sábado, 29 de septiembre de 2018

Igrexa Parroquial de Ordes


  É o máis grande (660 m2) e o máis singular de todos os templos parroquiais do concello, pois mentres os outros son maioritariamente barrocos (aínda que teñan orixes románicas) e máis antigos, este é neoclásico e data de finais do século XIX.
  Débese ao arquitecto Faustino Domínguez Domínguez (1811-1890), unha das grandes figuras da arquitectura galega do século XIX e o mellor expoñente do neoclasicismo tardío. No seu proxecto orixinal a igrexa era máis pequena e tiña unha única torre central, pero a principios dos 60 sufriu unha gran reforma (ampliación da nave principal e construción de dúas torres laterais) que non desvirtuou o sentido da obra orixinal e mantivo a coherencia estética do conxunto.
  A igrexa actual ten planta de cruz latina coa nave principal cuberta cunha bóveda de canón en tramos divididos por arcos e cúpula semiesférica sobre o cruceiro (no exterior esta cúpula non se ve ao estar tapada por un tellado a 4 augas). A iluminación faise por medio de lunetos.


  Diversas imaxes adornan o interior. Destaca unha figura de San Bieito, de ferro forxado, obra do escultor noiés Ferreiro, así como dous pequenos retablos barrocos procedentes da antiga igrexa parroquial. Con todo, a imaxe máis venerada é a da Virxe das Dores, regalo de Rosa López, unha emigrante retornada de Cuba.


  A súa historia comeza en 1852 cando o párroco don Manuel Bérmudez informa ao Arcebispado de Santiago do mal estado e das reducidas dimensións da vella igrexa parroquial (futura Capela de Lourdes). Solicita que se constrúa unha nova máis ao norte e comunica que os fregueses comprométense a colabarar transportando pedra e barro.
  As obras foron aprobadas e contaron cun orzamento dunhas 34.600 pesetas da época. Comezaron en 1863 pero fóronse dilatando no tempo con varias interrupcións por falta de fondos e novos orzamentos, como os de 1865 ou 1877, ata que nese último ano o primeiro Arquitecto Diocesano Antonio Bermejo rematounas segundo o proxecto de Domínguez. A continuación foi aberta ao público a nova Igrexa de Santa María. A solemne inauguración (xunto co pilón da alameda) tivo lugar o domingo 30 de setembro de 1877.
  Non obstante a recepción provisional tivo lugar en 1879 e o acabado total retrasouse ata 1884 cando Domingo Rodríguez Sesmero executou as obras de pavimentación, peche do adro e altares.
  En diversos momentos como 1900, 1940 (cando se construíu a nova reitoral) ou 1956 houbo obras de restauración, pero a gran modificación tivo lugar coa chegada do sacerdote don José Fernández Fuentes. En 1962 remataron as obras que custaron uns 2 millóns de pesetas da época e que consistiron na prolongación das naves, construción das torres e redución da explanada de entrada.
  En 2009, co actual párroco don Jesús Codesido Ben, instalouse calefacción radial e aproveitouse para diversas obras de acondicionamento.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
 

martes, 25 de septiembre de 2018

As festas de 1922

  Grazas ao mestre Nicolás del Río que era tamén corresponsal de El Compostelano temos ampla información das festas de 1922, sobre todo na súa vertente relixiosa.

  No Entroido destacou o baile celebrado na casa da viúva de del Río, organizado polos avogados Juan Amigo Iglesias e o fradense Carlos Barrasa Gutiérrez. Houbo disfraces "de un delicado gusto" lucidos polas "bellísimas señoritas" da boa sociedade, entre outras Pilar Astray, Carmen del Río Barros, Milagros Sánchez, Concha e Antonia Amigo, Maruja Batista, Rafaela, Isabel, Celia e Sara del Río Castro e Rita e Amparo Castro Bao.
  Tamén asistiron membros dos Amigo, Astray, Barro, Boo, del Río, García, Liñares, Maceiras, Mariño, Pol, Quiniza, Ramos e Rapela.

  En maio a Asociación de Fillas de María, dirixida por Carmen Pol Crespo (filla de Julio Pol), engalanou a igrexa (por medio de Maruja Carnota, Rita Castro e Paca Pol), asistiu ao culto diario e ensaiou para a misa do último día onde as nenas Lolita del Río Barros, filla do mestre, e Emilita Cubeiro Castro leron uns poemas.
  En xuño tivo lugar a curiosa cerimonia do Viático, que foi levado aos reclusos do cárcere en procesión presidida polas autoridades, escoltada por un piquete da Garda Civil e acompañada de moita xente con velas acesas, o que deu por resultado "un acto conmovedor".
   En xullo o rico propietario da Casa Grande de Parada, Balbino del Valle González, custeou as festas do Carme na súa parroquia, comprando ademais para a igrexa unha imaxe da Virxe realizada no obradoiro do gran artesán santiagués José Rivas Rodríguez, e traendo á banda "La Escala" de Guntín de Pallares (Lugo).

  A comisión organizadora das festas de agosto estaba presidida de novo polo habitual Ezequiel Astray Mato (que pouco antes recibira a visita do seu parente, o tenente coronel Millán-Astray). Unha vez máis a música correu a cargo da banda de Serra de Outes, dirixida por Tuñas, e a pirotecnia a cargo do fogueteiro de Aiazo. O tamén comerciante e banqueiro Antonio Viqueira Fuentes, pai de Mundito, financiou a festividade do día de San Roque.
  Como sempre o número de forasteiros foi moi alto. Houbo tantos que foi preciso habilitar habitacións para comedor no "Bar Laureano", propiedade de Laureano Iglesias García.

  En setembro Santa Eufemia de Leira subiu de nivel grazas aos dispendios particulares do novo párroco D. Emilio Regueiro García. Na misa estiveron todos os sacerdotes da zona e os de Culleredo e Bergondo (nacido en Leira) que despois foron invitados á unha comida na casa do anfitrión. A procesión rematou con fogos e a elevación dun gran globo. A romería na carballeira foi moi animada. Acudiron as mellores familias de Ordes como as de Astray, Barreiro, del Río, Faya, Franqueira, Liñares, Liste, Mariño, Pol, Romero, Troche, e Viqueira. Aos acordes dunha "afinada banda" bailaron "todas las niñas bonitas que tanto abundan en esta comarca".

  As Mercedes de Poulo, parroquia da que era sacerdote D. José Mª Barreiro García non quedaron atrás. A festa foi pagada polos esposos Fernando Fernández, empregado da central de teléfonos en Santiago, e Josefa Suárez (que era natural de Poulo). Tamén Lucía Suárez, irmá da anterior custeou unha misa e unha emigrante no Uruguay, Filomena Rama Gil, regalou un rico mantel para o altar maior. Nos dous días de festa houbo tempo para fogos, globos, banda e concorrida comida campestre.

  Onde só houbo función relixiosa (na vella capela) foi na festividade da Virxe de Lourdes, celebrada en outubro e pagada polas irmás Antonia e Pilar Álvarez del Río (as de Valdés). Destacou o coro, dirixido polo párroco de Mercurín D. Jésus Castro Naya, e composto polas mozas Isabel e Celia del Río Castro, Piedad Carnota, Rosita Trasmonte, Elvira Barreiro e Julia e Paca Pol.
   Tamén en outubro na festividade do Perpetuo Socorro inaugurouse unha imaxe regalada polo avogado Domingo Moar
  E non faltaron en Nadal o baile no Salón Troche e a visita na escola dos nenos a un belén montado por Dolores Barros e Carmiña del Río (muller e filla do mestre don Nicolás del Río).

sábado, 22 de septiembre de 2018

E chegou Hortensia!

  Despois de 1941 houbo moitos temporais ao longo das seguintes décadas. Algúns foron moi fortes como o de xaneiro de 1965 que case destruíu o porto de Malpica e causou danos na Coruña, outros producían inundacións cíclicas en lugares como Padrón, Caldas ou Sigüeiro, pero ningún se achegou nin de lonxe á intensidade daquel vello temporal sen nome.
  Ningún... ata que chegou Hortensia.


  Era outubro de 1984. España xa era un país bastante moderno e Galicia era desde había poucos anos unha comunidade autónoma cunha Xunta aínda novata que enfrontaba o seu primeiro gran desafío. O temporal (o primeiro que tivo nome, polo menos a nivel popular) foi amplamente previsto e publicitado.
 O 3 de outubro María Teresa Navaza, presentadora do informativo autonómico da TVE que se emitía á primeira hora da tarde, leu unha advertencia de Protección Civil ante a inminente chegada a Galicia dos restos dun ciclón tropical: o xa famoso "Hortensia" chegaría ás 5 da tarde. Pero non pasou nada especial ás 5, nin ás 6, nin ás 7... Parecía outra esaxeración máis da prensa.

  Non obstante esa madrugada, doce horas despois do previsto, máis ou menos ás 5, a impuntual Hortensia mostrou a súa cara e foi tan terrible que as décadas pasadas non lograron borrar a súa memoria de quen a viu.
  Mentres algúns durmían tranquilamente, os máis nerviosos oíron durante unhas 5 horas o omnipresente ruxido do vento que ás veces pasaba dos 150 quilómetros por hora. Na torre de control do aeroporto de Labacolla, os controladores Juan Bautista Pérez e Pedro Fachal vivírono en directo. Ás 8:30 a torre "columpiábase como unha árbore", comezaron a estalar cristais e tiveron que escapar "co corpo bañado en sangue".
  Ao pouco de amencer, Hortensia, extenuada, foi perdendo forza e as portas fóronse abrindo timidamente. Asomaron rostros, precavidos primeiro, asombrados despois.

  Porque o nivel de destrución fora impresionante.
  O único positivo foi que grazas ao seu horario nocturno, coa xente nas súas casas, só houbo 6 mortos en España (un deles na Coruña: Benigno Garrido Arana, de 77 anos). Se chegase unhas horas antes ou despois tería sido unha masacre.
  Nas vilas non había electricidade e as rúas estaban cheas de tellas, carteis, muros tirados e ata restos de chemineas. Nos parques árbores senlleiras xacían polo chan. No agro colleitas enteiras arruinadas e bosques desfeitos.
  Na estrada de Santiago a Negreira había 60 árbores caídas, nos 25 km desde Santiago a Ordes había 30, unha delas de máis de 6 toneladas, e estas cifras non eran nada comparadas coas das vías secundarias, obstruídas por miles de piñeiros (como anécdota, aumentaron espectacularmente as vendas de motoserras durante os días seguintes).
  Dos 60.000 km que tiñan as liñas do tendido eléctrico, foron afectados uns 10.000 deles. Máis de 650 traballadores de Fenosa tiveron que traballar ás alancadas. 17 liñas de alta tensión quedaron temporalmente inutilizadas en toda Galicia, delas 7 na provincia da Coruña. Paralizáronse as centrais térmicas de Meirama e Anllares. A mesma cidade da Coruña e localidades como Ordes, Carballo, Ribeira e Pobra estiveron bastantes horas sen electricidade. Lugares máis pequenos, sobre todo en Ourense, seguirían sen ela varios días máis.
  O transporte quedou aquel día case paralizado. A maior parte de autobuses de liña suspenderon as súas saídas. Moitos trens deixaron de circular e outros completaron o traxecto despois de longas retencións. Un ferrobús máis atrevido descarrilou na provincia de Pontevedra. Tamén se suspenderon as viaxes por mar, o que afectou principalmente á Ría de Vigo.
  Finalmente moita xente tivo graves danos nas súas propiedades. Varios chabolistas quedaron sen vivenda e tiveron que ser levados provisionalmente a outros lugares.

  Fernando Garrido, o conselleiro de Agricultura, un dos protagonistas naqueles días, estimou as perdas, con precisión inusitada, en 9.149 millóns de pesetas. Sen falar de cifras concretas, a devastación foi enorme, pero Galicia quedou bastante satisfeita da resposta diante da adversidade.
  Pouco despois, en novembro, chegaron os restos doutro ciclón, Klaus, activando de novo as alertas, pero apenas engadiu algúns danos máis e quedou en pouca cousa.

  Hortensia foi terrible. Aquela noite do 4 de outubro de 1984 medíronse en Monte Ventoso (Ferrol) refachos de vento de ata 158 quilómetros por hora. Pasarían case 25 anos ata que un novo Klaus, en xaneiro de 2009, o superase amplamente chegando aos 198 quilómetros por hora en Bares. Pero os seus efectos nin de lonxe se achegaron aos de Hortensia.

  Aquel vendaval de 1984 que derrubou o simbólico tilo de Ares, na costa ferrolá, a lendaria carballeira de Escairón, na montaña lucense, ou os vetustos carballos de Santa Susana, en Santiago, permanece na nosa memoria.

miércoles, 19 de septiembre de 2018

Crenzas populares (3)

PROTECCIÓN
  Os galegos de outrora vivían expostos a múltiples perigos, uns ben reais -como pasar fame polas malas colleitas, caer enfermos por non ter atención médica axeitada ou levar un tiro, unha coitelada ou un garrotazo en calquera verbena- e outros sobrenaturais, pero para eles tan reais como os anteriores. Así que para gozar dunha certa tranquilidade era imperativo buscar protección contra estes males.
 
  Ademais de encontros coa Santa Compaña ou as Ánimas o problema máis universal era a envexa. Si, a pesar de que hoxe nos parece que maioritariamente hai moi pouco de envexable nas súas duras vidas, os campesiños galegos crían que outros envexaban a súa escasa fortuna e pertenzas. Entón lanzaban o mal de ollo ou meigallo que producía doenzas e infortunio no destinatario ou na súa familia e posesións máis prezadas (como as vacas leiteiras).


  A protección máis universal e barata (e que aínda pervive hoxe en moitas zonas) era o ramo de loureiro que se bendicía na misa do Día de Ramos e a auga bendita que se recollía ao final da Semana Santa. Co ramo esparexían auga por varios recunchos da casa (incluídas por suposto as cortes dos animais) e tamén o levaban ás leiras para protexelas de contratempos e bichos varios. Axudaba á protección recitar algunha fórmula con invocacións relixiosas.
  Unha variante deste sistema era tirar flores no adro da igrexa antes da procesión de Corpus Christi. Ao pasar a imaxe do Santísimo e a procesión por enriba delas, estas flores considerábanse benditas e por tanto pasaban a ter tamén capacidade protectora, así que os fieis recollíanas e levábanas para as súas casas.
  Os adornos vexetais tamén axudaban no día de San Xoán e multitude  de diversos ritos sinxelos ao longo de todo o ano.

  Pero algúns consideraban que as axudas de balde eran insuficientes e acudían a procedementos de pago.
  Aí podíase comezar polos rescriptos. O rescripto (que orixinalmente foi un documento expedido por unha autoridade importante) era un papel con exorcismos escritos nel que se vendía nas feiras e que protexía de diversos males (loxicamente era máis caro canto máis alto era o seu factor de protección -coma se fose unha crema para o sol-). Por unhas moedas evitábanse enfermidades nas persoas e no gando, a perda das colleitas, o efecto dos raios ou o meigallo. Durante a primeira metade do século XX era habitual ver estes papeis colgados dalgunha parede ou das portas das cortes, sobre todo en momentos delicados como os partos.

  Se isto non chegaba, había que acudir aos especialistas de verdade. Na maioría das concellos había sempre algún home ou muller que posuía coñecementos arcanos. Estas meigas, meigos ou menciñeiros -non confundir cos compoñedores- proporcionaban remedios ou amuletos (para xente e gando) e sanaban as doenzas estrañas. Ás veces a súa fama estendíase bastante lonxe e percorríanse moitos quilómetros para poder velos, aínda que outros se desprazaban e abrían consulta nas feiras máis importantes. Na vila de Ordes o máis coñecido foi Jesús Rama Louro (1922-2005).

  E se xa, finalmente, nada disto funcionaba, aínda quedaba un último recurso: a intercesión dunha virxe ou un santo de recoñecido prestixio e, se fose posible, especializado na particular doenza do fiel. Nestes casos extremos acudíase á misa do día da festa que chegaba a ser multitudinaria. O santuario máis famoso era o Corpiño de Lalín pero había outros máis próximos como Santa Minia de Brión ou os Milagres de Caión (Laracha).
Continúa en Crenzas populares (4).

sábado, 15 de septiembre de 2018

Millán Astray en Ordes

  Hoxe pouca xente sabe quen foi Millán-Astray e a maioría dos que o saben teñen unha imaxe negativa pola súa participación no levantamento militar de 1936 ou a súa polémica con Miguel de Unamuno.
  Pero nos anos 20 do século pasado todo era moi distinto: España levaba anos sumida nunha crise política permanente (en certo xeito moi parecida á actual), acompañada de graves problemas económicos e, a maiores, encerellada nunha guerra de Marrocos que custaba o sangue de moitos mozos e agravaba os problemas anteriores.

  Nese contexto de gran descrédito de políticos e institucións, o militar coruñés José Millán-Astray Terreros, en cambio, era un heroe nacional. Con apenas 40 anos fundara a Lexión co seu Terzo de estranxeiros (a semellanza da Lexión Estranxeira francesa) e o seu valor era lendario: ía sempre á cabeza das súas tropas, o que lle valeu sufrir catro graves feridas (as dúas últimas custáronlle un brazo e un ollo, pero en 1922 só sufrira as dúas primeiras que non minguaron a súa aparencia física). 

  Por todo isto Millán Astray era coñecido e venerado polo pobo. A finais de xullo de 1922 o goberno autorizouno a facer unha viaxe propagandística por Galicia e o recibimento foi apoteósico, digno do propio rei. Desembarcou en Vigo, de onde se trasladou á Coruña, e as aclamacións sucedéronse por alí onde pasou.

  Segundo La voz de Galicia, que lle dedicó unha páxina completa, tivo que deterse en Moaña porque había unha feira: "Pronto se vio rodeado por la muchedumbre. [...] Le abrazaban, le saludaban con las más cariñosas frases y las mujeres aldeanas, madres, novias, hermanas de los ausentes le besaban las manos entre bendiciones y conmovedores agasajos".
  Chegou a Santiago, onde o esperaba, entre outros, o escritor Alejandro Pérez Lugín, ás dúas e media da tarde. Despois de comer e de visitar a catedral, puxo rumbo á Coruña no coche do escritor.
  Ordes foi unha parada obrigatoria porque estaba emparentado coa familia Astray. Aquí foi recibido polos seus familiares, o alcalde Manuel García Bermúdez, o xuíz de instrución José Sánchez Guisande e o secretario do xulgado José Sánchez Somoza, o xuíz municipal Juan Liñares Iglesias, o rexistrador da propiedade Antonio Ríos Mosquera e o comandante do posto da Garda Civil Ramón Barral. Case a totalidade do pobo ordense estaba tamén na estrada para recibilo.
  Logo Millán-Astray e a súa comitiva tomaron un lunch na casa dos seus familiares. Como anécdota, o seu pai, tamén chamado José Millán Astray (sen guión) que fora xefe da policía de Madrid e Barcelona e de diversos cárceres, regaloulle a Carmen Mato, viúva de Astray, un libro de memorias autobiográfico.
  A estancia foi curta porque aínda tiñan que parar en Alvedro, na casa de Pérez Lugín, antes de chegar á Coruña.

  Non foi a única vez. En 1927, sendo xa xeneral de brigada, volveu visitar a casa da súa familia en Ordes. Como esta vez ía acompañado da súa muller Elvira Gutiérrez de la Torre, non só estaban as autoridades senón tamén un grupo de damas que a obsequiaron a ela cun ramo de flores. Entre outras estaban María e Piedad Carnota Soto, Celia del Río, Carmen Álvarez, Asunción Concheiro e Francisca e Marina Pol, encabezadas por Mª Paz Caamaño Calderón (a muller do xuíz) e Encarnación Castro Iglesias (a muller do alcalde Manuel García Rivas).

lunes, 10 de septiembre de 2018

Visións de Ordes 1922

  Nos anos 60 e 70 estaba de moda levar nos cristais dos coches adhesivos con frases alusivas a Galicia ou á cidade ou vila do condutor. Siniestro Total aproveitaron moitos destes eslóganes para poñer a letra a "Home sweet Alabama" e crear o himno "Miña terra galega".
  A frase que tiñamos para Ordes era "Órdenes, terra de caciques e do bo xantar". Ignoramos quen inventou o lema pero si sabemos de onde xurdiu a noción de que Ordes era un lugar especialmente dotado de caciques, coma se noutros lugares de Galicia non os houbese.
  Unha vez máis podemos botarlle a culpa ao liberal Saturnino Aller e á súa longa etapa de dominio do noso distrito. A prensa conservadora (para quen os caciques do Partido Conservador pasaban desapercibidos) foi a inventora e difusora de que o caso de Ordes era especial.
  Destacaba sobre todo El Ideal Gallego que, desde a súa fundación en 1917, converteuse en azoute de Aller, especialmente cando o seu director foi Jacobo Varela de Limia Menéndez, que competiu infrutuosamente en dúas eleccións con Alfonso Senra para as Cortes polo noso distrito.
  Vexamos un artigo de febreiro de 1922 de Francisco Antonio Sánchez Garcia (Antón de Pepiño), escritor nacido en Teixeiro e, por tanto, bo coñecedor destas terras.

  Galicia es una región española y Órdenes un pedazo de tierra gallega. [...] Moral y físicamente Órdenes y Galicia se parecen. Ambas son reclamo de bondades y vigoroso empuje ... Y en su pasado encuéntraseles una sensible semejanza también. Galicia ha venido siendo la cenicienta de España y Órdenes la fregona de España y de Galicia.
  Galicia fue otrora campo experimental de caciques. Órdenes continúa siendo campo de caciques experimentados. En la cátedra. En parte alguna se ejercita mejor esa abstrusa y archidifícil ciencia. Cuando un labriego haga ante ustedes alarde de sabiduría y hondos conocimientos en materia caciquil, no se molesten ustedes en preguntarle por la cédula de vecindad: ¡Es de Órdenes!
  En Órdenes no se ha hecho nunca más que política. Órdenes prosigue viajando en el carril de los sometimientos "a forciori". Y ni aún parodiando a Dante se podría lanzar hoy en Órdenes el gemebundo "lasciate una esperanza". [...]

  O mesmo ano Enrique M. Santos, comparando Ordes con Ortigueira escribe:
  [...] Por eso el labrador de Órdenes, colono, por regla general, y que vive esclavo del usurero, del cacique y del comerciante, al que cuando pide justicia se le contesta enseñando el mauser*, tiene que vivir triste, abatido. La tierra, inculta, árida, con la agricultura atrasadísima, sin árboles, imprime al hombre un carácter de nostalgia. Da pena ver extensiones inmensas (por ejemplo en Cabruy existe un monte de 400 ferrados sin una sola hierba) completamente desnudas de vegetación. Algo (ya en otra ocasión lo dije) puede hacerse por medio del reciente R.D. sobre repoblación forestal, formando robledales, que es la madera que más allí se aprecia; pero es muy poco esto, si los propietarios, con los Sindicatos medianeros, no se deciden a desprenderse de tierras que apenas les producen y que venderían en buenas condiciones. [...]

  Para rematar, e sen relación co anterior, unha breve descrición da vila de Ordes no mesmo xornal  por un tal E.C.A.
  Ya en las alturas del Mesón del Viento, donde se celebra la sonada feria de la Adina [...] comienza el descenso y la tristeza y la melancolía de aquellas soledades luego se anima y cobra vida en la risueña nota de color que nos sale al encuentro viendo la villa de Órdenes tendida en el vallecito en el que se asienta la capital de partido.
  A lo largo de la carretera se expande el elegante y moderno caserío entre el que destacan la cárcel*, el Campo de la feria, la fuente de cristalina y fresca agua, la moderna parroquial y la antigua, consagrada esta a Nuestra Señora de Lourdes.

*Mauser era a marca do fusil usado por moitos exércitos naqueles tempos.
 O vello cárcere do s. XIX estaba no lugar que hoxe ocupa a Casa do Concello.

viernes, 7 de septiembre de 2018

Insectívoros e quirópteros

  Os mamíferos da comarca de Ordes son case os mesmos que no resto de Galicia (agás loxicamente os mariños). Hai ao redor de 40 especies, o que pode parecer sorprendente, pero hai que ter en conta que, a diferenza de aves e outros vertebrados, os mamíferos son moi discretos e difíciles de observar. Adoitan esconderse e por tanto a súa detección baséase máis ben en distinguir rastros e excrementos, o que só está ao alcance de naturalistas expertos.


  Os insectívoros están representados por 8 especies de pequeno tamaño e agrúpanse, xunto aos roedores, baixo a denominación de micromamíferos porque non superan normalmente os 100 gr de peso, sendo a única excepción o ourizo cacho (Erinaceus europaeus), facilmente identificable polo seu corpo cuberto de espiñas, e desgraciadamente tamén fácil de ver como vítima de atropelos nas nosas estradas a onde se achega para comer os insectos que alí atopa.
  Os insectívoros teñen frecuentemente hábitos terrestres, aínda que na nosa zona aparecen dúas especies moi ligadas a cursos de auga, o aguaneiro ou toupa de río (Galemys pirenaicus), endémica da Península Ibérica e de gran interese desde o punto de vista da conservación, e o muraño de Cabrera.
  A única especie de hábitos subterráneos é a toupa (Talpa occidentalis), endemismo peninsular moi habitual nos prados galegos e coñecido na comarca como topia.

(Erinaceus europaeus)
erizo europeo
(Talpa occidentalis)
topo ibérico
(Galemys pirenaicus)
desmán de los Pirineos
(Sorex granarius)
musaraña ibérica
(Sorex minutus)
musaraña enana
(Neomys anomalus)
musgaño de Cabrera
(Crocidura russula)
musaraña gris
(Crocidura suaveolens)
musaraña de campo

  Polos seus costumes nocturnos os quirópteros son difíciles de detectar, menos no verán que revolotean polas leiras de millo buscando o seu sustento. Hai polo menos 6 especies pero é posible que poida haber máis. A ausencia de grandes covas determina que as concentracións diúrnas de morcegos sexan pequenas, aínda que non é difícil achar minas de auga onde pode haber ata 20 ou 30 exemplares.
 

(Rinolophus hipposideros)
m. peq. de herradura
(Rinolophus ferrumequinum)
m. gr. de herradura
(Myotis myotis)
m. ratonero grande
(Eplesicus serotinus)
murciélago de huerta
(Pipistrellus pipistrellus)
murciélago enano
(Plecotus auritus)
m. orejudo dorado

sábado, 1 de septiembre de 2018

A familia Rodríguez (Carril)

  O apelido Rodríguez é un dos máis correntes en Ordes (de feito é o 4º con máis portadores). Unha das familias que máis contribúe a este elevado número é a coñecida como os de Carril, que como tantas outras non é orixinaria do noso concello senón de Oroso.
  Na parroquia de San Martiño de Oroso viviron o acomodado propietario Eduardo Rodríguez González Carril e a súa muller Manuela Iglesias Varela. Do seu matrimonio a finais do século XIX naceron varios fillos, dos que chegaron á idade adulta Ramón, Juan, Concepción, Flora, José, Milagros, Víctor e Dámaso Rodríguez Iglesias.

O maior, Ramón, emigrou aos Estados Unidos e faleceu en New York.

Juan Rodríguez Iglesias (1898-1967) instalouse en Ordes e montou unha tenda nunha pequena casa no cruce. A posguerra foi dura para el pois sufriu a dobre presión de ser de esquerdas e comerciante (estaban todos moi controlados pola Fiscalía de Tasas), así lle caeron multas como unha de 1.500 pesetas en 1942 por "tenencia ilícita de tabaco", porque a tenda era naquela época un bazar onde se atopaba desde tabaco a petardos. A pesar deses tempos duros, Juan progresou e substituíu arredor de 1958 a vella casa polo primeiro edificio de 3 pisos da vila. 
  Do seu matrimonio con Carmen de Mariño (das Corredoiras) tivo dous fillos, Esther e Juan.
  Juan (1942-2001), que morreu aos 59 anos, herdou a tenda que logo levou a súa viúva Marisa Regueiro. Esther casou con Manuel Picallo Ameijeiras (1920-2005), coñecido mestre que foi o primeiro director do Colexio Castelao e, logo de xubilarse, promotor de vivendas na Rúa dos Lagartos, nos terreos da familia Mariño.

Concepción (1899-1989) e Flora Rodríguez (1900-1982) permaneceron vivindo en Oroso. Esta última casou con Manuel Otero Calvo e tivo 7 fillos, familia que era coñecida como os de Calvo de Oroso. 
  A segunda filla, Carmiña, casou con Juan Viqueira (que rexentaba o "Bar Juanito") e o último, Manuel Otero Rodríguez (1929-2003), foi párroco de Buscás -desde 1968- e Poulo, personaxe apreciado e moi coñecido nas súas parroquias e na vila pois vivía na casa do "Bar Puente" no Recreo.
José (1904-1993) Carril do Bidueiro, casou con Josefa Varela (1910-1994), filla de Manuel Varela, e tiveron 10 fillos, 8 deles varóns. Agás o primeiro, Enrique, que emigrou a América, o resto quedou na zona, a maioría no Recreo onde son moi coñecidos. O penúltimo fillo, Carlos, continuou no Bidueiro. Manolo (1935-1997) e José Mª Pepe da Agraria (1939-2008) xa faleceron. Ata tres membros desta rama familiar foron ou son policías municipais.

Milagros (1906-1990) casou con Francisco Regos Golán (1899-1977) e estableceuse en Darefe. O máis coñecido foi o terceiro dos seus fillos, Manuel Regos Rodríguez (1930-2008), propietario do "Bar Regos" e pai do alcalde Manuel Regos Boquete.

Dámaso instalouse na Coruña onde rexentou un bar e onde faleceu bastante novo. Víctor (1908-1980), en cambio, estableceuse en Santiago.