martes, 8 de mayo de 2018

A familia Abeijón

  Outra das familias acomodadas de Ordes -da que case desapareceu o apelido- eran os Abeijón do Recreo.
  O patriarca foi no século XIX Ramón Abeijón Suárez (1869-1937) que, como varios zapateiros máis da vila, procedía de Noia, concretamente de San Pedro de Bea. Veu a Ordes co seu irmán José (m.1938) e aquí prosperou, converteuse nun adiñeirado comerciante e casou cunha dama de avoengo: dona Emilia Sánchez Somoza y Patiño (m.1928), da familia propietaria do Pazo de Marzoa. Logo sería tamén alguacil do xulgado para completar os seus ingresos.
  Eles foron os que deron orixe ás festas do Recreo en 1916 en agradecemento á Virxe de Lourdes pola volta do seu fillo Ramón da Guerra de Marrocos.
  O matrimonio tivo 5 fillos: Balbina, Ramón, Celia, Obdulia e José Abeijón Sánchez.

  Celia morreu relativamente nova (1949). Obdulia e José marcharon para Negreira. Obdulia (m.1969) casou en agosto de 1925 con Alfonso García Iglesias (1893-1963), oficial do xulgado, co que tivo 4 fillos. José Abeijón Sánchez (1913-1972) foi o membro máis destacado da familia. Ostentou a alcaldía de Negreira 26 anos, desde 1942 a 1967, ano en que foi elixido procurador en Cortes como representante dos municipios da provincia. Casou con Lourdes Caamaño Pose coa que tivo 4 fillos.

  Balbina (1896-1979), a irmá maior, casou con Ramón Calvo Pérez (1886-1968), da familia Calvo (propietarios dunha fonda e taberna que co tempo remataría sendo a maior ferraxería de Ordes). Ramón instalouse no Recreo despois da voda. O matrimonio tivo 10 fillos: Alfredo, Carmen, Mª Amable, Balbina, Emilia, Isabel, Josefina, Venancio e dous máis que morreron novos, Mª Luisa e Moncho (ela só viviu 4 meses no ano 1926 e él morreu en 1938 na Guerra Civil en Castellón).
  A maioría das fillas non casaron, agás Amable (1921-2012) -con Guillermo, fillo do Capitán- e Balbina (m.2000) -con Germán Trigo- e quedaron no Recreo.
  Alfredo viviu en Santiago e unha das súas fillas, Mª Jesús Calvo Sarandeses, foi durante bastante anos mestra no colexio do Mesón do Vento.
  Venancio que traballou en varios concellos (o último Frades) casou con Marina Lamas, a 5ª filla de Viriato Lamas (o vello Viriato), coa que viviu na Rúa dos Lagartos e tivo 4 fillos.

  Ramón Abeijón Sánchez que era funcionario no Concello, casou en 1924 con Aurora Amado Ferreiro, filla do rico comerciante (tamén procedente de Noia) Antonio Amado. O matrimonio tivo 4 fillos: Aurora, Ramón, José e Antonio.
  Pero comezaron unha longa serie de desgrazas: os dous morreron novos, primeiro Aurora (1937) e logo Ramón (1948), así que os seus fillos foron acollidos pola avoa materna, Josefa Ferreiro (dos Ferreiro do norte). Antonio, o máis novo, morreu afogado no Regato Mercurín e logo José, mecánico que estaba en Negreira co seu tío (o alcalde), tamén morreu afogado*.
  Aurora (1926-2013) fíxose cargo da mercería de Alfonso Senra 42 e casou xa maior cun camioneiro ourensán, Valentín Gónzalez Rodríguez.
  Ramón Abeijón Amado (1927-2021), o moi coñecido Kilé, tamén foi oficial do concello como o seu pai. Casou con Carmen Casas coa que tivo tres fillos, Juan de Dios, José Ramón -ambos os dous morreron de nenos- e Juan Francisco Abeijón Casas que herdou o alcume do pai, tivo un famoso pub nos anos 80-90 e logo iniciou o seu traballo na radio municipal.
 

* O dómingo 6 de xullo de 1954 a negra sombra visitou Negreira. Sinalou ao mozo ordense de 24 anos José Abeijón Amado, mecánico que estaba nesa vila co seu tío -tamén chamado José Abeijón-, alcalde do concello, traballando na empresa Naviera Compostelana. Aquela tarde fatídica, despois de comer, decidiu ir bañarse no Tambre. Ía acompañado dun neno de 11 anos que quedou na orilla. Este viu impotente como José pedía auxilio ata desparecer baixo a auga. Avisou a uns veciños pero xa nada se puido facer. Para maior desesperación da familia o cadáver pasou dous días na auga ata ser recuperado o martes día 8 polos buzos da Xunta de Obras do porto da Coruña.
  O seu enterro foi un das maiores manifestacións de dó da época con practicamente todo o pobo de Ordes esperando a chegada do seu cadáver na ponte. Logo acompañouno ao cemiterio do Piñeiro en silencio. Desde a casa de Rogelio, a súa moza, unha inconsolable Encarnación Prado xunto co seu pequeno fillo Carlos en brazos, viu entrar a comitiva na última morada e contan que os asistentes podían oír os seus xemidos a pesar da distancia.
  Parecía como se unha maldición pesase sobre esa familia, porque o seu irmán pequeno Antonio morrera tamén afogado anos atrás no regato Mercurín. Ramón, máis coñecido como Kilé, o irmán sobrevivente nunca máis se volveu a bañar nun río e pasou dos 90 anos de idade, así que todo é posible.

2 comentarios:

  1. A ver se teño un momentiño e che paso un "documento" con Abeijón e abeijones desde que saíron de Abeixón, Parroquia de San Pedro de Tállara, Concello de Lousame, a finais do século XVIII. Os meus asentaron en Santa Cristina de Barro, Noia, todo o século XIX.

    ResponderEliminar
  2. O millor sería quedar por Ordes comendo migallas de "queique" e un colacao quentiño.

    ResponderEliminar