martes, 26 de febrero de 2019

Rúa Rosalía de Castro

  A actual rúa Rosalía de Castro é unha das máis antigas da vila pois ten a súa orixe en 1924, cando era alcalde o farmacéutico Santiago del Río Seoane.

  Santiago, aínda que forasteiro, tiña raíces ordenses: era sobriño de Antonio del Río Castro, xefe político do distrito a finais do século XIX. Pola súa voda en 1912 con Josefina Carballido Pol herdou a farmacia de arriba á morte do seu sogro José Carballido, e tamén era propietario de moito terreo na zona que proviña da familia Pol.
  Xunto con outro forasteiro, o procurador José García Rivas (que o sucedería pouco despois na alcaldía), pagaron do seu peto as expropiacións -claro que moitas pagáronas a si mesmos-. A explanación, que tivo lugar en setembro de 1924, foi realizada polo lagoeiro Jesús Fernández.
  Aínda que a rúa foi concibida antes do golpe de estado de Primo de Rivera, fíxose xa cos militares mandando e tivo unha importante participación nela o delegado gobernativo José Méndez García (que por suposto era militar -capitán de cabalería-). Como era conveniente halagar ao réxime, recibiu o nome de "Calle del Directorio" (aludindo ao Directorio militar), que co tempo quedaría simplemente en "Calle Directorio".


  Non pode dicirse que tivese un éxito inmediato. Máis de 30 anos despois, nunha foto aérea de 1956 podemos ver que gran parte da rúa seguía sen vivendas.
  A finais dos 80 cambiouse o seu nome polo da escritora Rosalía de Castro. En 1996, sufragadas pola Deputación de Coruña, tiveron lugar as obras de canalización, iluminación e construción de novas beirarrúas que lle deron o seu aspecto actual.

domingo, 24 de febrero de 2019

Foot-ball en Ordes

  A finais do século XIX e principios do XX os cambios sociais aceleráronse. Nas cidades galegas había unha cada vez máis vigorosa burguesía aberta a novas modas non só no vestiario senón tamén en diversos costumes que viñan do estranxeiro.
  Abundaban cada vez máis os casinos, as agrupacións de excursionistas, as corais e os cinemas. Tamén os deportes tiveron éxito e aparecen as primeiras carreiras de coches ou de bicicletas e, por suposto, non podía faltar o fútbol (que entón aínda se escribía foot-ball).
  Na primeira década do século XX xorden equipos en Vigo e Coruña que serán o xerme do Celta e o Deportivo. As vilas como Ordes tardan un pouco máis, pero na década dos 20 a maioría xa contaban con equipos que estaban conformados só polos mozos das familias de posición, pois ao resto xa lles sobraba o exercicio físico que facían no campo e dedicaban o seu escaso lecer a actividades máis sedentarias como a taberna ou mocear.

  Aínda que moi probablemente xa se xogara algunha outra vez, o primeiro partido en Ordes do que temos constancia (porque apareceu unha reseña no xornal El Ideal Gallego) celebrouse en xullo de 1924. Varios mozos de adiñeiradas familias dividíronse en dous equipos, o "Órdenes F.C." e o "Infantil F.C." (este último, como o seu nome indica, estaba composto de futbolistas de menor idade).
 No Órdenes xogaron: Blanco, Juan Liñares, F. García, Gabino Amor*, Antonio Concheiro, Pol, Fernando Varela, Gumersindo Liñares, Celestino Concheiro, Arturo Viqueira e Manuel Mariño.
  O Infantil estaba composto por: José Concheiro, M. Álvarez, Ramón Faya, Ángel Mariño, Ruiz Louro, Rivas, L. García, Joaquín Varela, J. Viqueira e Luis Liñares.
  O árbitro foi José María Varela* (do que se podía supoñer a súa imparcialidade pois tiña un irmán en cada equipo) e o partido rematou 3-1 a favor do Órdenes. Segundo El Ideal Gallego: "Al partido concurrió un público tan numerosos como distinguido".

   A partir de aquí o fútbol sería habitual, especialmente nas festas patronais onde os partidos converteríanse nunha popular atracción. 
  No Nadal de 1926 temos noticia dun partido que se disputou en Ordes contra o Bergantiños. Os xogadores carballeses xa viñeron acompañados dun pequeno grupo de siareiros que viaxaron nun camión. A victoria foi para os de Carballo por pequena diferencia pero para o xornalista de El Ideal Gallego "El resultado favorable para nuestros simpáticos huéspedes y la escasa diferencia servirán de estímulo para nuevos partidos que se verificarán el año próximo y que servirán de base de unión entre dos pueblos hermanos". Rematado o partido as dúas formacións compartiron unha fraternal cea.
  Nas festas patronais de 1927 os mozos locais vapulearon 7-0 a unha selección de mozos veraneantes. Xogábase nun campo, pomposamente coñecido como "Stadium del Naranjal", que estaba á beira do cemiterio (o que hoxe é a parte sur do cemiterio vello).
  En maio de 1928 perderon un partido contra o Bergantiños por 4-3 onde a aliñación era: Blanco, Juanito, Rapela*, Antonio, Eliseo Neira, Liñares, Antonio Louro, Jurís,  Arturo, Otero e Mundito.
  A finais de 1928 o equipo desfíxose temporalmente, pero volveu recompoñerse en 1929 e seguiu disputando partidos con regularidade e acadando en xeral bos resultados. En agosto xogaron contra un equipo de Santiago, arbitrados por Antonio Concheiro, e empataron 2-2. A aliñación foi: Pepe, Liñares, Tarrio, Celestino, Eliseo, Gerpe, Mundito, Verguez, Arturo, Chucho e Louro.
  Os xogadores máis destacados acostumaban ser Eliseo e Mundito.

* Gabino Amor Rivas (1906-1947) sería recadador de contribucións e esposo da profesora Mª Concepción Carreró Cerecedo Maruja Carreró (1913-2008).
José María Varela Rendueles, fillo de Joaquín Varela Tojo (o propietario do Pazo do Peñasco), sería 12 anos despois o último gobernador civil republicano de Sevilla antes de ser ocupada por Queipo de Llano. O seu irmán Fernando, un dos xogadores, morrería moi novo, cinco anos despois, en 1929.
Jaime Iglesias Romero (m.1977) sería médico na Coruña. Toda a súa familia eran coñecidos como Rapela, o apelido da súa avoa.

viernes, 22 de febrero de 2019

A familia Nine

  A familia Nine procede de Noia, vila onde naceu Miguel Nine Novaes (m.1925). Non obstante a maior parte da súa vida residiu na Estrada (Pontevedra), concretamente no Pazo de Preguecido da parroquia de Aguións. Foi un home importante, de oficio procurador, que militou no Partido Liberal -ala riestrista-, e durante moitos anos (25!) membro da Deputación provincial de Pontevedra da que chegou a ser vicepresidente.
  Casou con Balbina Fraga Vázquez (m.1944), matrimonio que tivo cinco fillas, algunhas de nomes tan rechamantes como Agripina, Argimira ou Melania (ademais de Dolores e Esclavitud) e un fillo varón: Alejandro.

  Alejandro Nine Fraga (m.1937) foi avogado e funcionario xefe de Facenda na cidade da Coruña (e outros traballiños extra como representante da marca de coñac "Marqués del Real Tesoro" para redondear o soldo). Casou en xullo de 1914 con Consuelo Puertas Roa, dunha distinguida familia compostelá.
  Viviron na Rúa Juana de Vega da Coruña pero desde os anos 20 formaron parte da entón ampla comunidade de veraneantes de boa posición que viñan gozar do "salutífero clima de montaña" de Ordes. Primeiro residiron no Recreo nun chalé da familia Liñares pero logo fixeron a súa propia vivenda no que hoxe é Alfonso Senra 144. Esta casa sería logo vendida a José Castro del Río Pepe do Ferreiro. O apego á vila da familia foi tal que, aínda que nacido na Estrada, Alejandro, está soterrado no cemiterio do Piñeiro en Ordes (no panteón dos Concheiro Iglesias) coas súas fillas Consuelo e Josefina.
  Tiveron cinco fillos: Consuelo, Miguel, Mª Teresa, Mª Isabel e Josefina. Consuelo e Teresa foron as que tiveron máis relación con Ordes. Josefina morreu moi nova en 1941.  

Consuelo Nine Puertas* (1915-1999) casou en 1942 con Celestino Concheiro Iglesias (m.1983) co que tivo 3 fillos: Alejandro (n.1943), avogado, Mª Elena (outubro de 1944) e Ángel (n.1951), catedrático de farmacia que vive en Santiago desde a súa adolescencia.
Mª Teresa casou, tamén en 1942, con Joaquín Varela Rendueles (1909-1992), fillo doutro veraneante ilustre na vila, o avogado santiagués -aínda que residente habitual en Madrid- Joaquín Varela Tojo, propietario do Pazo do Peñasco. Durante algún tempo o matrimonio emigrou a Venezuela pero retornaron de novo a Ordes.
Tiveron Tres fillos: Joaquín (n.1943), Mª Teresa (n.1944) que casou en 1962 con Manuel María Concheiro -fillo do banqueiro e empresario Manuel Concheiro-, que son os actuais propietarios do Pazo, e Miguel Varela Nine.

Miguel (m.1989) e Mª Isabel Nine Puertas (m.2008) que tamén traballou en Facenda, viviron na Coruña e apenas tiveron relación con Ordes.

* Oficialmente María de la Consolación Filomena Balbina Catalina Isolina. Non é de estrañar que remataran por chamarlle unicamente Consuelito

 

domingo, 17 de febrero de 2019

Visitantes ilustres

  No ano 1924 Ordes tivo dous importantes visitantes.

  O primeiro foi o arcebispo de Santiago Manuel Lago. O domingo 18 de maio efectuou unha viaxe oficial á Coruña sendo moi aclamado nos lugares de paso.
  En Ordes fixo un breve alto no camiño e foi saudado polas personalidades da vila. O primeiro foi, como non, o párroco don Nemesio Morgade, que encabezaba un grupo duns 20 sacerdotes (os do resto de parroquias do concello e outros de Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo). 

  Estaban tamén o delegado gubernativo, capitán de Cabalería José García Méndez, o xuíz de instrución José Sánchez Guisande, o deputado provincial Manuel Astray Mato e o seu irmán, o avogado e fiscal Ramón Astray, o alcalde Julio Pol Caamaño, os notarios García Álvarez e Borrazás, o xuíz municipal Celestino Amigo e os médicos Concheiro, Castro e Sánchez. Non faltaban tampouco varios mestres (Del Río, Pan, Caamaño e as mestras Menlle, Castro, Platas, García, del Río e Caramelo), as asociacións de "Hijas de María" e do "Sagrado Corazón" e moitas outras "salientes personalidades".
Segundo El Ideal Gallego "el pueblo en masa le tributó una delirante despedida".

  En xullo o visitante ilustre (e por partida dobre) foi nin máis nin menos que o líder do Directorio, o mesmo Miguel Primo de Rivera.
  O 25 de xullo unha parella da Garda Civil trouxo a noticia ... ás 4 da noite! e ás 9 da mañá, con puntualidade militar, xa estaba o visitante, acompañado de Martínez Anido e do gobernador, ás portas da casa consistorial. 

  Recibírono unicamente o agora alcalde Santiago del Río e os concelleiros Jacobo Amor del Río e o mestre don Nicolás. O resto da corporación estaba en Santiago pois non lles chegara a nova da parada en Ordes. Primo de Rivera entrou no salón de sesións e conversou afablemente cos que alí estaban.
  Debeu quedar contento pois recuncou ao día seguinte e aínda máis cedo, ás 8 e media. Esta vez, coa visita máis preparada, xa había un gran arco de triunfo á entrada da casa do concello onde se podía ler: "Viva el Directorio - 13 de Septiembre de 1.923". Tamén había unha banda de música e o salón con mobles que achegaran "respetables damas y señoritas de la alta sociedad".

  Un coro formado por parellas de nenos interpretaron cantigas populares acompañados de pandeiretas e castañolas. Ao parecer gustaron moito a Primo que recibiu deles e doutro grupo de raparigas vestidas co traxe rexional un par de ramos de flores. Tamén recibiu o saúdo dunha comisión de empregados de Facenda e outra de empregados de Aduanas que viñeron da Coruña expresamente para saudalo.

  Na florida prosa do mestre Nicolás del Río para o xornal El Compostelano: "Este pueblo, tan entusiasta del nuevo régimen como el que más, ha tenido la honra de saludar por dos veces al libertador de España con vibrantes aclamaciones que revelaban la satisfacción de sus habitantes reflejada en sus semblantes".

  A finais de xullo de 1925 tivemos a visita (neste caso bastante curta) doutro personaxe moi importante: o nuncio da Súa Santidade Pío XI, Monseñor Federico Tedeschini.

  De camiño para a Coruña, parou brevemente en Ordes, onde o esperaban todas as autoridades locais. A petición do párroco don Nemesio Morgade, entrou na igrexa onde orou breves momentos e posteriormente deu a bendición ao numeroso público presente, moitos dos cales tamén bicaron o seu anel. Logo continuou a súa viaxe á Coruña entre as aclamacións do xentío.

miércoles, 13 de febrero de 2019

O inverno sen fin

  Contrariamente á dura década dos 80, a dos 90 foi bastante suave (apenas un temporal destacable en 1991), pero iso mudou totalmente no cambio simultáneo de século e de milenio. O inverno de 2000-2001 chegaría a ser coñecido como "o inverno sen sol".

  Durante 5 meses (desde outubro do 2000 ata marzo do 2001) chegaron sucesivamente profundas borrascas que descargaron precipitacións entre fortes e moi fortes de forma continuada. Galicia, aínda que é unha terra habituada á choiva, só vira algo parecido no inverno de 1978-1979, máis intenso pero de moita menor duración.

  O inverno do 2000-2001, se ben de temperaturas suaves, foi tan chuvioso que moitos ríos en Galicia non se desbordaron puntualmente senón que practicamente apropiáronse dos terreos lindeiros de forma case permanente. O río Umia, por exemplo, desbordouse ... 12 veces! 
  As intensas choivas produciron fenómenos tan inhabituais como que as beiravías e a liña central da N-550 se tinguisen de cor verde polos brións e liques que naceron e medraron nelas. Tamén se rexistrou un aumento de afeccións dermatolóxicas e depresións ligadas ás moitas horas de choiva sufridas (en xaneiro xa pasaban das 600).

  Por se todo isto fose pouco, tamén houbo varios intensos temporais que engadiron vento á auga e que provocaron mortes e numerosos danos materiais.
  A finais de novembro e principios de decembro as choivas xa foron torrenciais provocando un desbordamento xeneralizado dos ríos causado pola suma de precipitacións e a saturación do terreo despois de 8 semanas de recibir cantidades inxentes de auga. O Miño ao seu paso por Ourense capital subiu ... 8 metros por enriba do seu nivel habitual!!! cousa nunca vista na historia.
  O 28 de novembro un guindastre caeu matando a un obreiro e a unha nena de 11 anos. Tamén unha muller de 62 anos morreu ao caerlle encima unha árbore en Sanxenxo. Xaneiro de 2001 viu aumentar o número de mortes cando unha parella de mozos foron arrastrados no seu coche pola riada do río Sar. En Coristanco un home faleceu ao saírse da estrada a causa do mal tempo e dous homes e un neno morreron na costa tragados polo mar.
  Na nosa comarca os ríos tamén se desbordaron de forma contumaz. O lugar máis afectado foi Sigüeiro onde non só o fixo o Tambre senón tamén (e con peores resultados) o pequeno Carboeiro, que mesmo chegou a interromper o tráfico da N-550 o 5 de xaneiro. En Ordes non faltou a habitual enchente no Campo da Feira e houbo que lamentar graves desperfectos sufridos pola ponte de Trabes en Buscás.
  A finais de xaneiro outro temporal ocasionou cortes xeneralizados nas estradas por desprendementos de terras e centos de localidades quedaron sen electricidade.
  Febreiro supuxo un lixeiro alivio na intensidade das precipitacións que regresaron con forza en marzo.
  Por fin, en abril os galegos puidemos ver os primeiros días totalmente despexados e felicitarnos porque unha vez máis se cumprira o refrán: "Nunca choveu que non escampara" (aínda que fose tan tarde esa vez).

  Para acabar velaquí un pequeno e literario artigo de José Luis Alvite sobre aquel inverno.

sábado, 9 de febrero de 2019

A mestra malquerida

  O seu nome: Gaspara Barreiro Costoya. A súa profesión: mestra.
  Unha mestra das de antes, daquelas que entregaban toda a súa vida á profesión, porque ata mediados do século XX ser mestra implicaba vivir anos en aldeas case illadas e, na maioría dos casos, renunciar a casar e formar unha familia propia.

  Gaspara naceu a finais do século XIX en Santiago e estudou nas Orfas (Nuestra Señora de los Remedios). En 1902 presentouse a oposicións e pouco despois comezou a dar clase en lugares como Outes (Mazaricos), Espiñaredo (Capela) ou Lardeiros (O Pino). En 1909 gozaba en Arca dun soldo anual de 500 pesetas.

  A súa vida cambiou en 1911 en que foi nomeada mestra de Xavestre (Trazo) cun soldo anual de 625 pesetas. O sitio gustoulle e decidiu que alí quedaría.
  Todo discorría placidamente a pesar de que Xavestre non era un lugar especialmente pacífico. As pelexas eran tan habituais como no resto da comarca e a axitación política tanto ou máis forte. Por exemplo, en 1921, houbo un incendio provocado na casa dun concelleiro.
  Non obstante Gaspara pasou alí doce anos moi bos, pero todo cambiou en 1923.

  Un nativo do lugar codiciaba a súa praza e decidiu lograla a toda costa. Convenceu a varios dos veciños da Noia para amedrentar a Gaspara.
  Comezou así unha campaña de asedio para facerlle a vida imposible. Primeiro comezaron con desprezos e logo pasaron aos insultos e ameazas. A única tenda da parroquia onde podía comprar víveres negoullos, e as mozas que lle traían o leite eran abordadas por mozos que lles rompían os cántaros. A porta da escola aparecía a cotío chea de lixo e os cristais destrozados. O grupo de mafiosos rematou por reunirse de noite ao lado da escola (onde vivía a mestra) formando balbordo e disparando tiros ao aire.
  Gaspara informou xa ao principio ao inspector de primeira ensinanza da zona e a outras autoridades da situación pero nada cambiu e pasaron meses nos que os ataques foron subindo de intensidade.
  Finalmente, aterrada, Gaspara fuxiu a Ordes en febreiro de 1924 onde puxo o caso en coñecemento do capitán de cabalería José Méndez García, que era o delegado gobernativo no partido xudicial de Ordes.
  O paradoxo foi que esta fuxida lle significou ser expedientada polo artigo 171 (abandono do posto de traballo, o que supoñía a perda de soldo) aínda que en outubro de 1924 ordenouse o sobresemento do expediente co engadido dunha declaración de que nunca se debeu iniciar, grazas ás declaracións das autoridades de Ordes.

  A historia non tivo un final feliz, ou mellor dito, non tivo un final xusto. Gaspara pediu que se cambiara a escola a Benza, onde non tería que soportar aos veciños de Xavestre, pero non lle foi concedida a solicitude.
  Así que finalmente, en 1926, despois de case tres anos de sufrimento a mestra abandonou definitivamente Xavestre e comezou a dar clase en Laraño (Santiago).

  Despois de dar clase noutros lugares e xubilarse, Gaspara Barreiro Costoya volveu á cidade de Santiago e residiu na Acibechería. Morreu en agosto de 1954 e os seus restos repousan no cemiterio de Santo Domingo.

martes, 5 de febrero de 2019

Festa da Árbore 1924

  A Festa da Árbore de 1924 foi a máis brillante da historia ordense.
  Os preparativos comezaron moito antes, pois Julia Pol Crespo*, unha das fillas do alcalde Julio Pol Caamaño, comezou a principios de febreiro a ensaiar o himno cos escolares de Ordes.
  A véspera foi anunciada por bombas e por un bando do alcalde, rogando aos veciños que colocasen colgaduras coas cores nacionais, orde que foi acatada pola maioría así que a vila amenceu chea de bandeiras.
  O xoves 28 de febreiro, a festa comezou coas dianas executadas pola Banda de Arca, traída para a ocasión.

  Ás 11 da mañá, no lugar da plantación que era o campo da feira (hoxe o parque infantil), reuníronse os alumnos e alumnas das escolas de Ardemil, Leira, Mercurín, Parada, Beán e Poulo acompañados polos seus mestres: Florencio Folgueira, Emilio Solera, Mª Carmen García, Julio Caamaño, Martín Pan e Juana Caramelo. Obviamente tamén participaron os nenos e nenas das dúas escolas que había na vila, comandadas por Nicolás del Río e Juana Soto Menlle (Doña Juanita). Todos os grupos ían coa bandeira nacional e algúns dos nenos tamén levaban pequenas bandeirolas.
  Non faltarían logo os sacerdotes de varias parroquias (que tamén foran propagandistas da festa): don Antonio Duro de Montaos, don Pascual Couce de Ardemil, don Emilio Regueiro de Leira, don José Pena de Mercurín, don José Mª Barreiro de Beán e don José María Hermida Varela.

  Un pouco antes saíra desde a Casa do Concello a cívica procesión das autoridades que estaba encabezada polo delegado gobernativo e capitán de Cabalería José Méndez, o xuíz de primeira instancia José Sánchez Guisande, o alcalde Julio Pol e o secretario municipal Antonio Louro, o fiscal Ramón Astray Mato, os membros da Sociedad Amigos de los Árboles Fortunato García Ibarra e Juan Rof Codina da Coruña, os sacerdotes antes mencionados, o xuíz municipal Celestino Amigo, os médicos Antonio Concheiro e Ignacio Castro Iglesias, o ex-alcalde José García Bermúdez, os notarios José García Álvarez e Carlos Barrasa Gutiérrez, o deputado provincial, Manuel Astray Mato, os concelleiros Ricardo e Jacobo Amor del Rio e Benito Regos, o primeiro tenente de alcalde e farmacéutico Santiago del Río, o banqueiro Juan Liñares, o propietario José Sánchez Patiño, o sarxento e cabo da Garda civil, o xefe da prisión, os comerciantes José Mariño, Juan Barreiro, José Romero e Ramón Calvo, e por último a comisión xestora formada por Ezequiel Astray, Juan Amigo, Manuel Mariño, Carmen Pol, Carmen del Río e Piedad Carnota.

  Unha vez no lugar da plantación que estaba cheo de curiosos para ver o evento, os párrocos procederon a bendicir as árbores, que foron colocadas polos nenos, organizados en grupos de 16, nos foxos previamente feitos, operación que foi dirixida polo "simpático mozo" Horacio Pol Amor, fillo do alcalde. Os nenos logo presenciaron como as autoridades plantaban as árbores (ata un total de 30 plátanos) e a cada plantación cantaban o "Himno al árbol" que tan ensaiado tiñan.
  Rematado o labor, chegou a hora dos discursos: o alcalde, o mestre don Nicolás, o inspector provincial de hixiene pecuaria Rof Codina e o delegado gubernativo loaron as ventaxas dunha natureza arborizada. Por suposto foron moi aplaudidos. Logo o procurador Manuel García Rivas tomou un par de fotos do grupo de nenos e nenas coas autoridades e demais concorrentes, axudándolle neste labor o seu "ilustrado cuñado" Eduardo.
  Despois retornouse ao lugar de partida, a nova casa consistorial, propiedade de Pedro del Río, onde se repartiron 400 cartuchos con doces, traídos de Santiago. E por último o mestre Nicolás volveu facer uso da palabra desde o balcón da Casa do Pobo.
 
  A maioría de autoridades reuníronse despois nun banquete na casa do concelleiro Antonio Viqueira (pai de Mundito).
  Pola tarde e noite houbo baile campestre, amenizado pola banda de Arca. Alí estaban segundo o cronista de La Voz de Galicia "las elegantes y hermosas señoritas" Pilar Astray, Ma­ruja Carnota, Paca, Julia e Marina Pol, Milagros Sánchez, Sara e Teresa García, Maruja, Pepita e Maura Amor, Isabel e Ce­lia del Río Castro, Pilar Romero, Rosita Trasmonte Platas, Maruja, Antonia e Concha Amigo, Asun­ción Concheiro, Eugenia del Río, Ma­ruja Veiras, Carmen Blanco, Consuelo e Elvira Rodríguez, e as fillas do señor Rapela, médico de Oroso.

  Concluía La Voz de Galicia con esta longa frase: «Una fiesta que dejará perdura­bles recuerdos en este pueblo, que se fe­licita del brillante resultado obtenido, esperando que producirá saludable ejem­plo en la comarca, que tanto necesita la repoblación forestal, base segura de la riqueza y bienestar de la nación.»

*Julia Pol Crespo: Nai de Pastora (que traballou na farmacia de arriba) e do avogado e profesor de bacharelato Julio Castro Pol. 

viernes, 1 de febrero de 2019

Viriato Lamas Gutiérrez

  Viriato naceu en Pontevedra o 7 de decembro de 1924. Era fillo de Víctor Lamas Fernández (irmán do vello Viriato) e de Dolores Gutiérrez Martínez, matrimonio que tivo outros dous fillos: Carmen e Ángel Lamas Gutiérrez Lito (1930-2011).
  En 1946 volveu do seu servizo militar en África e comezou a traballar no comercio téxtil. Coñeceu a Anastasia Pisonero Ramos Tasina, unha moza de Villalón de Campos (Valladolid) que viñera para Vigo aos 6 anos e logo, aos 16, se trasladara a Pontevedra onde estudou para mestra (chegou a dar clases en Tui).
  Con ela casou en febreiro de 1951 e con ela tería 9 fillos: Mª Luisa, Victoria, Beatriz, Ana, Amparo, Víctor, Viriato, Anastasia e Pablo.

  Un ano antes, en 1950, veu a Ordes. Naquela época o comercio de roupa nas áreas rurais estaba concentrado principalmente nas feiras, así que era unha relativa novidade unha tenda na vila. O local alugoullo á familia Concheiro García os de Carballo e estaba na esquina da rúa Alfonso Senra con Rosalía.
  Pero a verdadeira novidade foi a produción propia, xa que Tasina confeccionaba os xéneros de punto. Compraron unha máquina e contrataron a un par de mozas da localidade. O primeiro taller tíñano na Rúa dos Lagartos e logo trasládáronse a Alfonso Senra 79 (o antigo sanatorio e futura casa de Pilar a comadroa).
  Moitas destas prendas vendíanse en Santiago. Tasina comentaba que o primeiro pedido que lles fixeran -de 60 prendas- pareceulles unha loucura (anos despois chegarían ás 5.000 prendas diarias!).
 Pouco a pouco foron incrementando a produción e comprando máis máquinas de tricotar, así que tiveron que empregar cada vez máis mozas da localidade. Pronto se expandiron a outra tenda onde agora está "Mabe".

  Nos anos 60 a empresa experimentou un gran auxe, abandonando definitivamente a venda ao público para pasar á produción en serie de xéneros de punto que chegaban a todo o mercado nacional. Durante esta época contaban xa cuns 100 empregados (a inmensa maioría mulleres). Nesta década tamén lles comprou terreos (o que hoxe son a Rúa da Fábrica e a Rúa Viriato) aos de Carballo e montou neles a primeira fábrica e de paso construíu a súa casa.
  No ano 1976 a empresa abandona a estrutura tradicional e pasa a ser sociedade anónima cun capital de 106 millóns de pesetas. Viriato era o presidente e o seu irmán Ángel o director comercial. Nesta época as traballadoras xa eran 300 e Viriato SA a gran fonte de emprego da comarca e principal responsable do aumento demográfico da vila.
  Nos anos 80 a empresa chega ao seu punto álxido con preto de 500 traballadores (incluíndo ás que traballaban na casa: as "rematadoras") ... pero todo o que sobe ... ten que baixar.

  Viriato tivo tempo de ver o comezo da crise do sector. As malas decisións comerciais fan que a empresa viva a súa 1ª suspensión de pagos en 1992. Morre o 4 de xuño de 1993 aos 69 anos de idade despois dunha longa enfermidade, sen chegar a sufrir a 2ª suspensión de pagos e posterior venda da obra da súa vida ao "arxentino" de Cestaños Francisco Ríos.
  Anecdoticamente deixou dito que non se tocaran as campás da igrexa nin se lle puxeran esquelas na prensa. O primeiro non sei se sucedeu, pero do 2º a hemeroteca deixa ben claro que non lle fixeron ningún caso.

  Pódese dicir que a parella Viriato-Tasina son os personaxes máis importantes da 2ª metade do século XX en Ordes, pois a súa fábrica foi a principal fonte de riqueza da vila e permitiu manter e incrementar a poboación do concello cando toda a comarca a perdía.
  Pero foi ademais a impulsora da entrada na modernidade dunha sociedade ata entón ancorada no traballo rural. As mulleres da zona, sen apenas instrución e acostumadas a unha vida moi dura no campo, percibían a fábrica como unha liberación, ata o punto de que nos primeiros tempos preferían ir traballar os sábados porque nas súas casas estarían obrigadas a facer as tarefas agrícolas. Por non falar dos altos soldos (para a época) que as poñían en pé de igualdade cos homes.
  Con Viriato tamén morreu unha etapa de auxe nunca antes vista. Ordes aínda seguiu medrando pero cun crecemento baseado no ladrillo, na explotación das traballadoras do sector téxtil e na movida, bases fráxiles como vemos agora.

  Cinco anos despois da súa morte, en 1998 o Concello de Ordes nomeou ao matrimonio Viriato Lamas e Tasina Pisonero fillos predilectos de Ordes.
  En xuño de 2004, sendo alcalde Teodosio Martino, dedicóuselle unha rúa a carón da 2ª fábrica da empresa. Unha das súas netas, en nome da familia, agradecía o xesto e explicaba acertadamente: «Me consta que su nombre y su persona están muy vivos en la comarca».