Pereira é unha parroquia situada ao sur de Ordes e Poulo, cuns 6,64 km cadrados de extensión (aínda que outras fontes lle daban 11,2). A parte NO do seu territorio está entre o río Cabrón e o seu afluente, o Ponte Ribeira. Ao sur e ao leste (onde está Folgoso) o terreo é máis elevado e supera os 300 metros de altura.
Pereira estivo poboada desde a antigüidade como testemuña a presencia do Castro de Casanova. Tamén debeu ser o lugar máis romanizado porque no entorno do castro, preto da igrexa parroquial, atopáronse, sen ter feito unha excavación organizada e meticulosa, numerosos restos romanos, proba de que alí debeu haber un núcleo habitado de certa entidade.

As outras catro parroquias de Ordes xa pertencían á veciña xurisdición de Mesía, máis extensa porque contaba con 47 parroquias en total.
En 1828, segundo o "Diccionario Geográfico-Estadístico" de Sebastián de Miñano (considerado non demasiado fiable), Pereira tiña 66 veciños -330 habitantes- e pagaba de contribución 2.700 reais.
En 1849 (21 anos despois) o "Diccionario de Madoz" di que Pereira contaba cunhas 50 casas, pero daba a cifra de 42 veciños -228 almas-. Tamén informa que a igrexa dependía da parroquia de Montaos que era a súa matriz.
Hoxe en día as súas 16 entidades de poboación superan os 300 habitantes.
Desde a Calle de Poulo o Camiño coíncide coa estrada. Pasa polas Remuñas e O Carballo e chega ata Casanova. Aquí saímos do asfalto cara á esquerda e andamos por camiños de terra uns 600 metros, pasamos preto da Lamela e os Carabelos ata chegar á ponte romana ou medieval, a Ponte Pereira.
A ponte antiga aínda permanece en pé, a carón da ponte nova. Podemos pasar andando e admirar as súas vellas pedras que tantos camiñantes soportaron.
Despois de cruzar a ponte o Camiño coíncide coa pista asfaltada que leva á Albariña pero uns 700 metros despois volve saír do asfalto tomando un sendeiro a man esquerda, dirección SO, que nos leva a Carrás, xa na veciña parroquia de Montaos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario