En 1965
naceu en Ordes o "Círculo Cultural y Recreativo" (que por suposto
sempre foi chamado o casino), sendo o seu primeiro presidente o entón alcalde Juan Liñares Castro. Non obstante a inauguración do local non chegaría ata
febrero de 1966. Ese local estaba no
edificio de José
Veiras Bello o Pardiñao (1915-1994) en Alfonso Senra 96, preto do
salón de baile.
O seu primeiro conserxe sería Ventura Pantojo
Laso (m.1972).
Naqueles anos 60 o CCR naceu con forza, mesmo
nas festas da vila de 1966 contrataron ao grupo Los Samars para un baile só para socios e en decembro houbo un par
de interesantes conferencias, unha do seu presidente, o alcalde Juan Liñares
sobre temas xudiciais e outra do profesor Hipólito de Sa Bravo sobre diversos
mosteiros galegos.
Outro punto forte eran as festas de Entroido
onde os socios levaban aos seus fillos disfrazados. Pero aos poucos as
actividades decaeron. Aínda así temos constancia de que en 1972 houbo campionatos de
ping pong organizados por Arturo Viqueira (que era un gran afeccionado) ou de
xadrez onde os tres primeiros clasificados foron Pedro Vidal Gutiérrez,
Francisco García Caamaño e Manuel Louro Raposo.
En 1974 El
Correo Gallego entrevistou a José Luis Loureda Couceiro, un dos socios
fundadores (Nº 34), onde este recoñecía que a pesar de contar entón cuns 300
socios -cifra alta para unha vila que roldaba os 3.000 habitantes- o CCR
"estaba enfermo". Era un bar -máis exclusivo e tranquilo que o resto
dos de Ordes- pero non era atractivo para a xente nova.
A parte cultural recuperouse un pouco cando en
1975 naceu O Terruño. Como a maioría dos seus integrantes eran tamén socios do
casino, alí tiñan lugar as súas reunións.
Pouco despois, nos últimos 70, empecei eu a
frecuentar o casino para xogar a ping pong e ao billar francés (o de
carambolas). A asistencia era moi escasa agás que houbera bingo -foi a época do
seu bum- e entón si estaba a sala chea totalmente. Cando pasou a moda o
habitual era un par de parroquianos lendo o xornal, unha media ducia de socios
que xogaban aos naipes apostando nunha habitación exclusiva e algúns
adolescentes vendo a televisión. Recordo
tamén cando Víctor González Faya facía alí os ensaios para a súa obra "La pícara hija del molinero".
Pouco a pouco foi esmorecendo e sendo cada
vez máis irrelevante ata a súa desaparición.



No hay comentarios:
Publicar un comentario