lunes, 1 de noviembre de 2021

A movida: os anos 70

 DOS SALÓNS ÁS SALAS
  Nos 70 remataron os tempos dos salóns en Ordes e o gran culpable foi o automóbil
  Por suposto xa existían antes automóbiles en España pero estaban limitados a un escaso número de personas ricas. Foi nos anos 60 que comezan a popularizarse e chegar ás outras clases sociais. Deste xeito xa non era excepcional que algún mozo da cuadrilla poidese coller o coche da familia e levar aos compañeiros nel. Aínda que pareza fisicamente imposible lograban meterse ata 7 ou 8 persoas naqueles Seat 600 ou Simca 1000 apretados como as sardiñas na lata.
  Isto significaba que os lugares de baile xa non tiñan que estar no centro da vila, podían estar nos arrabaldos ou, co tempo, instalarse en núcleos rurales ou en edificios solitarios a carón dalgunha estrada.
  Naceron así as salas de festa, moito máis grandes que os salóns. Estes tiveron que pechar vencidos pola nova competencia. O razoamento do cliente é fácil de seguir: canto máis grande é un local, máis cantidade de xente pode acoller, polo tanto máis posibilidades de atopar persoas coas que falar e máis opcións de que alguén do sexo oposto nos faga caso (doutra banda, tamén aumenta a competencia pero isto non se acostuma a ter en conta). 
 

  Fóra da comarca xa había lugares como o histórico El Seijal (Cambre), Os Reixales (Carral) ou a coñecida La Flor de Montouto, que aínda sendo fundada por Antonio Rico xa en 1950 viviu os seus mellores tempos nos anos 80 e 90.
  Pero en Ordes a primeira sala de festas naceu a principios dos 70. Os propietarios foron dous membros dunha coñecida familia de Ardemil: o taxista Oswaldo Candal Candal (1936-2002) e o seu irmán menor Dionisio, despois do retorno deste último de Venezuela onde estivo emigrado. A sala chamouse Os Candales e estaba situada uns 2 km ao norte da vila. Normalmente actuaban un par de orquestras por sesión pero ás veces traían artistas de categoria nacional como Antonio Molina, Los Diablos, Los Pekenikes ou o mesmo Manolo Escobar, o máis popular cantante español de todos os tempos, que encheu de xente a sala e de coches a estrada N-550. "Os Candales" tamén foron os primeiros que estableceron un servizo de autobuses (que chegaban ata A Coruña) e organizaron longos sorteos dun coche, un mini, que duraban varias semanas. Tamén houbo algún espéctaculo curioso como "dos jagüayanas en minifalda" en febreiro de 1974. Non durou moito máis a sala porque a competencia de "Órdenes 2000" foi demasiado forte. Os irmáns Candal pechárona, alugaron o local á empresa de "Autopistas del Atlántico", e logo vendérono á Fiat.
 
 
  En 1974 naceu a sala que máis tempo duraría e que máis determinante sería para a movida: Órdenes 2000. O empresario foi Antonio Moar Viqueira, fillo do tamén hostaleiro Rafael Moar Lata da Margarida (Buscás).
 
  A inauguración foi por todo o alto coa entón moi popular Karina e as súas "flechas del amor". A lista de figuras nacionais e italianas que cantaron na sala é enorme: Tony Landa, Al Bano, Dúo Gala, Juan Camacho, Los Chichos, Miguel Gallardo, Julio Iglesias, Juan Pardo, Bigote Arrocet, Raffaella Carrá, José Vélez, Tito y Tita, Georgie Dann, Bertín Osborne, Mª Jesús y su acordeón, Tequila, Radio Futura e moitos outros. Mesmo estivo en 1980 a "raíña do destape" Susana Estrada cun espéctaculo erótico-festivo onde se quitaba a roupa e simulaba facerlle unha felación a un robot.
 
  Durante os anos 70 Órdenes 2000 foi sumamente exitosa. Non só se celebraban bailes senón tamén outros eventos como concursos de misses, festivais de Entroido, mítines políticos, obras de teatro de Víctor González Faya, etc.
 
  No ano 1975 aparecería competencia a só 9 km. No medio do Mesón do Vento Antonio Gómez Álvarez, familiar dos Álvarez do Cotovío, montou a sala Josfer (o nome aludía aos seus fillos José e Fernando) que viña a tomar o relevo do vello salón onde nos anos 50 e 60 bailaba a mocidade do Mesón e arredores. Josfer tamén tivo moito éxito e soubo irse adaptando aos tempos, de modo que aínda pervive.
 
  Fóra do concello pero dentro da comarca houbo outras salas como El Rosal en Sigüeiro, que durou pouco tempo e pasou a ser o concesionario da Renault, ou Los Ricos en Visantoña, propiedade de Ovidio Manteiga, que pechou en 1985 e onde chegaron a actuar Los Amaya, Peret, Los Chichos, Los Pekenikes, Los Chunguitos e ata Hombres-G.
  Sen dúbida a máis exitosa e a competencia máis forte para Ordes foi El Vergel de Pontecarreira. Igual que no caso do Mesón, El Vergel xa existía nos anos 50 e 60 como un pequeno salón de baile. Dirixido por unha muller (só había dúas empresarias do ramo en toda España!), Émerita Pernas Pereira, nos 70 converteuse nunha sala que atraía a xente de toda a comarca. Nela chegaron a actuar Julio Iglesias (que cobrou 30.000 pesetas) e Basilio, un cantante negro, que foi a primeira persoa desa raza que viron en persoa a maioría dos clientes. Hoxe, xa con outro empresario, "El Vergel" transformouse na discoteca "Kull".
 
  O tempo das salas de festas con orquestras en directo durou pouco máis dunha década. A finais dos 70 comezou a febre disco e as salas tiveron que adaptarse ou morrer. Os 80 foron os tempos das pequenas e grandes discotecas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario