Leonardo Recouso Ramos, maís coñecido polo
alcume de Xoxardo, naceu en Ordes o 9 de outubro de 1950. Era o segundo fillo do matrimonio formado por José Recouso
Otero (m.2005) -fillo do xastre Leonardo Recouso- e Purificación Ramos Blanco (1929-2022).
Tiñan unha tenda de roupa en Ordes pero logo
mudaríanse á Coruña e alí montarían outra co mesmo nome, "Ramosblanc",
en Juan Flórez 110.
Desde
pequeno Xoxardo sentiuse atraído polo debuxo pero ata os 21 anos non recibiu
instrucción artística, sendo a Escola de Artes Aplicadas da Coruña o centro
onde coñeceu os fundamentos do debuxo lineal e artístico, modelado en barro,
talla en madeira e baleirado en escaiola. Posteriormente asistiu durante un ano
a clases de pintura co artista coruñés Yun, falecido pouco despois.
En 1974 Xoxardo marchou a Madrid, onde viviu
unha longa tempada de bohemia, realizando os máis variados traballos, debuxando
e pintando para vender no Rastro.
En 1976 regresou a Coruña e comezou unha
serie de exposicións de debuxo e pintura nas máis importantes ciudades galegas,
Madrid e Zaragoza. No ano 1979 ilustrou
con gravados o libro de poemas “El otro
origen del mal” de Javier de Blas.
1980 foi un ano clave na súa vida: casou
con Mª José Varela Brage -coa que tería dúas fillas, Estela e Paula- e mudouse
a Esteiro (Pontedeume) onde instalou o seu taller de traballo. Debuxou para o
semanario A Nosa Terra, a revista de arte La
Galga e os xornais El Ideal Gallego
e La Voz de Galicia.
En 1985 obtivo o segundo premio de muráis no
certame convocado por Leyma e unha bolsa da Deputación da Coruña para estudar
en Perú, durante 3 meses, o cromatismo nas culturas precolombinas.
Nos últimos anos estivo dedicado ao gravado
en zinc, coa técnica de augaforte, pero agregando aspectos personais como a
técnica "pointillé", ou
sexa usando puntos. Sobre unha capa de cera, betún de Xudea e algunha resina
utilizaba só puntos de diversa intensidade. Creaba unha figura en cada plancha
aínda que despois combinábaas creando series en torno a un tema como o circo ou
a mitoloxía.
Xoxardo evolucionou
desde un debuxo expresionista tenebrista nos anos 70 ata unha temática máis
lírica de clara tendencia surrealista.
Morreu o 26 de xullo de 1998 aos 47
anos de idade e foi soterrado no cemiterio de San Cosme de Noguerosa
(Pontedeume).
No ano 2001 o centro cultural Torrente Ballester celebrou unha exposición coa súa obra. En marzo de 2011 sería a vila de Ordes a que o honraría creando un museo nos baixos da Alameda. Os seus traballos están agora no Museo do Traxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario