BEÁN
O
topónimo parroquial é o de máis escuro significado. Tense proposto que provén
da palabra indoeuropea bod ou bodos ‘foso -e tamén regato-’ e sería
por tanto unha *(villa) Bedana ‘vila do foso’, pero realmente non hai a máis mínima certeza
diso. Na carta de doación que o rei
Alfonso VII fixo á Igrexa galega en 1124 o nome aparece escrito como Beiam. "... et vadit per stratam de Beiam et inde inter Beiam et Villamonte..."
pero tampouco coñecemos o significado de Beiam.
Agora ben, se consultamos un dos primeiros dicionarios galegos que se
publicaron, o de Xosé Luís Franco Grande, cunha primeira edición en 1968, nel aparece a palabra
"Beán" como ‘outeiro, cuíña’. Por tanto beán existía como sinónimo de outeiro nalgúns lugares de Galicia
nos anos 60, aínda que hoxe se teña perdido. Dado que a igrexa parroquial está
na ladeira dun outeiro, coido que é unha hipótese moi probable, aínda que
sigamos sen saber cal é a súa etimoloxía.
Aldea de Baixo: aínda que non
haxa unha Aldea de Arriba, xustifica o nome o feito de que hai varios metros de
desnivel desde a estrada. O termo aldea ven da palabra árabe andalusí aḍḍáy’a,
que orixinalmente designaba unha casa illada e posteriormente adquiriu o
significado actual de pequeno grupo de vivendas. Aldea é un topónimo popular
desde finais da Idade Media e épocas posteriores.
Areal: grupo de casas
moi póximas ao castro de Nouche. O
nome obviamente significa ‘terreo areoso’. Procede da palabra latina area.
Cercedo: é un
fitotopónimo, un nome derivado da árbore antigamente máis abondosa, o carballo.
Procede, ao igual que Cerceda, dun étimo cercêta
(variante de quercêta), derivado da palabra latina quercus.
A Ermida: un documento do
ano 1333 documenta que nesa época xa
existía a ermida de San Silvestre. Nel Xoán Rodríguez, peleteiro, vende a Xoán Afonso, tamén peleteiro, e a
Marina García todas as herdades que ten pola súa nai, Tareixa Martínez, na ermida
de San Silvestre, na fregresía de Santa María de Beán, por nove libras pequenas
do rei don Alfonso. Hoxe o único rastro da ermida e o topónimo, que provén do
latín eremita. Orixinalmente era un
home que se retiraba a un lugar apartado, pero posteriormente pasou a ter o
significado actual de ‘santuario erixido nun lugar solitario’.
Fonte da Viña: o nome deste
lugar, próximo ao castro do mesmo nome, ven obviamente das palabras latinas fonte e vinea.
Igrexa: Procede da voz
latina ecclesia, e esta á súa vez da
grega ekklesia que primitivamente era
unha asemblea de cidadáns para discutir asuntos políticos. Foi San Paulo quen
usou esta palabra para referirse á congregación dos crentes en Cristo. Tanto Igrexa como a variante Eirexe son topónimos moi
populares en toda Galicia. Nese lugar de Beán áchase un templo dedicado a Santa María.
Loureiro: a carón do Souto
tamén temos o Loureiro, cuxo nome ven da palabra latina lauru.
Nouche: este importante
lugar no nordés da parroquia debe o seu nome a un posible propietario medieval
chamado Naustus (de significado descoñecido).
O
topónimo *(villa) Nausti derivaría en Nauchi e
posteriormente no actual Nouche.
Outeiro: o nome deste
lugar, próximo a Nouche, ven da palabra latina alteriu ‘outeiro, cuíña’.
Pomares: tamén próximo a
Nouche, o seu nome é o plural de pomar
‘terreo no que hai plantadas maceiras’, derivado da palabra latina poma ‘froito comestible, mazá’.
Pontellos: pequeno lugar
próximo á Fonte da Nosa Señora, e fogar da familia Nouche. unha pontella (ou
pontello) é unha pequena ponte non especialmente sólida para cruzar un regato
pequeno e aquí debía haber polo menos un par delas. A palabra ven do latín ponte.
Regueira: outro dos moitos
hidrónimos de Beán. Unha regueira é un sitio por onde corre a auga. A palabra
deriva do latín riguu ‘pequeno caudal
de auga’.
Requián: segundo explica
Cabeza Quiles, o topónimo Requián “debe ser a versión actual do acusativo *Requilanem,
do nome xermánico persoal rematado en –ila Rikila ou Rekila. Polo tanto, dende unha posible
*(villa) Requilanem chegariamos ao actual Requián, en referencia
a un dono chamado Rikila ou Rekila, nome xermánico que inclúe o
elemento gótico rik ‘rei’. Rekila, fillo de Hermerico, foi o
2º rei suevo de Galicia, abdicando no ano 438.
Souto: topónimo que
deriva do latín saltu,
orixinariamente ‘terreo montañoso ou terreo de pastos’ pero que despois
adquiriría o significado de monte silvestre de castiñeiros -podendo haber
outras especies polo medio-.
Tesós: grupo de casas
preto do Areal. Segundo o dicionario de Franco Grande
os tesós eran as travesas do carro. Así que podemos conxeturar que neste lugar
había antigamente material axeitado para fabricalas.
Vilasuso: con este lugar
do norte da parroquia non imos inventar a pólvora e así supoñemos que no pasado
(polo menos antes do século XIX) habería algún propietario importante de nome
Xesús.
No hay comentarios:
Publicar un comentario