sábado, 20 de mayo de 2017

Restos romanos en Ordes

  Os restos romanos en Ordes están concentrados na parroquia de Pereira. Alí atópase o Castro de Casanova, moi preto da igrexa parroquial.

  No ano 1995 descubriuse unha estela funeraria, un monólito que se cravaba vertical na terra para conmemorar a morte dunha persoa.
  É de granito e ten un tamaño de 1,15 metros de alto por 45 centímetros de ancho máximo. Apréciase nela un frontón semicircular e dous campos decorativos: no superior está gravado unha lúa crecente horizontal e no inferior tres arcos de medio punto. Ao contrario ca outras estelas, esta non ten nin figuras humanas nin inscricións de ningún tipo. Apareceu danada na súa zona central.
  Está datada como pertencente aos séculos III ou IV despois de Cristo.
  Foi doada pola familia Gende para ser exposta no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón na Coruña.

   Non é o único vestixio romano na parroquia de Pereira. Na Eira da Igrexa e no Brumeiral atopáronse materiais de cerámica de construción romana e na Chousa do Carballo, entre Pereira e Poulo, dous módulos de tubos para canalización e un anaco de tubaxe. Todos estes achados tamén están depositados no Museo de San Antón.
FONTE: Obradoiro da Historia

martes, 16 de mayo de 2017

A 1ª iluminación pública

   En xuño de 1908 Ordes parecía entrar na modernidade. Os seus veciños ían ter iluminación pública! Non era eléctrica (empregaba carburo de calcio para fabricar un gas chamado acetileno) pero era un gran avance.
  Tristemente non contaban con eses elementos pouco civilizados que sempre poboaron a nosa comarca. Poucos días despois da inauguración... o gozo nun pozo.

  Pero case será mellor que vexamos  como o contou "El Diario de Pontevedra" na súa edición do 22 de xuño:

  Hace pocos días se inauguró en la villa de Órdenes el alumbrado público, por medio del acetileno, mejora que aquel vecindario debe a las plausibles iniciativas de su actual ayuntamiento.
  Con verdadero júbilo se había inaugurado tal servicio público y los vecinos aplaudían satisfechos tan buena mejora. Pero los habitantes de Órdenes no contaban con que hay seres que no viven más que en la oscuridad completa.
  Hace dos noches, Ramón Pena Gomes y Laureano Iglesias Mosquera se dedicaron a destrozar las columnas, faroles y mecheros del alumbrado público, quedando este inutilizado por completo.

 Aquel remoto suceso podémolo relacionar con outro máis recente: 
 En novembro do ano 2015 foi colocado un monolito no paseo do río Mercurín recordando a figura do concelleiro do BNG Ramiro Recouro Liste, falecido había pouco tempo. Só 6 días despois, o monolito apareceu case totalmente manchado con pintura verde.
  E a inevitable reflexión: Máis de 100 anos despois, Que pouco temos cambiado!

sábado, 13 de mayo de 2017

Restos romanos na comarca

  Aínda que en xeral sexa ignorado, hai bastantes restos romanos na comarca de Ordes.
  Non é extraordinario, pois os romanos dominaron toda Galicia e a situación central da comarca implicaba o tránsito por ela. Construían calzadas para facilitar o traslado de tropas e mercadorías con rapidez a calquera recuncho do seu imperio e unha das máis importantes, a vía número XX, Braga-Astorga, denominada Per loca maritima a Bracara (abreviadamente Per loca), suponse que pasaba pola nosa comarca.
  A vía comezaba en Bracara (Braga) subía ata Brigantium (Ría de Betanzos) e a partir de alí dirixíase a Asturica (Astorga) pasando por Lucus (Lugo). Grosso modo coma hoxe as estradas Nacional 550 e a Nacional VI. 
  Os expertos non se poñen de acordo sobre o seu emprazamento exacto. Uns sosteñen que coincidía practicamente co Camiño Real ou Camiño Inglés e outros que estaba moito máis ao oeste e mencionan lugares como Tordoia ou Soandres. En ambos os dous casos suponse que o río Tambre cruzábase por Sigüeiro, aínda que non faltan autores que desprazan o lugar ata Portomouro.
  Á beira das calzadas, os romanos edificaban pousadas ("mansio - mansionis" en latín, enganosamente traducidas como "mansións") e unha delas denominada Mansio Atricondo ou Trigundo tamén se supón que estaba na nosa comarca, por Ardemil ou Bruma.

  Pero todo isto é, en gran parte, especulación. O real é que, sen gran esforzo, en cinco concellos da comarca apareceron restos romanos, moitos dos cales están expostos hoxe no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

  Da páxina web "O Noso Patrimonio" extraemos a seguinte lista:

CERCEDA
Na Necrópole de Lavandeiras (baixorromana -séculos IV e VII d.C.-) R. Valdés escavou cinco tumbas feitas con tegulae e imbrice.  
Nas Encrobas, cando se desmantelou a casa reitoral de San Román por mor da ampliación da central térmica, atopáronse dúas aras aos Lares Viais Unha posúe tres foculi de desigual diámetro. Lese [LAR(ibus) QU/INTUS/V(otum) S(olvit)], "Quinto cumpriu co seu voto aos Lares Viais". Na outra lese: [LARIVUS VI(alibus)/V(otum) S (olvit)], "Xulio cumpriu co seu voto aos Lares Viais". Están expostas no Museo do Castelo de San Antón da Coruña.

ORDES
Na parroquia de Pereira, preto da igrexa parroquial, atopouse unha estela funeraria.

OROSO
Na parroquia da Gándara, en Piñeirón había restos dunha explotación mineira aurífera (Mina das Grobias) pero foi afectada pola construción da urbanización Porto Avieira.

TORDOIA
Existe a hipótese de que Tordoia debe o seu nome á pousada  chamada "Mansio Turodobriga". En todo caso, na parroquia de Santaia de Gorgullos hai dúas aras, probablemente viais, que sosteñen a pedra do altar do cruceiro próximo á igrexa.

TRAZO
No ano 1883 nunha galería romana próxima ao Castro de Francada apareceron 25 picas de bronce e algunhas armas. Tamén dúas aras nas que se le:
[/Severinus c(...)/D(is) M(anibus) s(acrum)/an(n)o(rum)/LXXXXV].
[D(is) M(anibus) s(acrum)/]. 

sábado, 6 de mayo de 2017

O Camiño por Poulo

  Poulo cos seus 8,17 km2 é unha das máis pequenas parroquias ordenses.
  Hai anos era crenza xeral que a vila de Ordes nacera no século XVIII porque xente de Poulo se asentara alí a partir da construción do Camiño Novo (hoxe a N-550). A realidade é que Ordes xa existía moitos anos atrás e que Poulo foi capital só durante tres anos, probablemente pola súa localización e non polo seu tamaño, xa que en 1607, segundo Jerónimo del Hoyo, tiña só un pouco máis de poboación que Ordes (48 fregueses por 44) e considerablemente menos que Ardemil ou Buscás, ambas as dúas con 63.
  En 1669 detívose na Calle o Gran duque de Toscana, Cosme III de Médici. Un dos pintores que o acompañaban, Pier Maria Baldi, realizou este debuxo do lugar.


  Sabemos que, polo menos desde 1720, había na Calle unha casa de postas onde se cambiaban os tiros dos cabalos e repousaban os viaxeiros. 
  Ao redor de 1820 operou na zona unha partida de bandoleiros denominada a "Gavela de Poulo" que asaltaba xente rica, curas e viaxeiros. 
  Ese mesmo ano, Poulo foi a capital dun partido xudicial que constaba de 9 concellos: Poulo, Pasarelos, Montaos, Encrobas, Val de Barcia, Dubra, Vilarprego, Folgoso e Mesía.
  Só durou 3 anos porque o rei Fernando VII en 1823 decidiu declarar nulos todos os concellos constitucionais e retornar ao Antigo Réxime. En 1836 a capitalidade do concello e do partido xudicial xa lle correspondeu a Ordes.
  En 1849 o "Diccionario de Madoz" di que Poulo tiña 50 veciños, cuns 600 habitantes -dato pouco fiable, pois a Ordes con 63 veciños só lle atribuía 322 habitantes-.
  Actualmente as súas 9 entidades de poboación sobrepasan por pouco os 300 habitantes.


  Deixamos a parroquia de Buscás subindo por corredoiras ata unha pista que cruza por un tunel a estrada AC-524. Do outro lado o viaxeiro atopa a casa rural "Antón Veiras", un edificio de máis de 250 anos, que sufriu un incendio a principios do século XXI, o que propiciou unha feliz restauración e a súa conversión en establecemento hostaleiro.
  Ao seu lado aínda se conservan algunhas lastras do vello camiño. Tamén había unha zona cun tunel de loureiros de gran beleza pero foron cortados non hai moito tempo.
  A menos de 100 metros á dereita do camiño podemos ver a Igrexa Parroquial de San Xian no Outeiro. Aínda que a última restauración a principios do século XX dálle un aspecto moderno, é, en realidade, bastante antiga como testemuña a sorprendente cruz cumial da ábsida que lembra ás de Irlanda ou Gran Bretaña.
  En 2018 a antiga Reitoral próxima a igrexa foi rehabilitada (inaugurada en xullo de 2019) e agora é un Albergue con capacidade para uns 40 peregrinos.


  Desde a igrexa camiñamos uns 650 metros e enlazamos coa estrada asfaltada. Queda 1,7 km ata a Calle, atravesando os núcleos da Blanca e Senra.
  Poucos metros antes do cruce, a man esquerda, atopamos a Casa Maldonado onde parou o rei Felipe II en 1554. A inscrición onde se conta este feito e o escudo que deu orixe ao primeiro escudo municipal de Ordes están bastante borrosos e son difíciles de apreciar. Ademais adoita haber un coche aparcado que obstaculiza achegarse.
  A continuación podemos ver o cruceiro, bastante interesante, e o café-bar "O Cruceiro" (o último no que o viaxeiro pode refrescarse ata chegar a Sigüeiro).
  Despois do cruce, tamén a man esquerda, está a Capela da Virxe da Mercé, igualmente de aspecto recente, pero de orixe bastante antiga. A imaxe da Virxe esperta gran devoción na zona.


 O camiño continúa sempre por asfalto, atravesa a DP-3802 e intérnase na parroquia de Pereira.

martes, 2 de mayo de 2017

Mapa de Tordoia

Preme para ver máis grande.

  O concello de Tordoia, antes de 1836 coñecido como Vilarprego, é o 2º máis extenso da comarca e o máis occidental.
  Precisamente a parroquia máis occidental, Anxeriz (16 km2), é unha especie de península xeograficamente allea á comarca pois os seus ríos desaugan no Anllóns e no Xallas. Tamén é onde está o Monte Castelo que, cos seus máis de 560 metros, é o lugar máis alto do concello.
  As outras nove parroquias forman un bloque amesetado que vai descendendo de altura de oeste a leste. A parroquia de Viladabade no Petón da Cruz chega aos 530 metros de altura mentres que Numide e Leobalde, ao leste, no curso do Lengüelle baixan dos 240 metros.
  Os xistos metamórficos precámbricos, coñecidos como xistos de Ordes, ocupan a parte leste do territorio pero deixan paso na parte central (Bardaos, Cabaleiros) ás granodioritas, rochas de tipo granítico, e máis ao oeste (Castenda e Anxeriz) ao gabro.
  O río máis importante é o Lengüelle, que atravesa a parroquia de Gorgullos e logo serve de fronteira entre Numide e Leobalde cos concellos de Ordes e Oroso. O seu principal afluente é o río Pontepedra (que pasa pola capital) que, á súa vez, recibe ás augas do río Viladabade.
  O clima, como no resto da comarca, é oceánico hiperhúmido.
  A poboación é escasa. En 1950 superou os 6.200 habitantes pero desde entón houbo un continuo descenso (agás nos anos 90). No século XXI é o concello da comarca cun ritmo de descenso máis acusado. As 10 parroquias teñen uns 64 núcleos de poboación.
  A capital é Pontepedra na parroquia de San Xian de Cabaleiros.
  Hai paisaxes de gran beleza coma os que rodean o encoro de Vilagudín, e outros con formacións rochosas singulares. Tamén conta cun interesante patrimonio civil e relixioso. Pero, sen dúbida, o monumento máis destacado é o famoso Dolmen de Cabaleiros.
  De propina un vídeo sobre o concello:

sábado, 29 de abril de 2017

Antonio Concheiro Iglesias

  Antonio Concheiro naceu en Ordes o 25 de febreiro de 1904. Era fillo de Antonio Concheiro Rodríguez, médico forense de Ordes e subdelegado de Medicina do distrito desde 1909, e Asunción Iglesias Rápela, matrimonio que tivo numerosos fillos.

  Antonio foi un bo estudante, especialmente en aritmética e xeometría (levou matrícula no Instituto Xeral e Técnico de Santiago en 1915). Logo estudou a carreira de Medicina onde tamén destacou (no curso 23/24 levou un premio en anatomía descritiva e matrícula ao final). Fixo as prácticas co cirurxán Puente Castro. En 1926 rematou a carreira.
  Non comezou a exercer en Ordes senón en Carral, onde se instalou en 1927, e un ano despois casou con Euduvigis Carro Viqueira, filla do industrial coruñes Manuel Carro, coa que tería dous fillos: Antonio e Luis.

  Xa en Ordes, compaxinou o traballo con diversas actividades como xogar ao fútbol (compartindo equipo co seu inimigo político García Gerpe), ser presidente da banda de música (onde tamén estaba Gerpe) e, por suposto, participar na convulsa vida política da época.
  Convertido no líder da dereita, foi alcalde de Ordes durante a II República (de 1931 a 1936). A esquerda acusábao de usar as festas e as ceremonias relixiosas como armas contra as ideas republicanas. A victoria da Fronte Popular en febreiro de 1936 obrígao a deixar a alcaldía. Segundo Gerpe, entregou as chaves "con lágrimas de rabia y desesperación".
  Non foron bos tempos para el pois ata foi detido algunha vez por reunión ilegal. Temendo pola súa vida agochouse nunha casa no lugar de Vilar (Mercurín).

  A situación cambiou co alzamento militar. Despois da guerra loitou por ser de novo o "home forte" do concello, pero non o logrou inmediatamente: en 1944 foi multado con 1000 pesetas por criticar a Rafael Mariño, xefe local do "Movimiento"
  Unha anécdota daqueles tempos era que como había tres Antonios na familia, o seu pai era don Antonio, el era Toñito, e o seu fillo era Tonecho.

  Morreu o seu pai en 1942 e montou ao ano seguinte o "Sanatorio Concheiro" -no edificio adxacente ao actual-. Pouco despois foi un dos médicos que atenderon ao guerrilleiro Foucellas cando este estivo ferido.
  En agosto do ano 1950 inaugurouse (con bendición do mesmo arcebispo) o novo sanatorio, que hoxe aínda pervive.
 
   En 1953 retomou outra das súas grandes paixóns: foi presidente do club de fútbol de Ordes, a SD Órdenes, durante os seus anos máis gloriosos. 
  Neses tempos (anos 50) era alcalde Juan Liñares Castro, fillo dun curmán e íntimo seu, o que lle permitía gobernar na sombra.
  En 1963 foi nomeado forense de 1ª categoría do xulgado de Ordes.
 
  No ano 1968 volveu a ocupar o posto de alcalde. Dous anos despois, en xaneiro de 1971, morreu a súa muller case ao mesmo tempo da súa entrada na Deputación da Coruña. Na alcaldía vive os anos de crecemento da vila.
  Co fin da ditadura tivo a honra de recibir aos reis de España nunha curta visita en 1976. Enrolouse na UCD de Adolfo Suárez e participa nas primeiras eleccións municipais da nova democracia. Gañou cun 55 % dos votos e logrou 10 de 17 concelleiros.
 
  Daqueles tempos data a famosa anécdota de que, indo a pedir o voto porta a porta, unha señora pouco maior ca el estrañouse:
- Pero vostede, don Antonio, ós seus anos ...
  El respondeu:
- ¿Qué le voy a hacer? Si en casa no hay nadie que quiera coger la alcaldía.
  O descalabro da UCD con Landelino Lavilla no ano 1982, alonxouno da 1ª liña política e non se volveu presentar ás eleccións. Morreu o 2 de marzo de 1991 aos 87 anos.

 
  Os seus dous fillos, tamén son médicos. Antonio Concheiro Carro continuou en Ordes e Luis estableceuse en Santiago onde é unha figura moi reputada.
 Tomaron o seu relevo político dous netos: Antonio Concheiro Coello, farmacéutico, que foi concelleiro en Ordes e parlamentario galego (1995-2004), e Gonzalo, alcalde de Boimorto polo PP durante só nove meses entre os anos 2015 e 2016.

 Unha das futuras rúas proxectadas que irá desde Alfonso Senra (a carón da casa de Higinio) ao centro médico levará o seu nome. Comezou a explanarse en abril de 2017. 

martes, 25 de abril de 2017

Eleccións de 1907

 As eleccións de abril de 1907 foron moi importantes para España. Despois dunha etapa liberal e a súa correspondente crise, o conservador Antonio Maura convocou eleccións para dotarse dunha maioría ampla. O seu ministro da Gobernación Juan de la Cierva, para contentar ás diferentes faccións conservadoras, adxudicou no "encasillado" aos liberais un número de deputados menor do habitual (253 "adictos" fronte a 74 liberais), o que supoñía un incumprimento do pacto que tiñan os dous partidos turnistas.
  Pero quizais o máis significativo foi o triunfo de Solidaridat Catalana, encabezada polo republicano Nicolás Salmerón, que obtivo 41 dos 44 deputados cataláns. A Cuestión Catalana comezaba nese momento a ser un dos problemas máis preocupantes da vida política española. 


  E Ordes?
  Despois da paréntese de 1905, o gañador das eleccións en Ordes decidiuse de novo en Madrid, pero houbo un chisco de incerteza polas presións dos liberais gassetistas.
  O ex-presidente da Deputación Provincial, Ramón Tojo Pérez, e un deputado provincial, Faustino Rodríguez Montero, desprazáronse a Madrid para acompañar ao ex-ministro Rafael Gasset nas súas xestións. Celebraron distintas entrevistas co Marqués de Figueroa, ministro de Gracia y Justicia (tamén galego), para solicitar que se lles adxudicasen os distritos de Ordes e Arzúa (este último Gasset queríao para o seu pasante Francisco Prieto Mera). A resposta foi que o goberno necesitaba ambos os dous distritos e que o único que podía facer era non destruír as organizacións de Arzúa sempre que se comprometesen a votar ao candidato oficial.
  Rafael Gasset, máis tarde, conferenciou co Marqués de Figueroa contraofertándolle o distrito de Ordes en lugar do de Arzúa. Todo foi inútil.
  O último cartucho de Gasset foi unha reunión co propio Maura que era o que, obviamente, tiña a última palabra. Esa entrevista celebrouse o 1 de abril e Gasset pediu os distritos de Noia, Padrón, Arzúa e Ordes. Maura rexeitou a petición. Reserváballes aos gassetistas só os distritos de Noia e Padrón, máis un posto no Senado para o irmán de Rafael, Eduardo Gasset, pero Ordes e Arzúa eran para os seus candidatos.
  Gasset non se deu por vencido e buscou a mediación do conservador galego Eduardo Dato que tampouco lle deu resultado.
  Aínda que ameazou logo con presentar batalla en Arzúa contra o candidato do Goberno, Rafael Gasset sabía que iso significaría a perda do cargo de senador para o seu irmán e que as súas corporacións de Arzúa se visen "tocadas", así que ao final aceptou a xogada.

  Deste xeito José Lombardero Franco, o candidato do Partido Conservador, un avogado e xornalista coruñes, gañou, esta vez sen sorpresa, as eleccións no distrito de Ordes arrasando (8.023 de 10.474 votos -case o 80 %-) como era habitual.