Antes de nada precisar que non atopei nin a
máis mínima información sobre este escudo en ningún lado, así que este artigo é
de colleita totalmente propia (mero afeccionado e non un experto en heráldica),
polo tanto a súa fiabilidade é relativa.
O escudo coroado que hai na fachada do pazo dos Carrucheiros está dividido en tres filas. A superior e inferior teñen 2
cuarteis cada unha e a central ten 3, sumando 7 cuarteis en total.
Na fila superior podemos ver representadas dúas linaxes moi
coñecidas: os escaques dos Bermúdez, familia tan importante na comarca que
nela baséase o actual escudo do
concello, e a árbore coas 5 lanzas dos Leis. Este cuartel tamén podería representar á
familia Pose,
pois ambas as dúas empregaban a mesma imaxe pero cambiando de cor. O escudo dos Leis tiña
en fondo de ouro (amarelo) unha árbore de sinople (verde) sobre o que se apoian
cinco lanzas de sable (negras) tres á destra e dúas á sinistra. Mentres no dos Pose o fondo era de prata (branco).
A fila central ofrece máis dúbidas. No
primeiro cuartel vemos unha árbore que parece ser unha palmeira sobre ondas de
auga. Buscando noutros escudos da provincia, hai unha imaxe algo similar no 4º
cuartel do escudo do pazo de San Martiño de Andeiro (Cambre). Este pazo foi fundado por don Juan de Caamaño Somorrostro
y Ribadeneyra, quen estaba casado con dona Juana de Lamas Sotomayor. Dado que os outros
tres cuarteis representan claramente as linaxes Somorrostro, Caamaño e
Sotomayor, penso que esa palmeira representa á familia Lamas, porque ademais sabemos que un
dos primeiros propietarios do pazo dos Carrucheiros foi don Domingo de Lamas.
No terceiro cuartel vemos outra imaxe moi
habitual, unha aguia. A moi escasa distancia dos Carrucheiros na capela de
Codeseda hai outro escudo cunha aguia representando á familia Aguiar.
Debe ser tamén o caso aquí e probablemente ambas as dúas familias tiveran
relación de parentesco a través dalgunha voda.
No cuartel do centro, que aparece resaltado
como se fose un pequeno escudo sobre outro máis grande, vemos unha torre ou un
castelo. Esta é unha imaxe tan repetida en múltiples blasóns e hai tantas
posibilidades que calquera hipótese está no aire. Aínda así, tendo en conta que
os fundadores do pazo foron Bartolomé Pose e Isabel de Piñeiro, penso que
quizais representa á familia Pose, ou tal vez conxuntamente aos Pose e
Piñeiro, pois no escudo destes últimos había, ademais de dita árbore, un
castelo.
Na fila inferior aparece a moi coñecida banda
diagonal e os dragóns da familia Andrade. En cambio no último cuartel hai unha
imaxe menos usual: unha árbore con dous animais, atados ao tronco. Probablemente
este cuartel aluda á familia Piñeiro* que nalgúns escudos tiña dous cans atados
a unha árbore, aínda que os de aquí máis ben parecen cabalos.
* Hai
opcións que creo menos probables. Comparando con outros blasóns atopei unha
imaxe moi parecida no primeiro cuartel do escudo da casa grande de Baladás en San
Vicenzo de Vitiriz (Melide), e tamén no terceiro cuartel dun escudo que hai
na Casa do Concello de Melide. Xa que o fundador da casa de Baladás foi no
século XVII don Juan López de Baladás, ese cuartel representa á familia López.
No escudo da Casa do Marco en Sta Mª de Sendelle (Boimorto) o último cuartel
tamén ten unha imaxe parecida. Esa
casa foi fundada por Domingo de Freixido Codesido casado con Dominga Duro e o
seu fillo Pedro casou con Josefa Yáñez de Soto, filla de Lorenza Yáñez
Vaamonde. Na casa Pazo de Vaamonde en Santiago hai un cuartel similar (aínda
que os animais parecen cabras e non están atadas á arbore). Representará este
cuartel á familia Vaamonde? Notemos que, igual que os Aguiar,
tamén formaron parte da familia que fundou o pazo de Codeseda, a menos de 2,5 km de distancia.
|
Como anécdota, unha réplica (bastante máis
simple) deste escudo aparece na casa do Pazo (Ardemil) restaurada por Orencio
Uzal.
Para máis información sobre heráldica de familias galegas:
No hay comentarios:
Publicar un comentario