martes, 11 de junio de 2019

O pazo de Codeseda

  Un dos edificios de arquitectura civil máis antigos de Ordes (século XVII) é o pazo de Codeseda, lugar da parroquia de Leira, que está a menos de 500 metros da Nacional 550.


  O pazo é un edificio con planta case cadrada (que ocupa uns 250 m2) con tellado a catro augas. A fachada principal que da ao leste ten diante 4 plataneiros (o que significa que para observala ben é mellor ir cando estean sen follas). Está feito de cachotería (pedra miúda) enfuscada e revocada, con cantería en vans e cornixa.
  Na zona sur da fachada o máis salientable é un balcón sobre grosos canzorros con balaustrada de pedra labrada. Preto do centro destaca un escudo moi ornamentado dividido en catro cuarteis que aluden ás diversas ramas familiares dos propietarios.
  Nunha das fachadas laterais apréciase a forma semicircular dun forno que se usaba para cocer o pan.


  Os terreos do pazo están amurallados. Fóra deles, na parte norte, podemos ver o hórreo da propiedade e a uns 50 metros ao sur está a capela, feita tamén na súa maior parte de cachotería (aínda que a espadana é de formigón) e cun escudo máis antigo que o do propio pazo.


  A casa de Codeseda estivo sempre unida á casa de Queirís (na parroquia de Santaia de Moar). Os Verea e Aguiar eran os donos de ambos os dous dominios. Don Domingo Rodríguez de Verea e Aguiar e a súa muller, dona María López de Verea, fundaron no século XVII este pazo. Así se recolle no escudo que se encontra na capela pacega.
  Por vía matrimonial os descendentes foron vinculando esta casa con diferentes familias: os Caamaño, os Seijas (procedentes da casa de Bascuas en Arzúa), os Pol (que viñan do pazo de Lermo nas inmediacións de Santiago), os Salazar e Alvarado (da casa da Ribeira no val de Barcia), os Hermida...
  No segundo tercio do século XVIII don Jacobo de Verea, avogado da Real Audiencia de Galicia na Coruña, incrementa as dimensións do pazo e incorpora o escudo que se ve na fachada principal, onde se representan os brasóns dos Aguiar, Baamonde, Pol, Alvarado e Salazar, os dous últimos polo seu matrimonio con dona Mª Teresa de Pol y Salazar. O seu neto, Francisco Verea y Hermida, que nacería no pazo en 1781, foi gardamariña e morreu con 20 anos no incendio do navío "San Hermenegildo".
  Posteriores repartos nas herdanzas ocasionarían que a propiedade acabara en mans da familia asturiana Llamas Navia de Osorio.
  En 1877 sufriu un gran incendio.
  Nos anos 60 do século XX remata a vinculación con familias nobres: comprouna Ricardo Mosquera, xardineiro de Lugo, que no ano 1978 venderíalla á familia Alonso da Coruña que son os actuais propietarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario