A
parroquia de Gorgullos está situada ao leste do concello de Tordoia. linda polo norte con Xesteda e
Lesta, polo leste con Parada e Numide, polo sur coa parroquia tracense de
Campo, e polo oeste con Castenda, Cabaleiros e Bardaos.
Ocupa 22,6
Km², sendo así a parroquia de maior extensión do concello. Estes datos eran do
século XX e ignoro se houbo algunha modificación posterior.
O terreo é sumamente ondulado con zonas máis
baixas no centro e leste, que corresponden aos vales fluviais do río Bustelo
e do rego das Brañas de Burgán, afluentes do Lengüelle.
Nas ribeiras deste último están as terras máis baixas roldando os 240 metros de altura. En
cambio, no sur e oeste da parroquia supéranse os 350 m, estando a cota máis
alta preto das Medorras de Guillufe (396 m) case na fronteira con Cabaleiros. Cerro
Mendoza e as Medorras do Castro (386) na fronteira con Trazo non alcanzan tanta
altura.
Como temos dito, o principal curso fluvial é
o Lengüelle, que discorre en
dirección norte-sur polo leste da parroquia a carón da liña férrea.
A principal vía de comunicación é a DP-5902,
que enlaza a estrada Ordes-Carballo coa da Tablilla-Pontepedra. Nela ou preto
dela están moitos dos núcleos de poboación, entre eles Santaia, o máis grande e
capital parroquial. Outros varios agrúpanse preto das pistas que van a Castenda e á parroquia
de Campo (Trazo).
A tradición gandeira (Tordoia é un dos
concellos do "Cinto milleiro") determina os usos do solo. Case toda a
parroquia está dedicada a pasteiros e leiras de millo, ás veces salpicadas por
algúns bosques. Só no leste (na fronteira con Numide) e no oeste (na fronteira
con Cabaleiros e Bardaos), lonxe xa dos núcleos, predomina o arboredo.
A poboación é escasa e decrecente a pesar de contar
con ata 17 núcleos habitados. No ano
2000 Gorgullos tiña 653 habitantes, que no ano 2025 descenderan a 408, ou sexa uns 18 habitantes/Km², densidade moi baixa, inferior á media municipal.
Santaia é por suposto o núcleo máis poboado con 70 habitantes. Xunto con
Portociños (59), As Pontes (40), Vilarbó (37) e Arcai de Abaixo (31) son os
únicos lugares que superan os 30 habitantes e supoñen case o 60% da poboación
total.
En Santaia podemos atopar os dous principais
monumentos: a igrexa parroquial e o cruceiro. Entre Santaia e Pintán está o
local social cunha pista deportiva cuberta. En cambio o campo de fútbol "Manuel Juncal" áchase a uns 800 metros de
Portociños. Preto del, no curso do Bustelo, están o Muíño de Xan e a Cascada de
Portociños, dous lugares dignos de ser visitados.
Pero se falamos de paisaxes,
ao norte está o encoro de Vilagudín
e na súa ribeira Arcai coa bonita capela de Santa Susana e outro interesante cruceiro. É unha zona onde
podemos ver variadas aves acuáticas se a sorte e o tempo nos acompaña.
No leste
temos unha sección da Vía Verde,
onde está o antigo apeadoiro e o Bar Rosende.
|
Núcleos: Arcai de Abaixo, Buba, Buño, Burgán,
Castro, Croto, Cruxeira, Guillufe, Pazos, Pintán, Pontes, Portociños, Raña,
Reboredo, Santaia, Torre, Vilarbó e Vilarterreo.
|
Continúa proximamente en Historia de Gorgullos.


No hay comentarios:
Publicar un comentario