O mundo seguía padecendo as consecuencias da
Guerra Fría coa terrible guerra de Corea mentres Galicia contemplaba o final da guerrilla antifranquista, pero Ordes parecía alleo a todas as preocupacións
porque chegaba o momento máis esperado do ano: as súas festas patronais.
Para poñernos en contexto Ordes era entón
unha pequena vila. A rúa máis importante, Alfonso Senra, ao pé da estrada a
Santiago, estaba chea de casiñas dun só piso (e unha única de dous pisos, a da
familia de Mundito). Destacaba a súa preciosa alameda e a caron dela a flamante
-aínda sen rematar- Casa do Concello. Nesa rúa tamén había dous templos, a
entón capela de Lourdes e a moderna parroquial (cunha soa torre e máis pequena
que na actualidade). O
"progresivo" comercio constaba de ultramarinos, froiterías,
carnicerías, tecidos ("El comercio
nuevo" de Viriato), ferraxerías, talleres, fondas e tascas... Tamén
había 3 bancos, 2 farmacias, un cine e nos arredores muíños fariñeiros, unha
fábrica hidroeléctrica, serradoiros e unha moderna factoría leiteira.
Igualmente había servizo telegráfico e telefónico. Ordes non era moi grande
pero estaba ben comunicado e tiña moito potencial.
Sete días despois da morte de Foucellas,
iniciaron as festas que ese ano quedaron limitadas a catro días, pero igual que
en 1951 contaron coa artística iluminación do empresario pontevedrés Miguel
Romero e fogos artificiais a cargo dos industriais pirotécnicos irmáns Rocha. Tamén novamente o xornal compostelán La Noche dedicoulle un par de páxinas.
O xoves 14 comezaron as celebracións a mediodía
con repenique xeral de campás, intenso ruído das bombas e a chegada da Banda da
Grabanxa que amenizaría o baile da tarde e a verbena nocturna.
O venres 15 fixo a súa entrada na vila pola mañá a
Banda do
Rexemento de Infantería de Mariña do Ferrol que percorreu as rúas
anunciando o día grande. A misa solemne non tivo nesta ocasión procesión, que
foi posposta ata o domingo. A mediodía houbo concerto na Alameda amenizado pola
banda militar. Ás 6 da tarde chegou o turno do fútbol: houbo partido de máxima
rivalidade entre o Arzúa e o FC Órdenes. Sería o primeiro "Torneo
Viriato" (pois a copa foi doada por dito industrial), que se convertería nun clásico
daquela época. Nos bailes de tarde e noite tocarían a banda e a Orquesta López Malde do Ferrol.
O sábado 16 houbo dianas e alboradas, xigantes e
cabezudos, misa solemne na honra de San Roque e os bailes de rigor.
O domingo 17 si houbo procesión con todas as
autoridades despois da misa solemne. Ese día, ao coincidir coa feira, celebrouse un
concurso de gando ademais dos bailes habituais.
E así remataron as festas de 1952.
No hay comentarios:
Publicar un comentario