martes, 1 de junio de 2021

Renda da comarca en 2018

   Segundo os datos da Axencia Tributaria no ano 2018 o municipio máis rico de España era Matadepera (Barcelona), cunha renda media de 166.006 euros. O crecemento deste concello nun só ano foi espectacular, pois no ano 2017 a súa renda era de 41.789 euros. A localidade barcelonesa desprazou do primeiro posto a Pozuelo de Alarcón (Madrid) con 79.506 euros. Outra localidade madrileña, Boadilla del Monte, figuraba no terceiro lugar, con 61.910 euros, seguida de Alcobendas con 60.842 euros. Os dez primeiros municipios de España estaban situados todos eles nas provincias de Barcelona e Madrid. Viñan logo Saint Just Desvern, San Cugat del Vallés, Majadahonda, Alella, Torrelodones e Villanueva de la Cañada. Rocafort (Comunidade Valenciana), no posto 11º, era o primeiro municipio que non pertencía a Madrid ou Barcelona. 
 

  En Galicia Oleiros continuaba sendo o concello máis rico cunha renda bruta media de 39.458 euros (un 4 % máis que o ano 2017, cando a cifra era de 37.974 euros), ocupando o posto 42 en España. A sorpresa saltaba no 2º posto, onde se colocaba o municipio de Arteixo. A localidade onde ten a súa sede o xigante Inditex contaba cunha renda bruta de 30.807 euros por habitante, unha cifra un 37 %! maior que a de 2017, cando contabilizaba só 22.445. Na listaxe española, Arteixo ocupaba o posto 172. Dentro dos dez concellos con mellores cifras entraba tamén Pontevedra, ausente en 2017, mentres que caían dese podio os municipios de Sada e Cabanas. O resto de concellos repetían, aínda que variando o posto. Entre os dez municipios galegos con rendas máis altas non había ningunha localidade ourensá nin lucense. A provincia da Coruña tiña sete concellos (Oleiros, Arteixo, A Coruña, As Pontes, Santiago, Bergondo e Teo) e a de Pontevedra, tres (Nigrán -o terceiro con máis renda bruta por habitante da comunidade, con 29.760 euros-, Baiona e Pontevedra).
 

  O primeiro municipio da provincia de Lugo que figuraba na listaxe era Cervo, ocupando o posto 17 en Galicia e o 616 en España, cunha renda bruta media de 25.861 euros por habitante. A capital lucense era o concello número 20 entre os máis ricos da comunidade, e o 710 a nivel estatal, con 25.315 euros. O concello máis rico de Ourense era Pereiro de Aguiar, número 18 en Galicia e 634 en España. A renda bruta media neste municipio eran 25.756 euros. Seguíao Ourense capital, no posto 24 de Galicia, con 24.925 euros de renda bruta media.

  A parte baixa da táboa ocupábana concellos de montaña: As Nogais (Lugo) con 14.723 euros, Dozón (Pontevedra) con 14.624,  O Páramo (Lugo) con 14.547, Toques (A Coruña), con 14.178, e finalmente Cervantes (Lugo) con 13.631 euros.

 

COMARCA DE ORDES

 Na comarca continuaba a habitual dicotomia: os tres concellos centrais encabezaban a listaxe, con rendas iguales ou superiores aos 20.000 euros, mentres dos catro periféricos ningún chegaba aos 19.000 euros de renda bruta.

  Encabezaba a clasificación Oroso con 22.202 euros, seguido de Cerceda con 21.125 e Ordes roldando os 20.000 euros (19.997). Trazo, o concello máis próximo a Santiago dos periféricos, chegaba aos 18.529 euros, Frades aos 17.946, Mesía baixaba aos 17.104 e Tordoia pechaba a cancela cos seus 17.069 euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario