Aínda que a finais do século XIX volven facerse peregrinacións a Santiago, é no século XX cando se popularizan de verdade, grazas sobre todo ao impulso que lles deu o arcebispo José Martín de Herrera de la Iglesia.
Destaca esta política de promoción xacobea
durante o ano santo de 1909. Os 36
arciprestados son instados a organizar a peregrinación dos seus fieis a
Santiago para o que se negocian rebaixas nas tarifas de transporte, tanto en
ferrocarril como en compañías de autobuses, así como nos prezos da Cociña
Económica compostelá.
A finais de setembro peregrinaran case 80.000
persoas da propia arquidiocese, un éxito espectacular pero restrinxido ao
ámbito local pois ata 1926 non hai unha peregrinación desde outra diocese allea.
Os peregrinos do sur de Santiago adoitaban
chegar en tren e os do norte en autobús ou a pé. Concentrábanse no Hórreo ou na Alameda (onde
ás veces eran recibidos polas autoridades do cabido e do concello). O seu
percorrido polas rúas podía ir acompañado de música das bandas da cidade
(retribuídas con 75 pesetas) e na catedral cantábase o "Himno do
peregrino" e víase funcionar o botafumeiro. Non podía faltar a
multitudinaria foto nas escaleiras da Quintana para lembrar o acontecemento.
A peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba (entidade que constaba de 16 parroquias -13 matrices e 3 anexas- pertencentes aos concellos de Cerceda, Ordes* e Oroso) tivo lugar o venres 17 de setembro e foi organizada polo seu
arcipreste, o párroco de Buscás, D. Eugenio
Girón Murias (1847-1913).
Durante a noite anterior máis de mil persoas,
a maioría delas a pé, dirixíronse a Santiago. Algunhas xa asistiron a unha misa
(ás 5 da mañá!!!) oficiada en Santa Clara polo coadxutor de Ordes, D. José
Oubel Salgado.
Ás 10 da mañá organizouse a procesión que
comezou no tramo comprendido entre os conventos do Carme e Santa Clara e que se
dirixiu ao Obradoiro pasando por San Roque, a Algalia, Cervantes e Acibechería.
Primeiro ían os homes, pouco máis de 400, en
filas de 4. Diante o estandarte que en principio ía levar o xuíz de 1ª
instancia de Ordes, Policarpo Fernández Costas (tivo que ausentarse pola morte do
seu pai), e que finalmente portou o presbítero de Ordes, José Barreiro Uzal, en
compañía de Juan Barreiro Ríos -o seu pai- e Manuel Pazos (os que levaban as cintas).
Despois a Banda Municipal e logo o estandarte
das mulleres portado por Carmen Barreiro Uzal en compañía de Justa Torrero
Míguez e Gumersinda García Iglesias.
A continuación 820 mulleres presididas polo
arcipreste Girón, acompañado polo concelleiro de Santiago Ángel de Acosta.
Durante o traxecto repicaban as campás das
igrexas. Chegados á catedral, os homes entraron pola Porta da Epístola e as
mulleres pola Porta do Evanxeo, segundo o costume da época. No presbiterio
foron recibidos polo arcebispo, a súa eminencia José Martín de Herrera de la Iglesia.
Despois da misa oficiada polo párroco de
Oroso, D. Joaquín Ordóñez, e do rosario oficiado polo de Sta Mª de Betanzos (anteriormente de Ordes), D.
Felipe Gómez Muñoz, o propio arcebispo subiu ao púlpito e falou aos presentes, deulles
a benvida e agradeceu a súa defensa da fe. Tamén agradeceu os actos de
desagravio que se fixeran contra os sucesos de Barcelona (a Semana Tráxica) e pediu oración polos combatentes
en Marrocos. Bendiciu as medallas e deu por rematada a
peregrinación.
Logo chegou a hora dos saúdos e das fotos. E
un dato para a historia daquel día: sabemos que o primeiro en confesar e comulgar
e, por tanto, gañar o xubileo foi o veciño de Buscás José Suárez Gómez.
* Das outras catro parroquias de Ordes, Parada pertencía á diocese de Berreo de Abaixo, e Barbeiros, Beán e Vilamaior á de Barbeiros.
* Das outras catro parroquias de Ordes, Parada pertencía á diocese de Berreo de Abaixo, e Barbeiros, Beán e Vilamaior á de Barbeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario