Se ben o castro de Reboredo -na actualidade
case totalmente destruído- está practicamente no límite parroquial e municipal,
a realidade é que pertence a Gorgullos. Por tanto a parroquia de Lesta conta cun
único castro no seu territorio, denominado o castro das Medorras.
Unha vez máis podemos constatar o continuísmo
da poboación desde a prehistoria. Cando os romanos chegaron e obrigaron aos nativos
a deixar os castros, estes non se alonxaron moito. Velaquí o motivo de que
tantos castros estean a pouca distancia dunha igrexa. En Lesta sucede exactamente
iso: o castro localízase a uns escasos 180 metros (en liña
recta) ao nordés da igrexa de Santo André.
É un recinto case perfectamente circular,
defendido por un considerable terraplén na zona sur e parapeto nos sectores
norte, leste e sueste. Mide uns 90-100 metros de leste a oeste e un chisco máis de
norte a sur. A súa superficie supera os 6.600 metros cadrados
-máis de 10 ferrados-.
Contrariamente a outros castros da comarca é
de moi fácil acceso. Basta achegarse pola estrada ata o lugar da Cruz, onde
estaba o bar do mesmo nome hoxe pechado. Alí, fronte do bar, parte un camiño -logo
convertido en carreiro- que vai directamente ata a entrada do castro. Este está
cercado por unha liña de arboredo pero o seu interior na actualidade está
destinado a labores agrícolas, así que permanece completamente limpo en verán
despois de ser recollida a colleita.




No hay comentarios:
Publicar un comentario