sábado, 24 de septiembre de 2016

Pronunciamentos do século XIX

    O pronunciamento era unha sublevación militar que buscaba o apoio das forzas armadas ou dun sector das mesmas, dos partidos e faccións políticas e, por fin, da opinión pública. Pretendía a conquista do poder ou unha rectificación da liña política do goberno existente nese intre.
  Os pronunciamentos adoitaban ser incruentos, cunha acción militar indirecta. Desenvolvíanse en diferentes fases.
  En primeiro lugar nacían como complot militar e civil, xa que a presenza de civís sempre foi moi destacada nos pronunciamentos. Unha vez que se poñían en marcha sondábase a outros militares para que se comprometesen. Outro aspecto importante era o manifesto, declaración ou "berro", que era o programa onde os que se "pronunciaban" anunciaban as súas intencións, de aí o nome deste tipo de sublevación.
   Por fin, chegaba a acción. Aínda que non adoitaba haber baños de sangue tratábase dun acto violento fronte ao mecanismo electoral (aínda que este estivese moi viciado). 
  O termo "pronunciamiento" xurdiu cando Riego pronunciouse en Cabezas de San Juan contra o réxime absolutista restaurado de Fernando VII en 1820, aínda que non sería o primeiro, xa que ese foi o do xeneral absolutista Elío en 1814.

  En Galicia houbo dous pronunciamentos e en ambos os dous casos a comarca de Ordes tivo bastante protagonismo.
  O primeiro foi o de Juan Díaz Porlier en setembro de 1815 contra o réxime absolutista de Fernando VII. Dirixiuse coas súas tropas de Coruña a Santiago e, cando estaba a descansar no Mesón de Deus en Merelle, foi traizoado e apresado. En outubro foi aforcado no Campo da Leña en Coruña. 

  O segundo foi o de Miguel Solís en abril de 1846 contra o goberno do Partido Moderado de Narváez durante o reinado de Isabel II. Partindo de Lugo co seu exército chegou a Santiago e logo dirixiuse a Sigüeiro onde tivo lugar unha pequena batalla contra as tropas gobernamentais de Puig Samper ás que non puido vencer. Posteriormente foi derrotado na batalla de Cacheiras polas tropas de José Gutiérrez de la Concha. Despois de tentar xulgalo en Ordes, o xuízo tivo lugar en Carral e alí foi fusilado inmediatamente. Solís e os seus compañeiros son coñecidos como "Os mártires de Carral".  

jueves, 22 de septiembre de 2016

A crise de 1880

  Despois do terrible "ano da fame" de 1853, Galicia foi recuperándose lentamente. Tres foron as principais causas desta recuperación:
- A masiva emigración aliviou a presión e ao mesmo tempo reactivou a economía xa que mobilizou moitos capitais (o emigrante tiña que pedir préstamos para a viaxe) e beneficiou ás navieiras.
- A onda expansiva da recuperación española (construción de ferrocarrís, estradas, melloras no exército ...) que proporcionou traballo a moitos desempregados.
- A expansión de oficinas bancarias, entre elas sucursais do Banco de España, pola xeografía galega que achegou un crédito máis accesible a máis xente.

  Pero esta recuperación sempre foi bastante débil. Sobre 1880 comeza a chamada "crise finisecular" causada, sobre todo, pola chegada masiva de cereal americano que afundiu os prezos e a Guerra de Cuba, onde Galicia sufriu máis que o resto do estado debido ao altísimo número de galegos que vivían en Cuba e tamén á gran porcentaxe de galegos que había no exército. Se a isto engadimos algún ano de malas colleitas, a mestura era deprimente.

  Grazas ao xornal "El Fomento" coñecemos os efectos da crise de 1880 na comarca de Ordes. O ano 1879 a colleita de centeo e trigo foi moi escasa polo que os prezos subiron. Estes dous cereais eran os que os campesiños destinaban ao pago de contribucións, pero ao non dispoñer deles tiñan que botar man da hipotética colleita de millo, que practicamente era a súa única fonte de alimentación.
  O millo, pan dos pobres, o sustento de millón e medio de galegos, chegaba a alcanzar os 18 reais (prezo habitual do trigo que era un cereal de luxo). Ao non poder satisfacer as cotas das contribucións, os recadadores recargábanas nun 21,5 % chegando algúns campesiños a ter que vender as propiedades para satisfacelas. 
  En 1880, a pesar dos 20.500 reais que se recadaron na cidade de Coruña e que se empregaron en comprar 1.450 ferrados de millo para os pobres de Ordes, a situación foi dramática.

  "El Fomento" queixábase de que os campesiños tiñan que endebedarse baixo condicións de usura porque non había Pósitos nin  Bancos agrícolas e que o Ministro de Facenda esixíalles os mesmos impostos que en anos normais. Segundo o xornal "De cada parroquia de esta montaña, compuesta aproximadamente de 80 vecinos cada una, 60 piden limosna, 15 recurren al préstamo y solo 5 pueden pagarlo (el impuesto) regularmente". A frase é probablemente esaxerada nas súas cifras pero non debía alonxarse moito da verdade.

lunes, 19 de septiembre de 2016

Mapa de Mesía

Preme para ver máis grande.

  A maior parte de Mesía é unha meseta (con suaves ondulacións) de máis de 400 metros de altura. A zona máis alta está ao nordeste e son os Montes da Tieira que superan os 500 metros. A partir deles o terreo vai declinando en dirección oeste e sudoeste.
  A parte norte do concello está ocupada pola cunca do río Samo e a do seu principal afluente pola dereita, o río Traveso, que rega as parroquias de Visantoña e Olas. En Visantoña unha estreita franxa de terreo cae de forma brusca cara ao leito do río Mero, no límite con Cesuras. En pouco máis dun quilómetro prodúcese un descenso duns 150 metros.
  A zona sueste moito máis baixa está ocupada principalmente pola cunca do río Maruzo e os seus subafluentes coma o Gaiteiro. O río Tambre serve de fronteira entre as parroquias de Castro e Boado co concello de Boimorto.
  Petrograficamente o concello forma parte do conxunto de xistos metamórficos de Ordes (o de maior extensión de Galicia).
  Mesía presenta unha particularidade na súa configuración: a parroquia de Bruma é un enclave rodeado por outros concellos e distanciado de Visantoña (a parroquia de Mesía máis achegada) uns 3 km. Isto é así desde o 6 de xullo de 1836 en que a parroquia de Ardemil, que pertencía á xurisdición de Mesía, pasou a formar parte do concello de Ordes.
  O clima é oceánico hiperhúmido.
  A poboación é escasa e decrecente. O lugar máis poboado é Xanceda.
  Conta con paisaxes de gran beleza e un interesante patrimonio artístico.
 

viernes, 16 de septiembre de 2016

El Fomento

  Naceu no verán de 1878 e foi o primeiro xornal que se publicou fóra dunha das 7 cidades de Galicia. En 1879 había publicacións en Vilagarcia, Tui, Noia e Ribadeo, pero "El Fomento" de Ordes adiantouse a todas elas.
 
  Tense escrito que era republicano e anticlerical. O primeiro parece algo dubidoso porque o seu director, Antonio del Río, entrou posteriormente en política e foi un seguidor acérrimo do conservador Romero Robledo.
  Si era claramente anticlerical. Aínda que nesa época a inxerencia e censura da Igrexa era tan grande que a gran maioría da prensa (agás a pagada directamente por ela) estaba na súa contra, pero normalmente era bastante coidadosa e evitaba os enfrontamentos mentres que "El Fomento" parecía buscalos.
 
  Basicamente era un instrumento de denuncia. Había artigos falando da mala situación do campesiñado, do pésimo estado de camiños e pontes, do excesivo tamaño dos concellos, do mal servizo de transporte ...
  A súa vida foi curta (apenas dous anos) e conflitiva. Xa en agosto, o seu número 5 foi suspendido por meterse co arcebispo. Tamén foi suspendido de paso "El Comercio Gallego" por reproducir o mesmo artigo -cousa moi frecuente na prensa da época-. Foi defendido con gran elocuencia por Buenaventura Plá de Huidobro en outubro pero non puido evitar un par de meses de suspensión. 
 
  Na súa volta, no saúdo de benvida, nomeou como inspiración a Jan Hus e Prisciliano (ambos os dous coñecidos herexes), provocación pola que foi novamente apercibido.
  En decembro de 1879 converteuse en semanario político (ata ese momento era de "intereses xerais" e ese mesmo mes o número do 22 volveu ser denunciado, retirado e multado.
  En xaneiro de 1880 o seu número 56 co artigo "Al 25º Aniversario del dogma de la Inmaculada Concepción de la Virgen María" supúxolle unha suspensión de 75 números, ou sexa, máis de 18 meses e a excomuñón do cardeal Miguél Payá.
  No seu lugar apareceu "Fray Junípero" un semanario satírico que durou pouco tempo porque "El Fomento" foi indultado en maio. Pero o primeiro número da súa reaparición, o 63, xa tivo problemas co alcalde. Pouco despois pechou as súas portas definitivamente.

  Como total punto final, en novembro de 1881 a imprenta onde se publicaba foi comprada e trasladouse a Santiago para imprimir "La Reforma" e "El Avance".

domingo, 11 de septiembre de 2016

Velutinas en Ordes

A avespa asiática denominada cientificamente Vespa velutina é unha avespa grande (rolda os 3 centímetros) e case totalmente negra, agás a cara e unha banda no abdome que son dunha cor alaranxada. En xeral as nosas avespas autóctonas son máis pequenas. Só o tártago (Vespa crabro) é de tamaño similar pero ten o abdome predominantemente amarelo con bandas negras.

  Non é máis perigosa para a xente que outras avespas, pero, ao matar ás abellas, supón unha ameaza para a diversidade biolóxica nativa.

Como chegaron aquí?
A velutina é orixinaria do centro e sueste de Asia (China, India, Tailandia, Vietnam, Indonesia ...). Parece que chegaron a Europa no ano 2004, nun buque mercante que atracou en Burdeos, e extendéronse rapidamente chegando a Portugal, Bélxica, Italia e Alemaña. En 2010 confirmouse a súa presenza en España, onde chegaron atravesando os Pireneos. As primeiras capturas en Galicia foron no ano 2011 na costa lucense e posteriormente apareceron na zona da Coruña e nas Rías Baixas (Vigo, Baiona ...) que seguen sendo as zonas máis infestadas.

Cando chegaron ás Terras de Ordes?
Foron vistos niños de velutina no ano 2014 nos concellos de Cerceda e Ordes. No ano 2015 en Cerceda e Oroso (neste concello un único niño). No ano 2016, quizais axudadas polo aumento de temperatura, as velutinas xa foron vistas nos concellos de toda a comarca ordense como podedes ver no mapa. Tamén en Galicia aumentaron de forma espectacular pasando de ser vistas en 111 concellos galegos a selo en 179. No ano 2017 continuaron a súa expansión.
 

jueves, 8 de septiembre de 2016

Pazos da comarca de Ordes

 
  Aquí tedes unha relación dos pazos máis importantes da nosa comarca e, como propina, tamén os de Carral e Abegondo. Partindo do Mesón do Vento podedes visitar virtualmente as antigas residencias das familias de avoengo. Tamén se inclúen varias casas grandes (aínda que non todas).

Se queredes ver só os pazos próximos a Ordes, premede nas ligazóns.

viernes, 2 de septiembre de 2016

Saturnino Aller Rodríguez

  Saturnino Aller naceu en Mesía a mediados do século XIX, no ano 1852. O seu pai don Juan Aller Carro, home de posición que foi brevemente recaudador de contribucións do partido de Ordes en 1888, casou con dona María Rodríguez e tiveron varios fillos, entre eles Pedro e Domingo Enrique. 
  Saturnino estudou dereito en Santiago de Compostela e decidiu dedicarse á política. Entre o seu poder económico (era un rico propietario) e a súa habilidade para moverse por augas turbias pronto se converteu no home forte do distrito de Ordes, substituíndo a Antonio del Río.

  En 1888 foi elixido como deputado provincial (despois dunhas polémicas eleccións nas que del Río non logrou a praza ao quedar 5º en votos), iniciando a súa presencia case permanente nesta institución.
  Aínda que sempre estivo dentro da órbita liberal ("fusionista" como dicían entón) non tivo ningún problema para aliñarse e votar na Deputación cos conservadores cando era necesario ou lograr a elección en Ordes do conservador Manuel Linares. Famosa foi a súa frase "Conste que ustedes -los liberales- me han empujado a ello".
  Ao longo dos anos, o seu enorme poder provocou críticas constantes, sobre todo no bando conservador. As comparacións cos nobres mediavais estaban á orde do día ("feudal de horca y cuchillo"). Unha das críticas máis divertidas é esta felicitación polo seu aniversario -2 de outubro- escrita en latín macarrónico por Vicente Carnota no xornal ordense "El Terruño":

     Tenete Saturnos, bonisimas pascuas;
     Bonisima vita, bonisima pata, bonisima panza;
     Bonisimas ascuas, bonisimas ubres, cun bonas carpantas.
     ¿Quoc gentibus falant e "Terruñus" chillat,
     Et petreas cun gentibus, protestant e clamant?
     Tu come, bebe et ride, et casus non fagas,
     Que de multos bolsos, multos cartos gardas.
 
  Pero el seguía ao seu e tal era a súa ostentación que en 1904 no funeral do seu pai celebrado na igrexa de Ordes había ... 50 sacerdotes!
  En 1905 chega o momento máis singular da súa biografía. Descontento do candidato oficialista que lle impuxeron, don Joaquín Peña Faílde, decidiu gañar as eleccións el mesmo (e non se quedou curto: máis de 5.000 votos sobre uns 7.000, case un 75 % de votos co su nome). O escándalo foi monumental. Eugenio Montero Ríos estalou de indignación pero todas as presións foron inútiles e Aller tomou posesión da súa acta de deputado en Madrid.
  Custoulle caro. Inmediatamente Rafael Gasset "derruboulle" todos os concellos, é dicir, mandou quitar deles todos os seus afíns e poñer nova xente.
  Saturnino aprendeu polas malas que Madrid no era o seu. Despois de 1907 aplicouse en volver a recompoñer a súa destrozada rede clientelar e pronto o logrou. Nas eleccións de 1910 para substituír ao conservador José Lombardero, empregou todas as súas (malas) artes e logrou a victoria do "cunero" liberal Joaquín Chapaprieta en lugar do conservador galego Julio Wais.

  A partir de aquí todo foi sen sobresaltos. Entre 1915 e 1919 foi Presidente da Deputación Provincial. Tivo o detalle de ceder os gastos de representación (5.000 pesetas) aos nenos da inclusa da Coruña. Tamén, anos atrás, cedera pola metade do seu valor os terreos onde se fixo o colexio da Guarda (en realidade os terreos eran da súa muller, Carlota Pequeño Amado).
  O seu dominio sobre o distrito era tan grande que un par de veces gañou as eleccións polo artículo 29 (o candidato único era elixido automaticamente). Nos últimos anos tivo unha gran compenetración co candidato vigués Alfonso Senra, xunto co que acadou moitas melloras para a vila.
  En abril de 1923 non puido asistir a unha homenaxe a aquel por sentirse indisposto. Morreu na cama catro días despois. O seu enterro foi unha multitudinaria manifestación de dó. Sen fillos propios (tiña dous fillastros do anterior matrimonio da súa muller: Carlos -alcalde da Coruña en 1917- e Manuel Puga Pequeño), os seus herdeiros foron os fillos do seu irmán Enrique: Jesús Aller e Ramón María Aller (sacerdote e astrónomo que con esta herdanza financiou o seu observatorio). Podemos dicir que a súa morte foi no momento preciso. Só catro meses despois chegaba o pronunciamento de Miguel Primo de Rivera e o inicio da súa ditadura que marca o final do espírito da Restauración.


  No ano 1923 púxoselle o seu nome á rúa do Recreo pero a ditadura franquista cambiouno polo de José Antonio. Nisto podemos ver un símbolo do esquecemento que tivo a súa figura, porque Saturnino Aller é o gran descoñecido da historia ordense a pesar de que dominou durante 30 anos! os destinos da comarca. Quedou en terra de ninguén: desprezado pola esquerda republicana e pola dereita franquista que odiaba os partidos e o parlamentarismo. 

jueves, 1 de septiembre de 2016

Eleccións na Restauración

  A restauración borbónica caracterizouse pola novidade de contar cunha alternancia de poder pacífica entre os dous partidos dinásticos, conservador e liberal, mediante un sistema baseado nun sistemático fraude electoral.
  Este curioso sistema funcionaba así:
- O partido no goberno entraba en crise e cedía o poder ao outro partido.
- Este, agora no goberno, convocaba eleccións nas que, non só gañaba, senón que arrasaba, pasando normalmente do 60 % de deputados totais.
- Dous ou tres anos despois volvía comezar o proceso.

  A partir de 1890 o sufraxio deixa de ser censitario e pasa a ser universal (pero só masculino), isto, que en teoría debería dificultar o fraude non supuxo na práctica ningún cambio.

  Antes das eleccións o ministro de gobernación decidía que deputados (os seus e os do partido opositor) gañarían en cada distrito. Este proceso bastante complicado porque había moitas faccións e había que conciliar moitos intereses en xogo, denominábase "encasillado". Logo daba as instruccións aos gobernadores civís e estes, á súa vez, aos alcaldes e caciques locais. Os caciques por diversos métodos encargábanse de que o candidato oficialista saíse elixido. Podedes ver isto con máis detalle neste divertido enlace con moitas caricaturas da época.


  A nivel xeral o sistema funcionaba, aínda que en ocasións podía haber sorpresas nalgún distrito (como foi o caso do noso en 1905). Aquí tedes os deputados que foron elixidos en Ordes nas distintas eleccións da restauración. De todos eles, só un, Saturnino Aller, era nativo da zona. O resto eran deputados "cuneros" (aínda que Alfonso Senra visitounos numerosas veces).
  "Art. 29" (artículo 29) refírese a que o deputado foi elixido automáticamente por ser o único que se presentou no distrito nesas eleccións.