sábado, 4 de diciembre de 2021

Os Boquetes de Merelle

   Aínda que Santiago é o concello onde hai máis xente co apelido Boquete (246), a maior densidade dáse no concello de Cerceda (160) e nas parroquias ordenses de Ardemil e Leira, polo que é de supoñer que o apelido tivo a súa orixe nesta zona.
  Na parroquia de Ordes, en cambio, só había a principios do seculo XX unha única familia con este apelido, os Boquetes de Merelle.
 
  Manuel Boquete Regos (1897-1969) foi todo un personaxe cunha vida chea de anécdotas. Casou con Jesusa Vilariño Vázquez (1897-1966), unha moza de Reboredo, coa que tivo 9 fillos: Manuel, José, Concepción, Pedro, Jesús, María, Antonio, Carmen e Arturo Boquete Vilariño.
  Cinco deles (os 2 maiores e os 3 menores) remataron por establecerse na Coruña e só 4 quedaron en Ordes.
 
  Concepción Boquete Vilariño (1925-2016) casou con Víctor González Faya, Víctor do Capitán, zapateiro e escritor, un dos personaxes máis coñecidos da vila. Tiveron 5 fillos: Francisco, Margarita, Mª Fernanda, Jorge e Elvira. Case todos traballaron na tenda "Calzados Capitán" que leva case un século sendo a máis importante da comarca. Margarita, xunto ao seu marido Juan Antonio Liñares do Tunel, atendeu outra tenda no edificio Alfonso Senra 134, "Deportes Capitán", que tamén foi punteira na comarca ata a súa morte. O fillo do matrimonio é o prestixioso odontólogo Antonio Liñares.
 
  Pedro (1926-1998) foi o que quedou na casa familiar. Tivo dous fillos varóns que, á súa vez, tiveron dúas fillas, as únicas desta 4ª xeración con Boquete como primeiro apelido.
  Jesús (1929-2016), de gran simpatía e desenvoltura (coma o seu pai), casou con Manuela Regos Regos (m.2021). Manuela era filla de Manuel Regos Rodríguez (1901-1970) ferreiro do Recreo e de Josefa Regos Regos (1905-1991), irmá doutros dous ferreiros que había no Casal e no Balado. Emigraron a Europa pero volveron a Ordes. Só tiveron unha filla: Mª Jesús Boquete Regos.
  María Boquete Vilariño (1930-2016), casou con Manuel Regos Rodríguez (1930-2008), fillo de Francisco Regos Golán de Darefe e de Milagros Rodríguez Iglesias (da coñecida familia dos de Carril). Ambos os dous foron sumamente coñecidos por rexentar a "Cafetería Regos". Tiveron dous fillos, Manuel e Antonio. O menor morreu moi novo con 25 anos de idade, mentres o maior, Manuel Regos Boquete, foi funcionario do centro médico, militante do PP, concelleiro, fundador do partido UXO e alcalde durante dúas lexislaturas.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario