sábado, 16 de mayo de 2020

Familia del Río (Mesón de Deus)


  O apelido del Río é moi frecuente no concello de Ordes (máis de 400 portadores). Hai por tanto numerosas ramas familiares que non teñen relación próxima entre si.
  Unha das máis coñecidas foi a familia que rexentaba o Mesón de Deus, a pousada onde paraban as dilixencias que percorrían o que hoxe é a Nacional 550. Todos os terreos desa zona lles pertenceron, incluídos os da outra beira da estrada que lles compraría Pedro Pardo para construír alí a súa casa.
  No século XIX o propietario era Antonio del Río Noya que casou con Úrsula Martínez Liñares. O pai de Úrsula era de Marzoa e a nai de Arcai en Tordoia.
  Un dos fillos foi José del Río Martínez (1864-1940), casado con Brígida Alonso coa que tivo 3 fillos que se estableceron en Cuba. Foi capitán da Garda Civil da que se retirou en 1912 e morreu aos 76 anos no Mesón de Deus. Outro foi Antonio? que casou a finais do século XIX con Lucía Teodoro Rey (m.1949) e morreu novo. Tiveron 3 fillos varóns, dos cales dous foron peritos agrónomos, e dúas mulleres que foron mestras. Tamén algúns netos e netas continuaron con estas dúas profesións.


Antonio del Rio Rey Antonio do Mesón, quizais por ver desde neno as carrilanas, fíxose chofer da empresa "El Noroeste", cousa que lle custou un susto en 1921 cando un folguista lle disparou varios tiros. Casou con Carmen Rial Sánchez (1899-1979) e estableceuse na Sionlla onde morreu en decembro de 1960. O matrimonio tivo 7 fillos: Antonio, Mª Carmen, Ismael, Benjamín, Isabel, Mª Lucía e Jorge del Río Rial.
Lucía casou co prestixioso avogado compostelán Manuel Jacinto García Quintas (1930-1996) que morreu na autoestrada cando intentaba auxiliar a un condutor accidentado. O matrimonio tivo dúas fillas: Mª Isabel e Marisol.

Isolina del Rio Rey (1899-1978) estudou Maxisterio na Escola Normal da Coruña. Rematou a carreira en 1927 e traballou en numerosos lugares: Cumbraos (Mesía), Camariñas, Perbes... Casou con Genaro Hachero Quintero sen ter descendencia. Morreu en Ordes en 1978.

Pedro del Rio Rey Pedro do Mesón (1902-1975), perito agrónomo, foi o que quedou na casa familiar. Tivo unha relación sentimental cunha moza do Recreo da que naceron 3 fillos: Pedro Barrié, Fernando e Jesusa. Casou logo con Genoveva Mosquera Candal, dos Mosqueiras de Montaos, sendo xa os dous bastante maiores, matrimonio que non tivo descendencia. Pero criouse con eles na casa o seu sobriño Antonio del Río Rial (1922-1999), fillo do seu irmán Antonio, que tamén sería perito. Este casaría en maio de 1950 cunha veciña do lado da porta, Viruca de Pardo (1923-2015), filla do rico empresario de obra civil, Pedro Pardo. Serían os pais de Marco Antonio e Luis del Río Pardo.

Benjamín del Río Rey (1906-1974), tamén perito e concelleiro nos anos 60, fixo a súa casa uns 140 metros ao norte do Mesón en Merelle 6. Casou en outubro de 1938 (en San Bieito do Campo, nada menos) con Mª Josefa Mosquera Villaverde (1914-1995), da rica familia dos Mosqueiras de Vilaverde.
Con
ela tivo sete fillos: José Benjamín, Juan Manuel, Mª Isabel, Jaime, Pedro, Mª José e Rafael Del Rio Mosquera.
Tres deles faleceron bastante novos: Mª Isabel (que tamén foi mestra) morreu en 1993 aos 47 anos, Juan Manuel, emigrante no RU, morreu en Gloucester en 1997 aos 56 anos, e Rafael, o que vivía na casa paterna coa súa muller Teresa Fernández Fernández, morreu no ano 2015 aos 58 anos. José Benjamín (n.1939), o maior, que era canteiro emigrou ao Brasil a finais dos 50.

Amelia del Rio Rey (1909-1983), seguindo os pasos da súa irmá maior, tamén estudou Maxisterio -no seu caso en Santiago- onde concluíu a carreira en 1934. Foi mestra en varios lugares: Camelle, Leira, Andoio (Tordoia) en 1949 e Merelle. Casou en agosto de 1939 con Adolfo Garza Gutiérrez (brigada do Exército), con quen tivo dous fillos chamados María Amelia e Pedro Garza del Río. O matrimonio só durou 8 anos porque el morreu moi novo en 1947. Viviu ao lado da casa familiar, en Merelle 2.
María Garza casou en 1963 con Pedro Raña Dafonte (1935-1990) -voda oficiada polo irmán do noivo don César Raña, que era sacerdote aínda que logo colgaría os hábitos-. O matrimonio tivo 3 fillos: Pedro, Lucía e Adrián. Pedro Raña era un dos 8 fillos dos mestres de Deixebre Pedro Raña Couselo e Dolores Dafonte Fernández. Por certo que un dos irmáns de Pedro, Ángel (1926-2003), foi funcionario da sucursal ordense da caixa de Aforros de Santiago e a súa irmá máis nova, Mª Cruz, casou co mozo de Ordes José Gª Sánchez, irmán da profesora Encarnita.  
Pedro Garza del Río seguiu a carreira militar do pai, chegando a comandante, e casou con Mercedes Náñez -si, Náñez con "a"- coa que tivo tamén 3 fillos. Morreu en Vigo en 2014 aos 71 anos de idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario