domingo, 12 de mayo de 2024

José Manuel Piñeiro Amigo

  Jose Manuel Piñeiro Amigo naceu o 27 de maio de 1938 en Cambados (Pontevedra). Foi o 2º fillo de José Mª Piñeiro Mallón (m.1946) e de María Amigo Iglesias (m.1969) dos Amigo de Niveiro en Val do Dubra. No momento da voda o seu pai era secretario do Concello de Santa Comba. Viviron na finca chamada "A Rapada" en Niveiro pero os azares da súa profesión tamén os levaron a outros lugares -de aí o seu nacemento pontevedrés-. O matrimonio tería 4 fillos: Mª José, José Manuel, Celestino e Luis Piñeiro Amigo. Este último sería un famoso médico.
 
  José Manuel estudou Dereito na USC e licenciouse en 1961. Dou anos máis tarde, en 1963, lograría o título de Graduado social, e en 1966 imitaría ao seu pai e sería Secretario de Administración Local de Primera Categoría.
  Comezou exercendo como secretario interino no Concello de Teo, onde xa logrou a praza en propiedade, pero en 1968 veu a Ordes onde tiña lazos familiares*.
 
  Casou con Regina González Palacios, filla de José González Bartolomé, destinado na Capitanía da Coruña. Regina foi profesora de Educación Física na entón chamada Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Santiago. Con ela viviría na Praza de Vigo en Santiago e con ela tería catro fillos: María Regina (que a familia chamaba agarimosamente Mariquiña), José, Jesús e Luis Piñeiro González.
  Como xa dixemos José Manuel Piñeiro foi secretario do Concello de Ordes e da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ordes. Tamén rematou sendo secretario (por acumulación) dos concellos de Padrón, Val do Dubra e Melide.
  Paralelamente fundou o seu bufete "Piñeiro Abogados".
 
  Coa morte de Franco chegou a Transición e formou parte do Partido Gallego Independiente, de orientación socialdemócrata, cuxo secretario xeral era Perfecto Yebra Martul-Ortega, e no que el cocuparía o cargo de tesoureiro. O partido integrouse na UCD, a coalición centrista que comandaba o presidente Adolfo Suárez. Ocupando o 7º posto pola provincia da Coruña logrou ser elixido deputado a Cortes nas eleccións de xuño de 1977 (grazas ao abandono dun compañeiro, pois a UCD acadou 6 deputados). Era a Lexislatura constituínte que só durou dous anos (1977-1979). Volvería a ser elixido nas eleccións de marzo de 1979 nas Cortes da primeira lexislatura (1979-1982). Ese ano de 1979 tamén foi conselleiro da Xunta preautonómica (de xaneiro a maio) e membro da comisión de transferencias Xunta-Deputacións.  
  As eleccións de 1982 significarían o seu retiro da pólitica pois a UCD só acadou un solitario escano pola Coruña. 
 
 Tamén destacou na Secretaría da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias), posto que desempeñou durante 14 anos e catro presidencias. Está considerado un dos pioneiros que sentaron as bases da organización, xa que participou de xeito importante na creación dos Estatutos e no texto do Pacto Local.
 
  José Manuel Piñeiro morreu o 1 de xuño de 2021 aos 83 anos de idade e esta soterrado no cemiterio parroquial de San Vicente de Niveiro no Val do Dubra.
 
  O seu tempo en Ordes, non obstante, presenta máis sombras que luces.
  Comezou o seu traballo de secretario na época franquista, sendo alcalde Antonio Concheiro, época de "ordeno e mando". Cando chegou a democracia, moitos queixáronse de que, a pesar do seu centrismo en política, os asuntos municipais seguíaos levando como na época dictatorial e tomaba parte en decisións que debían estar fóra da súa competencia. En 1977 tivo un conflito cos veciños do Mesón do Vento porque apoiaba a centralización escolar na vila de Ordes.
  Outra cousa que se lle achacaba era dedicar tempo e recursos municipais ao seu traballo de avogado. Ademais algún dos casos que defendeu, especialmente  en 1992 o do ex-alcalde de Cerceda Jesús Orgeira Muiño Penzo, non se vían demasiado éticos.
  Cando o alcalde foi Teodosio Martino, a oposición alegou que Piñeiro se aproveitaba da falta de experiencia deste e era realmente el quen mandaba no concello. As peticións de información á que tiña dereito a oposición eran sistematicamente ignoradas.
  Por todo isto a súa marcha do concello trouxo alivio e bastante alegría a moita xente.    
 
* O seu tío materno Juan Amigo Iglesias (1896-1967), tamén avogado, viviu en Alfonso Senra onde agora está o edificio de 10 pisos. Tivo 7 fillos, criados en Ordes, pero os dous maiores foron vivir a Sigüeiro e as fillas a Santiago.

No hay comentarios:

Publicar un comentario