martes, 28 de enero de 2020

A lenda das ordes

  As lendas toponímicas son aquelas que xustifican o nome dun lugar.
  Imaxino que isto ocorre así: alguén inventa unha hipótese plausible (e ás veces non tanto), coméntaa, gústalle á xente que aos poucos engádelle novos detalles. A seguinte xeración acéptaa e vaise convertendo nun dogma de fe que xa ninguén (ou moi poucos) ousa discutir porque precisamente crese por fe sen necesidade de probas.

A LENDA
  Iso sucedeu co topónimo Ordes. Ata finais dos anos 80 todo o mundo cría (contábano os mestres nas escolas) que o nome era debido ao feito de que unha vez construída a estrada N-550, pasando por onde se formou a vila, os funcionarios de Poulo viñan recoller o correo, comunicacións e ORDES, e... Tachán! así naceu o nome de Ordes.
  Hoxe vense perfectamente os buratos desa teoría. Por que hai outros sitios en Galicia onde non había correo e tamén se chaman Ordes? Por que lle chamaron Ordes e non CORREO por exemplo?

 
Pero no século XX era algo tan aceptado que ata ao escudo do concello (que se tomou da casa de Poulo onde pernoctou Felipe II) se lle engadiu un brazo cun pergamino aludindo a esas supostas ordes.

  A primeira vez (que eu saiba) que este pintoresco relato viu papel e tinta foi no xa lonxano agosto de 1932. O escritor, Manuel García Gerpe, que en El Pueblo Gallego falaba da vila nun artigo sobre as festas patronais, tiña ben claro que se trataba dunha desas lendas "hijas en su mayor parte de la fantasía popular, que con tanta facilidad desnaturalizan la realidad".

  «He aquí la leyenda más autorizada: Poulo, uno de los más populosos aledaños de la villa, situado a cuatro kilómetros, primitiva capitalidad del partido judicial, estaba unido a Coruña y Santiago por el camino que aún hoy se llama Real. Tan angosto sendero fue insuficiente para una época de mayores progresos y más necesidades. Al subvenir estas, se construye a la sazón la carretera de los Andrades, hoy carretera de Coruña a Santiago, y la primitiva capitalidad del distrito, quedaba algo distanciada, siendo menester que las autoridades y organismos oficiales enviasen a sus agentes en busca de la correspondencia a la Estafeta situada en el borde de la mentada carretera; pero llevados a aquella concepción autoritaria del pretérito gobernar se decía que la gente iba en busca de órdenes de la superioridad, y de la repetición de la frase "voy a las órdenes" se formó por esa fuerza creadora de la costumbre el vocablo Órdenes con que actualmente se designa».

  
Aínda que o principal defensor da teoría foi Manuel Astray Rivas, a seguinte vez que atopei este relato foi no xornal compostelán La Noche en agosto de 1962 e debeuse á pluma de Fausto Blanco García, máis coñecido por Fausto de Fleira, que tivo unha academia de ensino e foi procurador e militar. E tamén tiña talento e imaxinación como se pode ver nas seguintes liñas:
   
  Lugar de gran riqueza y aislado era la aldea del Cotón, nombre por el que se conocía nuestra localidad a principio del siglo XIX. El Cotón era tranquilo, solitario y desconocido; mal podían augurar los cotenses el porvenir y transformación que experimentaría su terruño.
  Al construirse la carretera que enlaza nuestras protectoras ciudades de La Coruña y Santiago, bien el rey o sus emisarios paraban en el Cotón, como centro geográfico ideal para citar a los alcaldes y mayores de la comarca y enterarles de los requisitos y demás gestiones que merecieran las atenciones de los delegados reales y a la vez estos daban las órdenes que deseaban se cumplieran en la comarca; "ordes" que a base de repetirse en el Cotón terminaron por imponerse como nombre auténtico del lugar, que de "Ordes" pronto pasaría a evolucionar gramaticalmente en el definitivo Órdenes. Como el ayuntamiento se encontraba en la vecina parroquia de Poulo, un tanto fuera del camino para las autoridades reales y no menos descentralizado para el desenvolvimiento del municipio, se acordó en 1838 su emplazamiento en Ordes, lo que no fue causa de rápido crecimiento, pues a principios de siglo apenas sobrepasaba  la docena de edificios el casco urbano.

  En 1979 o concello editou un pequeno libriño chamado "Guía urbana e informativa" escrito por Manuel Astray onde tamén defendía a teoría. En agosto de 1985 en La Voz de Galicia, respondendo a un artigo de F. Vidal escribía o seguinte.

  [...] Los orígenes de la villa de Órdenes son relativamente cercanos. Se remonta nada más que al siglo XIX en su segunda mitad, y debe su nacimiento a la construcción de la carretera de La Coruña a Santiago la cual fue desplazando el "antiguo camino real" que pasaba por Poulo, en donde estaba la capitalidad del Partido Judicial de Trastamara, y se acercaban a la nueva vía a recoger el correo, comunicaciones y órdenes, y de esta manera se ha ido produciendo el asentamiento de los primeros habitantes por la apertura de esa "vía rápida" de comunicación entre las dos ciudades.
  Mis abuelos no han sido oriundos, pero si fueron de los primeros pobladores de Ordes, mis padres nacieron aquí, y tuvieron sus hijos en esta villa, y siempre nos comunicaron, oralmente que su origen es el que dejo indicado, del correo, comunicaciones y órdenes que se recogían en la carretera de Santiago a La Coruña, en Ordes y se llevaban a Poulo.
  En esta parroquia de Poulo, en la zona que se llama La Calle, existe todavía la casa en que se albergó el Rey Felipe II en su viaje a Santiago, y el escudo de armas fue el que adoptó el Ayuntamiento de Ordes, con el añadido de un brazo con el puño apretando las "órdenes", y esto después del oportuno expediente y de las pertinentes consultas y asesoramientos, sin que nadie formulase el más mínimo reparo a este toponímico.
  Me afirmo y ratifico, una vez más, en lo que hace años expuse sobre esto en la guía urbana e informativa de Ordes.

A REALIDADE
  Para ser xustos, hai que dicir que naqueles tempos era difícil acceder a documentos antigos, polo que os defensores desta lenda non tiñan probas en contra, mentres que a favor tiñan os relatos dos seus antergos.
  Pero en canto se empezou a escarbar nos arquivos a verdade saiu á luz.
  Un dos que máis investigou este tema foi Victorino Cores Liste que atopou numerosos documentos anteriores á construción da estrada onde aparecía o nome da parroquia con numerosas variantes: Santa María dordenes, deordenes, de Hordenes ou de Ordinis.

  Obviamente isto desmonta a lenda do correo. Ordes existía en 1607 cando Jerónimo del Hoyo escribiu "Memorias del Arzobispado de Santiago" e, dadas as orixes románicas da desaparecida Capela de Lourdes, probablemente xa existía polo menos 400 anos atrás.
  Pero daquela... de onde ven o nome Ordes? Ah! Esa xa é outra historia.

Material gráfico aportado por Victorino Cores.

domingo, 26 de enero de 2020

A Banda de Música

  Hoxe Galicia é o reino das mil orquestras, pero a principios do século XX as gaitas tradicionais do país tiñan un único rival: as bandas de música (que se eran máis pequenas e con menos instrumentos recibían o nome de charangas).
  O musicólogo Enrique Alvarellos chegou a contabilizar ata 432 bandas que existiron en Galicia (algunhas aínda se manteñen na actualidade) e das que deu fe nun voluminoso libro. Ordes non foi alleo ao fenómeno e tamén tivo a súa banda de música.

  A finais de 1931, o ano do nacemento da República, un conxunto de mozos (algúns aínda nenos) uníronse para crear unha banda, fartos de ver como nas numerosas festas dos arredores había que contratar formacións doutras localidades (a banda de Arca ou a da Garabanxa viñan tantas veces que xa eran como da familia).
  Para iso contaron coa inestimable axuda de Higinio Cambeses, un prestixioso músico ao que a súa militancia politica lle causara desgustos na súa vila natal, o que ao final foi un golpe de sorte para Ordes.
  Baixo a súa dirección os integrantes da banda ensaiaron dous días á semana nas dependencias do Matadoiro municipal ou nun local da fábrica de curtidos da familia Faya no barrio do Recreo.
  A primeira actuación tivo lugar o domingo 31 de xullo de 1932 nun repleto Salón Troche e foi todo un éxito. Acudiu tamén Enrique Sánchez Guerra para fotografar á novel agrupación. Non obstante a estrea "oficial" (para todo o pobo), que tamén logrou a aprobación xeral, foi o 14 de agosto de 1932 nas festas patronais.
  Logo tamén tocarían na Romaría do Socorro, festexo que celebraban os veciños da zona norte de Alfonso Senra en setembro, e máis tarde comezarían as actuacións fóra da vila, comezando por Fornelos de Montes (preto de Antas, a terra de Cambeses) e moitos outros lugares como Buxán, Compostela, Conxo, Muros, Porto do Son, Corcubión, etc, a onde eran trasladados polo autobús de Rogelio. 
  Tiñan un repertorio de arredor de 23 pezas que incluían dianas, pasarrúas, pasodobres, muiñeiras, valses, xotas ...


  Higinio Cambeses marchou para Viveiro a mediados de 1933 e foi substituído por Bernardo del Río Parada (1893-1952) que estivo arredor dun ano. A agrupación era subvencionada polo concello con 500 pesetas ao mes e, aínda que os músicos non cobraban, esta cantidade era insuficiente. Houbo ocasións en que o administrador, Ezequiel Astray, tivo que achegar diñeiro de seu para axudar á banda.
  O declive comezou coa marcha de Bernardo del Río. O seguinte director, un tal Manolo (ninguén recorda o seu apelido), usaba unha faixa que baixaba notoriamente cando movía a batuta. Segundo as malas linguas abusaba bastante do viño.
  As últimas actuacións tiveron lugar en agosto de 1934 durante o paso por Ordes do presidente Niceto Alcalá Zamora e logo nas festas patronais. A banda acabou por disolverse aínda que durante meses un pequeno grupo comandado polo trompetista Antonio Maroño* seguiu actuando pola zona.
  E nun golpe máis para a música na comarca, en 1935 tamén desaparecería a Banda de Música de Abellá (Frades) que levaba funcionando desde 1908. 


FORMACIÓN da "AGRUPACIÓN MUSICAL de ÓRDENES"
Director: Higinio Cambeses Carrera (1931-1933),
Bernardo del Río Parada (1933-1934), Manuel ? (1934).
Clarinetes: José Sánchez Rey de Abellá, Eduardo de Penelas,
Cándido Fernández Castro do Picho, Pedro Rodríguez Gómez do Serrador,
José Villaverde Martínez Pepe da Xuliana, Antonio o Brigada Carreira.
Requinto: Pepe de Castrofeito.
Saxos: Ramón Ferreiro Regos o Practicante, Genaro Faya Vilariño da Fábrica,
Javier Verea Fandiño o Carceleiro, Luis Fernández Castro do Picho.
Fliscorno: José Fuentes Noya Pepe de Juana.
Trompa: Antonio Vilariño.
Bombardino: Ramón Faya Vilariño da Fábrica.
Trompetas: Antonio Maroño Rodríguez,
Ramón Veiga López, Antonio Liñares Rama.
Trombóns: José Mª Vázquez de Abellá, Cándido Seoane,
Benigno Sánchez Corbelle de Parente, José Liñares Rama.
Tubas: Jesús del Río Iglesias Chucho da Corveira, o Baixo de Adrán.
Tambores: José Pérez Díaz, Manuel Calvo Martínez do Peñasco.
Pratos: Pedro del Río Pampín do Carteiro.
Bombo: Manuel del Río Iglesias Lelo da Corbeira.
Fonte: OBRADOIRO da HISTORIA.
 
* Antonio Maroño Rodríguez: Nunha ocasión a banda, baixo a súa dirección, foi á Pobra do Caramiñal para tocar nunhas regatas, que se tiveron que retrasar ao non aparecer os músicos... porque estaban bañándose no mar. Maroño conservou toda a súa vida o 1º peso de prata que cobrou como músico da banda (unha moeda de 1876 coa efixie de Alfonso XII), pero a trompeta vendeuna por 500 pesetas para poder comprar unha cocha de cría. Finalmente a cocha tivo un mal parto e tivo que matala, quedando "sen cocha e sen trompeta".  

jueves, 23 de enero de 2020

Santa María de Barbeiros

  A igrexa de Santa María de Barbeiros está situada case perfectamente no centro xeográfico da parroquia, na beira leste da pista que comunica a AC-524 (Ordes- Lanzá) con Folgoso.


  A pesar de que a fachada non é especialmente ancha e a súa lonxitude pasa pouco dos 14 metros, o engadido das naves fai que o edificio teña en total uns 130 metros cadrados, máis ou menos no promedio do resto de igrexas do concello.
  Esa nave principal e a ábsida están construídas de perpiaños (bordeados na fachada e laterais adxuntos cun cordón de cemento pintado de cor branca). Na ábsida podemos ver unha base antiga de cachotería (pedra miúda). No muro meridional hai 8 ménsulas que testemuñan claramente a orixe medieval do templo. As naves laterais están feitas de cachotería revocada agás as esquinas e están descompensadas, sendo a do lado norte moito máis alta cá do lado sur.
  Pero a descompensación máis salientable é a da espadana. Se ben no concello de Ordes as igrexas soen ter espadanas de bo tamaño, a de Santa María de Barbeiros é excepcional: a fachada (que ten de ancho pouco máis de 6 metros) mide ata a base da espadana uns 5,60 metros, mentres a espadana ata o pináculo ... 6 metros! É dicir, ten máis altura que o resto da fachada.
  Na fachada, ademais dunha porta cun arco de medio punto e unha pequena fiestra rectangular, podemos ver de adorno dúas cruces das misións, unha de 1963 e outra de 1993 e, a carón desta, unha placa co texto "Donado por la  señora Manuela Paz Rivas".


  O interior da igrexa é modesto cun arco que da paso ao altar e detrás un retablo no que aparecen imaxes da Virxe, de San Antonio, de San Roque e outras máis pequenas. Tamén hai un retablo na nave norte, mentres que na sur hai un par de imaxes. Preto do altar está unha imaxe de Santa Eufemia á que se lle garda moita devoción na parroquia.
 
  A igrexa de Barbeiros segundo os expertos data de finais do século XII ou comezos do XIII. Probablemente constaba dunha pequena nave con presbiterio cadrado e logo fóronlle engadidas no século XVII ou XVIII as dúas capelas cuadrangulares, dispostas nun mesmo eixo a ambos os dous lados da nave. Nun volume sobre os edificios da comarca de Ordes dirixido por Soraluce Blond, sinalouse a posibilidade de que a cabeceira fose a orixinal, agás os canzorros. Non obstante, o testeiro orixinal non se conserva nin interior nin exteriormente e só o conxunto de ménsulas que sostén a cornixa na cara meridional da capela maior parecen ser medievais. Trátase dun grupo de oito pezas de tipo xeométrico, moi sinxelas, labradas con forma de proa de nave ou con motivos cilíndricos.
 
  No adro, aparte das vellas tumbas e dos panteóns hai unha recente fonte (de 2015) dedicada tamén a Santa Eufemia e doada por José Antonio Veiras Suárez.
  A uns 50 metros ao sur, diante do campo da festa, está o cruceiro, pequeno, con fuste de granito pero base e cruz feitos de formigón. Outros 50 ou 60 metros despois podemos ver a reitoral, que exteriormente non se diferencia doutros edificios da zona.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes

sábado, 18 de enero de 2020

Nemesio Morgade Portela

  No ano 1900 era párroco de Santa María de Ordes don Pedro Quintáns Calvo que morreu en xaneiro de 1903 aos 62 anos. O seguinte foi don Felipe Gómez Muñoz que estivo na vila ata 1909, ano en que marchou para Betanzos (morreu en 1943). Despois houbo dous ecónomos (sacerdotes provisionais), don Ángel Tembra González e don Buenaventura Peña Martínez, este último desde xullo de 2010. En 1913 chegaría un dos sacerdotes que máis tempo estiveron en Ordes: Nemesio Morgade Portela.

  Nemesio Morgade naceu en Borela, concello de Cotobade (Pontevedra) en 1874 no seo dunha familia de boa posición.
  Levado pola súa vocación sacerdotal, estudou no Seminario de Tui as materias de latín e humanidades con filosofía. Logo ampliou os seus estudos no Seminario de Santiago, cursando dereito canónico e teoloxía sagrada, doctorándose nesta última coa nota "némine discrepante" ("ninguén discrepou" ou sexa, por unanimidade).
 En 1898, aos 24 anos, foi ordenado presbítero e ao ano seguinte debutou como párroco na parroquia de San Salvador de Xirazga (Beariz) provincia de Ourense.

  No ano 1913, preto xa dos 40 anos, veu a Ordes grazas ás súas altas notas no concurso dos curatos. Tomou posesión o 7 de setembro e apenas un par de meses despois, o 27 de novembro, o cardeal José Mª Martín de Herrera nomearíao arcipreste da diocese de Berreo de Arriba, debido á recente morte do titular, o párroco de Buscás don Eugenio Girón Murias (falecido aos 66 anos de idade). Tamén ostentaría o título de capelán de honor do rei.  
  Na vila estaría 18 anos sendo unha das máis influentes autoridades daquelas dúas décadas (a dos anos 10, presidida pola impoñente figura de Saturnino Aller, e a dos 20, polas políticas da ditadura de Primo de Rivera).
  Como se quixese evitar os tempos incertos da República, morreu dun ataque repentino, cando estaba falando cuns amigos, aos 57 anos  de idade en outubro de 1931.

  Curiosamente o seu substituto, un párroco que veu de Carreira (Ribeira), onde por certo os seus fregueses o amenazaron cun atentado se non marchaba, don Manuel Vázquez Lens, faleceu tamén dun ataque repentino cando paseaba polas Casillas só 3 meses despois, en xaneiro de 1932, aos  64 anos de idade.
 Isto propiciaría a chegada de don Ramón Mosteiro Ferro, un sacerdote de triste recordo.

  Por suposto, o enterro de don Nemesio, que tivo lugar o 11 de outubro de 1931, foi todo un acontecemento no seu momento. Na misa participaron 18 sacerdotes, un número que parece moi alto pero que tería sido moitísimo maior se o evento non fose un domingo.
  O dó foi presidido polo deán da Catedral de Santiago don Salustiano Portela Pazos (familiar e nado no mesmo concello), o xuíz de primeira instancia José Sánchez Guisande, o delegado de Facenda da Coruña Aquilino Lois Barros, o farmacéutico Gerardo Carballal Morgade, o médico forense de Ponte Caldelas Daniel Portela Pazos, o administrador de Correos Manuel Martínez Piñeiro e o mestre de Mourente Enrique Malvar Graña (sobriño de don Nemesio), entre outros moitos persoeiros da época.

  E, para rematar, unha anécdota algo macabra: don Nemesio foi soterrado no lado leste do cemiterio do Piñeiro nun ataúde de zinc. Moitos anos despois os familiares quixeron trasladar os seus restos a Cotobade, así que un deles achegouse a Ordes provisto dunha maleta. O problema foi que, ao abrir o ataúde, o cadáver estaba perfectamente conservado, así que non cabía na maleta. A "solución" foi que moitos dos seus ósos quedaron en Ordes soterrados na morea de rebo que había onde hoxe está o monumento dedicado ao soldado Lois. Dalgún xeito unha parte de don Nemesio permanece na vila.

lunes, 13 de enero de 2020

Poboación da comarca 2019

  Novamente a comarca de Ordes perdeu poboación e rematou o ano 2019 con 36.476 habitantes, ou sexa 127 menos que en 2018, a segunda baixada máis pequena (-0,3 %) dos últimos anos.

  Coma sempre, volveu quedar patente a dicotomía existente na comarca, pois os dous concellos centrais, Ordes e Oroso, aumentaron 90 habitantes entre os dous (Cerceda ese ano regresou aos números negativos, ao contrario que en 2018), mentres os catro concellos periféricos seguiron instalados na perda continua de poboación.

  A única novidade foi que Tordoia, o habitual campión nesta triste carreira, se ben seguiu sendo lider en números absolutos ao perder 62 habitantes, foi superado por Mesía cunha diminución de 2,01 % no seu censo.

sábado, 11 de enero de 2020

Fútbol e festas en 1931

  Naquel 1931, ano da proclamación da República, houbo loxicamente moita efervescencia política. En maio César Alvajar, Juan Pita Serapio e Benedicto Carro, representantes da Alianza Republicana, visitaron Ordes e Mesía onde xa se pronunciaron contra algunhas actitudes do alcalde Antonio Concheiro.
  Pero en canto ás festas todo seguiu coma se nada tivese cambiado.

  En abril a Semana Santa foi tan fastosa como de costume, sendo o portador da cruz na procesión da Soidade o secretario do Xulgado Waldo Rivas Martínez. Segundo El Ideal Gallego moitas casas presentaban vistosas iluminacións, destacando a do militar Arturo Loureiro e as de Concheiro, del Río, Carballido, Amor, Liste, Castro, Romero, Astray, Viqueira, Álvarez Valdés, Liñares, Carnota, Bernárdez, Sánchez Guisande e Patiño (ou sexa as das familias ricas).
  O mes de maio tiveron lugar as habituais misas na honra da Virxe. Decoraron o templo as mozas Rita Castro, Piedad Carnota e Rosita Trasmonte.
  Durante a festa do Corpus en xuño, segundo El Compostelano, «el templo rebosaba de gente, ávida de dar un mentis a los que se titulan "avanzados", creyendo de ese modo colocarse a la cabeza de la civilización...», estando esa misa a cargo do coadxutor Domingo Barbeito Veiras, e presidida polo fatigado sacerdote don Nemesio Morgade (morrería só catro meses despois). O estandarte foi portado polo xuíz José Sánchez Guisande e as varas do palio levábanas o republicano Manuel García Gerpe, Juan Liñares Castro, Benigno Concheiro García, Antonio Louro Parada -fillo do secretario-, Nicolás del Río Barros e o seu pai (antigo mestre de todos eles) Nicolás del Río Castelo. Na Capela de Lourdes cantouse unha panxoliña. Tamén formou parte da cerimonia o sacerdote de Ardemil don Pascual Couce Pico.
  Pola tarde tivo lugar a romaría da Rúa dos Lagartos (entón Calle Nueva) amenizada pola Banda da Garabanxa que se prolongou ata ben entrada a noite. O encargado dos festexos (posto conseguido despois de dura pugna) foi o propietario Manuel Mariño Liste, que sería substituído para o ano seguinte polo comerciante Juan Calvo Pérez (da ferraxería).

  En xullo tivo lugar na vila un disputado partido de fútbol entre o Órdenes e o Curtis FC arbitrado por Manolo Vilaboa.
  A aliñación do Ordes era: Concheiro de porteiro; Elice e Edreira defensas; Morandeira, Adolfo e Luis, centrocampistas; e Paco, Segis, Arturo, Camelo e Louro, dianteiros.
  Na primeira parte o Curtis dominou amplamente e meteu dous goles. O descanso deulle a volta ao partido e o Ordes remontou na segunda parte rematando o partido 3-2.
  Destacaron no Ordes Concheiro (que mesmo detivo un penalti), os defensas, Adolfo e Arturo. Segundo o xornal "Camelo hizo honor a su nombre".

  Coa idea de recadar cartos para as festas organizáronse unhas veladas teatrais no Salón Troche representando "Mi casa es un infierno" de Fernández del Villar. Os "entusiastas" actores foron Manuel Gª Gerpe, Manuel Mariño Vilela, Segismundo Viqueira, Manuel Amor, Antonio Louro Parada e José Abeijón Sánchez, e as actrices Lolita del Río Barros, Angelita Stolle, Olvido Viqueira, Anuncia Faya Vilariño e a nena Encarnación del Río Barros. Todos cumpliron "admirablemente" o seu cometido, mesmo o director de escena Nicolás del Río Barros, e apuntador Celestino Concheiro, que o fixeron "con singular acierto".
  As festas patronais (que duraron 5 días) contaron unha vez máis con Ezequiel Astray, encabezando unha comisión na que tamén formaban parte os mozos Nicolás del Río Barros, Celestino Concheiro Iglesias, Manuel García Gerpe, José Concheiro García, Segismundo Viqueira, Manuel Amor e Juan Liñares Castro (como vemos moitos formaban parte tamén da "compañía teatral").
  O venres 14 de agosto as sete da tarde entraron as bandas de Camboño (Lousame) e Corme (Ponteceso), percorrendo a vila en compañía da gaita enxebre "Airiños de Campeiras". Ás dez foi a verbena na Alameda con elevación de globos e queima de fogos de artificio.
  O sábado 15, día grande, houbo unha gran salva de bombas ás oito da mañá e novamente bandas e gaitas percorreron as rúas. Houbo concertos, partidos de fútbol, paseos de moda e verbena nocturna con iluminación eléctrica.
  O domingo 16, San Roque, houbo ademais carreiras de bicicletas e xogos de cintas, presididos pola comisión e "bellas señoritas de esta localidad" que entregaron os premios. O partido de fútbol foi contra o Celta de Rutis de Vilaboa que chegou acompañado por moitos afeccionados desprazados en varios autobuses para a ocasión.
  O luns 17 percorreron as rúas as comparsas de xigantes e cabezudos e houbo no Outeiro de Poulo a merenda dos Caneiros.
  O martes 18, ademais dos festexos habituais, foi o día do concurso de baile galego con premios ás mellores parellas.

  Os días 12 e 13 de setembro celebrouse a Festa do Cristo da Agonía na "Calle Nueva" (Lagartos). A comisión estivo formada por Manuel e Rafael Mariño Vilela, Manuel Mariño Martínez das Corredoiras, Manuel Verea Remeseiro, José e Antonio Liñares Rama, Alfonso e José Candal, Tomás Iglesias e Juan Calviño.
  O sábado 12 ás 5 da tarde chegou a banda "La Humorística" no medio do estoupido de numerosas bombas. A verbena foi moi animada, ao que contribuíu Rafael Mariño Vilela coa súa artística iluminación eléctrica.
  O domingo houbo misa cantada polo párroco de Visantoña Manuel Romero Álvarez. A procesión foi espectacular: a imaxe do Cristo ía nun autobús suntuosamente adornado no que tamén ían as nenas Adita Verea, Elisita Ferreiro e Carmiña Villaverde vestidas de anxos e soltando numerosas pombas durante o traxecto. Portaba o ramo desde a rúa en festas a nena Carmiña García, acompañada de Divina Bahamonde, Conchita e Jesusa Villaverde e Marujita Fraga.
  Ás 4 tivo lugar a romería á que acudiu moita xente, igual que despois á verbena.

  O sábado 19 e domingo 20 de setembro tiveron lugar ás festas do Recreo na hora da Virxe de Lourdes. A comisión estivo formada por Manuel del Río Iglesias e Manuel Castro coa colaboración, tamén aquí, de Rafael Mariño na iluminación eléctrica.
  O sábado a imaxe foi trasladada desde a capela ata a igrexa parroquial (regresando á súa ubicación inicial ao día seguinte despois da misa). Tanto sábado coma domingo houbo baile de cinco a dez da tarde e de once a doce da noite.

  En setembro houbo un partido entre os reservas do Ordes e o FC de Sigüeiro que rematou cun tanteo de 5-2.

lunes, 6 de enero de 2020

A familia Barreiro (Casal)

  Dúas grandes familias campesiñas da parroquia de Ordes, os Barreiros e os Martís, teñen o seu asento na aldea do Casal. O patriarca dos Barreiros foi no século XIX José Barreiro Carballido que casou con María Recouso Calvo. Deste matrimonio naceron 10 fillos: José, Manuel, Ricardo, Antonio, Juan, Jesús, Andrea, Antonia, Juana e Concepción Barreiro Recouso.

  Relacionados con eles estaban os Barreiros de Campomaior -a zona do colexio- que no século XIX emparentaron cos Mosqueiras de Vilaverde polo casamento de Francisco Mosquera (1837-1919) e María Barreiro (1844-1918), filla de Félix Barreiro e de María del Río. Francisco e María tiveron 8 fillos: Manuel (que sería o patriarca dos Mosqueiras), Antonio, Dolores, Ángela (matriarca dos Villaverde do Piñeiro), Generosa, Cándido (párroco de Abellá), María Josefa e Manuela (que casou con Fernando Liste Caramelo, o pai de Fernanducho).

  José Barreiro Recouso (1888-1963), o fillo maior e por tanto o herdeiro -que chegou a ser concelleiro-, casou con Generosa (1885-1977), a quinta irmá dos Mosquera Barreiro. Con ela tivo 5 fillos: María e Manuela (ambas as dúas solteiras polo que viviron ata a súa morte na casa familiar), Jesusa (que casou co fillo maior dos Ferreiros do Casal), José (o herdeiro da casa) e Juan (que casou con Adolfina Moar do Alto e alí se estableceu).

  Os irmáns de José emigraron, agás Juan (1896-1958) que tamén quedou no Casal, non moi lonxe da casa familiar, e que casou con Jesusa Prego Becerra (1907-1985). Froito deste matrimonio foron 7 fillos: Estrella, José, Jesús, María, Manuel, Valentín e Jaime Barreiro Prego.
  O seu tío político Fernanducho empregou a tres deles, dous na maquía (José e Manuel) e un coas súas terras e gando (Jesús). Eran tan traballadores que os comparaba cos camións "Barreiros" (moi populares pola súa fiabilidade na España de Posguerra) e cando alguén presumía de camión el contestaba: "Pois eu teño tres Barreiros".
  O máis coñecido na vila foi José Barreiro da Maquía (1928-2004) que casou con Josefa Veiras Mosquera dos Chuzos de Pardiñas.


  Manuel marchou e rematou instalándose na Sionlla. De Ricardo sabemos que emigrou á Arxentina coa súa muller Carmen Ferreiro Recouso (dos Faberos) pero alí separáronse e ela tivo que volver con dous fillos pequenos: Ricardo Barreiro o Pavero e Maruja -que morreu moi nova-.
  Antonio casou con Dolores Gómez Salgueiro, que viñera da Arxentina, e morreron novos. Os tres fillos que lle sobreviviron -Antonio (m.2000), Dolores (m.2020) e Carmen Barreiro Gómez- pasaron pola inclusa e remataron emigrando á Coruña. Dolores viviu en Vilarrodís (Arteixo).
  Jesús, o irmán varón máis novo, casou para Cestaños e tivo 3 fillos (José, Balbino e Ángel Barreiro García o taxista) e unha filla, María Barreiro García (1933-2015), máis coñecida como María das Camelias pola florería que tiña no Recreo.
   Antonia casou con José Remuiñán Liste. Tiveron 7 fillos, entre eles José, máis coñecido como Ricardito, que foi guerrilleiro antifranquista, feito que motivou o desterro de toda a familia a Castela desde 1948 ata principios dos anos 50.
  Dúas das irmás, Juana e Concha Barreiro Recouso casaron con dous irmáns dos Fernández das Casillas, Jacinto e Evaristo Fernández Recouso. Entre os 5 fillos de Jacinto, celador de telégrafos, e de Juana está Mª de la Cruz que casou co taxista Manuel Gómez Gende e foi a propietaria da coñecida tenda de zapatos "Calzados Mallorca".

jueves, 2 de enero de 2020

Anuncios de 1954

  Velaquí anuncios que apareceron no xornal La Noche do 13 de agosto de 1954 e no xornal La Voz de Galicia do día seguinte, nos monográficos que ambos os dous dedicaron ás festas patronais de Ordes.