Xa temos dito que o apelido Mosquera é
bastante común en Ordes. Unha das familias máis coñecidas de Montaos foron os
Mosquera Candal, nacidos de Juan Mosquera Iglesias (1874-1943) e Concha Candal Mosquera (1876-1963), que vivían nunha casa moi próxima
á igrexa de Santa Cruz.
O matrimonio tivo 9 fillos: Carmen, José,
Asunción, Genoveva, Ricardo, Jesús, Juan, Concha e Laureano Mosquera Candal.
Dos 4 varóns, tres traballaron en Obras Públicas
-os que en galego eran coñecidos como legoeiros (popularmente laghueiros)-.
José
Mosquera (1902-1986), casado con Consuelo Veiras (1910-2003), herdou a casa
familiar e tivo 8 fillos. A súa primoxénita, Juana, casou con Suso de Calvo da
coñecida ferraxería que hai en Alfonso Senra 49. O quinto, Juan (1941-2023), foi director da sucursal do Banco de Santander en Ordes.
Ricardo
(1910-1999) quedou solteiro. Jesús, sarxento do Rexemento de Infantería Zamora, morreu na Guerra Civil en agosto do ano 1938. Juan (1913-2019) foi o máis famoso,
tanto pola súa lonxevidade -105 anos!- como por ser colaborador do Centro
Meteorolóxico -o que lle valeu para saír varias veces nos xornais e na televisión-. O máis novo, Laureano (1918-1995),
morreu sen fillos.
Das mulleres, a maior -Carmen (1901-1997)- e a menor -Concepción
(1916-2011)- casaron en Montaos. Asunción
(1903-1998) casou con Amancio Rico (1900-1983) o propietario de "Muebles Rico" de Sigüeiro,
onde naceron os seus 5 fillos. Genoveva
(1905-2000) casou co perito ordense Pedro del Río (m.1975) sendo ambos xa
maiores. O matrimonio, que viviu no Mesón de Deus, non tivo fillos -aínda que
Pedro xa tivera algúns non recoñecidos antes do matrimonio-. Por certo, o seu irmán Benjamín tamén casou cunha Mosqueira, pero neste caso era dos Mosqueiras de Vilaverde.
No hay comentarios:
Publicar un comentario