jueves, 23 de mayo de 2019

Rúa Nova e Rúa de Galicia

  Antes da Guerra Civil Ordes era unha pequena vila, apenas un cruce de camiños. A antiga Calle Real foi empedrada en 1923 e pasou a ser a Avenida Alfonso Senra. Cruzábase coa Saturnino Aller (O Recreo) e coa Rúa dos Lagartos. Tamén había a Calle del Directorio (actual Rúa Rosalía de Castro) pero nada máis. Necesitábanse con urxencia novas rúas para medrar.

  Arturo Pérez Loureiro, ferrolán, fillo do oficial de Infantería de Mariña Manuel Pérez Otero, seguiu os pasos paternos. Sendo primeiro tenente do Rexemento Zamora casou en abril de 1903 cunha moza da alta sociedade coruñesa, Gloria Romero Corral (filla de Luciano Romero e de Consuelo Corral Aller) coa que non tivo descendencia. Na súa carreira militar chegou ao grao de tenente coronel.
  Desde 1930 pasaba temporadas en Ordes por problemas de saúde. Cando comezou a Guerra foi nomeado Delegado Civil (e posteriormente alcalde en 1937) para manter a orde e reprimir a guerrilla. Residíu na actual casa da familia Calvo, ao lado da entón Casa do Concello.
  El foi quen decidiu abrir a Rúa Nova. Aproveitando o poder que tiña, por mor daquelas excepcionais circunstancias, non lle tremeu o pulso á hora de trazala porque cortou as fincas das familias máis poderosas da vila (cousa que ninguén antes ousara) como os Mariño, Liñares, Pol, del Río (farmacia de arriba) e Stolle.
  Así mesmo obrigou aos campesiños dos arredores a traballar un día gratis transportando pedra nos seus carros para a nova rúa. Logo os xornaleiros (estes si, cobrando por cada metro cúbico) picábana cunha marra. Fíxose famosa a Cartuxeira de Vilar da que dicían que era tan recia que marreaba tanto coma calquera home.
  As árbores da parte norte foron plantadas polos nenos da escola de D. Nicolás del Río o Día da Árbore e procedían da Alameda.
  Tamén se fixo a Rúa de Galicia, ampliando unha corredoira xa existente. Don Arturo adoitaba controlar as obras desde a súa propia casa. Esta rúa chamaríase General Mola.

  A 1ª casa edificada na Rúa Nova comezouse arredor de 1946 e foi a do panadeiro José Fuentes Pepe de Juana en terreos comprados á familia de Daniel. Pouco despois a rúa foi denominada Generalísimo e así foi coñecida durante 5 décadas. Houbo, iso si, varios anos en que o último tramo sur -a unión coa Rúa dos Lagartos- permaneceu pechado e a xente usaba o patio da casa de Ramas.

 
  D. Arturo seguiu vivindo na vila, da que era concelleiro. Tamén foi Deputado provincial en 1949. El e a súa esposa morreron en 1950 e están soterrados na zona NO do cemiterio vello de Ordes.
 
  D. Arturo era bo amigo do enterrador Florencio Ríos. Cando facía bo tempo, el e a súa muller, dona Gloria, paseaban ata a casa de Florencio, que naqueles tempos era a última de Merelle. Alí sentábanse nun banquiño que el lles sacaba e parolaban os tres tranquilamente.
 
  En setembro de 1997 o pleno municipal a instancias do portavoz do BNG, entón Gonzalo Castro, cambiou o nome franquista de 4 rúas. A Rúa General Mola converteuse na Rúa de Galicia e a Rúa Generalísimo pasou a ser coñecida oficialmente como Rúa Nova, co paradoxo engadido de que nese momento era unha das más antigas da vila.

viernes, 17 de mayo de 2019

Os Mosqueiras de Vilaverde

  Vilaverde é unha aldea dunhas 15 casas que está a uns 1.300 metros ao noroeste da vila de Ordes. A pesar do seu pequeno tamaño alí naceron personaxes como Manuel Lois o soldado Lois ou Manuel Viqueira o gaiteiro de Vilaverde e máis recentemente o inclasificable Manolo de Xaniño.

 Alí naceu tamén obviamente o apelido Villaverde que na actualidade é levado por case 400 persoas no concello de Ordes. Outro apelido con destacada presencia na aldea é Mosquera (máis de 500 portadores en Ordes). Estas dúas familias, os Mosquera (na fala é máis habitual usar a forma galega Mosqueira) e os Villaverde, tiñan moitas terras e padeceron unha gran endogamia cruzándose entre si moitas veces para aumentar as posesións.

 
  O primeiro Mosqueira en Vilaverde foi Antonio Mosquera Bermúdez (1815-1883) procedente da Pedreira (Leira) que casou con Ángela Agustina Carballido Liñares (1811-1892) dunha rica familia de Vilaverde. O herdeiro, Francisco Mosquera Carballido (1837-1919), casou con María Barreiro del Río (1844-1918) do lugar de Campomaior -onde está o colexio-. O matrimonio tivo entre 1865 e 1885 oito fillos: Ángela, Mª Josefa, Manuel, Antonio, Manuela, Dolores, Cándido e Generosa.

  Ángela (1865-1941) casou con Pedro Villaverde do Piñeiro, Manuela (1875-1955) co pai de Fernanducho e Generosa (1885-1977) con José Barreiro Recouso (1888-1963) o patriarca dos Barreiros do Casal. Maripepa (1868-1942) e Dolores (1879-1939) quedaron solteiras.
  Antonio (1874) morreu con poucos meses, Cándido (1882-1955) foi durante moitos anos sacerdote en Abellá onde comprou bastantes terras que, á súa morte, volveron á familia. Finalmente Manuel Mosquera Barreiro (1871-1938), o maior dos varóns, herdou a casa paterna e foi o patriarca dos Mosqueiras do século XX.
  Manuel casou con Mª Josefa Villaverde Gómez (1874-1933), unha moza da Espenica, coa que tivo 9 fillos: Manuela, Francisco, Ángela, Manuel, Cándido, María, José, Dolores e Mª Josefa Mosquera Villaverde.

  A maior, Manuela (1894-1952), bautizada cos apelidos da nai por nacer antes do matrimonio, casou en 1914 con Manuel Villaverde Mosquera, curmán seu (era fillo de Pedro Villaverde e de Ángela Mosquera) dunha familia rica do Piñeiro -unha irmá estaba casada co empresario de obras públicas Pedro Pardo Fandiño-. Con el tivo catro fillos -o máis coñecido Pedro do Piñeiro- e logo, cando enviuvou, tivo unha filla con Antonio Ferreiro (un dos fillos de Antón de Xan Ferreiro). 
   María (1896-1959) casou con José Villaverde dos Veiras da Espenica (irmán de Manuel, o pai das Veiras dos Lagartos) e tiveron sete fillos.
  Francisco (1896-1977) foi o que herdou a casa familar que hoxe segue en mans dos seus netos. Ángela (1899-1988) quedou solteira pero tivo un fillo, Manuel (vendedor de patacas), que xa morreu.
  Manuel (1900-1959) traballaba na Eléctrica de Fernanducho, ao igual que o seu fillo Suso, que morreu nun transformador do Mesón do Vento en 1957. O seu neto varón, Jesús Javier Reboredo Sito, é enxeñeiro técnico agrícola e guitarrista da banda Kastomä.
  Cándido (1904-1992) casou cunha veciña, Milagros. Segundo os cotilleos locais non estaba moi convencido e foi ameazado polo seu sogro "Monte". A súa filla, Josefa, casou con José García Amado, fillo de Pepe de Betanzos, o da carnicería do lado da igrexa.
  José (1909-1991) foi policía en Madrid. Parece ser que cando estaba en aduanas facilitou o exilio a varios guerrilleiros condenados. Dolores (1912-1979) tivo un fillo, Roberto (1936-2023), de solteira. Ao igual que Ángela, vivían na casa principal antes de facer as súas.
  A última, Mª Josefa (1915-1995), casou co perito Benjamín del Río (nacido no Mesón de Deus) e tiveron unha ampla familia. Todos os fillos estudaron, en parte grazas as propiedades dela.
FONTE: Julio Lino Mosquera Ríos
 

lunes, 13 de mayo de 2019

Produción láctea de Galicia


  Galicia é unha potencia en produción láctea. En 2018 bateu o seu récord histórico ao producir máis de 2,764 millóns de toneladas de leite, practicamente o dobre que hai 25 anos. Iso a pesar de acumular máis de dez anos sendo a comunidade que rexistra as peores cotizacións en orixe de toda España. Como puido seguir medrando nun escenario tan pouco favorable?
  Principalmente, grazas á modernización dos seus sistemas produtivos, a optimización dos cultivos ou a mellora xenética do gando pero sobre todo grazas á redución e redimensión do número de explotacións. Porque agora hai menos explotacións pero con máis animais cada unha, e máis eficientes. Se a principios dos noventa unha explotación media contaba con 25 cabezas de gando e 8 hectáreas de terreo, agora as cifras medraron ata os 55 animais e as 18 hectáreas de superficie agraria útil.
  En 2002 había máis de 26.000 granxas, en 2018 quedan 7.550, é dicir: desapareceron máis de 19.000 explotacións nese tempo (o 73%!). Rechamante tamén resulta a evolución experimentada polas vacas, que, en pouco máis de dúas décadas, pasaron de producir 6.300 litros de leite ao ano a superar con facilidade os 8.500 litros.

  Esta gran produción colócanos á cabeza europea e mundial. As granxas galegas conseguen alcanzar a tonelada de leite anual per cápita, só superadas polas da Bretaña francesa con case 1.500 litros de leite por persoa e polas rexións de Waikato e Canterbury, en Nova Zelandia que é a primeira potencia mundial exportadora de lácteos.


  Pero non todas as comarcas producen igual. De feito hai unha gran diferenza con respecto á Galicia dos anos 80 con preto de 70.000 explotacións repartidas case equitativamente por toda a súa superficie. Hoxe a maior parte do leite é producido en só 5 comarcas: A Terra Cha, Lugo, Ordes, Deza e Xallas. Nesta última está Mazaricos que é o primeiro concello da lista con máis de 110 millóns de litros producidos.
  As comarcas de Lugo son imbatibles grazas á súa especialización. Ambas as dúas xuntas teñen un total de 54.500 hectáreas de terreo dedicadas a cultivos forraxeiros. Detrás delas aparece Ordes que, coas súas 28.500 hectáreas, xa deixou atrás á comarca do Deza con 20.500. A comarca do Xallas baixa ata as 18.300 hectáreas.
  A comarca de Ordes, non obstante, tampouco ten unha produción homoxénea. Neste caso a súa alta posición débea aos seus concellos periféricos: Frades (79,3 millóns de Tm de leite) é o primeiro da comarca e o 6º con máis produción de Galicia, seguido de Mesía (53,9 millóns, 13º), Trazo (53,7 millóns, 14º) e Tordoia (43,9 millóns, 20º).

viernes, 10 de mayo de 2019

Aló, aló

  En 1927 Ordes conseguiu un novo avance: o teléfono.
  Instalouse unha central telefónica na vila. Para os máis novos, naqueles tempos do cuplé aínda non se podía chamar dun teléfono a outro individualmente, había que comunicar cunha central telefónica onde unha operadora conectaba ao primeiro usuario con outro do mesmo lugar ou cunha central doutra cidade. Tamén se podía ir ata a central e chamar desde alí se non se dispoñía de teléfono propio (obviamente antes da instalación da central ningún veciño tiña teléfono). Por certo que, aínda que non debía, a operadora podía escoitar as conversacións dos clientes, o que facía este servizo non tan privado como (en teoría) é hoxe.

  A solemne inauguración tivo lugar o día grande (o 15 de agosto) das festas patronais. A ela acudiron o xefe-administrador do servizo telefónico interurbano da provincia Sr. Santos Blasco e o xefe da estación de Santiago don Ramiro Castro. Ambos os dous reuníronse na Casa do Concello co alcalde Manuel García Rivas á fronte da maioría da corporación, o xuíz de primeira instancia José Sánchez Guisande, o xuíz municipal Manuel Astray Mato, o notario César Antonio Sánchez Paniagua e outras personalidades como o secretario municipal, o rexistrador da propiedade, o xefe do posto da Garda Civil, comerciantes e industriais varios. Por suposto, non podía faltar o párroco don Nemesio Morgade, encargado do importante labor de bendicir as instalacións.
  Ás once a cívica procesión percorreu os escasos metros que separaban a Casa do Concello da de Ricardo Amor del Río* que se achaba xusto fronte á igrexa (hoxe no lugar está o Bar San Roque). Esta casa fora de Policarpo Rivas Godoy e herdouna a súa filla Adolfina, muller de Ricardo. Alí foi instalada a Central telefónica da que sería encargada a súa filla maior María Amor Rivas.

  Despois da inevitable bendición, o alcalde deu un discurso onde eloxiou o invento do teléfono e á Compañía Nacional de Teléfonos, o que obrigou ao señor Blasco a responder agradecendo os eloxios. O alcalde inaugurou o servizo enviando "telefonemas" (palabra que afortunadamente non se popularizou) a diversas personalidades como o presidente do Goberno! o director xeral de Comunicacións, o reitor da USC, o vigairo Capitular, algúns outros alcaldes e a varios xornais como El Eco de Santiago.
  Veu despois un espléndido xantar servido polo acreditado Bar Pedro e custeado pola compañía que prometeu que o servizo, que de momento estaba limitado ata as dez da noite, sería mellorado converténdoo en permanente se fose necesario.
  E así deu comezo a era da telefonía en Ordes.
 
* Ricardo Amor del Río: recadador de contribucións, pertencía a unha adiñeirada familia. Tiñan moitas terras ao sur da Fonte Estrei, tantas que o lugar era chamado o "Agro de Amor". Era un dos fillos menores do médico -e tamén alcalde e secretario municipal no século XIX- Jacobo Amor Labrada (m.1885) e Melchora del Río Liste (1914). Outros irmáns eran Clotilde (mestra casada con Francisco Gil Prieto), María (muller de Julio Pol), Ascensión (casada co médico de Trazo Joaquín Castro Amor), Generosa (muller do mestre Pedro Álvarez Villaverde), Eduardo (médico), Enrique (sacerdote), Jacobo (avogado que tamén foi concelleiro), Eliseo (celador de telégrafos), Vicente...  
Ricardo casou en 1900 con Adolfina Rivas Durán (1873-1947), filla de Policarpo Rivas Godoy, coa que tivo dous fillos, Gabino (1906-1947) -que tamén sería recadador- e Juan Manuel (1907-1951), e varias fillas que quedaron solteiras: Mª Carmen (1900-1990), Josefa (1902-1991), Maura (1903-1990) e Claudina Amor Rivas (m.1967). Elas fixéronse cargo do comercio de Ezequiel Astray, cando este morreu, e da Central telefónica. O herdeiro da casa familiar foi Juan Manuel Amor Bouza (1937-2025), director durante moitos anos do colexio Galaxia de Santa Uxía de Ribeira.
 
  Unha anécdota: na época da fame había unha señora de Merelle moi relixiosa chamada Dominga a Freitosa. Sempre que volvía da misa aproveitaba para roubar algunhas verzas no Agro de Amor, cousa que non debía ir contra as súas crenzas, ou ben a fame apretaba o suficiente para esquecelas.

lunes, 6 de mayo de 2019

Informe meteorolóxico 2018

 O ano 2018 foi moi convulso. Desde xaneiro foron sucedendo toda clase de fenómenos extremos que acabaron cunha seca histórica. A pesar de que a primavera e o verán presentaron anomalías negativas de temperatura (valores por baixo da media) as ondas de calor de agosto e un setembro extremadamente cálido provocaron que o 2018 pasase á historia como un ano cálido e húmido.

TEMPERATURA
  2018 arrincou con temperaturas altas en Alaska e con neve en Florida (había trinta anos que iso non sucedía). En Galicia foi un mes máis cálido do normal.
  En febreiro rompeu o vórtice. A rotura do cinto de ventos que confinan o aire xélido no extremo norte do planeta xerou unha invasión de frío polar nas latitudes medias que conxelou Estados Unidos e Europa mentres en Galicia as borrascas empezaron a golpear sen descanso. Febreiro foi o máis frío dos últimos 12 anos, pero marzo superouno: foi o máis frío dos últimos 34 anos! 
  Ese mesmo mes visitounos Félix, outro ciclón bomba procedente de Estados Unidos, que xerou un novo e forte temporal, de choiva, vento e neve.
  Abril e maio, a pesar das oscilacións, foron meses normais.
  Despois duns húmidos xuño e xullo, e cando os galegos daban o verán por perdido, chegou toda a calor de golpe. África liberou o aire que estivera retendo e provocou unha intensa onda de calor. As altas temperaturas ocasionaron a morte dun millón de pitos e miles de coellos nas granxas da comunidade. Agosto foi un mes moi cálido e setembro acadou marcas históricas, sobre todo no sur de Galicia. Foi o máis cálido dende 1985.
  Outubro e novembro foron máis ou menos normais mentres decembro volveu ser anormalmente cálido con máximas superiores a 20º en moitos puntos de Galicia. O ano rematou máis ou menos como empezou cun quecemento súbito da estratosfera que podería chegar a debilitar outra vez o vórtice polar.


PRECIPITACIÓNS
  Despois dun xaneiro nomal, febreiro foi frío e húmido, pero marzo superouno en todo. Co paso de sucesivas e profundas borrascas foi o máis chuvioso da última década. Nalgúns lugares do leste de Galicia, as precipitacións cuadriplicaron o promedio habitual!
  En abril algúns encoros que meses atrás agonizaban, comezaron a liberar auga. Maio, en cambio foi moi seco pero o aire frío de orixe polar provocou o día 12 unha nevada a partir dos mil metros de altura. Desde 1984 só unha soa vez nevara tan tarde.
  Seguindo cos cambios, en xuño o aire frío permanecía preto de Galicia, o que favoreceu a formación de pingas frías. O 1 de xullo as choivas torrenciais alagaron Coruña. O verán que non arrincaba en Galicia estaba no norte de Europa, en países como Suecia e Noruega.
  E novo cambio radical: despois dos húmidos xuño e xullo chegou a calor extrema e a falta de choivas. Agosto e setembro foron moi secos. Outubro tamén foi seco, aínda que o paso dos furacáns Leslie e Michael provocou chuvias intensas.
  Novembro, en cambio, foi máis húmido do normal con presenza de borrascas importantes como Beatriz e Ana. Decembro volveu ser un mes seco.

sábado, 4 de mayo de 2019

A peregrinación de 1926

  O xoves 13 de setembro de 1926 tivo lugar a peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba, aínda que moitos peregrinos xa chegaron a tarde anterior.

 A peregrinación estaba presidida polo arcipreste, que seguía sendo don Nemesio Morgade Portela, o párroco de Ordes, a quen acompañaban o alcalde Manuel García Rivas, o xuíz accidental Ramón Astray Mato, o secretario José Antonio Louro e o alcalde de Cerceda José Rodríguez.
  Alfonso Senra, moitos anos deputado polo distrito de Ordes, recibiu de novo o honor de portar o estandarte dos homes, igual que en 1920. Estaba flanqueado por Fernando Tojo Rendueles (fillo do propietario do Pazo do Peñasco) e Rafael Álvarez Salgueiro (o propietario da farmacia de abaixo) que debutaban levando as cintas.
  En cambio as portadoras do estandarte feminino seguían sendo as mesmas das dúas últimas ocasións: Carmen Mato (viúva de Astray López) xunto con Asunción Iglesias Rapela (muller de Antonio Concheiro) e Mª Josefa García Rodríguez (muller do tamén médico Ignacio Castro) levando as cintas.

  Como era costume, durante o seu percorrido desde Santa Clara á catedral, a Banda Municipal de Santiago acompañou musicalmente aos peregrinos que entoaban o himno do Apóstolo.
  Na porta do Obradoiro foron recibidos por D. Manuel Caeiro, D. Santiago Tafall e D. Fernando Peña.
  A misa foi celebrada polo ecónomo de Mercurín, don Diego Pedreira Varela, e dirixiu o rezo do rosario o sacerdote de Cerceda, don Juan Bueno.
  O Secretario de Cámara don Fernando Peña Vicente foi o encargado de saudar aos peregrinos de Berreo en nome do arcebispo e felicitounos pola fe que os levou ata alí.
   Non faltou o solemne voo do botafumeiro mentres os asistentes entoaban o Himno Xacobeo acompañados polo órgano. Logo saíron pola Porta Santa despois de abrazar a imaxe de Santiago.
 Para concluír o Secretario de Cámara recibiu máis tarde ao arcipreste, sacerdotes e autoridades aos que felicitou pola brillantez da peregrinación e a organización da mesma. 
 
   Ademáis da peregrinación, en 1926, como sempre, houbo numerosos actos e festas. 
  En abril tivo lugar a Semana Santa que rematou coa procesión do venres, sendo o calvarista Manuel García Rivas, acompañado polo farmacéutico Santiago del Río e o rexistrador da propiedade Jesús Zerios Martín. Asistiu unha gran cantidade de xente e toda a corporación municipal, presidida polo tenente alcalde Nicolás del Río. 
  En abril na Casa do Concello celebrouse unha velada teatral para recadar fondos con destino á festa que as Fillas de María celebraban en maio. Actuaron as señoritas Carmen Pol, Rosita Platas, Celia del Río, Lola del Río e os mozos Gumersindo Linares e Luis Linares. As comedias eran “La fórmula tres es tres”, de Muñoz Seca, e “Hay entresuelo”. Foron dirixidas polo avogado e xuíz munici­pal Ramón Astray. 
  En xuño houbo unha misión en Poulo na que predicaron os capuchinos padres Mariano e Tadeo, que foi custeada por Juana Figueira Varela. 
  En xullo visitou Ordes o Cadro de declamación de Carral dirixido polo farmacéutico Gregorio Pomar que realizou unha representación do drama bíblico "La cuna del niño Dios", a peza cómica "Noticia fresca", un monólogo en verso titulado "¡Callad... que no se despierte!" e "La canastilla". O diñeiro recadado foi para as damas da confraría do Cristo da Agonía.
  Non faltaron as festas patronais de agosto co seu habitual bulicio. 
  O 18 e 19 de setembro houbo as festas do Recreo -ou como dicía a prensa "el Paseo del Puente"-, sendo o presidente da comisión Manuel Vázquez Pombo. Contaron con carreira de bicicletas e partido de fútbol inaugurando o novo campo. 
  O 24 de setembro tiveron lugar a festa das Mercedes en Poulo, sendo funcionistas Manuel Veiras Rey e Benito Veiras Suárez de Lavandeira, e as de Santa Eufemia en Leira e Barbeiros.

domingo, 28 de abril de 2019

Juan Liñares Castro

  Juan Liñares Castro naceu en 1909 no seo dunha das familias máis ricas e influentes de Ordes: os Liñares. Foi o segundo dos dez fillos de Juan Liñares Iglesias (1885-1951) e María Castro Bao (1887-1961).

  Juan Liñares Iglesias era un dos maiores empresarios da vila, banqueiro e xerente dos autobuses "El Noroeste" e da "Eléctrica de Órdenes". Politicamente estivo vinculado durante as dúas primeiras décadas do século XX ao Partido Liberal -como a inmensa maioría da elite ordense- o que lle permitiu ser xuíz municipal aínda que non tivese título de avogado. A ditadura de Primo quebrou o poder liberal e "don Juanito" buscouse a vida: en 1930 foi brevemente alcalde e coa chegada da República militou no Partido Republicano Radical de Gerardo Abad, para logo pasar sen problemas ao bando franquista.

  Juanitiño, tamén alcumado o manco dos Liñares por ter o brazo dereito case inútil (cousa que non lle impediu facer actividades físicas como xogar ao fútbol no equipo daquela época) foi un mozo guapo e de bo porte. Alumno aplicado, acadou en 1927 o título de bachiller. Logo estudou dereito na USC e rematou a carreira en 1931.
  Comezou o seu labor de avogado. Nesa época, segundo denuncia de Domingo A. Moar, Juan fai as presentacións dos mitins do seu pai e comparte as ideas republicanas. Co estoupido da Guerra Civil toda a familia alíñase (que remedio!) co bando nacional.
  Juan convértese en secretario da FET y de las JONS e preside en outubro de 1938 a  Junta de Subsidios pro-combatientes.
  Neses anos comezou a relación con Ángela Stolle Ramos, mestra en Visantoña (e posteriormente en Frades), unha das fillas do xefe de telégrafos Pastor Stolle García, que morreu en outubro de 1937. En 1938 casan nunha cerimonia íntima porque ela estaba de loito pola morte do pai.
  O matrimonio viviu en Alfonso Senra, en fronte da carpintería de José da Calzada (logo ultramarinos do seu fillo Higinio) e tivo dez fillos: Mª Jesús, Juan Pastor, Julio Mario, Gemma, Ángel, Mª del Pilar, Ángeles, Manuel, Antonio e Rosa María.

  Juan, despois duns anos exercendo a avogacía, pasou en 1940 a ser xuíz de Ordes interino e desde 1945 con praza en propiedade. En 1950 pediu a excedencia para volver dedicarse á avogacía, actividade máis fácil de compaxinar coa de alcalde.
   Seguindo a tradición familiar (o seu avó Gumersindo fora perenne alcalde de Trazo) Juan Liñares comezou na alcaldía de Ordes a finais de 1950 e ostentou o cargo (que tamén implicaba ser xefe local do "Movimiento") uns 18 anos.
  Foron tempos aínda duros pero xa lonxe da miseria de posguerra. Construíronse a Casa Consistorial e o campo de fútbol e a vila foi medrando pouco a pouco. En 1965 creouse o Círculo Cultural y Recreativo do que foi primeiro presidente.
  Nesta época tamén foi deputado provincial ata máis alá de 1970 (ano en que de paso tamén estivo na xunta directiva do Colexio de Avogados).

  1968 foi un ano clave na súa vida: en outubro morreu a súa muller Ángela, aos 55 anos, e deixou a alcaldía na que foi substituído polo seu familiar (era curmán do seu pai) Antonio Concheiro.
  Nos anos seguintes abandonou a avogacía e volveu á xudicatura como xuíz de distrito, sendo Ribeira o seu último destino. Faleceu en Sevilla o 10 de marzo de 1989.
  Está soterrado no cemiterio vello de Ordes xunto á súa muller na tumba do seu sogro Pastor Stolle.
  Só un dos seus dez fillos, Julio Mario (avogado desde 1967), seguiu a carreira paterna, e só tres fillas (Mª Jesús, Gemma e Pituca) permanecen en Ordes.

 
  Segundo o tamén avogado Jesús Varela Fraga, Juan Liñares "era un avogado que lle daba a todos os paus na súa profesión pero ao que lle gustaba especialmente o dereito civil. Era un extraordinario orador que tiña o don da palabra e ao que era un pracer escoitar no estrado. Era bo e xeneroso axudando e no seu bufete os humildes atopaban comprensión e axuda".
  Igualmente ben valorada é a súa figura en Ordes. Manuel Moar recórdao como "eterno colaborador desinteresado en todo o relacionado coa nosa vila [...] un home sinxelo, humilde, equitativo e xusto [...] e o do que gardo unha profunda admiración e respecto".