miércoles, 10 de julio de 2019

Festas de 1928

  Como de costume Ordes tivo un bo número de festas e eventos.
  Ese ano en abril o párroco don Nemesio Morgade encargargoulle levar o calvario na procesión do venres de Semana Santa ao secretario do Xulgado de Instrución José Medina Pérez. En Pereira, onde oficiaba o párroco de Montaos don Antonio Duro Cotón, celebrouse a Divina Pastora e en Mercurín, parroquia rexentada por don Juan Simal Fernández, a festa de Santa Lucía.
  O xoves 6 de xuño, festividade de Corpus Christi, oficiou a súa primeira misa Manuel Romero Álvarez. Foron os seus padriños de altar o seu pai José Romero Faya e a súa madrasta Rogelia Vieites Álvarez. O mestre de cerimonias foi don Joaquín Andrade (sería sacerdote de Ordes nos anos 50), o diácono e subdiácono foron respectivamente Aquilino Álvarez e Ángel Segade. O coro das mozas da localidade estivo acompañado polos señores Troitiño, Mariño e Bueno e por Sara Segade ao armonio. Manuel Romero aproveitou para dar a primeira comuñón á súa media irmá Sara Romero Vieites. Logo houbo un espléndido banquete na casa do seu pai onde estiveron invitados o alcalde Manuel Rivas, o secretario do concello Antonio Louro, o médico Antonio Concheiro, o notario César Antonio Sánchez Paniagua, o sacerdote don Nemesio Morgade, o enxeñeiro sr. Acevedo e Juan Liñares Iglesias.
  A festa do Corpus foi custeada polo rico comerciante  Juan Barreiro Ríos e oficiada polo coadxutor don Domingo Barbeito e actuando como mestre de ceremonias don Nemesio Morgade. Pola tarde houbo festa na alameda.

  A festa do Sagrado Corazón foi patrocinada como sempre por Mercedes Salgueiro de Álvarez (farmacia de abaixo). Oficiou a misa de novo o coadxutor don Domingo Barbeito que contou co Padre Obarte, Redentorista da Coruña, para o sermón. Non faltaba o "afinado coro" dirxido polo ecónomo de Filgueira Manuel Romero Álvarez que tamén acompañaba ao armonio.
  Nicolás del Río lamentaba que a procesión non tivera permiso para saír pola tarde, dado que non saíra o día de Corpus polo mal tempo. Para el "el Corpus sin procesión es como gaita sin tambor, pero el no conocer las costumbres de Galicia trajo consigo la consecuencia indicada, muy lamentable y digna de ser corregida para otra vez".
  Pero a pesar diso a procesión foi "magna" pois estivo presidida polas autoridades e acudiu numeroso público ademais dos nenos e nenas das escolas nacionais portando bandeiriñas españolas e acompañados dos seus respectivos mestres. Logo houbo baile público ata a noite.  

  O 2 de xullo tivo lugar a festa do Santísimo Sacramento na parroquia de Leira, da que era sacerdote don Emilio Regueira García. A festa foi custeada polo veciño da Pedreira Andrés Mosquera. A igrexa estaba fermosamente adornada, especialmente o altar que conmemora a visita da Virxe á súa prima Santa Isabel (antiga patroa da parroquia).
  O San Paio de Buscás estivo moi concorrido. Houbo misa solemne a cargo de don Manuel Martínez Iglesias, auxiliado polos de Ordes (máis o coadxutor), Leira, Ardemil, Poulo e Mercurín. Houbo procesión na que se queimaron moitas bombas e, pola tarde, romería amenizada polas bandas da Garbanxa e Barbeiros. A función foi pagada polos veciños da parroquia, organización que administraba o veciño de Carballedo Vicente Cancelada Villaverde (tío do futuro conserxe do colexio Castelao).

 As festas patronais dese ano tiveron unha aportación extra das "distinguidas señoritas y jóvenes de la localidad" que representaron un par de obras ("Hay Entresuelo" e "La Nicotina") no Salón Cine Troche, reinaugurado había poucos días. O seu propietario, Antonio Troche, foi o presidente da comisión na que tamén figuraban Ramón González como vicepresidente, Ezequiel Astray como tesoureiro, Manuel Concheiro de secretario e Arturo Viqueira e Florencio Pol de vogais.
  As festas duraron os catro días habituais (de 14 a 17 de agosto) e foron amenizadas polas bandas de Corme e da Garabanxa. Ademais das solemnes misas houbo verbenas, fogos artificiais, iluminación eléctrica, carreiras de bicicletas, concursos de baile galego, merendiñas, cucañas e sesións de cinema.
 
  En Poulo o 8 de setembro tivo lugar a inauguración da capela da Mercé despois das obras de restauración que custeou Mª Felisa Uzal Varela, viúva de Laureano Varela (e que este pedira no seu testamento). Na festa do día 24, ela e a súa prima Juana Varela Figueiras adornaron o templo. Houbo procesión con todas as imaxes ata o cruceiro e romería pola tarde animada por unha "afinada" banda.

  Ah! e no outono tamén houbo no Teatro Troche un concerto de Cantigas da Terra que tivo un gran éxito de público.

sábado, 6 de julio de 2019

A familia Villaverde (Piñeiro)

  Obviamente o apelido Villaverde tivo a súa orixe no lugar de Vilaverde, preto da vila de Ordes, pero pronto se instalaron os portadores noutros lugares como o Piñeiro ou a Espenica.
  A principios do século XIX xa vivía no Piñeiro Pedro Villaverde del Río (m.1849) que casou en segundas nupcias con Benita Carballido Liñares (1809-1848), moza de Vilaverde coa que tivo 8 fillos, os Villaverde Carballido.
  Coa súa 1ª muller, Mª Juana Noya Liste, tivo 3 fillos: Jacobo, Andrés e Manuel Jacobo (1822-1877). Deste último sabemos que morreu nos Coruxos (Espenica de Arriba), que casou cunha moza de Poulo, Josefa Dolores Gómez Gil (1845-1902), e que foi o pai de Mª Josefa Villaverde -que sería a matriarca da familia Mosquera de Vilaverde-.
  Jacobo probablemente morreu novo e Andrés (n.1819) foi o herdeiro da casa no Piñeiro. Do seu matrimonio con Josefa del Río naceu Pedro Villaverde del Río (1857-1911) co mesmo nome e apelidos co seu avó.


  Pedro casou con Ángela Mosquera Barreiro (1865-1941), a maior de 8 irmáns (entre os que estaba Manuel, o patriarca dos Mosqueiras do século XX en Vilaverde).
  O matrimonio tivo 6 fillos: Manuel, Francisco, Mª Josefa, María, Ángela e Dolores.

Manuel (n.1883) casou coa súa curmá Manuela, a maior da familia Mosquera Villaverde. Con ela tivo tres fillas e un fillo, Pedro do Piñeiro, o herdeiro da casa. Morreu bastante novo e a súa muller aínda tería unha filla máis con Antonio, un dos 11 fillos de Antón de Xan Ferreiro.
Francisco casou con Josefa Bello Blanco a Monteira coa que tivo un únifo fillo, Ángel Villaverde Bello Monteiro (1918-1970). Este foi expedientado en 1939 polas súas simpatías esquerdistas pero en 1945 xa tivo libre acceso aos seus bens. Comprou o Salón Troche e tivo un negocio de bicicletas ao lado do Chocolateiro. Casou con Esperanza Astray Patita e tiveron tres fillas: Esperanza, Cristina e Margarita. Logo deixounas a todas e marchou para Ámerica onde faleceu en marzo de 1970.

Mª Josefa (1891-1930) casou con Pedro Pardo Fandiño, un rico empresario que se dedicaba á obra civil (construción de estradas). Viviron preto do Mesón de Deus e tiveron 6 fillos. Pero da familia Pardo falaremos máis extensamente nun próximo artigo.
María (1893?-1926?) casou cun garda civil, José Ferreiro, o fillo maior de Antón de Xan Ferreiro. Morreu bastante nova despois de ter 3 fillos: Pedro, Antonio e José. Os fillos de Antonio (José e Antonio Ferreiro Regos) levaron durante unha temporada o "Pub Arcos".
José volveu casar de novo con Carmen Mosquera coa que tivo dous fillos máis: Jesusa e Manuel Ferreiro Mosquera. Este tamén seguiu a senda paterna e foi garda civil. Estando destinado no País Vasco a casa cuartel de Las Arenas que el comandaba sufriu un atentado con lanzagranadas en agosto de 1984 onde foi ferida gravemente a súa filla Eva María.

Ángela (1904-1997) tamén casou cun curmán, Manuel Mosquera (1900-1959), e viviron na Fonte Estrei. Manuel traballaba na Eléctrica de Fernanducho, ao igual que o seu fillo Suso, que morreu nun transformador do Mesón do Vento en 1957. A súa filla, Lolita da Fonte Estrei, casou cun mozo de Leira. 
Dolores (1905-1981) casou con Garea, un garda civil que veu de Melide. Con el tivo 3 fillos e unha filla. Os dous maiores seguiron a carreira paterna: Jesús chegou a brigada e está soterrado en Santiago, Manuel (1930-2024) está soterrado en Noia. O máis novo, Pedro Juan, foi oficial da Mariña.
 

jueves, 4 de julio de 2019

Paseando a un paisano

  En abril de 1928, en plena ditadura de Primo de Rivera, foi nomeado gobernador civil da Coruña Rafael Muñoz Garde, que naquel momento era vicepresidente da Deputación Provincial de San Sebastián (o de chamarse Donosti quedaba moi lonxe) e conselleiro do Banco de Vizcaya.
 Rafael Muñoz tiña fama de ser home afable e de fácil trato. Como lle gustaba moito conducir, a diferenza doutras personalidades non adoitaba levar chofer.

  Nunha das súas viaxes da Coruña a Santiago ou viceversa decidiu parar en Ordes para charlar co alcalde Manuel García Rivas xa que quería informalo do restablecemento dunha feira que fora suprimida o ano anterior.
  Ao saír topouse cuns paisanos e un deles, ao ver o uniforme e o feito de que non houbese ninguén mais no coche, creu que era soamente un chofer da Capitanía Xeral de Ferrol ou de calquera outra institución.
  Así que achegouse a el e ofreceulle unha peseta por levalo ata un lugar que quedaba máis ou menos a tres quilómetros de Ordes. O gobernador, sen molestarse en aclararlle quen era, seguiulle o xogo recorrendo ao entón omnipresente regateo.
- Una peseta es muy poco para ese trayecto.
- Veña ho. Por tres patacóns vou no castromil.
- Será verdad, pero es que este automóvil es más bonito y va más cómodo, pues va usted solo dentro.
- Pois non dou máis. Se o quere, ben. Senón vostede o perde.
  Vendo tal determinación o gobernador cedeu e convidou a subir ao paisano, ao que levou ata o seu lugar de destino.
  Ao baixarse do coche o paisano buscou na súa faltriquera unhas perras gordas ata reunir traballosamente unha peseta, pero ao ir darllas ao condutor atopouse cunha negativa:
- Lo he pensado mejor y para una peseta no quiero nada.
O paisano non insistiu. Metendo as moedas no peto respondeu:
-"Destonces" moitas gracias e que haia "salude".

  O coche marchou e o paisano foi saudar a uns conveciños que alí había. Un deles preguntoulle:
-E ti, como viñeches co gobernador?
Completamente abraiado o home só foi quen de dicir:
- Pero era o gobernador? O gobernador? Ai miña nai!

  Esta historia (real ou inventada) foi publicada nun par de xornais. En El Eco de Santiago a conclusión final é bastante curiosa (sobre todo polo último adxectivo):
"Esta anécdota refleja la impresión que nos produjo el Sr. Muñoz de ser un hombre asequible, afable y un verdadero demócrata cristiano".
 
  E, de propina, un chiste gráfico "El chiste malo" publicado en El Correo Gallego.
 

lunes, 1 de julio de 2019

Os nomes das rúas

  Unha das herdanzas do réxime franquista en Ordes foron os nomes de catro rúas da vila.
  Dúas delas xa existían en 1936: eran os Lagartos (Calle Nueva) e o Recreo, oficialmente chamada durante a República "Santiago Casares Quiroga" (só durou dous meses o nome) e antes diso "Saturnino Aller" (desde 1923 na honra do político liberal que dominou o distrito de Ordes durante tres décadas). Á primeira foille posto o nome do político dereitista José Calvo Sotelo (quedouse nos apelidos "Calvo Sotelo") asasinado pouco antes do alzamento polo que serviu a este como xustificación -era considerado "protomártir"-, e á segunda o do fundador da Falange, o político José Antonio Primo de Rivera (que quedou simplemente en "José Antonio").
  A estas uníronse outras dúas rúas creadas a principios dos anos 40 polo militar Arturo Pérez Loureiro: a rúa "Generalísimo" (obviamente aludindo ao xeneral Franco) e "General Mola" (por Emilio Mola Vidal, outro dos artífices do alzamento).

  Esta diferenza na data de creación foi moi significativa: mentres as dúas rúas máis antigas sempre foron coñecidas polo seu nome popular e unicamente os seus residentes tiñan claro o nome oficial (que era o que se usaba para o correo), as dúas máis novas non tiñan unha denominación popular distinta.
 
  Coa chegada da democracia, a mediados dos anos 70, os partidos da esquerda emprenderon a súa particular cruzada para cambiar o nome desas catro rúas.

  En 1984, o socialista Manuel Astray Mariño foi o primeiro en levar ao pleno municipal o cambio do nome. O martes 27 de novembro acordouse a creación previa dunha comisión de estudo que sería a encargada de propoñer os novos nomes. Nunha xuntanza do 7 de xaneiro de 1985, aceptáronse os que coñecemos hoxe: A rúa Generalísimo pasaría a chamarse Rúa Nova, a General Mola sería Avenida de Galicia, mentres a rúa Calvo Sotelo e José Antonio serían cambiadas polos seus nomes populares (os Lagartos e o Recreo).
  A proposta gustou e a comezos de marzo de 1985, abriuse o periodo de información pública que rexistrou as seguintes incidencias: ninguna pronunciación a favor do cambio do rueiro, 35 oposicións a calquera cambio, 28 oposicións ao cambio de rúa General Mola e 4 oposicións contra o cambio da rúa Calvo Sotelo.
  Aquela resposta popular disgustou a Astray, que pretendeu facer entrega, sen éxito, doutras tantas opinións de veciños a favor do cambio que algúns deles lle fixeran chegar de xeito espontáneo, pero, doutra banda, restoulle importancia á falta de apoio explícito, pois “a xente non se molestaba por eses asuntos e a decisión final sobre o particular debía corresponde aos concelleiros da corporación municipal e non á veciñanza a través dunha consulta popular".   
  No pleno do 26 de marzo de 1985  tivo lugar a votación. O cambio de nome foi rexeitado pois había 7 votos de AP contrarios. Mentres os Lagartos e o Recreo contaban con 5 votos a favor do cambio (Astray, Pérez, Pena, Cores e Ferreiro Tacón), a Rúa Nova e a Avenida de Galicia só tiveron os 3 do PSOE (Astray, Pérez e Pena). O alcalde, entón Manuel Viqueira, abstívose.
  Como anécdota, ante a decepción de Astray declarando que "ningún dos personaxes que daban nome a esas rúas en Ordes merecía esa distinción e algún día habería unha corporación de esquerdas e progresista que lles daría o nome dalgún veciño que o merecera”, Roberto Gónzalez Santos contestoulle, á súa vez, que "esperaba que o pobo de Ordes non puxera unha corporación tan de esquerdas como a dita polo señor Astray".

  Os desexos de Astray non se cumpriron e, polo contrario, o partido da dereita (agora PP) acadou maioría absoluta nas seguintes corporacións. O tema do cambio de nome quedou aparcado. 
  En 1995 produciuse o "sorpasso" (o BNG superou en votos e en concelleiros ao PSOE). A partir deste momento recolleu a bandeira da reivindicación do cambio de nomes nas rúas. En agosto de 1997 presentou unha moción onde pedía que General Mola pasara a chamarse Alexandre Bóveda, Generalísimo Concepción Arenal, e as outras rúas volveran ao seu nome popular. De novo foi rexeitada.

  Houbo que esperar ao século XXI, pero a ocasión finalmente chegou. As eleccións municipais de 2007 deixaron a corporación máis fragmentada da historia (4 concelleiros de UXO, 4 do PP, 3 do PSOE, 3 do BNG, 2 de NA e 1 de TEGA).
  Nesta coxuntura tan favorable o portavoz do BNG, Gonzalo Castro, volveu presentar a proposta de cambio de nomes (a mesma de 1984) o 24 de setembro de 2007 e esta vez tivo a satisfacción de que foi aprobada por unanimidade. Dentro desa unanimidade figuraba o voto de Roberto González Santos (TEGA), o único supervivinte daquela corporación de 1983, xa que Victorino Cores, se ben se presentou ás eleccións e acadou 195 votos, non logrou o escano.

  A pesar da opinión de Renato Landeira que, en outubro de 2011, despotricou contra a figura de Alfonso Senra pola súa colaboración co réxime franquista, o nome da principal rúa de Ordes nunca estivo en cuestión pola sinxela razón de que non é un nome franquista (levaba posto 13 anos cando comezou a guerra).

sábado, 29 de junio de 2019

O Somatén


  Unha das institucións máis asociadas á ditadura de Primo de Rivera foi o Somatén, pois só dous días despois do golpe de estado o Directorio Militar promulgou un real decreto polo que estendeu este corpo parapolicial catalán (de orixe medieval) a todo o territorio español.

  O Somatén comezou a súa andadura en Ordes con notable impulso, sendo Julio Pol Caamaño o cabo do partido. En setembro de 1924 había 353 homes inscritos nos 8 concellos do partido xudicial (era o 4º corpo máis numeroso da provincia detrás do da Coruña, Carballo e Ferrol e por diante do de Santiago) e ese número aumentaría ata os 419 homes en xaneiro de 1925 (sendo o 2º corpo máis numeroso só por detrás do da Coruña que con moita máis poboación tiña 525 somatenistas).



  A partir deste momento as cifras mantéñense en Ordes, aínda que no conxunto de Galicia aínda subirán. Tres anos despois, en xaneiro de 1928, Ordes ten 420 somatenistas (só un máis), pero a provincia da Coruña pasa dos 3.786 aos 4.110 membros. O Somatén de Ordes é o 3º máis numeroso detrás do da Coruña e Betanzos.

  En 1927 a visita dos reis a Galicia foi unha oportunidade para que os somatenistas se mostraran ao público, así numerosas delegacións achegáronse á cidade e desfilaron á vista dos monarcas.
  Pero a decadencia do réxime era evidente e iso afectou ao corpo que, despois do encanto da novidade e a pesar das cifras, vivía momentos baixos.
  Para levantar os ánimos, o xeneral José Riquelme (Comandante Xeral dos Somatenes), acompañado do seu asistente, o comandante Francisco del Rosal, realizou unha xira pola VIII Rexión Militar -Galicia e naqueles tempos tamén Asturias- onde visitou as cidades e vilas máis importantes. Despois da obrigada parada en Santiago, viaxou a Coruña e tamén se detivo en Ordes.

  Na vila foron recibidos polo tenente de alcalde, o mestre Nicolás del Río, o xuíz de 1ª instancia José Sánchez Guisande, o propietario Julio Pol (nese momento subcabo do partido na súa última comparecencia como tal, pois abandonou ese mesmo mes pola súa elevada idade -68 anos-), Ricardo Amor del Río (cabo do distrito) e o seu irmán Jacobo (subcabo), o secretario municipal Antonio Louro, os irmáns Manuel e Ezequiel Astray Mato e os industriais Benito Regos e Manuel Vilariño.
  Tamén había representantes do resto do partido, aínda que moitos somatenistas tiveron que marchar porque o xeneral chegou con atraso e eles tiñan que facer o longo camiño de volta a pé.
  Por Frades e Mesía estaban os médicos Francisco Liñares e Jesús Gómez Aparicio (cabo) e o subcabo Manuel Vaamonde Fernández. Por Buján (Val do Dubra) o alcalde Baldomero Amigo Bustelo (cabo) e o seu irmán Juan (subcabo). Por Cerceda Antonio del Río Castro (subcabo). Por Oroso o alcalde Manuel Iglesias Romero (cabo). Por Trazo o mestre Manuel Bascoy Pereira (cabo). Por Tordoia o secretario municipal José Maceira (cabo) e o comandante do posto.

miércoles, 26 de junio de 2019

Escudos de Codeseda

  En Codeseda (parroquia de Leira) podemos observar dous interesantes escudos, un no pazo que hai alí, e outro na súa capela.

  O escudo máis antigo (polo que o seu estado de conservación é peor) podémolo ver na fachada da capela. Alude aos fundadores do pazo, don Domingo Rodríguez de Verea e Aguiar e a súa muller dona María López de Verea, cuxo fillo, Gregorio, casou con dona María Suárez de Caamaño. Está dividido en dous cuarteis, un superior e outro inferior. O superior (que está en bastante mal estado) representa aos Aguiar, mentres que no inferior podemos ver bastante máis claro o piñeiro rodeado de 10 lanzas que representaba á familia Caamaño.

  O segundo escudo está na fachada do pazo e é posterior ao da capela. Foi colocado na época de don Jacobo Antonio de Verea e Hermida, avogado da Real Audiencia de Galicia. O escudo ten profusión de adornos e está dividido en 4 cuarteis. 

  O primeiro alude aos fundadores do pazo, a familia Aguiar, representada, como non, por unha aguia. Este animal era común a todas as ramas familiares e só variaba a súa cor e o seu fondo.

  O segundo cuartel representa á familia Baamonde. O seu escudo heráldico era un M de ouro coroado do mesmo metal sobre fondo de azur e unha bordura de goles con sete peixes de prata. Aquí os peixes son menos e o M ten unha especie de V invertido.


  Os dous cuarteis inferiores honran os apelidos da esposa de don Jacobo, dona María Teresa de Pol e Salazar.
  O terceiro cuartel alude aos Pol de Lermo cuxo escudo constaba de cinco burelas de azur e brochante e encima delas unha árbore de sinople acompañado de tres pequenos leóns de ouro -dous á dereita e un á esquerda-, todo rodeado dunha bordura de goles cargada no alto de tres bezantes (círculos) de prata cunha cruz de sable -que non aparece aquí- e o lema "DITAT SERVATA FIDES" (Enriquece gardar lealdade).
  O último cuartel é unha combinación dos escudos das familias Alvarado e Salazar. O escudo dos Salazar constaba habitualmente de 13 estrelas de ouro de 8 puntas sobre fondo de goles, mentres que o dos Alvarado eran cinco flores de lis de azur -aínda que aquí só hai tres- sobre ondas de azur e prata.


Para máis información sobre heráldica de familias galegas:

martes, 25 de junio de 2019

1928-29: A Gran Depresión

   1928 foi o último ano dos "felices 20" e foi bastante bo. Un tal Walt Disney creou un rato de debuxos animados que chegaría a ser inmensamente famoso e, aínda mellor, un descoñecido investigador escocés, Alexander Fleming, atopou a penicilina, posiblemente o descubrimento que máis vidas salvou na historia.
 
  Pero 1929 foi outra historia: Wall Street deu o 21 de outubro o primeiro aviso de que algo ía mal, moi mal, pero o golpe definitivo foi o 29 de outubro, o "Martes Negro", día en que se puxeron á venda 16 millóns de accións e non houbo comprador. A burbulla económica estalou e os americanos viron como o seu soño rachaba en mil anacos. Logo o mundo, que non inventara aínda a palabra globalización pero que xa estaba poderosamente interconectado, sufriu os efectos da paralización da locomotora americana.

  España foi un dos países aos que menos afectou e aínda así a súa produción industrial caeu case un 20 % nos seguintes tres anos. Outros países levárono peor, especialmente Alemaña e Austria, o que sería unha das causas da vindeira 2ª GM.
  O réxime ditatorial deteriorouse con rapidez. Lonxe quedaban xa os seus éxitos iniciais. Primo de Rivera, que tamén sufría os efectos da diabetes, viuse progresivamente abandonado por todos os que antes o apoiaran con entusiasmo. En xaneiro de 1929 tivo lugar un intento de golpe de estado militar que fracasou, pero a represión posterior deixou aínda máis só a un Primo que acabaría por dimitir un ano despois.
  1928 foi un ano incomparable para a poesía: naceron o Romancero gitano de García Lorca, o Cántico de Jorge Guillén e as Poesías completas de Antonio Machado. Doutra banda Monseñor Escrivá de Balaguer fundou o Opus Dei. En 1929 tiveron lugar a Exposición Iberoamericana de Sevilla e a Exposición Universal de Barcelona.

  En Galicia o máis destacable foi a creación da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) por Santiago Casares Quiroga e Antonio Vilar Ponte na Coruña. En 1931 os elementos máis nacionalistas marcharían para fundar o Partido Galeguista.

  A pesar da Gran Depresión internacional e da crise española, para a vila de Ordes que en 1928 tiña 45 casas (segundo Tierra Gallega) seguían sendo bos tempos.
  A instalación da oficina central das obras do ferrocarril deu un empuxón á economía local, pero o maior movemento de diñeiro producíao a feira. Había tres ao mes, o 2º domingo (denominada de Poulo), o 3º domingo e o último. Un Real Decreto en maio permitiu continuar con esas tres feiras en domingo.
  Outra novidade foi a aparición do primeiro taxi (un Ford-A) que pertencía a Antonio Verea Fandiño (1884-1970) e, en agosto, a inauguración do Salón Cine Troche -onde hoxe está o Bar Saloon- que incluía bar e mesa de billar. Supoño que sería unha remodelación e quizais iniciarían a proxección de películas os xoves e domingos, porque como salón de baile xa levaba anos funcionando.
  Tamén abriu a "Tablajería de Ignacio López" nunha casa que pertencía a Rita Castro e construíuse o muro da Alameda para separala do campo da feira.
  En Lesta e en Barbeiros comezaron a funcionar as súas escolas unitarias das que foron os primeiros mestres Andrés Barbeito Ramos e Pedro de Andrés García Cuenca respectivamente. O ano seguinte tamén se construiría a do Mesón do Vento. Os axentes para a recadación de cédulas serían ese ano Pedro del Río Caramelo e Horacio Pol Amor.
  Pero non eran bos tempos para todos: os labregos sufrían os embates dun inimigo máis, o bacilo do ántrax (entón denominado carbunco) que atacou ao gando. Ata 23 vacas morreron na parroquia de Leira, o que era unha catástrofe para as súas débiles economías. Tamén houbo casos de peste porcina. A José Mariño, por exemplo, morréronlle 13 porcos xa en xaneiro de 1929.
  Dentro das novas de sociedade tivo lugar na vila a 1ª misa do sacerdote Manuel Romero Álvarez (da familia dos de Julián) e houbo algunhas vodas de nivel: o médico Antonio Concheiro Iglesias casou coa moza coruñesa Euduvigis Carro, Isabel del Río Castro (mestra en Boiro) co tamén mestre e xornalista Federico García e Pura Faya Vilariño na Capela de Lourdes co mozo santiagués Santiago Vigo Boo. Os mortos máis notables foron Emilia Sánchez Somoza da prestixiosa familia do Pazo de Marzoa e muller de Ramón Abeijón, Inés Pérez del Río (viúva de Ramón Calvo, o patriarca da familia da ferraxería), Laureano Varela Ferreiro (1869-1928), o propietario da casa onde pasou a noite Felipe II na Calle de Poulo, Pilar Pampín e Francisco Ferreiro Pérez, industrial irmán máis novo de Antón de Xan Ferreiro e avó dos Ramechos, que segundo a prensa foi vítima do frío cando facía unha viaxe a Parada en decembro.
  En xaneiro Ordes recibiu a visita do xeneral Riquelme e en xullo a do tamén xeneral Martínez Anido (ministro de Gobernación), que de viaxe entre Santiago e Coruña detívose e conversou afablemente coas autoridades municipais.


  En 1929 a voda máis rechamante foi en febreiro a de Amalia Concheiro García con Pedro Losa Bondad á que asistiron uns cen invitados. Outra de certa pompa tivo lugar na igrexa de Sta María de Leira entre Valentín Blanco del Río e Jesusa Fuentes Gestal. Foi oficiada polo párroco don Emilio Regueiro García e o "espléndido lunch" foi preparado... si, na "Casa Barreiro" que xa existía.
  Ese ano houbo catro mortos notables: en xaneiro José Conde Barreiro, patriarca dos Condes do Bidueiro, ex-concelleiro e apoderado da viúva de López Rioboo, en febreiro Juan Barreiro Ríos*, antigo alcalde, banqueiro e comerciante, en agosto Gumersindo Liñares Iglesias, patriarca da poderosa familia Liñares, e en decembro Eduardo Mato González, xefe de prisión, emparentado coa familia Astray. Ademáis en abril faleceu con 33 anos Rogelia Vieites Álvarez, a muller do comerciante José Romero Faya. Tamén morreu a súa irmá Rogelia, Josefa Baamonde, o estudante de Medicina Ramón Piñeiro Ruibal e o tamén estudante de dereito Fernando Varela Rendueles.
  En outubro unha nova curiosa: Domingo González Parente e Gerardo Aguilar foron multados con 5 pesetas por "embriaguez, blasfemias y escándalo".
  En decembro foi nomeado como secretario do xulgado o avogado Ubaldo Rivas Martínez, procedente de Ortigueira e que botaría ata 1942 na vila. O ano rematou cun forte temporal de choiva. Como sempre, desbordáronse os ríos da comarca (e de media Galicia). En Ordes as augas derrubaron a pequena ponte do matadoiro, quedando interrompido o tránsito e houbo que quitar moitos animais das cortes para salvar as súas vidas. 

* Juan Barreiro Ríos: Rico comerciante -foi algúns anos o maior contribuínte de Ordes- que tivo unha ferraxería fronte á igrexa. Ademais era representante na vila de varios bancos e chegou a ser alcalde en 1910. Os seus fillos eran Juan, médico en Ares, José que foi sacerdote en Bardaos, Dolores (mestra en Oroso) Manuel (casado con Manuela Mirás Rodríguez, quedou co comercio en Ordes e morreu en 1945), Carmen (casada con Segundo Buján Barreiro), Andrea 1895-1943 (casada con Manuel Fernández Uzal) e Elisa Barreizo Uzal. Despois de 1945 desapareceu a familia da vila.

Parroquias máis poboadas da comarca de Ordes en 1928
ORDES  1.567 h.
Queixas 839 h.
Gorgullos 643 h.
As Encrobas  1.251 h.
Xavestre 822 h.
Leira 638 h.
Rodís 1.144 h.
Mesía 775 h.
Xanceda 585 h.
Ardemil 996 h.
Cabaleiros 677 h.
Bardaos 577 h.
Cerceda 930 h.
Buscás 676 h.
Abellá 557 h.
  
 De propina un par de chistes gráficos do ano 1928.