jueves, 24 de junio de 2021

Noite de San Xoán

 
   A noite de San Xoán é unha antiga celebración pagá que a Igrexa cristianizou como tantas outras, así que as súas orixes pérdense na noite dos tempos.
  A festa, en realidade, conmemoraba a chegada do solsticio de verán (o día máis longo e a noite máis curta de todo o ano). De aí parece vir o costume de acender fogueiras, que terían a misión simbólica de dar máis forza ao sol que comezaba a debilitarse a partir dese momento. Tamén terían unha función purificadora. 
 
  No século XIX as fogueiras ían retrocedendo nas cidades, pero non así nas aldeas, aínda que Concepción Arenal escribiu en 1881: "Hoy son el preludio de la fiesta del cacique. [...] En las aldeas, la mayor hoguera es la que alumbra la puerta del Juan más rico".
  Arredor delas todo era festa e alegría. De calquera lado aparecía un gaiteiro e mozos e maiores bailaban e rían. Iso si, non se comían sardiñas naquel tempo, polo menos non fóra das vilas mariñeiras, como moito asábanse algunhas patacas.
  Nin que dicir ten que cando hai troula, hai alcol. Moitos pasábanse con el e as cousas remataban mal. Por outro lado, quizais debido a eses excesos, era no rural unha noite onde tradicionalmente se gastaban bromas moi pesadas. Os mozos entraban nas eiras e roubaban as cancelas ou os carros, que logo podían aparecer pola mañá a moita distancia das casas e, ás veces, case completamente destrozados.
  As parellas, en cambio, aproveitaban o relaxamento xeral para buscar algún lugar agochado e dedicarse a asuntos máis pracenteiros.
 
  Así que non todo o mundo estaba contento con esta festa. El Eco de Galicia, xornal lucense,  escribía en 1886:
  "Mucho respetamos y sinceramente deseamos que se conserven aquellas tradicionales costumbres del pueblo que revelan la viva y pura fe que heredó de sus antepasados, cuyo tinte religioso es perfectamente compatible y se halla en completa armonía con los preceptos de la moral y no desdice de la cultura de una capital.
  Pero ¿son acaso de tal condición las nocturnas "ruadas" o fogatas que se celebran en la noche que nuestro cofrade califica de "magnífica" y sin par para el pueblo?
  ¿Ignora por ventura las perniciosas y lamentables consecuencias que de tales fogatas se originan?
  Aparte de la perturbación del sosiego y la tranquilidad pública a que dan lugar la algazara y gritería producida en tales fiestas por las canciones deshonestas y las frases provocativas a que dan motivo los saltos de mujeres por cima del fuego; omitiendo la gran exposición e inminente peligro de incendio para las casas próximas [...] ¿no repugna a nuestro piadoso y honesto hermano el grave escándalo que para los pequeñuelos resulta de las escenas poco edificantes que las personas mayores, iluminadas por la intensidad de la luz de tales fogatas y de otra luz que no es la de la fe, celebran en tan magnífica noche terminando frecuentemente con pendencias cuando no con palos o puñaladas?"
 
  Outro dos costumes habituais en toda Europa era a recolección de diversas plantas ás que se lles atribuían variadas propiedades, só por facelo nesa data concreta. O mesmo Padre Feijoo deixou escrito: "En muchos países atribuye la plebe grandes virtudes a las hierbas recogidas la noche de San Juan. Yo, siendo niño, las vi recoger con mucho cuidado y usar de su sahumerio para disipar las tempestades".
  A Feijoo non lle gustaba isto: "No faltarán quienes clamen, en esta como en otras materias, que se deje al vulgo en su buena fe; pero yo no puedo sufrir que a cada paso se llame buena fe lo que es un error craso, lo que es barbarie, lo que es superstición, lo que es por lo menos una práctica y creencia ridícula que desacredita la religión respecto de los que la miran, o con desafecto o con indiferencia".
  Evidentemente a xente non lle fixo ningún caso e a tradición de recoller herbas de San Xoán continua vixente ata hoxe. Utilízanse para adornar as fachadas das casas e tamén para metelas nunha palangana con auga que se debe deixar á rosada da noite, o que lle confire propiedades protectoras (e cosméticas) que funcionarán cando a persoa se lave a cara con ela.
  Estas plantas varían dependendo dos lugares. En Ordes, as imprescindibles son os milicroques, fiunchos, fieitos e espadanas.
 

  Outras tradicións e supersticións ligadas a esta festa fóronse perdendo aos poucos. Por exemplo, moitos crían que era unha noite onde as meigas saían das súas casas polas chemineas e, montadas nas súas vasoiras, dirixíanse todas a Sevilla, onde terían unha xuntanza. Por que Sevilla? Nin idea.
  Moitas mozas tamén crían que se queimaban a flor dun cardo e envolvían coidadosamente as cinzas nun papel branco, pola mañá aparecería escrito nel o nome do seu futuro marido.
  Aínda máis crían en meter un ovo de galiña (mellor se era dunha galiña negra) nun vaso de auga. Teoricamente pola maña víase un barco, un castelo, unha tumba ... o que daba unha idea do futuro que as esperaba.
 
  En fin. O San Xoán é unha festa que vai cambiando cos tempos. Como será no 2050?

sábado, 19 de junio de 2021

Manuel del Río Mandayo

   Manuel del Río Mandayo naceu en Sanamede, parroquia dos Anxos (concello de Oroso) en 1907.
  Foi carpinteiro ebanista de profesión con taller en Ordes. Dominaba a talla e o torno, como dan proba os mobles, feitos por el, que aínda conserva a súa familia. Era un home moi culto para esa época, cunha biblioteca con obras de Voltaire, Quevedo, Ortega y Gasset ou Pondal, ademais de libros relacionados co seu oficio. Outra das súas afeccións era a música e gustáballe tocar a gaita nas festas.
 
  Casou con Pilar Naveira Golán (1909-2009), máis coñecida como Pilar da Ruca*,  unha moza de Ordes coa que viviu onde agora están os Parques Municipais e coa que tivo 4 fillos (unha nena e tres varóns).
  Foi membro das Xuventudes Socialistas e pasou logo a militar no PSOE, do que era o máximo responsable en Ordes.
  A súa participación no Comité da Fronte Popular que se formou en Ordes para defender a República foi bastante discreta, así que cando os militares entraron na vila non foi detido inmediatamente, pero algo máis de dous meses despois apareceu un falanxista pola súa casa que o levou preso.
 
  A súa muller, Pilar, foi suplicar pola súa vida ao tenente coronel Arturo Pérez Loureiro que naquel momento ostentaba a alcaldía da vila. Este nun principio prometeulle que mediaría cos seus captores pero máis tarde, despois dunha agónica espera, deulle a amarga noticia de que non podía facer nada por salvalo.
  Manuel foi paseado na madrugada do 5 de outubro de 1936 no cemiterio de Boisaca en Santiago e alí foi soterrado nunha fosa común, xunto con outras vítimas.
 
   O seu nome aparece nun informe do garda civil José Pérez Pérez onde fala dos seus "malos antecedentes" por ter ideas comunistas e menciona que participou no movemento revolucionario con armas e bombas e que se distinguiu na requisa de coches para as forzas marxistas.
  Como esperpéntico epílogo, debido á descoordinación dos represores, o delegado de Orde Pública da Comandancia Militar, descoñecendo a súa morte, incluíu o seu nome para ser procesado e xulgado. Como obviamente non se presentou ás autoridades, foi declarado en rebeldía e ordenouse a súa busca e captura.
 
 
  A súa muller, Pilar Naveira, quedou con catro fillos ao seu cargo pero contou coa axuda da familia Concheiro García e puido saír adiante traballando nun estanco, primeiro fronte a Alameda, e máis tarde na esquina do Nogallás. A filla maior e outro irmán morreron moi novos. Quedaron Manuel Antonio (1934-1991) que emigrou ao Uruguay pero volveu a Ordes, e Leandro del Río Naveira (1936-2002) que traballou no Banco Pastor e na Caixa de Aforros.
 

* A Ruca era a súa nai, María Golán Vieites (1873-1961).
FONTES: "A Guerra Silenciada" de Manuel Pazos Gómez e "Vilaverde" (Os Viqueiras). Fotos tomadas desas publicacións.

domingo, 13 de junio de 2021

Roteiro do Río Mercurín

   Desde abril do ano 2007 Ordes conta cun roteiro de sendeirismo. O deseño e a sinalización foi obra da asociación ordense Tarandeira, moi activa naqueles anos.
  O roteiro ten en total uns 15 km que se poden facer entre 4 e 4 horas e media, sendo a dificultade media. O punto máis baixo está nos 275 metros e o máis alto nos 427. Esta sería a opción longa.
  Para os menos esforzados hai unha opción curta que ten aproximadamente a metade de lonxitude (uns 8,15 km) e dura unhas dúas horas.
 
 
  Inicia o roteiro á altura do muíño do Campo da Feira onde está situado un panel interpretativo que é recomendable consultar. No Paseo do Río Mercurín podemos ver as aves e outros animais que hai na insua do río. Cando chegamos á ponte de madeira no lugar que antigamente era un lavadoiro, collemos cara á esquerda (ao oeste) e seguimos un camiño que nos leva ao castro do Casal. Este é un antigo asentamento cun diámetro duns 100 metros onde se distingue perfectamente o parapeto.
  Aquí tomamos o camiño que vai cara a dereita (o norte), cruzando as agras de Gosende, unha pequena aldea de apenas tres casas.
  Deixamos Gosende e seguimos o camiño que atravesa a zona chamada Camposa da Gándara. Superamos a chamada Casa Barreiro e chegamos ao Alto, o último lugar da parroquia de Ordes.
 
  Seguimos andando por un pequeno tramo de pista asfaltada e chegamos á aldea de Mañufe, xa na parroquia de Mercurín. Alí podemos coller á dereita por unha corredoira en pendente cara ao río, atravesado por unha ponte de madeira. Volveriamos pola marxe esquerda ata o inicio, completando a opción curta.
 
  Se optamos pola opción longa, pasada a última casa de Mañufe, collemos polo camiño da esquerda e subimos cara ao Seixo. Despois de deixalo atras, imos cara ao norte subindo, pois do lado dereito do roteiro están os Montes de Mercurín, que cos seus 428 metros, son a cota máis alta da zona.
  Aí torcemos cara á dereita (o leste) e achegámonos a Guntín por un tramo de camiño "enxebre". En Guntín torcemos á esquerda (o norte) e o roteiro adéntrase na Fraga de Vilar por un carreiro afondado, cheo de vexetación adaptada á humidade e á falta de luz, que fai deste tramo un dos máis bonitos e interesantes.
  Queda pouco para o nacemento do Mercurín, que nun lugar encharcado do monte e, un pouco máis abaixo, con outro manancial preto de Vilar, forman un regato que xa noutros tempos movía un batán (hoxe desaparecido). Vilar ten unha soa casa que na antigüidade contou cunha torre e as súas propiedades abranguían os lugares de Guntín e Tras o Río.
 
  O roteiro xirou en dirección sur e, despois de pasar preto de Vilar, chegamos á aldea do Cruceiro. Aquí podemos tomar un refresco ou café na taberna (e minimercado) do lugar. Tamén poderemos achegarnos e admirar o cruceiro de Mercurín, un dos máis antigos e espectaculares do concello.
  Imos cara ao sur, pasando pola Casa da Brea, as fermosas fragas de Tras o Río e bordeando o castro de Mercurín (363 metros de cota). Por esta zona tamén hai dous muíños en estado de abandono, unha fonte e unha ponte de madeira.
  Segue o roteiro por camiños de carros en dirección sur, sempre pola marxe esquerda do río, ata que chegamos a Vilaverde. Alí collemos cara á esquerda e tomamos o camiño do Casal pero só o seu inicio porque apenas a 100 metros collemos á esquerda e seguimos o Paseo do Río ata o seu inicio.
 

martes, 1 de junio de 2021

Renda da comarca en 2018

   Segundo os datos da Axencia Tributaria no ano 2018 o municipio máis rico de España era Matadepera (Barcelona), cunha renda media de 166.006 euros. O crecemento deste concello nun só ano foi espectacular, pois no ano 2017 a súa renda era de 41.789 euros. A localidade barcelonesa desprazou do primeiro posto a Pozuelo de Alarcón (Madrid) con 79.506 euros. Outra localidade madrileña, Boadilla del Monte, figuraba no terceiro lugar, con 61.910 euros, seguida de Alcobendas con 60.842 euros. Os dez primeiros municipios de España estaban situados todos eles nas provincias de Barcelona e Madrid. Viñan logo Saint Just Desvern, San Cugat del Vallés, Majadahonda, Alella, Torrelodones e Villanueva de la Cañada. Rocafort (Comunidade Valenciana), no posto 11º, era o primeiro municipio que non pertencía a Madrid ou Barcelona. 
 

  En Galicia Oleiros continuaba sendo o concello máis rico cunha renda bruta media de 39.458 euros (un 4 % máis que o ano 2017, cando a cifra era de 37.974 euros), ocupando o posto 42 en España. A sorpresa saltaba no 2º posto, onde se colocaba o municipio de Arteixo. A localidade onde ten a súa sede o xigante Inditex contaba cunha renda bruta de 30.807 euros por habitante, unha cifra un 37 %! maior que a de 2017, cando contabilizaba só 22.445. Na listaxe española, Arteixo ocupaba o posto 172. Dentro dos dez concellos con mellores cifras entraba tamén Pontevedra, ausente en 2017, mentres que caían dese podio os municipios de Sada e Cabanas. O resto de concellos repetían, aínda que variando o posto. Entre os dez municipios galegos con rendas máis altas non había ningunha localidade ourensá nin lucense. A provincia da Coruña tiña sete concellos (Oleiros, Arteixo, A Coruña, As Pontes, Santiago, Bergondo e Teo) e a de Pontevedra, tres (Nigrán -o terceiro con máis renda bruta por habitante da comunidade, con 29.760 euros-, Baiona e Pontevedra).
 

  O primeiro municipio da provincia de Lugo que figuraba na listaxe era Cervo, ocupando o posto 17 en Galicia e o 616 en España, cunha renda bruta media de 25.861 euros por habitante. A capital lucense era o concello número 20 entre os máis ricos da comunidade, e o 710 a nivel estatal, con 25.315 euros. O concello máis rico de Ourense era Pereiro de Aguiar, número 18 en Galicia e 634 en España. A renda bruta media neste municipio eran 25.756 euros. Seguíao Ourense capital, no posto 24 de Galicia, con 24.925 euros de renda bruta media.

  A parte baixa da táboa ocupábana concellos de montaña: As Nogais (Lugo) con 14.723 euros, Dozón (Pontevedra) con 14.624,  O Páramo (Lugo) con 14.547, Toques (A Coruña), con 14.178, e finalmente Cervantes (Lugo) con 13.631 euros.

 

COMARCA DE ORDES

 Na comarca continuaba a habitual dicotomia: os tres concellos centrais encabezaban a listaxe, con rendas iguales ou superiores aos 20.000 euros, mentres dos catro periféricos ningún chegaba aos 19.000 euros de renda bruta.

  Encabezaba a clasificación Oroso con 22.202 euros, seguido de Cerceda con 21.125 e Ordes roldando os 20.000 euros (19.997). Trazo, o concello máis próximo a Santiago dos periféricos, chegaba aos 18.529 euros, Frades aos 17.946, Mesía baixaba aos 17.104 e Tordoia pechaba a cancela cos seus 17.069 euros.