As festas patronais de 1951 foron un punto e aparte. A pesar da dureza da época os
ordenses botaron a casa pola fiestra e a celebración durou nin máis nin menos
que 6 días!
Pero ademais, aínda que moitos outros anos
apareceran novas na prensa, este foi o primeiro ano no que un xornal lles
dedicou varias páxinas. Ese xornal foi o vespertino santiagués La
Noche, que o día 14 publicou un saúdo do alcalde, o programa, unha
pequena descrición do lugar, moitos anuncios, e finalmente unha entrevista co
alcalde Juan Liñares onde este
falaba das melloras que se estaban realizando na vila (a Casa do Concello -aínda
en obras- o comezo da rúa República Arxentina, o arranxo da iglesia, un
lavadoiro, lastras no Recreo -entón José Antonio-, etc.).
Ese martes 14 as festas comezaron ás 12 da mañá con repenique de campás, bombas e gaiteiros percorrendo as rúas. Ás 6 da tarde fixo a súa entrada na vila a Banda de Arca que ás 10 da noite sería a encargada de amenizar a primeira verbena nocturna na Alameda. Tanto esta como a rúa Alfonso Senra contaban cunha espectacular iluminación, instalada polo industrial pontevedrés Miguel Romero.
Unha salva de potentes bombas anunciou o día
grande das festas, o mércores 15. As dianas e alboradas estiveron a
cargo da Banda de Arca e gaiteiros do país. Ás 9 e media da maña fixo a súa
entrada na vila a laureada Banda do Rexemento de Infantería Zaragoza de
Santiago. Ás 11 os xigantes e cabezudos pasearon polas rúas acompañando aos
gaiteiros. Ás 12 tivo lugar a misa solemne cun orador invitado e logo a
tradicional procesión onde se estreou a nova insignia parroquial. Ás dúas da
tarde houbo concerto na Alameda onde se alternaron as dúas bandas, a de Arca e
a dos militares. Tamén se elevou un "monumental" globo. Ás seis da
tarde inaugurouse o campo de fútbol da Pinguela, a carón do río Cabrón, onde o Órdenes FC competiu cun "potente
equipo forasteiro" para gañar un trofeo doado pola casa Terry. Ás 8 da
tarde houbo un principio de verbena no que, xunto ás dúas bandas, tocou tamén
para ledicia dos máis novos a Orquesta Spallant
(máis coñecida como os Espallantes) co seu
admirado vocalista, o guapo Álvaro Pita Alvarito.
A verbena reanudouse ás 11 coas tres agrupacións, pero ademais cun espectáculo
de lucería, fogos artificiais e elevación de "globos grotescos", obra
dos famosos pirotécnicos de Oza dos Ríos, os irmáns Rocha.
O xoves 16 iniciou como o anterior coas dúas
bandas e os xigantes e cabezudos acompañando aos gaiteiros ás 10 da mañá. Ás 11
houbo unha carreira ciclista (exclusiva para corredores locais) co percorrido Ordes
- Mesón - Ordes. Ás 12 tivo lugar a misa solemne na honra de san Roque e á unha
o concerto das bandas. Pola tarde ás 5 foi o momento das carreiras de cintas na
rúa Alfonso Senra, e ás 6 o das carreiras de relevos polas estradas próximas.
Ás 8 e ás 11 de novo verbena coas bandas e os Espallantes, ademais doutra
sesión de fogos, tracas e elevación de globos.
O venres 17 houbo pasarrúas das bandas. De 12 a 3 paseo de moda e novo
concerto a cargo das bandas. Ás 6 da tarde nova carreira ciclista, pero esta xa
non estaba limitada a corredores locais e o percorrido alcanzaba os 45 Km, pois o itinerario era
Ordes - Mesía - Mesón do Vento - Ordes. Ás 8 da tarde houbo o concurso de baile
galego con importantes premios en metálico ás parellas gañadoras. Ás 11 da
noite gran baile que rematou cunha sesión de fogos artificiais.
O sábado 18 comezou ás nove con dianas e
alboradas. De 12 ás 2 da tarde a sesión vermú na Alameda. Ás 6 da tarde tiveron
lugar rifas dos números que se venderan pola Comisión de festas con
"mágnificos regalos" para os gañadores. Ás sete unha carreira de
cabalos do país. Ás oito festa polular e ás 11 a última verbena que
rematou a "altas horas" coa habitual sesión de fogos artificiais.
O domingo 19, aproveitando que era día de feira,
houbo un concurso de gando do país con premios en metálico por valor de 7.500
pesetas. Seguiron os concertos e bailes
como en días anteriores. E así remataron unhas das festas máis memorables da
historia de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario