No Antigo Réxime as parroquias non estaban agrupadas en concellos senón nunhas entidades
chamadas xurisdicións (ou coutos se constaban dunha soa parroquia), que procedían
dos antigos señoríos medievais. Deste xeito o seu tamaño e forma non respondían
a un criterio físico ou económico senón a razóns puramente históricas.
As parroquias da actual comarca de Ordes,
como podedes observar no mapa (premede nel para velo ao seu tamaño orixinal),
formaban parte de varias xurisdicións sendo as catro máis importantes as de
Mesía, Folgoso, Vilarprego e Montaos.
A xurisdición de Mesía*, señorío do arcebispo de Santiago, era a máis
grande, superando os 200 km² e contendo
ata 45 parroquias, 23 da actual comarca e 22 fóra dos límites dela. Folgoso,
señorío do conde de Altamira, tiña uns 188 km² e todas as súas parroquias (21)
estaban dentro dos límites da actual comarca. Vilarprego, señorío do
conde do Graxal, tiña uns 94 km² distribuídos en 6 parroquias. Montaos (que contra o esperado non incluía a freguesía do mesmo nome) comprendía 11
parroquias que alcanzaban uns 92 km².
* A xurisdición
de Mesía comprendía as seguintes parroquias: Abellá, Albixoi. os Anxos
(San Mamede), os Anxos (Santa María), Añá, Ardemil, Armental, Aiazo, Bascoi, Boado,
Boimil, Brates, Bruma, Buazo, Buscás, Calvente, Campo, Cardeiro, Carres,
Castro, Céltigos, Cerceda, Ciadella, Corneda, Cumbraos, Curtis, Cutián, Dormeá,
Filgueira, Folgoso, Gafoi, Gonzar, Lanzá, Ledoira, Leira, Mesía, Olas, Paderne, Pasarelos, Poulo, Rodieiros, Vilariño, Visantoña, Vitre e Xanceda.
O señorío era exercido polo arcebispo de Santiago -compartido con D. Juan
Pimentel na parroquia de Xanceda-.
|
Nese tempo
Galicia estaba dividida en 7 provincias, motivo de haber no noso escudo sete cruces brancas. A maior
parte da comarca pertencía á provincia
de Santiago. As parroquias do actual concello de Cerceda, a maioría das de
Tordoia e... Mercurín! pertencían á provincia
da Coruña, mentres que só Cabrui e Cumbraos pertencían á de Betanzos. Isto durou ata 1812, data na que se promulgou a
Constitución que creou a provincia única de Galicia. Despois da división
territorial acordada entre o 27 de xaneiro de 1822 e o 30 de novembro de 1833,
toda a comarca quedou adscrita á nova provincia da Coruña, na que continúa na
actualidade.
Os primeiros concellos constitucionais
Neste período e no que hoxe é o concello de Ordes
e o seu termo figuran dous concellos constitucionais, Poulo e Folgoso, que
pertencían ambos os dous ao partido de Poulo. Esta situación non cambiou en 1822 coa
nova división provincial., pero a efectos contributivos dependían da provincia da Coruña e da súa Deputación.
En 1821 o Partido de Poulo constaba de 9 concellos: Poulo, Encrobas,
Pasarelos, Valle de Barcia, Montaos
(+- o actual Trazo), Dubra, Villarprego
(+- Tordoia), Folgoso e Mesía.
|
Pero co Real
Decreto de 21 de abril de 1834 houbo unha nova modificación e o partido
xudicial de Poulo pasou a chamarse partido
xudicial de Ordes. Co Real Decreto do 23 de xullo de 1835 xa
apareceu o concello de Ordes. O
proxecto foi levado á sesión da Deputación da Coruña do 6 de xuño de 1836,
e nela resultou modificado, engadindo ao concello a parroquia de San Pedro de
Ardemil (antes adxudicado a Mesía), alcanzando deste xeito os 160,1 km² de superficie total, poboados por 820 veciños que supoñían
4.190 almas.
O 5 de abril de 1842 a Deputación da Coruña aprobou unha reducción de concellos pola que Ordes ía incorporar algunhas parroquias de Oroso, Tordoia e Cerceda pero esta resolución nunca se levaría a cabo.
Aínda habería outras modificacións en 1867, das que a máis
importante foi a supresión da parroquia de Faramilláns, pasando o seu pequeno
territorio a formar parte da de Buscás.
A situación do partido xudicial mantívose ata
o Decreto 3388/1965 de 11 de novembro, no que foi disolto, pasando a
formar parte do partido xudicial de Santiago. Na actualidade, desde a Lei 38/1988,
de 28 de decembro, volveu a ser reposto o partido xudicial de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario