Mentres que o lugar do Peñasco e o rochedo
que lle da nome están en territorio ordense*, o pazo do Peñasco áchase na mesma fronteira pero dentro da
parroquia de Abellá, no concello de Frades.
   O escudo do pazo, moi sinxelo, consta dunha
cimeira con liñas curvas de adorno a ambos os dous lados, enriba dunha pequena
cruz de Malta. Debaixo
o escudo propiamente dito que está dividido en catro cuarteis.
   No primeiro vese a cabeza de lobo dos Moscoso, nome achegado á casa por
matrimonio. No segundo podemos ver o posible M
dos Montenegro e no terceiro atopamos o coñecido xaquelado dos Bermúdez que tamén está no actual escudo municipal.
  Estes blasóns repítense por
toda a comarca. En Ordes concretamente, a cabeza de lobo dos Moscoso está no
escudo do pazo de Bidueiro e no da Casa grande de Parada, o M dos Montenegro
tamén está na Casa grande e o xaquelado dos Bermúdez podémolo ver no escudo do
pazo do Bidueiro e no dos Carrucheiros en Ardemil.
  Non obstante, dado que o fundador do pazo a finais do século XVII foi don Pedro Vázquez Vaamonde de la Fuente, parece moi posible que tanto o segundo como o terceiro cuartel representen aos Vaamonde, porque un dos escudos desta familia parecíase moito ao dos Montenegro, xa que ambos os dous tiñan un gran M surmontado dunha coroa (aínda que no dos Vaamonde era dourada en campo de azur). Por outra parte o xaquelado de 15 pezas tamén podería non ser dos Bermúdez e si dos Vaamonde, aínda que neste caso alternaban goles e ouro.
  O último cuartel é unha torre ou castelo, tamén un blasón moi habitual. Non podemos precisar con exactitude a que familia está dedicado pero dado que o primeiro apelido do fundador era Vázquez, podemos aventurar que alude a familia Vázquez (de feito, no val do Salnés en Cambados hai un escudo descrito como un castelo de ouro
sobre fondo de goles e en Bergondo tamén hai outro castelo -neste caso de prata
e con outros elementos de adorno- que representa a esta familia). 
  Outra posibilidade máis
débil é que represente á familia González, pois don Pedro casou con dona María
Gónzalez de Verea y Aguiar y Caamaño (posiblemente orixinaria do pazo de
Codeseda en Leira). Os
fillos deste matrimonio recibiron os apelidos Vázquez Vaamonde y González de
Verea. Por último tamén podería representar conxuntamente ao matrimonio dos
dous fundadores.
 *Algunha casa do Peñasco tamén pertence a Abellá.



No hay comentarios:
Publicar un comentario