sábado, 27 de octubre de 2018

Ramón Ferreiro Regos

  Ramón Ferreiro, máis coñecido na súa xuventude como Ramón de Estrella e máis tarde como Ramón o practicante, naceu en Ordes en 1923. Era fillo do barbeiro Segundo Ferreiro del Río (1896-1967), un dos dez fillos de Antón de Xan Ferreiro, e de Estrella Regos Caramelo (m.1975). Ramón foi case fillo único porque o seu irmán, Segundo, morreu aos sete anos, en 1936.
  De neno estivo na primeira banda de Ordes tocando o saxo. De mozo axudou ao seu pai na barbería que estaba no que hoxe é Alfonso Senra 97, onde segue o estanco que rexentou a súa muller.
  Casou con Estrella Díaz Vázquez coa que tivo 4 fillos (3 mulleres e un varón), pero antes tivo unha relación con Susa de Veiras da que naceu unha filla, Mª Jesús Ferreiro, que posteriormente recoñecería.

  Pero Ramón ten un oco na historia ordense porque se fixo enfermeiro. Nos duros anos da posguerra, cando as actuais estradas eran corredoiras cheas de lama en inverno e de po en verán, os veciños enfermos podían contar con el a calquera hora do día ou da noite. Un aviso e alí aparecía Ramón coa súa moto.
  Atendía igual a ricos que a pobres, que naqueles tempos eran a gran maioría, e non lle preocupaba que a paga tardase en chegar ou directamente non chegase.
  A súa profesionalidade e o seu bo ollo eran lendarios. A súa consulta (na parte de atrás do estanco) estaba sempre chea. Moita xente que non aturaba a ningún médico confiaba nel cegamente.
  Iso a pesar de que o seu carácter non era precisamente doce e non andaba con cricadas. Criado en tempos duros, non se preocupaba en exceso pola dor, nin era dos que dedicaban carantoñas aos nenos, así que na súa consulta había criaturas francamente aterrorizadas e algúns adultos que tampouco as tiñan todas consigo. Pero en efectividade non lle gañaba ninguén.

  Despois de máis de catro décadas de duro traballo comezaron a chegarlle os recoñecementos. O 21 de febreiro de 1989 recibiu a medalla de ouro de Ordes e ao mesmo tempo foi nomeado Fillo Predilecto (o primeiro ao que se lle concedeu tal distinción estando vivo). En xuño de 1998 foi agasallado cunha das doce medallas de bronce ao mérito profesional que concedeu a Xunta de Galicia aquel ano.
 
 
  En xullo de 2001, Ramón xa xubilado, tivo outra merecida homenaxe. Coincidindo coa inauguración da primeira unidade de Radiofarmacia de Galicia á que asistiu o conselleiro de Sanidade José Mª Hernández Cochón, o Concello demostroulle a gratitude do pobo ordense, dándolle o seu nome á rúa que vai ao Centro Médico. Alí mesmo recibiu o agarimo dos veciños e a felicitación do conselleiro.


  Morreu en setembro do ano 2006 aos 83 anos e o seu enterro foi unha auténtica manifestación de dó popular.
  En marzo de 2024 foi homenaxeado de novo, sendo colocada unha estatua que o representa a carón da entrada do Centro Médico, acto que contou coa presenza do concelleiro de Sanidade en funcións Julio García Comesaña.

  En canto á súa familia, a súa filla maior Lola Ferreiro Díaz (1957-2023) estudou medicina e estaba especializada en temas de educación e feminismo, Estrella e Mª Carmen (Tana) dedícanse á docencia, e o menor, Ramón, traballa na banca.

lunes, 22 de octubre de 2018

Fíxose a luz (eléctrica)

  Indubidablemente o feito máis destacado en Ordes no ano 1922 foi a inauguración da central que trouxo a luz eléctrica á vila.
  Os impulsores e principais investidores foron os empresarios de transporte Julio Bruzos Varela (propietario da compañía de autobuses "El Noroeste") e Evaristo Castromil Otero (autobuses "Castromil"). Había ademais dous investidores locais: Juan Liñares Iglesias, que tamén era xerente de "El Noroeste" e José Mariño García.
  A dirección técnica correu a cargo dos enxeñeiros alemáns Otto Gerzen e Oscar Ebert que instalaron no que hoxe é a parte leste da Rúa dos Lagartos a central eléctrica. Esta funcionaba grazas a un motor alimentado por gas pobre (que se obtiña facendo pasar alternativamente vapor de auga e aire sobre carbón incandescente).
  Ao longo do ano instalouse tamén o tendido eléctrico que provería á vila e construíuse unha maquía para aproveitar a enerxía sobrante. Mentres, José Mariño puxo a punto un bar (bastante fastoso en comparación coas tabernas existentes) tamén na Rúa dos Lagartos (entón "Calle Nueva") onde debía ter lugar o banquete de inauguración -e que logo levaría o seu fillo Manolo-.
  Paralelamente, sen relación con isto, aquel ano José Romero Faya tamén inaugurou unha tablajería, que era como entón se lles chamaba ás carnicerías.

  O venres 17 de novembro de 1922 tivo lugar a cerimonia de inauguración. O edificio e a maquinaria foron bendicidos por don Manuel Caeiro, cóengo da catedral. No banquete que, ao final foi celebrado na casa dos Liñares, ocuparon a presidencia don Cándido García González (arcipreste da Catedral de Santiago e secretario de Cámara do arcebispado) e o avogado da Compañía José Portal Fradejas que foron moi aplaudidos nos brindes.

  Juan Liñares foi o xerente da compañía que tivo o nome provisional de "Electra ordenense" (máis tarde sería "Eléctrica de Órdenes"). O seu primeiro obxectivo foi promocionar o servizo tal como recolle esta noticia aparecida en La Voz de Galicia do mes de decembro:
  El simpático don Juanito, como aquí se le conoce, gerente de la entidad so­cial, no perdona medio que conduzca al mejor éxito de la empresa y con tal mo­tivo, desde primero del próximo año, piensa extender su esfera de acción has­ta Santiago, de donde ya recibió encar­gos de moliendas importantes. Igualmente está dispuesto a hacer gratuitamente las instalaciones eléctricas en los domicilios pobres, a fin de que la luz luzca en los más modestos hogares.
Por último, hace constar que en la ra­zón social figura también don Bernar­do Harguindey, de Santiago.
  Seguindo esta política, dous anos despois, en outubro de 1924 fixo a instalación eléctrica no cárcere. Non obstante os beneficios da empresa non deberon ser demasiados porque en 1927 saiu a pública subasta.


  Non logrou venderse, o que non fala moi ben da súa rendabilidade, e en novembro de 1928 Juan Liñares cedeu a súa parte do negocio a Julio Bruzos que quedou como único propietario (Castromil e Mariño xa o deixaran case ao principio). Posteriormente comprouna Rodolfo Caamaño López que iniciou unha política de melloras e abaratou os prezos. Contou coa axuda do seu irmán Luis e do técnico Pedro Graña.
  Finalmente a empresa remataría en mans de Fernando Liste e, xa nos anos 50, sería absorbida por FENOSA. 

jueves, 18 de octubre de 2018

Renda da comarca 2016

  2016 volveu ser (ao igual que o 2015) un bo ano en termos económicos segundo a estatística de declarantes do IRPF publicada pola Axencia Tributaria.


  En Galicia seguen os mesmos concellos na lista dos dez primeiros e tamén na dos derradeiros, con algún pequeno cambio nas súas cifras e na súa orde. O dato máis relevante é que Vigo está a piques de saír da zona nobre, tras caer un 3 % (ata 25.800 €) a súa renda bruta por cidadán, con Sada (25.700 €) próxima a superalo.
  Os cinco concellos cos maiores niveis de riqueza (Oleiros, As Pontes, Bergondo, A Coruña e Santiago) tiñan unha renda bruta media por habitante superior aos 30.000 euros (3,7 % máis nun só exercicio). Con todo, este dato está distorsionado pola gran subida de Oleiros (8 % entre o 2015 e o 2016, para superar xa os 40.000 euros de renda bruta media). É un dos trinta primeiros municipios de toda España, algo lóxico xa que algúns dos principais empresarios e executivos galegos residen nese municipio da área metropolitana da Coruña.
   A cola ocúpana sobre todo concellos de montaña, repetindo Cervantes o posto de pechacancelas, cunha renda bruta media apenas superior aos 12.000 euros, a pesar de incrementarse notablemente a cifra, desde os 11.000 precedentes.


  A comarca de Ordes evolucionou positivamente este ano 2016 no seu conxunto e ademais reducíronse os desequilibrios: os tres concellos máis ricos (Oroso, Cerceda e Ordes) aumentaron a súa renda media pero moito máis o fixeron Trazo, Tordoia e Mesía (que levaba descendendo desde 2013). Mención especial para Frades que tivo unha subida do 7,2 % e achégase á renda do concello de Trazo. 

lunes, 15 de octubre de 2018

O crime de Olas

  En 1922 cometeuse un novo crime na comarca, no concello de Mesía, suceso que acabaría sendo dobremente tráxico.

  Tivo lugar o 11 de novembro de 1922. A vítima foi Saturnino Souto Mosquera, un veciño de Mesía viúvo de 39 anos, que apareceu morto preto do muíño de Leborís, na parroquia de Olas, con feridas de arma de fogo.
  Estes crimes rurais acostumaban estar causados por persoas que tiñan desavinzas coas vítimas, así que a investigación sempre se centraba nos veciños que xa tiveran liortas co morto. O xuíz de Ordes, secundado pola Garda Civil, seguiu a norma e inmediatamente  xurdiu o nome da familia Carro que mantivera unha longa inimizade con Saturnino.
 Os principais sospeitosos eran Ramón Carro Gómez  e o seu fillo Ricardo Carro Cruz, pero tamén foron detidas Carmen Cruz Carro e Manuela Lata Ferreira.
  Todos foron ingresados no cárcere de Ordes e interrogados. Nun principio non se logrou unha confesión e houbo que liberalos. Pero a investigación seguiu o seu curso e centrouse no primeiro e principal sospeitoso, Ricardo Carro Cruz.
  Volveu ser detido nas inmediacións do muíño e rexistrouse a casa familiar. Na corte entre unha morea de esterco atopouse unha aixada, un anaco de pota e unha escopeta.
  Ao ver a escopeta nas mans da Garda Civil, non fixo falta moita presión: Ricardo derrubouse e confesou o crime, exculpando ao resto da familia.

  Ingresado no cárcere de Santiago, un ano despois foi trasladado á Comandancia da Coruña para agardar nesta cidade ata o inicio do xuízo, pero este non chegou a celebrarse. Na súa viaxe Ricardo pasou unha noite no cárcere de Ordes e aproveitou estar preto da súa terra para aforcarse na súa cela o 17 de decembro de 1923.
  Acosado polos remorsos? Temendo unha longa condea? Non o saberemos, pero unha vez máis as terras da comarca tinguíronse co sangue e, nesta ocasión, de dúas familias.

viernes, 12 de octubre de 2018

Ensalada de asociacións

  A emigración galega a finais do século XIX e comezos do XX foi moi intensa. Os dous lugares preferidos foron, primeiro Cuba, e logo a República Arxentina (aínda que habería que precisar que máis ben Buenos Aires e a súa zona circundante incluída a cidade de Montevideo). Pronto estes emigrantes comezaron a organizarse en asociacións e mesmo chegaron a ter xornais propios, dos cales o máis difundido foi o Correo de Galicia (co subtítulo Órgano de la colectividad gallega de la República Argentina) do que foi director e propietario, na súa etapa máis coñecida, José Ramón Lence.


  O 8 de abril de 1922 dezaoito emigrantes da zona de Ordes reunidos no soto dun bar na céntrica Rúa Moreno crearon a súa propia organización que respondía ao longo nome de Sociedad pro instrucción laica y protección del partido de Órdenes. Na primeira directiva o presidente, vicepresidente e secretario foron respectivamente José Sanjurjo, Antonio Calviño e Isidro Martínez.

  Por se esta asociación non chegara, tres anos despois, o 1 de xullo de 1925, varios emigrantes tracenses (Esteban Iglesias, Benito Vieites, Domingo González, José Castiñeiras e Manuel Brea) crearon unha exclusiva cun nome aínda máis longo: Sociedad de Protección y Cultura de los residentes del Municipio de Trazo en Buenos Aires.
  Os fradenses non se quixeron quedar atrás e o 10 de xullo de 1926 crearon a súa propia (iso si, non se esforzaron tanto co nome) que se chamou Agrupación Instructiva de Frades. A súa primeira comisión estivo formada por Vicente Pardo, Policarpo Martínez, José Carro, Manuel Botana Otero e Eduardo Otero.
  E, loxicamente, despois dos de Frades seguiron os de Mesía que o 23 de outubro de 1926 crearon o Centro del Ayuntamiento de Mesía y sus confines Protección y Cultura en Buenos Aires. Algúns dos membros foron Manuel López, Pedro del Río, Manuel Andrade, Manuel Rico, Ángel Quindimil, Manuel Mosquera ...

  Despois de varios anos de minifundismo (como se seguiran estando en Galicia) empezou a imperar a lóxica. En 1933 a asociación de Frades uniuse á de Ordes. Nesta etapa a sede estaba na Rúa México 1660 e houbo presidentes como Manuel López ou Policarpo Martínez.
 Continuou o achegamento e en 1939 as tres organizacións completaron a fusión. A asociación resultante pasou a chamarse nun primeiro momento Sociedad Unión del Partido Judicial de Órdenes, democrática y republicana, Cultural y Recreativa (nome que sen dúbida sería un pesadelo para o encargado de deseñar o logo). Pouco despois cambiouse ese nome polo máis curto Asociación Unión del Partido Judicial de Órdenes que sería definitivo.

  Xa neses tempos editaron unha revista con periodicidade anual que mesturaba información sobre as súas actividades con lembranzas da terra. Nas súas páxinas podíanse atopar poemas dos autores galegos máis representativos (Rosalía Castro, Curros Enríquez ...), textos de diversos autores (Enrique Labarta, Joaquín Costa, Manuel García Gerpe ...), debuxos de Castelao ou recensións xeográficas (tomadas de Carré Aldao) da comarca ordense.

martes, 9 de octubre de 2018

Lagomorfos e roedores

  Das case 40 especies de mamíferos que habitan a comarca, 11 corresponden a lagomorfos e roedores.
  Ata comezos do século XX ambos os dous grupos eran considerados roedores pero agora están clasificados en dúas ordes distintas, pois hai diferenzas significativas entre eles. A principal é que os lagomorfos teñen dous pares de incisivos -aínda que o segundo par é máis pequeno- fronte a un único par nos roedores. Tamén se asemellan anatómicamente aos artiodáctilos (o grupo de animais ao que pertencen as xirafas!)

  Só hai dúas especies de lagomorfos (palabra que, por certo, significa que teñen forma de lebre): o coello, moi abundante, e a lebre, que polo contrario parece descender en número en Galicia, a pesar de non ser unha especie ameazada na Península Ibérica.


  Os roedores están representados por 9 especies, sendo a maior o esquío común ou vermello (Sciurus vulgaris), o único de costumes tipicamente forestais e trepadores. A finais dos 70 era case inexistente pero hoxe é moi habitual onde haxa piñeiros.  
  As outras 8 especies son micromamíferos terrestres.
  Os máis coñecidos, pola súa habilidade para compartir vida cos homes e aproveitarse deles, son o rato (caseiro e de campo) e as 3 especies de rata, unha das cales ten hábitos acuáticos. O leirón é moi coñecido popularmente pola súa capacidade de hibernación e non tan coñecido por ser capaz de engadir pequenas presas á súa dieta herbívora. As trilladeiras, polos seus costumes subterráneos, son chamadas topillos en castelán (nome que induce a erro pois son roedores e non insectívoros como a toupa).

(Oryctolagus cuniculus)
conejo
(Lepus granatensis)
liebre ibérica
(Sciurus vulgaris)
ardilla roja
(Elyomis quercinus)
lirón careto
(Microtus agrestis)
topillo agreste
(Microtus lusitanicus)
topillo lusitano
(Arvicola sapidus)
rata de agua
(Rattus norvegicus)
rata gris o parda
(Rattus rattus)
rata negra
(Apodemus sylvaticus)
ratón de campo
(Mus musculus)
ratón casero

viernes, 5 de octubre de 2018

A familia Álvarez (farmacia)

  Os Álvarez Valdés foron a finais do século XIX e principios do XX una das familias máis ricas da vila pero hoxe non quedan descendentes en Ordes.  
  O patriarca foi Manuel Álvarez Valdés (m. marzo de 1917), "acaudalado propietario" segundo os xornais da época, pois tiña moitas terras na zona sur da vila lindando coas de Fernando Liste (o pai de Fernanducho). De feito o apelido entrou na microtoponimia local porque esa zona denomínase Vilavaldés. Estaba casado con Ángela del Río Moar (m. agosto de 1916) que, como non, tamén viña de rico berce.
  Eran ademais unha familia moi relixiosa (con especial devoción pola Virxe de Lourdes) que participaban en todo tipo de peditorios para arranxar imaxes sacras (tanto en Ordes como en Santiago) e sufragaron durante anos funcións relixiosas como a do Corazón Délfico. Tiveron 4 fillos: Antonia, Manuel, Ángel e Pilar Álvarez del Río.

  Antonia (m. 1941) e Pilar Álvarez-Valdés del Río (usaban normalmente os apelidos do pai) quedaron solteiras e vivían xuntas nunha casa que estaba no que agora é Alfonso Senra 130 (ao lado sur da "Casa das medias"). Eran coñecidas como as de Valdés (ou as Valdesas). Xunto coa súa cuñada Mercedes pasaban media vida na igrexa.
                                                                                                         
  O segundo fillo, Manuel Álvarez del Río (m. 1949) dono da farmacia de abaixo na "Calle Real" (logo Alfonso Senra 112). Casou en 1907 con Mercedes Salgueiro García, coa que tivo dous fillos, Rafael e Manuel, e unha nena, Carmelita, que morreu noviña en marzo de 1943. Mercedes faleceu en 1959 con 79 anos ao caer parte da galería da súa casa de San Roque en Santiago con ela dentro. Acababa de volver de oír misa na Catedral.
  Rafael Álvarez Salgueiro (1910-1974) continuou coa farmacia e tamén foi concelleiro e conselleiro local do "Movimiento". Non tivo fillos no seu matrimonio con Elvira Stolle Ramos (1916-1997), así que a farmacia quedou nas mans dunha sobriña, Mª Jesús Liñares Stolle (filla do alcalde Juan Liñares Castro e da única irmá da súa muller, Ángela). Hoxe a farmacia pertence á súa filla Mª Gemma Rodríguez Liñares.
  Manuel Álvarez Salgueiro (1911-1982) foi mestre. En 1940 deu clases no Canedo e, sendo xa algo maiores, casou con Amparo Iglesias de la Fuente (m.1989), filla de Pedro Iglesias Barral (Pedro de Hilario) do Mesón do Vento.
  Viviron ao lado do Bar de Hilario. Como tampouco tiveron descendencia case criaron como propio a Pedro Manuel Presedo Iglesias, fillo de Carmiña*, a irmá de Amparo, que quedara viúva e que era a que atendía o bar.

  Ángel Álvarez del Río (m. outubro 1926) foi médico en Santiago. Casou en 1907 con Sila González Tuñón de nai asturiana, mestra e directora da Escola Nacional do Hospitalillo en San Roque (Santiago), coa que tivo 7 fillos.
  Manuel Álvarez González (m. 1974), o maior, seguiu a carreira paterna e foi un coñecido médico en Santiago. Laura, a 2ª, foi mestra como a súa nai. En 1937 casou co médico Luis Casais, moi admirado no Grove, lugar onde ambos traballaron e viviron.
  Agás Reinerio e Concepción que permaneceron solteiros e viviron xuntos no Hórreo, as irmás restantes casaron cun farmacéutico e dous prestixiosos médicos de importantes familias de fóra de Galicia.


* Carmiña de Hilario foi protagonista durante moito tempo dos cotilleos locais, por ser parte cando era viúva dun insólito triángulo amoroso cos curas de Mercurín (ao parecer o seu preferido) e o do Mesón do Vento, situación que tiña intrigados e divertidos aos fregueses dambas as dúas parroquias.

lunes, 1 de octubre de 2018

Protestas agraristas

  O último terzo de 1922 foi unha época de gran efervescencia agrarista en Ordes (e en toda Galicia, pero con especial incidencia na provincia da Coruña).
  Unha das principais fontes de poder dos caciques locais era que eles decidían "de facto" os impostos que debía pagar o pobo. Se un campesiño non era do agrado do cacique vía como a contía dos seus impostos aumentaba arbitrariamente.
  Para tentar resolver este problema, o político conservador Augusto González Besada (galego e por tanto bo coñecedor do tema), ministro de Facenda en 1918, asinou ese ano un decreto que pretendía combater eses privilexios no que entón se denominaba "recaudación de consumos".
  Claro que unha cousa é lexislar e outra que as leis se cumpran. Na maioría de lugares (entre eles Ordes) o decreto foi burlado de diversas formas, converteuse en papel mollado e a situación non variou para irritación crecente dos campesiños.

  Pero non todo era igual exactamente que 10 anos atrás. Os labregos tiñan agora máis forza porque, ademais de intelectuais de partidos minoritarios, contaban con moitos agraristas católicos que proviñan de ámbitos próximos ao Partido Conservador e con xornais de certa importancia como El Noroeste ou El Ideal Gallego que defendían estas ideas e promovían e publicitaban as protestas campesiñas.

  A axitación comezou en setembro cunha insólita manifestación de veciños en Ordes diante da Casa do Concello pedindo a rebaixa dos gastos municipais e dos que o partido xudicial destiñaba ao cárcere. Poucos días despois houbo incidentes en Olas (Mesía) onde os veciños se negaron a pagar os impostos que lles correspondían e recibiron de forma hostil aos funcionarios e aos gardas civís que os acompañaban.

  O acto máis espectacular produciuse o xoves 5 de outubro: uns 800 campesiños da comarca apareceron na Coruña (algúns despois de andar 8 e 9 horas) onde se manifestaron polas súas rúas máis céntricas facendo oír a súa protesta.
  El Ideal Gallego, que destacou a orde e a mesura dos manifestantes, explicaba os seus argumentos: "No se oponen al pago de la cuota de consumos, pues siempre han estado dispuestos a pagar lo que les corresponda, ni hacen frente a la fuerza pública (siquiera haya habido algunas negativas u oposiciones que el Juzgado militar tiene pendiente). Lo único que piden es que Institutos tan beneméritos como el de la Guardia Civil no estén al servicio de agentes, secretarios y alcaldes sin conciencia, para fines caciquiles y de egoísmos personales o de tendenciosas y bastardas conveniencias políticas".
  Encabezados por Salvador Sanz Martínez (concelleiro da cidade e membro da Asociación nacional católica de jóvenes de La Coruña), foron recibidos polo delegado de Facenda e posteriormente polo gobernador civil da Coruña. Aos dous lles leron e entregaron unha exposición que detallaba os atropelos dos que crían ser obxecto e reclamaban compensacións. Obviamente, os dous políticos tiveron boas palabras para eles e o gobernador ata prometeu esixir responsabilidades a aqueles alcaldes que abusasen da súa autoridade.
  Claro que una cousa eran as palabras na Coruña e outra os feitos en Ordes porque o propio xornal informaba que, como represalia contra o párroco de Papucín, don Antonio Leiro Eiré, por acudir á manifestación, o ex-secretario do Concello de Frades José Stolle García entrou na reitoral á forza e levouse para Ordes o cabalo do sacerdote!

  10 días despois, o domingo 15 de outubro de 1922 ás tres da tarde, tivo lugar nun piñeiral preto da vila de Ordes un mítin católico agrario multitudinario. El Compostelano contou 5.000 asistentes (pero como na manifestación da Coruña os 800 asistentes de El Ideal Gallego eran para el 2.000, temos que tomar esta cifra con moita prevención).
  Fixo a presentación dos oradores o ex-deputado provincial Celestino Amigo.
  Salvador Sanz Martínez, que estivera na manifestación da Coruña, referiuse especialmente aos incidentes de Olas que tiñan no cárcere da cidade a 7 mulleres presas en espera de xuízo militar.
  O avogado de Betanzos Víctor Naveira Pato e o avogado pontevedrés Ramón Salgado Pérez foron máis xenéricos, ao contrario que o catedrático de veterinaria Jesús Culebras que describiu minuciosamente o caciquismo ordense que coñecía á perfección e que logrou as gargalladas dos oíntes. Alfonso de Cal, redactor de El Noroeste, alabou a figura do cura de Papucín.

  Jacobo Varela Menéndez, director de El Ideal Gallego e bo coñecedor do distrito por ter competido (con nulos resultados) contra Alfonso Senra nun par de eleccións a Cortes, foi o segundo máis aplaudido. Centrouse no decreto de Besada e os consumos, censurando as ilegalidades dos caciques.
  Pero o público esperaba con afán ao orador estelar, José Calvo Sotelo, un mozo de 29 anos, aínda con escasa bagaxe política, posto que só fora deputado polo Carballiño e gobernador civil de Valencia ese mesmo ano de 1922.

  E non defraudou pois deulle ao público o que este quería: foi convincente cando razoaba, agresivo cando mencionaba ao caciquismo gassetista e emotivo falando das mulleres detidas ou recordando a Leonardo Rodríguez Díaz (un político amigo seu que morrera había un par de semanas). Un clamor de aplausos culminou o seu discurso.
  Despois do mítin os asistentes fixeron unha intimidante marcha pola vila que rematou sen máis incidentes que algúns insultos e protestas diante da casa de Saturnino Aller.

  Todas estas algaradas non variaron demasiado a situación. En novembro o comisionado de Facenda en Ordes, Sr. Ossorio, recibiu queixas oficiais do veciño Juan Iglesias Rivas na súa oficina (por certo dita oficina estaba nunha casa de Saturnino Aller), e outras protestas por irregularidades diversas continuaron saíndo á luz pública intermitentemente.