistía xente desde 3 ou 4 leguas de distancia -ata 20 km!- basicamente para comprar gando, aínda que tamén se vendía gran.
  Non sabemos exactamente cando, pero na 2ª metade do século XIX a feira cambiou o seu primitivo emprazamento polo gran campo que había a carón da estrada no Mesón do Vento. Aínda así conservou o seu nome e continuou denominándose "feira da Adina", mentres a aldea pasou a denominarse a Adina Vella.
 
  No ano 1900 Francisco Tettamancy Gastón no libro "Apuntes para la historia comercial de La Coruña" afirma que "El (municipio) de Órdenes, o sea la capital, verifica tres excelentes ferias mensuales, que son: La de la Adina, en el Mesón del Viento, en un extenso campo ligado a la carretera de Santiago, los terceros sábados de cada mes, de ganado vacuno y cerda y toda clase de productos del país, abundando los granos; la de Poulo, en la parroquia de su nombre, los segundos domingos de todos los meses, de ganado vacuno y frutos; y dos en la villa, o cabeza de partido, de consideración, que tienen lugar los terceros y últimos domingos del mes, a los que concurren ganados vacuno y de cerda, toda clase de frutos y más productos del país en gran abundancia".
 
  En decembro de 1911 decidiuse que a feira dobrase a súa periodicidade, celebrándose tamén os primeiros sábados de cada mes: "El Ayuntamiento de Órdenes acordó la creación de una feira de toda clase de granos y demás artículos de consumo y ganados vacuno, de cerda, lanar, caballar y mular, sin impuesto alguno, que tendrá lugar en el Mesón del Viento de Ardemil donde se celebra la renombrada de la Adina todos los sábados víspera del primer domingo de cada mes, o sea el día anterior al del en que tiene efecto la de las Traviesas; debiendo celebrarse la primera el día 6 del entrante enero [de 1912]".
 
 
 
  Nos anos 20 estableceuse un imposto para a feira (do 3º sábado) co obxectivo de recadar fondos para comprar unha báscula, pero en maio de 1925, sendo alcalde Manuel Rivas foi suprimido, literalmente "porque lo recaudado no llegaba para los empleados, y podía con tal impuesto llegarse a la ruina de la feria".
 
  Sen máis sobresaltos a feira continuou a súa marcha durante o século XX. Velaquí algunhas fotos tomadas non seus momentos de esplendor nos anos 60 polo etnógrafo danés Gustav Henningsen
  A finais do século XX a feira comezaría a súa decadencia pero iso xa será tema doutro artigo.
 

sábado, 24 de septiembre de 2022

Enterro de Benigno Concheiro

   1944 comezou co enterro do avogado Jacobo Amor del Río, que xa morrera o ano anterior. Jacobo, tío das "señoritas" que levaban a estación telefónica, vivía no que hoxe é Alfonso Senra 69 e estaba solteiro aínda que mantiña unha relación coa Campela de Reboredo. Era un dos ultimos membros da rica familia Amor. En maio morreu a súa irmá Generosa, sobrevivíndolles só Eliseo, ex-celador de telégrafos. 
  Tamén morreron Manuel Mariño Liste, patriarca dos Mariños das Corredoiras, Manuel García Bermúdez, patriarca dos de Carballo, e o panadeiro Antonio Ferreiro Eirín, pai de Dolores, Mª Carmen a Morena e o mestre Caramelo.

  Pero, debido á súa xuventude (pasaba pouco dos 40 anos), a morte máis sentida foi a do avogado Benigno Concheiro García que tivo lugar o 29 de abril, mentres que o enterro xa se celebrou o 1 de maio.
  Acudiu unha gran cantidade de xente de Ordes, de Mesía (de aí era o seu avó Benigno -morto en 1925 aos 84 anos- que foi alcalde dese concello) e de Carral de onde eran os seus avós maternos. Tamén asistiron moitos compañeiros, altos funcionarios do concello da Coruña, e unha nutrida representación da Corporación de Carral, encabezada polo alcalde e o párroco.
  O dó de familia estivo constituído polo ex-alcalde da Coruña Manuel Iglesias Corral, os seus curmáns Antonio, Ángel e Celestino Concheiro Iglesias e o seu avó materno Manuel García Bermúdez (que morrería medio ano despois). O dó de amizade formábano o párroco don Joaquín Andrade Orza, José Oribe, David Sotelo, Eugenio Fernández, Cecilio Fernández Alonso, José Diz, Antonio Pedreira Ríos, Javier Teijeira, Manuel Sanguiñedo e Jesús Domínguez Pedreira.
  Acabada a misa portaron o féretro catro funcionarios municipais da Coruña e as cintas catro avogados. Recibiu sepultura no panteón familiar, na esquina nordeste do cemiterio do Piñeiro.
 
 
  O seu antigo mestre, don Nicolás del Río, dedicoulle un sentido artigo no xornal El Compostelano:
BENIGNO CONCHEIRO GARCÍA
  Falleció en esta villa uno de sus mejores valores intelectuales, que desde su niñez demostró gran amor al estudio consiguiendo verificar la aprobación de su carrera en muy corto número de años, siempre con muy buenas notas.
  Al finalizarla, se domicilió en La Coruña, destacando de una manera singular en el foro, mereciendo la admiración de sus compañeros que veían en él excepcionales dotes para el desempeño del cargo de abogado, que era solicitado cada día con más intensidad, siendo todavía un joven, cuando su porvenir era muy halagüeño en el campo jurídico, que cultivaba con gran cariño.
  El Ayuntamiento de la capital le había nombrado su asesor, cargo que desempeñaba a satisfacción de la Corporación, mereciendo siempre aceptación sus consejos en materia legal como si se tratara ya de un veterano en estas cuestiones que él resolvía con una lógica digna de elogio e hija de sus profundos conocimientos.
  En el trato social no hay nada tan elocuente, ya que esta era su característica pues contaba sus amistades por las personas que le trataban, las cuales salían satisfechas de su sencillez tanto como de su cultura, que le producían una caballerosidad sin límites, muy apropiada con la educación cristiana que había recibido en el seno familiar desde su más tierna infancia.
  Y esto mismo se mostró en los funerales, que se celebraron hoy en el templo parroquial, ya que desde la mañana temprano las calles de la villa se vieron invadidas de multitud de vecinos de las aldeas próximas y lejanas, singularmente del Ayuntamiento de Mesía, de donde son oriundos sus ascendientes.
  Lo mismo ocurrió con la conducción de sus restos mortales al cementerio, cuyo acto revistió el carácter de una imponente manifestación de duelo, recibiendo cristiana sepultura en el panteón familiar donde descansan también los de su inolvidable padre don Pedro Concheiro*, muerto siendo secretario de este Ayuntamiento ya hace años y a temprana edad compartiendo con el autor de sus día las soledades del sepulcro esperando el juicio final.
1 de mayo de 1944
* Pedro Concheiro Rodríguez: morto en 1922, aos 48 anos. Foi o primeiro soterrado no cemiterio do Piñeiro.

martes, 20 de septiembre de 2022

Os nomes das vacas

 
   Contaba Xosé Ramón Alvite en La Voz de Galicia no ano 2017 que en Galicia estábase a perder o costume de poñer nomes ás vacas. Segundo o Control Leiteiro, das cen mellores vacas en produción do ano 2015, só a cuarta parte tiñan nome propio. Ao resto identificábanas cun número. Que tristeza! 
  Porque antigamente a vaca era todo para o campesiño galego, compartindo con el os días e os traballos, aportando para o seu sustento e vivindo xuntos penas e ledicias. A enfermidade da vaca podía ser máis devastadora para a economía familiar que a dunha persoa. 
  Por iso antes todas as vacas tiñan nomes, nomes que facían referencia a características como o físico, a idade ou o carácter. 
  Ultimamente en Galicia o nome máis usado é Paloma, que normalmente significa que esa vaca ten unha cor clara. Ségueno clásicos como Marela, Linda ou Pinta. Pero todos os nomes din algo do animal. Dunha Careta hai que supoñer que ten unha mancha branca na cara. Dunha Gallarda que ten moita prestancia, dunha Xuvenca que cando se lle puxo era a máis nova (logo pode chegar a ser moi vella pero o nome segue aí). Capitana é unha vaca mandona, en cambio Pastora tería un carácter dócil. 
  Manuel Pazos Gómez, o fundador do Obradoiro da Historia, hai anos que fixo un estudo sobre os nomes máis frecuentes das vacas na parroquia de Marzoa (Oroso). Creo que poden ser perfectamente extrapolables a outras parroquias da nosa comarca. 

Blanca
Ghallarda
Nova
Rabuda
Bonita
Gharrida
Pacheca
Romera
Cabana
Linda
Paloma
Rosa
Cachorra
Loura
Parda
Roxa
Careta
Lucera
Parrula
Rubia
Cornuda
Marela
Pequecha
Teixa
Coxa
Mora
Pequena
Tora
Danesa
Morena
Pinta
Turrona
Ferrada
Neghra
Princesa
Xuvenca

jueves, 15 de septiembre de 2022

O ano 1944


   En 1944, ano de moi boas películas (sobre todo de cinema negro), continuou a dinámica negativa para o Eixo na 2ªGM. En xaneiro Rusia rematou co asedio alemán a Leningrado mentres os aliados desembarcaron preto de Anzio, aínda que a liberación de Roma atrasouse ata xuño. Ese mesmo mes os rusos lanzaron unha ofensiva masiva no leste de Bielorrusia e avanzaron por Polonia. Pero a data máis icónica dese ano foi o 6 de xuño (o "Día D") no que tropas británicas, estadounidenses e canadenses desembarcaron en Normandía. En agosto foi liberada a cidade de Paris. A Batalla da Ardenas en decembro foi o último cartucho alemán para atrasar a inminente derrota. Tamén no Pacífico os americanos vencían aos xaponeses pero estes eran un óso moi duro de roer e cada pequeno avance custaba litros e litros de sangue.  
 
 
En España, 1944, ano no que se publicou Hijos de la ira de Dámaso Alonso, foi o primeiro da "pertinaz sequía", así que os gobernadores civís de moitas provincias publicaron bandos anunciando severas restricións eléctricas, que empezaron a partir do 15 de febreiro pero que se agudizaron no verán.
Afectaban á iluminación pública e particular e tamén ás empresas, excepto factorías militares. Nalgúns casos mesmo se suprimiron os horarios de tarde de espectáculos, cinemas e bailes. E, como non, as multas para os que tentaran saltar a norma eran bastante elevadas (se os pillaban, está claro). Aínda con este panorama, en 1944 celebrouse en maio a XXII Feria Internacional de Muestras en Valencia. Tamén foi o ano en que Manuel Gago sacou El Guerrero del Antifaz, o cómic máis popular da posguerra.
 
   A pesar de que economicamente as cousas non ían ben, o Réxime mantiña o tipo, pero a inminencia da vitoria aliada era para Franco unha nube no horizonte. En febreiro reafirmou a "estricta neutralidad" de España e en marzo regresaron ao país os lexionarios, últimos integrantes da División Azul. Pola contra, para a resistencia eran tempos de ilusión ata o punto de animarse en outubro a realizar unha desatinada invasión desde os Pireneos, que recibiu o nome de Operación Reconquista. 
 
  Galicia tamén vivía as restricións eléctricas e a maioría da xente ignorou que en marzo aparecera en Buenos Aires Sempre en Galiza. Afectaba moito máis a crise do wolframio que empezara xa en 1943 pero que rematou en abril de 1944 cunha redución case total das ventas deste mineral a Alemaña, o que foi un gran prexuízo económico para a rexión, pero pola contra o Réxime mellorou as súas relacións co R.U. 
  A resistencia anti-franquista tamén se viu animada pola previsible victoria dos aliados, así que moitos esquerdistas volveron ao monte coa ilusión de rematar coa ditadura. En outubro en Abegondo, presidida por Manuel Castro Rodríguez, delegado da Internacional Comunista na Unión Nacional Española tivo lugar unha reunión na que participaron Manuel Ponte, Francisco Rey, Marcelino Rodríguez, Adolfo Allegue e Juan Pérez Dopico. Nela constituíuse o Ejército Guerrillero de Galicia, organización que se dividiu en catro agrupacións. Cada unha estaba estruturada en partidas ás que se lles asignaron zonas de actuación, correspondéndolle á IV agrupación as terras de Ordes. 
 
  E... que cousas pasaban en Ordes?
XANEIRO: Quizais o máis sorprendente do ano foi a multa que recibiu o ex-alcalde (e futuro alcalde) Antonio Concheiro e algunhas persoas do seu círculo. Literalmente "Por censurar la actuación del Jefe Comarcal del Movimiento, y de la Corporación Municipal de Órdenes que preside, vertiendo conceptos injustos e intolerables sobre la labor de la misma, y persistir en manejos caciquiles han sido multados con mil pesetas Antonio Concheiro Iglesias, Ángel Concheiro Iglesias, José Villasenín Veiras y Andrés Martínez Castro, y a Jesús Díaz Veiras por tolerarlo en su casa, 250 pesetas". Enterro do avogado Jacobo Amor del Río. Acto falanxista no Teatro de Ordes. Doados xoguetes e roupa ás familias de poucos recursos. Remataron as obras para ter maior caudal de auga na vila. Destinados os mestres Lisardo Castro Amor para Ardemil 2 e Elena Telmo Duarte para a vila. Morreu Flora Louro Ferreiro e, en Beán, Manuel Mosquera Iglesias aos 76 anos.
FEBREIRO: Agora foron varios panadeiros de Ordes os multados por criticar tamén ao alcalde. Primeira misa oficiada por don Joaquín Andrade Orza en Ordes. Creada comisión para o arranxo da igrexa parroquial. Festa da Árbore. Morreu en Leira o mestre Manuel Castro Viqueira.
MARZO: Aparece nas Casillas na cuneta da estrada o cadáver da mendiga Mª Angelina de Sousa, falecida de morte natural. 
ABRIL: Estrea da obra "Un marido interino" de Víctor do Capitán  no Salón Troche con dirección de Viriato Lamas. O día 29 morreu o avogado Benigno Concheiro García. 
MAIO: Don Joaquín Andrade é nomeado Arcipreste de Berreo de Arriba. Cesou de administrador de Correos Fernando Rubín González, o novo sería Álvaro Landín del Valle. Morreu Juan Villaverde Franqueira. 
XUÑO: Detidos en Sigüeiro tres maleantes que cometeron numerosos roubos en hórreos e muíños de Ordes, Tordoia, Trazo e Buxán. Morreron Francisco del Río Martínez (marido de Carmen Ríos Barreiro) con 50 anos, Juana Carnota, nai do transportista Rogelio Prado, e en Leira Carmen Uzal Blanco aos 50 anos.
XULLO: Morreu o día 31 Generosa Amor del Río, viúva do mestre de Cerceda Pedro Álvarez Villaverde, aos 76 anos de idade. 
AGOSTO: Aprobado un proxecto de pavimentación no Recreo. Xubilación do mestre don Nicolás del Río, aínda que seguiría dando clases particulares. Faleceu na Coruña Telmo Carballido Fernández, avogado e secretario do Xulgado de 1ª instrución de Ordes, e en Ardemil a moza Casilda Liñares Candal con só 25 anos. 
SETEMBRO: Ordes e Cerceda, entre outros municipios da Coruña, seleccionados como zona de produción de pataca de semente (polo que debía ser declarada). Morreu o día 10 Manuel Mariño Liste, patriarca dos Mariños das Corredoiras. Destinado a Ordes 2 Francisco Eiras Sampedro (que morrería 4 meses despois con só 31 anos de idade). 
OUTUBRO: Concurso de Calidade de pataca para todos os agricultores de Ordes na Ferradura de Santiago. Manuel Seoane Blanco, mestre en Ordes 1. Morreron Manuel García Bermúdez -o día 14-, patriarca dos de Carballo que tiña 87 anos de idade, e Carmen Mariño Martínez, muller de Juan de Carril. 
NOVEMBRO: Ingresado no Hospital de Santiago Jesús Mártinez de 46 anos con prognóstico grave. Eleccións sindicais con gran éxito de participación (pola conta que lles tiña!). Morreu o panadeiro Antonio Ferreiro Eirín, pai de Dolores, Mª Carmen a Morena e o mestre Caramelo, e en Mercurín Carmen Ríos Raña aos 68 anos.
DECEMBRO: Puxo á venda a súa casa fronte á igrexa a familia Barreiro. Ao ano seguinte a familia desaparecería da vila. Morreu en Ardemil María Sánchez Couto aos 44 anos.

E non pode faltar a relación de multas:
XANEIRO: 1.000 pesetas a Antonio Concheiro Iglesias, Ángel Concheiro Iglesias, José Villasenín Veiras e Andrés Martínez Castro (criticar a actuación do xefe comarcal do Movemento e da corporación municipal) e 250 a Jesús Veiras Pérez (por toleralo na súa casa). 250 a Manuel Mosquera Liñares (celebrar un baile sen autorización). 200 a Ramón Prado Carnota (insolencia cos axentes da autoridade). 150 a Jesús Lata Gómez (despachar alcol a individuos embriagados). 75 a Mª García Parada (denuncia falsa). 50 a Jesús Visos Noya (celebrar un baile sen autorización).
FEBREIRO: 300 pesetas a Victoriano Fuentes Brandariz e Andrés Gaudeoso Pazos, 200 a José Ferreiro Rama e José de la Fuente Eirín, 150 a Manuel Eirín de la Fuente e Andrés Blanco Calvo e 100 a Marcelino Conde Recouso (denuncia infundada contra o alcalde). 250 a María Moar Pérez (escándalo e faltas á moral).
ABRIL: 250 pesetas a Pedro e Dolores Castro del Río e Manuel Villaronga Castro (escándalo). 50 a Manuel Pardo Villaverde, Manuel Villaronga Castro*, Manuel Liste Areoso e Raimundo López Franqueira (insultos e escándalo).  
XUÑO: 500 pesetas a Eduardo Gómez Gómez e José Candal Gestal (extracción clandestina de wolframio). 25 a Pedro Graña Blanco (viaxar sen salvoconduto).
XULLO: 250 pesetas a Jesús Iglesias Manteiga, Máximo Candal Ríos, Andrés Candal Gómez, Andrés Candal Bascoy, José Candal Gómez e José García Gestal (infracción do regulamento de armas e explosivos). 250 a Antonio García Varela (blasfemia e reincidencia).
AGOSTO: 250 pesetas a Fernando Liste Fernanducho, Pedro Graña, Ricardo Caamaño, Antonio Louro Iglesias e José Candal (infracción das disposicións sobre restriccións eléctricas). 50 pesetas a Gerardo Seijas Pacheco (para que corrixa aos seus fillos que se dedican a apedrar persoas e coches). 50 a Josefa Juncal Vilariño (escándalo). 25 a Francisco Ferreiro Juncal (viaxar sen salvoconduto).
NOVEMBRO: 50 pesetas a José Martínez Martínez, Jesús Iglesias, Manuel Boquete Martínez, Argimiro Uzal e Emilio Recouso Recouso (blasfemias e palabras grosas).

domingo, 11 de septiembre de 2022

Arte ao aire libre na Cruz

  Desde, máis ou menos, o ano 2000 os peregrinos que viaxaban polo Camiño Inglés puideron ver algunhas esculturas de pedra ao seu paso pola parroquia de Ardemil, concretamente no lugar da Cruz, preto dunha casa grande e solitaria con fachada de ladrillos (que desde 2017 é o Café bar Uzal).
 

 
Arredor do ano 2005 toparon cun espectáculo sorprendente: unha especie de vía de tren curvada sostiña dous antigos tractores. Inmediatamente o lugar converteuse no máis fotografado de todo o roteiro. 
   E... quen colocou ese rechamante deseño á beira da estrada? Pois foron os membros da asociación "Castro da Croa" como reclamo publicitario da súa Festa da malla que se celebrou o verán do ano 2006 por primeira vez. 
 

  Cada ano esta bizarra exposición foi aumentando con novas esculturas de pedra e outros elementos como unha estrutura coroada por un dinosauro (xa desaparecido por causa das inclemencias meteorolóxicas). No ano 2014 un dinosauro xigantesco con exterior de poliestireno, comprado en Vilagarcía, e cuxo interior podían visitar os nenos, converteuse na nova estrela da colección. Apareceu logo un avión (sen ás) e probablemente o grupo artístico aínda aumente no futuro.
 
 

Pero ... quen está detrás de todo isto?
  O nome do responsable e propietario desta exposición de arte ao aire libre é Orencio Uzal López.
 
  Orencio naceu en xullo de 1958 en Ardemil. Os seus pais eran labradores e tiveron 5 fillos dos que Orencio foi o terceiro. Ningún deles tiña inquedanzas artísticas, ao revés que el. Foi á escola ata os 14 anos e logo traballou no corte e transporte de madeira e montaxes mecánicos ata que acadou un posto no Servizo de Limpeza da cidade da Coruña. Casou en 1987 con María Lourdes Muiño Bouzas, coa que tivo dous fillos: Rubén e Alba.
  A mediados dos anos 90, sobre 1994 ou 1995, comezou a coleccionar vehículos e maquinaria antiga, unha das súas paixóns. De feito ten un enorme almacén (tiven o pracer de visitalo) que volvería tolos a Mike e Frank, os cazatesouros, porque Orencio só compra e non ten intención de vender nada da súa colección. Non ten necesidade porque, aparte dos rendementos do seu traballo tamén tivo a fortuna de que lle tocara nalgunha ocasión a lotería.
  Outra paixón son as esculturas de pedra. A maioría son feitas por el, pero se ve unha allea que lle gusta moito tamén a compra se pode. O seu mestre principal foi un artesán de Guitiriz chamado Ramón Villar. A maioría das súas esculturas foron feitas a medias entre os dous: Villar poñíalle as marcas e el tallábaas logo. Emprega tanto ferramentas de man como eléctricas (compresor radial, abuxardadora...) e os bloques de pedra tráeos das canteiras de Parga en Guitiriz. Os temas xeralmente teñen relación con Galicia, pero tamén hay algunha excepción como unha torre Eiffel. Dúas das esculturas máis fotografadas, a parella de paisanos, non son da súa autoría, senón dus artesán das Travesas.
  Na actualidade Orencio continúa coas súas afeccións pero baixando un pouco o ritmo.

  En decembro do ano 2020, en plena pandemia, recibín un e-mail dunha persoa descoñecida para min: Jo Farb Hernández. Resultou ser profesora universitaria de historia do arte e pretendía incluír a Orencio nun novo tomo do seu libro "Singular Spaces". Xa estivera en Ardemil para conseguir fotos e falar con el, pero non o lograra. Investigando, deu co meu blog e contactou comigo para saber se eu tiña información sobre el. Respondinlle que o coñecía porque fora mestre da súa filla Alba e que podía falar con el e transmitirlle as súas preguntas. Visiteino en xaneiro de 2021 e este artigo é un resumo daquela entrevista que lle enviei logo a Jo Farb Hernández (con algunha foto a maiores).

viernes, 2 de septiembre de 2022

Joaquín Andrade Orza

   Joaquín Andrade Orza naceu no ano 1889 en Santiago no seo dunha distinguida familia compostelá. Os seus pais eran Jesús Andrade Portas (1863-1939) e María Portas Cereijo (m.1931), que tiveron dous fillos: Joaquín e Carmen. Esta última casaría en 1924 con Fernando Meléndez García, oficial do Banco de España en Madrid.

 
Joaquín sentiu a vocación relixiosa e ingresou na Universidade Pontificia en 1908, aos 19 anos. No ano 1915 obtivo unha bolsa de graza (beca de gracia). En 1918 foi nomeado presbítero e xa en outubro conseguiu o seu primeiro destino como ecónomo de Muxía, cargo que só desempeñou ata decembro cando foi nomeado mordomo do Seminario. No ano 1922 acadou o doutorado en Dereito canónico e en xullo de 1927 a cátedra de latín, sendo un dos profesores máis novos da Universidade Pontificia. En setembro de 1929 tivo a honra de inaugurar o novo curso escolar cun celebrado discurso sobre "La evolución histórica de la lengua latina".
 
  Non comezou con bo pé a década dos 40, porque en 1941 sufriu unha delicada intervención cirúrxica da que se restableceu plenamente. En 1943 foi proposto polo Conde de Altamira como párroco de Ordes.
 
 A súa primeira misa na vila foi en febreiro de 1944, ocasión na que o acompañaron numerosos sacerdotes compañeiros do Seminario. A súa primeira disertación aos fregueses ordenses foi sobre a expresión "Pax vobis" (moi axeitada ao momento). A súa figura delgada, menuda, con gafas e a súa gran cultura e distinción tan alonxadas do anterior párroco, don Ramón Mosteiro Ferro, causaron unha grata impresión na vila. De feito ata logrou ter unha boa relación coa familia Concheiro García, notoriamente de esquerdas.
  Ese mesmo mes de febreiro presidiu a Festa da Árbore e iniciou una recadación de fondos para o arranxo da igrexa parroquial. Acadada unha boa cantidade, as obras tiveron lugar no verán.  
  En maio dese mesmo ano o arcebispo Tomás Muñiz Pablos tamén lle concedeu a dignidade de arcipreste de Berreo de Arriba. Estivo en Ordes uns doce anos.
 
  En 1956 deixou a vila para iniciar unha nova etapa na súa vida. Foi nomeado coengo da R.E.I. Colexiata da Coruña, posto que desempeñaría longos anos nunha cidade na que viviría ata a súa morte. Esta tivo lugar o 16 de marzo de 1984 con 94 anos. Os seus restos repousan no cemiterio de San Amaro (A Coruña).