martes, 23 de agosto de 2016

1853: O ano da fame

  Parecera que o século XIX co millo e a pataca plenamente introducidos e coa súa revolución industrial en marcha (máquinas, tren, telégrafo ...) debera, polo menos en Europa, deixar os episodios de fame atrás ... pero non foi así. Moi ao contrario: hóuboos en moitos países e non só a consecuencia das guerras. Mundialmente famosa é a "Irish Potato Famine" (Gran Fame da Pataca irlandesa) entre 1845-1849. En Galicia, tristemente, tamén sabemos do tema porque poucos anos despois vivimos o nefasto ano da fame en 1853.

  Pero aínda que foi o peor, non foi o único. O equilibrio entre recursos e poboación era tan fráxil nesa época que a perda dunha colleita podía trastornar moitas economías e rexistráronse consecutivas crises de subsistencia. A primeira deuse xa antes da Guerra de Independencia en 1802-1804, e logo nos períodos 1812-13 e 1817-18 (o ano sen verán).
  Seguiu unha depresión xeralizada en toda Europa que fixo que os prezos baixasen. Iso prexudicou aos campesiños pois os impostos seguían igual e debían vender máis produto para custealos. Houbo novos anos de penurias: 1833, 1843 e 1847. Pero serían unha minucia comparados co que se aveciñaba.

  As fortes choivas do verán de 1852 arruinaron as colleitas, pero un ano despois en 1853 ... volveu suceder o mesmo! Dous anos climatolóxicos tan malos trouxeron espantosas consecuencias: As crónicas do momento falan de mortos nas rúas de Santiago, de asaltos ás tafonas, de roubos de paneiras e hórreos. Estremecen as palabras de Rosalía de Castro ao lembrar ese ano fatídico.

  «Voy a contarte lo que presencié en Santiago en el tristísimo invierno de 1853, año fatal para Galicia, en el que el hambre hizo bajar a nuestras ciudades, como verdaderas hordas de salvajes, hombres que jamás habían pisado las calles de una población, mujeres que no conocían otros horizontes que los que se extendían ante sus cabañas levantadas en la más apartada soledad: verdaderos lobos que no abandonan su madriguera sino en los días de las grandes desolaciones. Todos los días, nuevas horas de angustia traían a nuestras plazas y calles bandas de infelices hambrientos que de puerta en puerta iban demandando pan para sus hijos moribundos, para sus mujeres extenuadas por la miseria y lo duro de la estación...».

  A nación enteira conmoveuse e foron chegando as axudas. Colmeiro, que estaba en Madrid, lembrou a súa condición de galego e escribiu artigos nos xornais nacionais sensibilizando á opinión pública.

  Ordes, xunto con Arzúa, Negreira e toda a comarca santiaguesa foi das zonas máis afectadas. Así o reflectía o boletín da "Junta de Caridad de Santiago" que axudaba a máis de 15.000 labradores e que alertaba de que as débedas que tiña contraído a clase media de campesiños pronto faría a súa situación "aflictiva y angustiosa otra vez".

  As consecuencias foron duradeiras e chegaron a todas as clases sociais. Foi a espoleta que iniciou o gran éxodo migratorio dos máis pobres a América, nestes primeiros anos a Cuba sobre todo. Pero tamén afectou aos rentistas que foron incapaces de recuperar os seus préstamos, aos comerciantes e aos burgueses máis débiles que viron crebar os seus negocios. En definitiva foi a maior crise que viviu Galicia no século XIX.

lunes, 22 de agosto de 2016

Eleccións no século XIX

  Na historia do parlamentarismo español sucedéronse distintos modelos electorais. En tres etapas (De 1846 a 1854, de 1856 a 1865 e de 1870 a 1923) a representación política fíxose por distritos electorais que coincidían normalmente cos partidos xudiciais. Nos demais períodos a representación foi, como agora, provincial.
  As primeiras eleccións foron en 1810, en plena guerra contra os franceses, para elixir os deputados das Cortes de Cádiz. Nesta ocasión só puideron votar os varóns maiores de 25 anos. Nas seguintes eleccións que se celebraron en 1813 e logo no trienio liberal (1820 e 1822) a idade de votación baixouse aos 21 anos.
  No reinado de Isabel II (1833 - 1868) o sufraxio era censitario: só podían votar os maiores contribuíntes e os membros dos concellos (máis ou menos un 20 %).

  Desde o ano 1846, momento en que se comezou a votar por distritos, ata 1862, o de Ordes foi representado case perennemente por Fernando Calderón y Collantes, político do que o autor anónimo de "Semblanzas de los 340 diputados a Cortes" da unha imaxe bastante negativa. En todo este periodo só entre 1853-1854, foi vencido unha vez por Manuel Sanjurjo y Pérez.
  No ano 1862 o deputado por Ordes, substituíndo ao seu pai, foi o avogado coruñés Pedro Calderón Herce Marqués de Algara de Gres (1836-1891), pero non logrou a lonxevidade paterna porque xa no ano 1864 resultou elixido o avogado madrileño Manuel Batanero Montenegro, veciño de A Coruña.

  No Sexenio Revolucionario (1868-1874) os representantes do distrito ordense foron D. Joaquín Hernández Rodríguez, D. Juan de Dios Bernuy Jiménez de Coca -Marqués de Benemají-, D. Manuel de Ciria y Vinent -Marqués de Corvera- e D. Francisco Palacios Sevillano. Todos eles eran "cuneros", e dicir, persoas sen ningunha relación co lugar que representaban.   

lunes, 15 de agosto de 2016

Informe meteorolóxico 2015

  Na páxina de MeteoGalicia temos á nosa disposición o informe meteorolóxico anual -ou mes a mes- de Galicia. Vexamos agora un resumo do ano 2015.

TEMPERATURA
  O valor da temperatura media foi case un grao (1.0ºC) superior ao valor medio (período de referencia 1971-2000), destacando especialmente os meses de novembro e decembro, moito máis cálidos que o propio desta época. Cabe polo tanto cualificar ao 2015 en conxunto como un ano cálido.
  Agás Mesía e zonas altas de Ordes, Cerceda e Tordoia, que baixaron dos 12ºC, a maior parte da comarca superou os 12ºC de media e gran parte dos concellos de Trazo e Oroso superaron os 13ºC de media.
 Febreiro foi frío. Abril, maio e xuño foron cálidos. O outono proseguiu con temperaturas, que deron lugar novamente a un outubro cálido en xeral para toda Galicia. Novembro e decembro remataron o ano, con temperaturas elevadas, aínda que cabe destacar o excepcional que resultou o mes de decembro, no que se acadou a anomalía de temperatura máis alta dende 1961, tanto para as máximas como as medias, e para as mínimas foi o segundo decembro máis cálido moi preto de 1989.

PRECIPITACIÓNS
 En canto ás precipitacións, o ano 2015 foi seco, cunha porcentaxe do 26% por debaixo do habitual. O ano anterior máis seco foi 2007.
  Os tres concellos centrais tiveron en moitas zonas entre 1000-1200 mm (mesmo a zona das Encrobas baixou de 1000 mm) mentres que os 4 concellos periféricos estiveron por enriba dos 1200 mm anuais.
  Xaneiro destacou por presentar dous episodios chuviosos moi concentrados, nos días 15 e 30 do mes. Marzo e abril foron secos. Xuño acadou a categoría de moi seco, destacando a provincia de Coruña, na que non chegou a haber nin un 20% da precipitación normal para esta época do ano. Xullo tamén resultou seco. En cambio agosto foi máis chuvioso do normal. Pero o ano rematou con dous meses de novembro e decembro secos en xeral para toda Galicia.

sábado, 13 de agosto de 2016

Visitantes ilustres

  Non se pode dicir que a comarca de Ordes tivera moitos visitantes ilustres debido ao feito de estar lonxe de cidades con poder político e económico. Pero iso non quere dicir que non houbera ningún. De feito nos séculos XVI e XVII pasaron por ela catro personalidades moi importantes.

  O primeiro foi Carlos I no ano 1520 en viaxe de Santiago á Coruña onde embarcaría para Alemaña, lugar no que sería nomeado emperador. Crese que o 13 de abril pernoctou no Hospital de Bruma.

  O segundo foi o seu fillo Felipe II, un dos personaxes máis importantes da historia mundial. En 1554 viaxou a Inglaterra para casar con María Tudor. Despois de pasar por Santiago parou nunha casa de Poulo (e outra xa en Sarandóns). Todavía se conserva unha inscrición (que inicialmente estaba debaixo do escudo e que agora está nunha das xambas) na que se pode ler: "En esta casa poso el rey D Phelipe. 2. A 25 de iuno de 1554".

  Outro ilustre visitante foi Cosimo III de Medici, 6º Gran Duque de Toscana, que para non estar ao lado da súa muller viaxou por toda Europa. Iso si, para non sentirse só levaba un espléndido e multitudinario séquito (incluídos dous escritores e un pintor) que deixaba abraiados aos paisanos alí por onde pasaba. Tamén parou en Poulo o 6 de marzo de 1669, de paso para A Coruña, despois de ter visitado Santiago. Aquí tedes unha imaxe, feita polo pintor Pier María Baldi, de como era Poulo naquela época. (Preme para ver máis grande).

 
  A cuarta ilustre visitante foi unha muller, a raíña Mariana de Neoburgo, segunda esposa do rei Carlos II. Veu de Alemaña, xa casada por poderes, pero aínda non coñecía ao seu marido. Pasou pola comarca en 1690 e descansou no Pazo de Galegos (Frades). Nel hai unha inscrición na que podemos ler: “El 15 de Abril de 1690 durmiu en esta casa la Reina Ntra. Sra. Dª Mariana de Noeburgo, muger del Rey Ntrº. Sr. D. Carlos 2º, viniendo de La Coruña en Romería a Ntro. Santo Apóstol Santiago. Siendo Dueños de esta casa D. Antº. Mosquera Pimentel Riva de Neira casado con Dª Baltasara Antonia de Luna Lovera y Valladares. Ad. Majorem Dei Gloriam".

  No século XVIII temos un visitante que non é rei nin nobre pero si moi ilustre: o noso posible compatriota Frei Martín Sarmiento, que, cando xa tiña 50 anos, fai unha longa viaxe a Galicia que documenta paso a paso. No verán de 1745 tócalle o turno de pasar pola comarca na que describe a ponte de Sigüeiro e nomea varios lugares da súa ruta como Caga Boy na fonte en Santa Cruz de Montaos, A Venta do Cepo, A Ponte Pereyra, Poulo, A Ponte de Vilariño, San Pelayo de Buscás, Cabeza de Lobo e Hospital de "Bruño".

martes, 9 de agosto de 2016

Vicente Carnota Pérez

  Vicente Carnota, o mellor xornalista que deu Ordes, foi bohemio, impulsivo, despreocupado e moi amigable, un carácter que o levou a ter unha vida chea de problemas económicos pero na que sempre puido contar co apoio do seu cuñado Antonio del Río e, cando este morreu, co do fillo daquel, o sacerdote Leandro del Río.
  Naceu en Ordes en 1855 e foi o 1º dos 6 fillos de Juan Carnota Calvo (1830-1905), procurador do xulgado, e Lucía Pérez Soneira. Aos 12 anos ingresou no Seminario de Santiago rematando a carreira de filosofia, teoloxía e dereito canónico en 1879.

  En 1893 lévao a Cuba, como preceptor dos seus fillos, Luciano Puga (protexido de Antonio del Río) que fora nomeado Gobernador do Banco de España alí. Pero un día, paseando polo porto, dalle un arrebato e métese como polizón no "Reina Mª Cristina" volvendo a España en 1895.
  Unha vez aquí casou con Dolores Crespo Puente (cuñada do doutor Gómez Ulla) que morreu moi nova, despois de ter catro fillos con el. Neste tempo dedicouse ao xornalismo, sendo redactor en "El Anunciador" e "La Mañana" de Coruña. O seu estilo era bíblico (poucas palabras e frases contundentes) e causoulle varias polémicas. Cu inquedo, marchou a Vilagarcía onde fundou "El Ciclón", subvencionado polo escritor Lisardo Rodríguez Barreiro. Outra vez máis, marchou a Caldas de Reis onde fundou "Fray Prudencio", pagado por Laureano Salgado. Outros xornais nos que traballou foron "El Noroeste", "Diario de Galicia", "La Monarquía", "El Clamor de Galicia", "El telegrama" ...
   A súa fama era notable pero a súa economía estaba moi mal e tivo que volver a Ordes, á casa dos seus pais. En Ordes colaborou co xornal "El Terruño" de liña crítica co cacique Saturnino Aller. Logo, en Coruña, traballou en "La Voz de Galicia" polo mísero soldo de 125 pesetas mensuais. Don Leandro del Río, o seu sobriño, entón párroco de Sta Lucía, levouno á súa casa ata o ano 1912.

  En 1912 o bispo de Jaca Antolín López Peláez visita Santiago e Carnota retoma a súa vella vocación sacerdotal. En outubro marcha con el a Jaca e alí foi ordeado sacerdote, pero cando o bispo foi trasladado a Tarragona, el tivo que volver a Santiago onde seguiu colaborando coa prensa e dedicándose ao sacerdocio. Fixo amizade co escritor e avogado Narciso Correal y Freyre de Andrade quen será o impulsor da 1ª gran homenaxe que se lle fixo en Ordes.
  Morreu a causa dun cancro de garganta o 6 de xullo de 1920 na casa do seu fillo Amador. Nesta casa, número 16 da Raíña, tamén vivira moitos anos o historiador López Ferreiro.
 
  Unha anécdota que ilustra o seu carácter: Xa quedara para ir a Jaca pero non se daba decidido, así que o seu sobriño tomou cartas no asunto, mandoulle facer os traxes de sacerdote e, despois de comer, vestiuno, afeitouno e fíxolle a 1ª tonsura. Cando deron as tres da tarde, Carnota como todos os días, foi ao Café Oriental onde tiña tertulia con Murguía, Tettamanci, Paumáu, Lugrís Freire, Carré Aldao, Ramón Vidal, Fernández Latorre... Estes ao velo vestido así levaron unha gran sorpresa pois nunca lles comentara nada pero el por toda explicación só comentou tranquilamente: "Son cosas de mi sobrino Leandro".

  Ordes honrou ao seu xornalista cunha gran homenaxe no ano 1925 (cando se colocou a súa estatua na alameda), outra máis pequena en 1955 (centenario do seu nacemento) e dedicándolle unha rúa na parte sur da vila.

FONTES: "Obradoiro da Historia", Antonio Rodríguez Fraiz.

lunes, 8 de agosto de 2016

O cemiterio novo


  Xa nos anos 80 do século XX era patente a necesidade dun novo cemiterio. O antigo estaba cheo e as novas familias que chegaran á vila a partir dos anos 60 tiñan que enterrarse nos seus lugares de orixe ou noutras parroquias próximas. Ademais os novos hábitos facían tamén imprescindible un tanatorio para os velorios.
  Por fin se levou isto a cabo nos anos 90. O concello, do que era alcalde naqueles tempos Teodosio Martino, elixiu o lugar do Balado e encargou as obras en 1994 á empresa arzuana "Construcciones Chofricas SL". Os traballos empezaron no ano 1996 e, tras diversas polémicas, no verán de 1998 estaba rematado o tanatorio e as dúas primeiras mazás de nichos.
  Xa en setembro do 1998 foi soterrada nel a primeira persoa: dona Jovita Suárez Rivas (nai de Suaricos).
  As polémicas xurdiron do aluguer a 50 anos, en vez da propiedade perpetua dos nichos e da uniformidade estilística que se pretendía e que, desde logo, non se logrou.


  Os primeiros anos "Chofricas" (aínda que con outro nome) encargouse da xestión do cemiterio, ao mesmo tempo que se ían construíndo novas mazás, pero a nova corporación, ao mando de Manuel Regos, insatisfeita coa empresa asumiu a xestión directa do cemiterio a partir de decembro de 2007.
  No ano 2009, cun custo de máis de 800 mil euros, renovouse o tanatorio e engadíronse novas salas de velorio (ata chegar ás catro) e diversas melloras.  
  En xuño de 2017 aumentouse o aparcadoiro. Pasou de ter 4.600 m2 a 6.850 m2 (máis de 200 prazas de estacionamento).
  A finais do ano 2021 a empresa "Construcciones Siber" iniciou as obras de 96 novos panteóns na zona oeste.
 

miércoles, 3 de agosto de 2016

Historia de Ordes

 
  Hai 3 datas importantes na historia da vila de Ordes:
- A do seu nacemento, incerta pero probablemente entre o século XII e XIII.
- 1764, cando se constrúe o novo camiño real.
- 1836, cando é nomeada cabeza de concello e de partido xudicial.
Se estades interesados en coñecer rapidamente a súa historia, premede na seguinte ligazón.
 
 
  Se xa queredes profundar máis en detalle sobre aspectos da historia de Ordes a partir do século XVIII podedes premer nalgunha das seguintes ligazóns.
 

SÉCULO XVIII

Os anos da fame

1752: Catastro de la Ensenada

SÉCULO XIX

Ordes no Antigo Réxime

 

Guerra da Independencia 1808-1812

Fernando VII 1814-1833

Eleccións no século XIX

Pronuciamento de Porlier 1815 

Pronunciamentos no século XIX

Diccionario de Miñano 1826

Isabel II 1833-1868

Diccionario de Madoz 1846

Xente de 1850

Os mártires de Carral

Madoz (parroquias)

1853: O Ano da Fame                           

Sexenio democrático 1868-1874
Restauración borbónica 1874
La Dinamita 1893    

SÉCULO XX

De 1901 a 1920

Eleccións de 1905

Agrarismo en Galicia

Eleccións de 1907

O ano 1909

1910-1914 Ventos de tormenta

Acción Gallega

Eleccións de 1914

Aller e Senra SL

1918, o terrible Ano da Gripe

1919 e 1920, resaca da Gran Guerra

Os anos 1921 e 1922

A chegada da luz eléctrica

Inicios da ditadura de Primo

A Unión Patriótica

Redención dos foros

Comezos da liña férrea

O Somatén

1931: A 2ª República

Eleccións Municipais de 1931

O mitin de Matos

A primavera de 1932

O ano 1933

Atentado contra DA Moar

1934 en Ordes

Loando a Liñares

O ano 1936

A corporación do 36

O Alzamento

Morte de Manuel del Río

O ano 1937

O ano 1938

O ano 1940

Os anos 40 (fame e racionamento)

O ano 1941

O ano 1942

A chegada do tren

O ano 1944

O ano 1945

Retorno do ciclo de sangue

O ano 1946

Ponte en 1946

O 1º trimestre do 47

Máis sangue no 47

O ano 1948

A causa 400/47 

O ano 1950 

Ordes 1951-1975 

O ano 1951 

O fin da guerrilla

O ano 1953 

Emigración de 1900 a 1920

Malos tempos para Aller

Unionistas e Solidarios

Atentado en Frades

1910: Rexurdimento de Aller

Ordes en 1911

O ano 1914

O ano 1916

A crise de 1917

Sindicatos agrarios católicos

De 1921 a 1935

Protestas agraristas en 1922

1923, Primo protagonista

O Directorio Militar

1926 e 1927

O teléfono na vila

1928 e 1929

1930: A Dictablanda

Leas municipais

Principios da República

O ano 1932

Castelao en Ordes

Axitación agraria

1934 en España

O ano 1935

De 1936 a 1950

Ordes en 1936

O Estatuto de Galicia

A Columna Sanfins

O final de 1936

Fusilamentos de Boisaca

O ano 1939

Os anos 40 (política)

Os anos 40 (vida cotiá)

1941 en Ordes

O ano 1943

Motíns na comarca

Buscando responsabilidades

Rafael Mariño

España de 1945 a 1950

Morte de Antonio Recouso

O ano 1947

A morte de Ponte

A causa 200/47

Loita armada en 1948

O ano 1949 

Morte de Saúl 

España nos anos 50 

O ano 1952 

Consello de Guerra a Foucellas 

O ano 1954  

SÉCULO XXI

2001, 2002, 2003, 2004, 2005

 2006, 2007, 2008, 2009, 2010

lunes, 1 de agosto de 2016

O cemiterio do Piñeiro

    A principios do século XIX Ordes enterraba aos seus mortos no adro da antiga igrexa de orixe medieval. Cando se construíu a actual igrexa, na década dos 70, pasaron a efectuarse os enterros no adro desta. Pronto quedou pequeno. A necesidade dun novo cemiterio era patente xa ao rematar o século XIX.


   Pero aínda tiveron que pasar dúas décadas para ter un cemiterio lonxe da igrexa. A finais de 1918 creouse unha comisión formada polo sacerdote D. Nemesio Morgade, o alcalde Fernando Liste e Gumersindo Suárez para recadar fondos. Iniciou a subscrición Saturnino Aller con 200 pesetas e logo seguírono a maioría dos veciños, acadándose en poucas horas 2.600 pesetas. No ano 1919 o concello decide por fin que será construído no norte da vila, na zona chamada "O Laranxal", terreos pertencentes á familia Pol e onde eles tiñan un cemiterio civil desde había tres décadas. O xuíz José Sánchez Guisande foi o presidente da Xunta do Cemiterio que incluía ao sacerdote, alcalde e outras personalidades.
  En 1921 xa estaba comezado e, en xaneiro de 1922 efectuouse o primeiro enterro, o do poderoso Pedro Concheiro Rodríguez, pero as obras continuaron. Nestes primeiros tempos tivo moito que ver Julio Pol Caamaño. El foi quen, por exemplo, deseñou a capela que foi construída en 1924 por Benito Alegre.
  A zona noroeste quedou case exclusivamente reservada aos nenos (os "anxeliños") pois a mortalidade infantil nesa época era altísima.


  Debido ao nome dos terreos, "ir pró Laranxal" converteuse nun sinónimo de falecer na linguaxe popular ordense daqueles tempos.
  Durante moitos anos houbo dúas tendencias: os tradicionalistas que querían "volver á terra" e os modernos que preferían os nichos. O meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira, por exemplo, que era mestre construtor e erixiu varios panteóns da zona norte, non quixo ningún para el e pediu repousar baixo terra.
  Na Guerra Civil parece que o muro norte serviu de paredón.
  No inicio dos anos 40 a parte norte estaba xa moi ocupada e empezouse a usar a parte sur, zona que fora comprada arredor de 1940 a familias como os Daniel, Ferreiro e Calvo, e que os mozos usaran ata entón como campo de fútbol.


  Nos anos 50, foi soterrado na esquina sueste, totalmente apartado, un home que tivera unha relación incestuosa. Co tempo o cemiterio foise enchendo e agora está xunto a todos os demais. Sen dúbida a morte iguálanos a todos.
  Nos anos 60, en 1965, viñeron os restos do Soldado Lois desde Cádiz e colocouse unha escultura do artista madrileño Fernández Navarro no muro norte.
  Nos anos 90 construíuse o novo cemiterio pero seguiu habendo enterros no vello.
  En outubro e novembro de 2018 cubríronse de formigón as rúas e colocáronse varios farois. Tamén se cambiou a antiga verxa de ferro da entrada por unha de aluminio.