lunes, 29 de junio de 2026

Vodas en 1966

  No ano 1966 houbo dúas vodas que saíron na prensa.
 
  O mércores 31 de agosto na igrexa parroquial de Santa María, "profusamente engalanada", casaron María del Pilar Mariño García e José Antonio Cristín Pérez. Ela era a filla maior de Manuel Mariño Vilela, o comerciante máis importante da rúa dos Lagartos e un dos máis importantes da vila. El era o 4º fillo do secretario do Xulgado de Ordes, Jesús Cristín Castro* e de María Victoria Pérez Mirás.
  Foron os padriños a nai do noivo e o pai da noiva. Oficiou a cerimonia o párroco don José Fernández Fuentes e pronunciou o sermón o reverendo don Rafael Ortega Cruz, capelán maior da Beneficencia Municipal de Madrid.
 
  Representou á Lei o xuíz de 1ª Instancia Martín Otero Fernández e asinaron como testemuñas da noiva Rafael Serrano Valls, R. Juan Losada Pérez, o alcalde Juan Liñares, o médico Antonio Concheiro Iglesias, o empresario Manuel Concheiro García (curmán do anterior), Ramón Ríos Silva, Manuel Astray Rivas, os seus tíos Rafael e Francisco Mariño Vilela, o seu irmán Manuel e o seu curmán Rafael Mariño Franqueira.
  Por parte do noivo asinaron o seu pai, o reverendo don Luis Pérez Regueiro, o avogado Celestino Concheiro Iglesias, Segismundo Viqueira Ramos Mundito, Carlos Ramón Ballesteros, Antonio Astray Rivas, os seus tíos Manuel Pérez Mirás e Antolín Cristín Castro, os seus irmáns Jesús Francisco e Luis e o seu irmán político (marido de Pilar) Alfonso Castro Pol.
  Os asistentes foron esplendidamente obsequiados cun lunch servido pola cafetería Linar da Coruña. Os xa esposos viaxaron por distintas capitais.
  O matrimonio estableceríase no Recreo e tería dous fillos: Pilar e Santiago. Sería sumamente coñecido porque ela foi propietaria da farmacia do Recreo e el xa creara en 1957 a súa axencia en Alfonso Senra. José Antonio Cristín morreu en decembro do ano 2010.
 
  A 2ª voda tamén se celebrou na igrexa parroquial de Santa María, pero neste caso foi o domingo 18 de setembro. Casaban Mª Teresa Aller Mosquera e José Antonio Pose Marcos.
  Ela era a 6ª dos 9 fillos do xastre José Aller Fernández e da súa muller Marina Mosquera Cascón, familia moi coñecida na vila pois a súa casa estaba en pleno centro, no Nº 102 (casa que segue a manter o seu aspecto tradicional e conta cuns balcóns adornados dunha especie de liras). Pola contra el era o 2º de dous fillos do matrimonio formado por Maximino Pose Domínguez e Manuela Marcos Lago do lonxano cocello de Laxe.
  A noiva fixo a súa entrada acompañada do seu pai, mentres o noivo esperaba no altar xunto á súa nai. Oficiou a cerimonia don José Fernández. Asinaron como testemuñas José Grovas Olivar, José e Francisco Aller Mosquera, Florentino Aller Fernández, Ramón Blanco Boo, José Luis Quintá Chousa, José Varela, Maximino Pose, Lorenzo e José Manuel Pose Silvariño, Maximino Martínez Pose, Andrés Martínez, Lorenzo Moure Pose, F. Belmonte Requejo e Eduardo García.
  Os numerosos invitados foron obsequiados cun xantar no hotel Nogallás. Despois da Lúa de mel a parella estableceuse en Salamanca.  
 
* Jesús Francisco Cristín Castro (1905-1994) natural de Caldas de Reis, foi oficial de Xulgado en Pontevedra e logo secretario xudicial en Ordes e Carballo, distinguido coa Cruz de San Raimundo de de Peñafort. Casou en decembro de 1930 con Mª Victoria Pérez Mirás (1905-1986) coa que tivo 5 fillos: Mª Victoria (1932-2017), Mª Pilar (casada con Alfonso Castro Pol), Jesús Francisco (Mª Carmen Somoza Viqueira), Antonio (Mª Pilar Mariño) e Luis Cristín Pérez (Elena García Amado).

No hay comentarios:

Publicar un comentario