sábado, 11 de junio de 2022

División relixiosa

  A actual división eclesiástica da diocese de Compostela, á que pertence a comarca de Ordes, data de finais do ano 2009. Foi entón cando o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, asinou o decreto de remodelación de Arciprestados da diocese de Compostela en base ás circunstancias que se vivían nas súas diversas comarcas: descenso significativo da poboación, carencia de sacerdotes e mellora sensible das vías de comunicación, entre outras.
 

  Tradicionalmente a comarca de Ordes estivo dividida en tres arciprestados: Berreo de Abaixo, o máis occidental, Berreo de Arriba, no centro, e Barbeiros na zona oriental. Despois do ano 2009 Berreo de Arriba e Berreo de Abaixo quedaron unidos, constituíndo o arciprestado de Ordes, que consta de 40 parroquias: 6 de Cerceda, 10 de Ordes, 3 de Oroso, 9 de Tordoia e 11 de Trazo, máis a parroquia de Aldemunde do concello de Carballo.
O arciprestado de Barbeiros ten 34 parroquias: 12 de Frades, 11 de Mesía, 3 de Ordes e 6 de Oroso, máis Filgueira de Traba e Borrifáns, ambas as dúas de Oza-Cesuras. As parroquias orosás de Vilarromariz e Gándara, que formaron parte de Barbeiros, agora pertencen ao arciprestado de Bama.
  Das outras dúas parroquias da comarca restantes, Anxeriz (Tordoia) pertence ao arciprestado de Bergantiños e Bruma (Mesía) ao de Alvedro.
 
Os arciprestados estaban agrupados en arcediagados (arcedianatos en castelán). O arzobispado de Santiago contiña os arcediagados de Nendos, Cornado, Trastamara, Salnés e o chamado Deanasgo. Os arciprestados de Berreo de Arriba (18 parroquias), Berreo de Abaixo (22), Barbeiros (36), Bama (12), Piloño (19), Insua de Loño (9), Bembexo (18), Ferreiros (29) e Sobrado (25) pertencían ao arcediagado de Cornado.  
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario