O patriarca da familia Remuiñán* foi José Remuiñán
Liste (1875-1965) da parroquia de Parada, que casou con Antonia Barreiro
Recouso dos Barreiros do
Casal. Ela era unha dos 10 fillos de José Barreiro Carballido e María Recouso
Calvo. O matrimonio viviu en Parada aínda que logo estableceríase no Casal
preto da casa de Alberte.
Tiveron 7 fillos: Manuel, Francisco, José, María, Asunción, Andrés e
Jacinto Remuiñán Barreiro.
O terceiro, José*, foi un coñecido
guerrilleiro. Isto marcou profundamente o destino
da familia que sería desterrada en represalia. De entrada foi procesada a súa irmá María. En 1948
mentres ela estaba detida -no hospital e non no cárcere- o resto da familia
foi deportada á provincia de Burgos e para maior tristeza todos separados en
diferentes lugares.
Os pais, José e Antonia, quedaron en Villahoz (a vila máis ao norte).
Mentres el tomou as cousas con tranquilidade, Antonia sufría moito, sobre todo
polo seu fillo Chinto. Este, ademais de ser diminuído, era o que vivía máis
lonxe dela -a máis de 60 km-. Gañaba cartos fiando la, facendo calcetíns e
outros traballos miúdos. Despois dunha visita a Chinto onde o viu mal, quedou
moi intranquila, parou na casa de Andrés e logo na de Francisco. Volveu a
Villahoz andando os máis de 20
km desde Villafruela pero nunca chegou. Deitouse no chan
a descansar un pouco e alí sorprendeuna a morte o 22 de abril de 1949. Foi
atopada ao día seguinte por uns pastores de ovellas.
Esta traxedia inspirou o poema de Luis Seoane "Verdadeiro
sucedido nun Nadal" do libro A maior abondamento de 1972. Nel con certas liberdades describe
a morte no Nadal de 1950 no medio da neve.
Manuel Remuiñán emigrara a Buenos
Aires xa antes da guerra e por tanto foi o único dos irmáns que se librou das
represalias. Foi propietario dun hotel
en Mar del Plata, onde traballaría a sú irmá Asunción.
Francisco
Remuiñán Barreiro (1910-1990) casou con Dolores Mirás Naveira
(1905-1981) coa que tivo unha única filla, Dorinda. Os tres marcharon ao
desterro cando a nena só tiña 5 ou 6 anos e déronlles unha casiña en
Villafruela. Traballaron no que podían, ata que volveron ao Casal catro ou
cinco anos despois. Dorinda casou co construtor Manuel Iglesias Carballido,
fillo de Manuel Iglesias Bello e Mª Carballido Varela de Merelle. O matrimonio
tivo catro fillos: Mª Dolores, Manuel, Teresa e Carmela. Dolores (directora
durante uns anos do entón IES Nº 1) e Teresa son profesoras de instituto, mentres
Manuel está relacionado con temas de vivenda e Carmela é funcionaria municipal.
*José Remuiñán Barreiro Ricardito (1911?-1949): ingresou na guerrilla
despois da Guerra Civil. Desde 1944 andou no destacamento de Manuel Ponte. En 1947 integrouse como
segundo no mando detras de Benigno Andrade Foucellas na V Agrupación que operaba en Pontevedra. Despois do
desastre de maio de 1948 onde caeron 4 guerrilleiros en Luou (Teo) e só se
salvaron Foucellas e el, volvería á IV Agrupación integrándose no
Destacamento Arturo Cortizas liderado por Adolfo
Allegue Allegue Riqueche. O 8 de xaneiro
de 1949 participou na morte de José Couceiro, subcabo de Somatén, xefe de
Falange e mestre, e da súa muller María Constela en Soutelo de Montes. Morreu
probablemente o 31 de outubro de 1949 en Pazos (San Fiz de Montero) co resto
do seu destacamento. Nun primeiro momento non foi identificado o seu cadáver
polo que houbo rumores de que seguía vivo.
|
María Remuiñán
Barreiro (1922-2008) sendo adolescente estivo de criada nove anos na Coruña e
logo volveu ao Casal. Xunto á súa irmá Asunción, traballaron na casa do alcalde
Rafael Mariño. En maio de 1946 Pedro Rodríguez Pedro
do Serrador, que quería ingresar na guerrilla, pediulle que o guiase á
casa de Juan Couto en Ardemil. Iso, e os naturais contactos co seu irmán, deron
motivo para ser detida preventivamente e procesada na causa 400/47. Celebrada esta, foi condenada por "auxilio a malhechores" a 6
meses e 1 día de prisión menor. Non estivo moito tempo no cárcere porque o
médico Antonio Concheiro declarouna enferma e foi para o Hospital. Nese momento
o resto da familia foi citado a declarar a Ordes. Ao chegar foron metidos en camións sen ningunha
explicación e acabaron en Burgos. María volveu a finais de 1948 á casa familiar
onde esperou por eles. Sospeitosa a ollos da Garda Civil, rematou por emigrar a
Arxentina onde xa estaba a súa irmá e alí formou familia e morreu.
Asunción foi desterrada posiblemente a
Torrepadre pero despois da morte da súa nai instalouse en Villahoz, atendendo
ao seu pai e traballando nunha carnicería. Cando volveron ao Casal emigrou a
Arxentina e traballou no hotel de Mar del Plata para o seu irmán Manuel.
Despois foi para Buenos Aires onde se reuniu con María. Ambas as dúas formarían
familia e rematarían alí os seus días.
Andrés Remuiñán
Barreiro (1925-2018) despois de volver do servizo militar en África foi
desterrado a Gumiel del Mercado. Instalouse na casa dun matrimonio que non tiña
fillos e que o acolleu moi ben, logo tamén traballou nunha telleira. Na vila
coñecería a Petra
Ruíz Arroyo coa que casaría rapidamente. Volveron ao Casal a
mediados dos 50, dous ou tres anos despois que o resto da familia. Tiveron
catro fillos: Esther, Mª Carmen, Erminda e José María Remuiñán Ruíz. Este
último morreu no ano 2004 aos 53 anos.
Jacinto Chinto era diminuído psíquico o que aproveitaban os gardas para sonsacarlle
cando viña o seu irmán á casa. Tamén padeceu desterro en Fuentecén. Ao
principio estivo ben pero a patroa da casa morreu e quedou descuidado. Despois
da morte da súa nai estivo con Asunción e o seu pai. De volta ao Casal
traballou de criado na casa de Soutelo do Bidueiro e máis tarde estivo cun
Barreiro.
FONTE: Aurora Marco "Mulleres na Guerrilla
antifranquista".
Outra
familia moi coñecida son os Remuiñán de Fosado (Montaos), descendentes de Francisco
Remuiñán Franqueira. Foron Mª Antonia Remuiñán Gómez (1926-1994), nai dos Liste Remuiñán, Estrella (1936-1994), o sacerdote Manuel Remuiñán Bermúdez (1938-2003) -párroco de Ardemil un tempo- e Jesús
Remuiñán Bermúdez (1944-2016), casado
con Julia Pulleiro Liste.
|
*
Moi habitualmente este apelido aparece escrito de moitas formas distintas:
Ramuñán, Remuñán e ata Rabuñán, pero a forma máis usual en Ordes é Remuiñán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario