José Fernández Fuentes, don José, foi párroco de Ordes
durante 24 anos, desde 1957 ata
1981. Ese tempo serviulle para deixar unha forte pegada tanto positiva como
negativa.
Naceu en 1905
na vila de Muros no seo dunha
familia bastante relixiosa. Tivo varios irmáns entre os que estaba Belia Ángela
Fernández Fuentes*.
Estudou na Universidade Pontificia de
Santiago e oficiou a súa primeira misa o 30 de outubro de 1928 na súa parroquia natal, San Pedro de Muros. En outubro de 1929 deixou
de ser presbítero e foi nomeado coadxutor de Pobra do Caramiñal. Logo ascendeu
a ecónomo en Santa María de Oza e en 1940
foi destinado como párroco a Santo Estevo de Morás (Arteixo).
Cansado de estar nunha parroquia rural, en 1957 cumpriu o seu obxectivo ao ser
destinado a Ordes. Probablemente neste cambio tivo que ver o feito de que a súa
irmá Belia xa estivese na vila exercendo como mestra. Presentado como era
costume polo conde de Altamira, a finais de outubro tomou posesión do cargo no
Palacio Arcebispal pero non chegou a Ordes ata o 7 de novembro.
Tal como pasara no século XIX, o crecemento
demográfico da vila fixo que a igrexa parroquial quedase pequena. Deste xeito
don José xa tiña o seu primeiro obxectivo: facer unha ampliación que a adaptara
ás novas necesidades. Pero... de onde sacar os cartos?
Non lle tremeu o pulso e dado que a vella capela de Lourdes estaba en estado
ruinoso, deixou derrubala (quedándose con algúns elementos) e vendeu o terreo a
Kilé, Alfonso e Peteiro. Logo iniciou as obras na parroquial. Houbo unha
pequena polémica sobre se ampliar para adiante ou para atrás e finalmente
decidiuse achegar a fachada á estrada, o que permitiu ademais seguir celebrando
o culto. Sobre 1962 remataron estas
obras que duplicaron a capacidade do templo. Resultaron un éxito porque a
igrexa quedou moi ben, adaptándose admirablemente ao estilo do arquitecto
Faustino Domínguez, aínda que algúns queixáronse da desaparición do reloxo da
fachada.
En
abril de 1964 sería nomeado
arcipreste de Berreo de Arriba. Esta primeira época foi o punto culminante da
súa popularidade en Ordes. Se ben molestou a moitos a desaparición da capela e
o maltrato aos vellos restos, non había a conciencia actual e non causou o
rexeitamento que habería hoxe e o arranxo da igrexa gustou.
Pero aos poucos foi perdendo simpatías.
Acostumados á cultura e expresión impecable de don Joaquín Andrade (don
Francisco Nimo apenas durou un ano), don José era un home tosco, de man pesada
cos rapaces (a época era propicia) e que non tiña grandes amigos na vila. Proba
disto era o seu alcume oficial Pepe Farias
por ter moita afección a estes cigarros. Tamén teño oído a varios rapaces
referirse a el como Cacha Pelada (por motivos
obvios).
Outras cousas que molestaron aos fregueses foron
o feito de pechar con cancelas o adro, habitual lugar de xogo nos anos 50, e
algúns comentarios que soltaba desde o púlpito, especialmente un que pronunciou
durante o funeral de Mundito en 1974.
Pero o seu momento máis baixo foi en outubro
de 1976. Se xa vendera a finais dos
anos 60 unha franxa da zona norte do adro a Pepe de
Betanzos, ese mes descubriuse que presentara no Concello un proxecto
para construír no adro unha casa con soto, baixo comercial e tres pisos. Tamén
houbo rumores que xa estaba vendido o igrexario por 18 millóns de pesetas a
tres empresarios da vila. Inmediatamente o pobo, indignado, deixou oír a súa voz. O domingo
3 de outubro a vila amenceu chea de pasquíns e folletos de cores que se opoñían
a esa idea. O feito tivo tal repercusión que ata unha revista nacional,
"El Pope", se fixo eco comparando Ordes con Fuenteovejuna.
Afortunadamente o proxecto non foi adiante
e os ánimos calmaron. Don José seguiu sendo parróco de Ordes ata a súa
xubilación en 1981.
Continuou vivindo na vila (tiña un piso na
Rúa de Galicia) ata a súa morte o 11 de xaneiro de 1990. Está soterrado no cemiterio do Piñeiro xunto á súa nai Ramona
Fuentes (m.1965) e dúas irmás.
*
Belia
Ángela Fernández Fuentes (m.22-12-1994) estudou Maxisterio.
Exerceu en diversos lugares como Trobe ou Brea na parroquia de Soandres. En
maio de 1951 foi destinada á
escola do Casal (onde tamén estaba Alfonso Lesta) e logo daría clase na vila.
Casou co mestre ordense Ricardo Rama Blanco (m.1960) con quen viviu
no Edificio Rama (antiga Casa do Concello) e co que tería un único fillo,
tamén chamado Ricardo (m.2007). Era moi relixiosa e foi unha das camareiras
da Virxe.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario