sábado, 11 de junio de 2016

O crime dos caldeireiros

  Era o 4 de decembro do ano 1882 cando Ordes espertaba estarrecido. Na parroquia de Leira, no lugar entón chamado Cano da Vila (o que hoxe é o final sur da recta onde está o restaurante Chaussy II) atopouse o cadáver dun home cuberto de lama e sangue.
  Cando se limpou o corpo, que estaba acribillado a puñaladas, foi identificado como José Viqueira Vázquez, un veciño de Poulo entrado en anos que volvía cara á súa casa despois de ter ido á feira das Travesas.
  Varias persoas vírono durante esta última viaxe en compañía de catro veciños seus que tiñan o oficio de caldeireiros e, por ese motivo, eran coñecidos como os "caldeireiros de Poulo". Algúns oíran a José Viqueira discutir con eles na feira e no Mesón do Vento, polo que se converteron nos sospeitosos máis lóxicos.
  Pero, instruído o sumario e consultadas moitas testemuñas non se chegou a ningunha conclusión clara e houbo que ditar auto de sobresemento.

  Así pasaron seis anos e o crime parecía que ía quedar impune cando houbo un novo golpe de efecto: no ano 1888 dous presos do cárcere de Cartagena, Constantino López e Manuel Andrés Rodríguez, ambos os dous da zona de Ordes e cuns 17 anos no momento do crime, escribiron ao fiscal imputando aos caldeireiros e explicando que non declararan antes polo temor que lles tiñan.
  Abriuse de novo o precedemento, oíronse novas testemuñas, algunhas das antigas cambiaron lixeiramente ou bastante as súas declaracións e resultou que había motivos para deter aos catro sospeitosos: Andrés Suárez Gómez, Ramón Suárez Gil, Ceferino Martínez Bernardo e José Varela Galán.
  En xullo de 1889 tivo lugar o xuízo. Foron defendidos con elocuencia polo avogado Alfredo Vilas, pero o fiscal Buenaventura Plá de Huidobro tiña mellores naipes. Quedou demostrado que José Viqueira, con bastante alcol no corpo, viñera discutindo cos acusados ata que nun momendo dado o apuñalaron (ata 19 veces!). O fiscal pediu 20 anos para eles, pero finalmente foron condeados a 14 anos, 8 meses e un día.
  Unha das testemuñas que os exculpara, Andrea Corbelle, tamén levou unha pena menor.
  Curiosamente no ano 1890 marcharon a cumprir a súa pena á prisión de Cartagena.

  Durante moitos anos unha cruz á beira da estrada N-550 marcou o lugar onde morreu José Viqueira. Co tempo perdeuse a memoria do crime e a xente pensaba que estaba alí posta por un accidente de tráfico. Coa remodelación da estrada tamén desapareceu a cruz pero non o lugar. Descansen en paz todos eles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario