Na parroquia de Leira, no lugar de Codeseda, achamos esta capela a uns 50 metros ao sur do pazo dos Verea e Aguiar ao cal está
asociada a súa orixe. Mentres o pazo foi erixido no século XVII, o templo data
de principios do século XVIII. Aparece denominada como capela do Santo Cristo
da Misericordia, aínda que tamén lle chaman ás veces capela de Santa Bárbara.
Ten planta rectangular cunha fachada de 6,50 metros e case 11
de lonxitude, ou sexa arredor de 70 metros
cadrados. Os muros son de cachotería agás os esquinais, marcos de portas e
ventás e parte da fachada, que son de cantería. Ten cuberta a dúas augas con
cornixa de pedra en laterais e rematado de tella curva sobre armazón de madeira.
A fachada é moi curiosa porque ten perpiaños
na parte baixa e pedra miúda na superior como se nun determinado momento lles
faltase bo material aos construtores e cambiasen de opinión. A porta é sinxela,
de lintel recto e máis ancha do habitual (1,60 metros). Entre a
porta e a espadana hai un desgastado escudo coas armas dos Aguiar e os Caamaño,
e ao lado unha cruz dunha Santa Misión da Compañía de Xesús de outubro de 1905. A sobria espadana,
feita de formigón, ten un solo oco que remata nun arco de medio punto coroado
por unha pequena cruz.
O muro traseiro ten dous contrafortes de
formigón que lle engaden firmeza á construción pero que esteticamente non a
favorecen. En lugar de cruz cumial hai unha pequena imaxe dunha santa, que
supoño será Santa Bárbara.
O templo ten un pequeno adro duns 240 metros cadrados
(contando a capela), delimitado por un valado de bloques e aramada con postes
de formigón.
No
interior hai tres altares. No maior destaca un cristo de bo tamaño. Nos dos
lados están o inevitable San Roque e a Virxe da Concepción.
Aos lados do sagrario e debaixo das columnas
salomónicas lese a seguinte inscrición: "Esta
capilla la edificó el señor don Antonio Bieites Caamaño y la señora doña
Josepha Caamaño, su muger, primos segundos con terceros. Pintola Francisco
Gómez Varela, vecino de Cayón. Año 1713. Dieron pintura los señores".
Para coñecer outros templos do concello, preme en Igrexas e capelas de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario