Antigamente a casa consistorial estaba nun edificio ao lado norte da igrexa actualmente desaparecido. Logo instalouse no hoxe chamado Edificio Rama (Alfonso Senra 50) que era o xulgado e que compartiu as dúas funcións (o xulgado na planta baixa e o concello nas superiores).
Nos anos 40 comezouse a pensar en facer un
novo consistorio. En 1944, sendo alcalde Rafael
Mariño Vilela, a corporación aprobou o plano do arquitecto Adolfo de la Vega, que por certo, como se ve no debuxo, non incluía a
torre do reloxo. Pero eran os tempos da miseria e non había un peso, así que
houbo que esperar aos anos 50 para pasar das ideas ás obras.
Despois das xestións de Rafael Mariño sería finalmente o seguinte alcalde Genaro González o que recibiu un préstamo de 464.000 pesetas por parte do Banco de Crédito Local (do que era director José Fariña Ferreño). Nos anos 50, sendo alcalde Juan Liñares, comezaron as obras que incluíron derrubar o vetusto cárcere que estaba ao norte da alameda e que ocupaba o espazo do futuro consistorio. Tamén se derrubou a panadería de Andrés Gaudeoso, o que permitiu abrir unha vía máis ancha para entrar ao campo de feira (actuais parques). A partir dese momento os presos foron albergados durante algúns anos no Edificio Rama e, posteriormente, na casa do garda municipal Alfonso Noya Cachorro.
Despois das xestións de Rafael Mariño sería finalmente o seguinte alcalde Genaro González o que recibiu un préstamo de 464.000 pesetas por parte do Banco de Crédito Local (do que era director José Fariña Ferreño). Nos anos 50, sendo alcalde Juan Liñares, comezaron as obras que incluíron derrubar o vetusto cárcere que estaba ao norte da alameda e que ocupaba o espazo do futuro consistorio. Tamén se derrubou a panadería de Andrés Gaudeoso, o que permitiu abrir unha vía máis ancha para entrar ao campo de feira (actuais parques). A partir dese momento os presos foron albergados durante algúns anos no Edificio Rama e, posteriormente, na casa do garda municipal Alfonso Noya Cachorro.
O custo das obras aproximouse ao millón de
pesetas da época, logradas co préstamo do Banco de Crédito Local e con aportacións personais. O construtor foi José García Varela do Casal.
Segunto comentarios dos obreiros usouse moi
pouco ferro no formigón, motivo da debilidade estrutural que se descubriu
moitos anos despois.
En 1952 xa estaba practicamente rematado o exterior e contaba coa torre e o reloxo de 4 caras. Instalouse a praza de abastos no baixo ao mesmo tempo que se facía a explanación do campo da feira (hoxe parque infantil). En marzo de 1953 remataron as obras, pero a inauguración oficial, inicialmente prevista para abril dese ano, aínda esperaría ata o 14 de setembro de 1954.
Aproveitouse para facer unha homenaxe ao Soldado Lois e, deste modo, contouse
coa presenza do mesmo ministro da Mariña, o almirante Salvador Moreno, ademais do arcebispo de Santiago Quiroga Palacios e multitude doutras autoridades
menos importantes.
Acostumados ás vellas casas feitas de pedra
e barro e de pouca altura, os ordenses da época quedaron admirados da
modernidade e maxestuosidade do novo edificio (axudaba o feito que, xunto coa
igrexa, era o máis alto do lugar). Coincidiu ademais no tempo coa desaparición
das cartillas de racionamento, o que
axuda a asocialo co comezo dunha nova época, aínda dura, si, pero xa lonxe dos anos da miseria.
O consistorio converteuse no símbolo da vila. A foto tomada desde o sur onde se ve a alameda e a súa inconfundible silueta é unha imaxe icónica que lle ven á mente a calquera cando se fala de Ordes.
Unha anécdota graciosa daqueles anos 50 é que
o novo reloxo de catro caras nunca coincidía co que había na fachada da igrexa.
Os chistes eran habituais e duraron ata 1962 cando o párroco don José Fernández Fuentes, farto deles, aproveitou a remodelación da igrexa
para suprimir o seu reloxo.
O consistorio pasou 60 anos sen grandes
cambios, agás cando a praza de abastos deixou paso á biblioteca municipal nos baixos do edificio, en tempos do alcalde Manuel Viqueira Verea.
Xa no século XXI, sendo alcalde Manuel Regos Boquete, fíxose unha ampliación (realmente un novo edificio separado pero con acceso ao vello).
Descubriuse entón que a estrutura estaba en pésimo estado, así que en setembro de 2012 comezaron unhas moi polémicas obras de remodelación que lles puxeron os pelos de punta a moitos, sobre todo cando desapareceu a torre do reloxo.
Concluídas as obras en 2013, houbo un suspiro de alivio. Agora, aínda que é practicamente novo, o edificio segue a conservar o seu antigo aspecto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario