Máis
de 400 persoas en Ordes levan o apelido del
Río. Hai por tanto numerosos portadores que non teñen relación próxima
entre si.
O patriarca desta rama familiar foi Pedro del Río
Recouso o Carteiro (m.1926). Do seu matrimonio con Josefa Pampín
Bello (1878-1948) tivo sete fillos: Manuel, Jesús, José, Ricardo,
Pedro, Pilar e Antonio del Río Pampín. Tres deles tamén acabaron traballando en
Correos. Outra característica destacada da familia foi a súa implicación na
política dos convulsos anos 30 con consecuencias tráxicas.
Manuel del Río Pampín o carteiro (1907-1937) herdou o
posto á morte do seu pai. En 1930 casou con Milagros Rodríguez Maroño (1910-2004). Chegou a ser un dos líderes
do Partido Socialista e membro do Comité da Fronte Popular. Detido despois do
Alzamento, foi un dos xulgados na causa 230/36. Condenado a morte, sería fusilado en Boisaca o 8 de febreiro de
1936. Igual lle pasou ao seu irmán José del Río Pampín o Barbeiro (1913-1937), vinculado
ao Partido Galeguista. Se este último estaba solteiro e sen fillos, Manuel
deixou catro:
Manuel del Río Rodríguez Mañoliño do Carteiro (1931-2008) aprendeu o
oficio de carpinteiro. Casou con Josefa Gómez González Fefa (1933-2022), filla do garda civil Jesús
Gómez Iglesias. Emigrados a Düsseldorf, alí naceu o seu único fillo, o profesor de
tecnoloxía e director do IES Ordes, Manuel del Río Gómez.
Pedro del Río Rodríguez (1932-1978), que foi xastre, morreu aos 46 anos de cancro.
Aida del Río Rodríguez (1935-2022) casou con Laureano Vázquez Liñares (1934-2021) con quen viviu na Rúa da
Fonte. Tiveron un único fillo: Laureanito.
Julio del Río Rodríguez Julio da Citroën casou con Jesusa Viqueira Otero, filla de José Antonio Veiras Viqueira de
Nogalláns en Berreo (Trazo), pai tamén de Toribio
das gasosas, e por tanto parente dos propietarios do Nogallás. Julio tivo un taller onde
está a súa casa na parte sur de Alfonso Senra, xunto co seu tío político Jesús
Castro, pero despois montou un concesionario de Citroën en Merelle, máis tarde
trasladado á esquina do polígono. O matrimonio tivo tres fillos: Isabel, Julio
e Cristina del Río Viqueira. Isabel, licenciada en Matemáticas, traballa no IGE, Julio seguiu co taller e Cristina é inspectora de obras.
Jesús del Río Pampín (1909-1972), o segundo irmán, tamén tivo ao parecer
ideas de esquerdas, pero no seu caso logrou saír indemne dos perigosos anos 30.
Traballou como barbeiro en Alfonso Senra na casa das Marcialas, que logo sería
o "Bar Azul", pero tamén puido ingresar en Correos. Casou dúas veces,
tendo un total de 9 fillos, e morreu aos 63 anos de idade.
Ricardo (1915-1998) foi o terceiro irmán que traballou en Correos, na cidade de
Coruña. Casado con María Candal Vieites
(m.2006), tía do tapiceiro de Leira, tivo catro fillos.
Pedro (1917-1995) tamén viviu na Coruña e traballou na Casa do Concello. Casou con Leonor Viaño Dono (1920-2009), filla do comerciante e concelleiro nos anos 20 Manuel Viaño Prado (m.1930) e de Casilda Dono González (1877-1946), que viviu os últimos anos con eles. O matrimonio tivo
un único fillo: Ricardo del Río Viaño.
Pilar del Río Pampín (1919-1990) casou con Jesús Castro Castro* (1918-2003) procedente de Darefe, o que tivo o
taller a medias co seu sobriño Julio. O matrimonio tivo catro fillos: José
Antonio, Jaime, Manuel e Fernando Castro del Río. Todos eles son moi coñecidos
en Ordes.
Antonio del Río Pampín (1922-1984), un dos mellores futbolistas dos anos 40 e 50 en Ordes coñecido como Toniño, taballou no Xulgado en Ordes e casou
con Carmen Méndez Vázquez
(1927-2019) unha moza procedente de San Mamede dos Anxos en Oroso. Con ela tivo tres fillos: Ramón, Lourdes e Antonio del Río Méndez. Este último morreu moi novo (20 anos) en 1977 nun accidente de coche.
* Non confundir con Jesús Castro Castro o Padre Benito (1896-1977), fundador e propietario de
"Talleres Castro SL" en Santiago, casado con Carmen Faya da
Fábrica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario