En 1943
houbo un trío de vodas bastante distinguidas celebradas na igrexa parroquial de Ordes. Curiosamente ningún deses tres matrimonios tería fillos.
En xuño foi a quenda de María Jesús Moar Viqueira
(1922-1950), única filla do xa falecido avogado e político ordense Domingo Antonio Moar Veiras
(1871-1939). Mª Jesús, que contaba entón
21 anos de idade, casaba con Carlos Ramón Ballesteros (1917-2004), un mozo de
26 anos, procedente de Corcubión. Carlos era fillo de Cándido Ramón Carrera, médico forense
do partido de Corcubión e de Mercedes Ballesteros. Era procurador de
tribunais pero veu a Ordes como delegado de Abastos. Por certo que na vila todo
o mundo pensaba que "Ramón" era nome e non apelido, así que era
coñecido como Ballesteros.
O oficiante da misa foi o párroco de Brion,
don Domingo
Conde Cardama e actuaron de padriños a nai da noiva, Purificación
Viqueira Noya (1896-1990), e o pai do noivo, Candido Ramón. Asinaron
a acta como testemuñas Ángel e Antonio Concheiro por parte da noiva e Manuel Sendón
Amado, José María Ballesteros e José Trillo por parte do noivo.
Como delegado do xuíz actuou o prestixioso avogado José María Gil Brandón.
Os noivos saíron inmediatamente despois da
cerimonia de viaxe para visitar varias cidades españolas.
O matrimonio sería feliz pero curto e sen
descendencia. María Jesús morrería só 7 anos despois en outubro de 1950, o que sumiu a Ballesteros nunha
gran tristeza. Logo deixaría a vila e marcharía para a Coruña coa súa sogra. Anos
despois vendeu as valiosas posesións dos Moar (a esquina norte de Alfonso Senra
coa Rúa da Canteira onde se fixeron as casas de Viriato). Volveu casar en 1957
con Carmenchu López-Chaves Meléndrez coa que tivo tres fillos. Unha das súas
fillas está soterrada no cemiterio de Ordes.
En xullo os que pasaron polo altar foron Mª del Carmen
Verea Remeseiro (1919-2012) e o mestre José Bello Segade (1914-1961).
Carmen era filla de Antonio Verea Fandiño
(1873-1970), comerciante e primeiro taxista da vila e de Josefa Remeseiro Liste (1896-1986).
José Bello, coñecido en Ordes como Pepe Bello,
era o mestre que veu substituír a don Nicolás.
A voda contou con Olga Bello Segade, irmá do
noivo, como madriña e Manuel Verea Remeseiro, irmán da noiva -tamén
taxista e futuro alcalde un par de anos despois- como padriño. As testemuñas
foron o notario Alfonso
Leirós Fernández, o alcalde Rafael Mariño Vilela, o inspector de primeiro
ensino Olimpio
Liste Naveira e os axentes da Policía armada José Vez Vilar e Jesús Costoya
Camoiras. En representación
do xuíz actuou Segismundo
Viqueira Ramos Mundito.
O matrimonio non foi demasiado longo, durou
18 anos, e tampouco tivo descendencia. José Bello morreu en 1961 e Mª Carmen
casou de novo con Rogelio Paredes García (tamén viúvo de Mercedes Oubiña Regueiro)
arredor de 1970.
A finais de ano, concretamente o 29 de
novembro, contraeron matrimonio o farmacéutico Rafael Álvarez Salgueiro (1910-1974) e Elvira
Stolle Ramos (1916-1997), filla do xa falecido xefe de Telégrafos
Pastor Stolle.
O párroco de Leira don Ramón Pérez Rajoán oficiou a
cerimonia, que foi moi íntima por mor do loito da familia do noivo (morrera en marzo a súa irmá Carmelita).
Foron os padriños o cuñado da noiva, o
avogado e futuro alcalde Juan Liñares Castro, e a nai do noivo Mercedes Salgueiro García. Deu fe da acta o
avogado e propietario do Pazo do Peñasco Joaquín
Varela Rendueles e asinárona o rexistrador da propiedade Manuel Herrero
Maroto, Eduardo Somoza del Río, Segismundo Viqueira Ramos e Antonio Ramos.
Neste caso o matrimonio non foi tan curto,
pero igualmente non tivo descendencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario