viernes, 7 de marzo de 2025

Juan Manuel Amor Bouza

 
Juan Manuel Amor Bouza foi un personaxe importante na historia de Ribeira, pero... cal é a súa relación con Ordes?
  Pois que o seu pai foi Juan Manuel Amor Rivas (1907-1951), fillo de Ricardo Amor del Río, recadador de contribucións e un dos VIP da vila na primeira metade do século XX. Juan Manuel era irmán de Gabino (marido da mestra Maruja Carreró) tamén recadador como o seu pai, e de Mª Carmen, Josefa, Maura e Claudina, que foron as encargadas da estación telefónica da vila e da tenda de Ezequiel Astray.
 
  Juan Manuel, pola súa banda, sería funcionario de telégrafos. Despois de traballar nas estacións de Ordes, Santiago e Coruña foi trasladado a Cedeira en 1934 e casaría con Pilar Bouza Yáñez, unha moza da localidade. Alí morrería o día 11 de agosto de 1951, deixando tres fillos: Juan Manuel, María del Pilar (que sería mestra) e Mª del Carmen Amor Bouza.
  A relación de Juan Manuel fillo con Ordes intensificouse despois da morte do seu pai, pois viviu moito tempo na vila na casa das súas tías fronte á igrexa (onde agora está o bar "San Roque"), casa que co tempo herdaría. Daquela época naceu unha gran amizade co futuro avogado Julio Castro Pol (que, casualmente tamén traballou como profesor dun CLA).
  En setembro de 1957 creouse na Facultade de Ciencias da USC  o 1º curso da sección de matemáticas. Dado que era a súa asignatura preferida, Juan Manuel matriculouse na 2ª promoción, en 1958. Eran apenas unha ducia de estudantes entre os que xa había catro mulleres.
  Casou con Mª Gloria Soto García (1941-1990), unha moza tamén de Cedeira, coa que tería seis fillos: Juan Manuel, José Ángel (m.2023), Ricardo, Gloria, Luis e María Amor Soto. Ela morrería bastante nova (aos 49 anos) e está soterrada en Cedeira.
 

COLEGIO GALAXIA
  Quizá sea cosa de pocos días o incluso de pocas horas, para que se produzca el reconocimiento oficial del nuevo centro de Enseñanza Media, denominado "Galaxia", a cuyo frente se encuentra el licenciado de Santiago don Ángel Ron Quiroga, quien no regateó ningún esfuerzo para que Ribeira tuviera el primer establecimiento de la clase en Galicia, o uno de los primeros. Está ubicado en tres hermosas naves, acabadas de construir, de carácter moderno y funcional.
  Nos congratulamos de que Ribeira cuente con un colegio como Galaxia, que supone una estupenda base para el desarrollo del nivel de cultura de la comarca.
La Noche 3 de Agosto de 1963 
 
  En 1963 o matrimonio formado polo licenciado en Química compostelán Ángel Ron Quiroga e a licenciada en Filosofía e Letras Mª Carmen Roo Villaverde fundou o colexio mixto "Galaxia" na entón rúa Alcázar de Toledo de Santa Uxía de Ribeira. Juan Manuel Amor, agora establecido na vila barbanzá, foi cofundador e profesor de matemáticas do centro e logo, máis adiante, tamén director ata o ano 2003. Centos de alumnos da zona educáronse con el e recórdano con agarimo.
  Segundo os que o coñeceron foi home brillante e intelixente, pulcro, coidadoso nas formas e na indumentaria, pero tamén afable, orgulloso da súa obra e preocupado de que os seus ex-alumnos saíran adiante.
  As súas paixóns fóra das aulas eran a pesca fluvial e a astronomía, ademais da lectura.
  Morreu o domingo 2 de marzo de 2025 aos 87 anos de idade e os seus restos repousan no cemiterio do Piñeiro xunto ás súas tías.
 
  Non podo evitar mencionar a coincidencia de que tamén en Ordes apenas 5 días antes (25-02-2025), outro profesor de matemáticas, José Rodríguez del Río, o moi coñecido Pepe de Guindibón falecera aos 81 anos de idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario