O pazo do Peñasco está localizado na
parroquia de Abellá (Frades) na imaxinaria liña fronteiriza coa parroquia de
Vilamaior (Ordes). Construído o corpo principal a finais do século XVII en pleno barroco, é un exemplo do
que foi a evolución construtiva deste tipo de edificacións ao longo do tempo,
xa que a partir dese corpo fóronse apegando novas construcións, segundo as
necesidades dos distintos propietarios, ata ter a actual planta en forma de U.
A entrada pode realizarse de dúas formas, ben
a través do elegante portón que hai no muro de peche (culminado por unha
cornixa moldurada e coroada con pináculos de bóla) polo que se accede ao patio descuberto, ou ben directamente á vivenda no volume situado a dereita do devandito acceso.
Nese corpo aparece apegada unha pequena
capela que mantén a tipoloxía dos vans, distinguíndose só pola presenza dunha
sinxela espadana que racha a liña da cornixa.
Outros elementos que podemos apreciar son un
pequeno balcón de madeira sostido sobre canzorros de pedra enriba da porta de
entrada e as ventás que contan cun mainel ou montante sobre elas.
Non podía faltar o escudo de armas con catro
cuarteis: a cabeza de lobo dos Moscoso, o M dos Montenegro, o xaquelado dos
Bermúdez e unha torre probablemente polos Vázquez.
O pazo do Peñasco foi edificado a finais do
século XVII por Pedro
Vázquez Vaamonde de la Fuente, quen en 1691 fundou o vínculo e instituíu padroado de legos. Casou con María Gónzalez de Verea y Aguiar y Caamaño,
probablemente do pazo de Codeseda, coa que tivo polo menos sete fillos.
O maior e herdeiro, Andrés Vázquez Vaamonde y González de Verea
casou con María Eulalia Martínez España. Os España eran burgueses composteláns
moi distinguidos e con certa relación tamén cos Pol de Codeseda.
Herdou logo o pazo o seu fillo Joaquín Vázquez Vaamonde, quen casou con
Fabiana Uzal y Gómez de Andrade. O matrimonio tivo dúas fillas, Manuela e María
Josefa.
A maior Manuela
Vázquez casaría con Antonio Tojo Mariño de Lobera, da casa de Orxal
en Calvos de Socamiño. Nacido en 1791, seguiu a carreira das armas e foi un
destacado militar que alcanzou o grao de brigadier. Loitou na batalla de Medina
de Ríoseco contra os franceses, foi feito prisioneiro, fugouse e volveu a ser
prendido e trasladado a Francia. Logo tamén estivo do lado dos absolutistas
contra os constitucionalistas e foi de novo preso e deportado polo xeneral
Quiroga. Volveu a fugarse e tomou parte no sitio da Coruña cando viñeron os
100.000 fillos de San Luis. Loitou en Cataluña contra Espoz y Mina e aínda
participou na campaña do Norte da 1ª Guerra Carlista. Logo, máis tranquilo,
ocupou os gobernos militares de Pontevedra e Ourense... E por riba tivo tempo
de restaurar e reformar o pazo e construír o notable hórreo que aínda permanece
en pé.
A 2ª filla, Mª Josefa
Vázquez, casou con Manuel Somoza y Moscoso, dono do pazo de Santa María de
Melide, algo emparentado tamén cos Verea do pazo de Vieite en Boimorto.
|
José Tojo Vázquez, herdeiro do pazo á morte da
súa nai, casou con Manuela Barreiro Oro con quen non tivo descendencia, así que
o pazo foi herdado por Joaquín Varela Tojo, fillo da súa irmá Carmen
Tojo e de Fernando Varela y Acuña.
Joaquín
casaría con Purificación Rendueles y Menéndez, de orixe asturiana. O seu fillo José María
Varela Rendueles herdou en propiedade o pazo, pero tanto el como o
seu fillo non tiñan interés en habitalo, así que vendeuno á súa sobriña María
Teresa Varela Nine, filla do seu irmán Joaquín, casada con Manuel María Concheiro Barreiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario