sábado, 8 de agosto de 2026

Toponimia de Parada

 
PARADA: segundo Cabeza Quiles, os topónimos Parada significan ‘sitio de parada ou descanso’. Aluden sempre a lugares onde viaxeiros e gando facían unha escala e están vinculados normalmente a camiños tradicionalmente importantes. Aquí probablemente houbo unha desta rutas e unha pousada (mansio) parata. Na veciña parroquia de Leobalde tamén atopamos o topónimo Paradela, o que reforza a hipótese de que houbese unha vía moi antiga que pasase por ambos os dous lugares.
 

Agrela: Agrela deriva de agra mediante o sufixo diminutivo correspondente ao latín -ĕllu / -ĕlla, que dá en galego -elo / -ela. Como este sufixo deixou de ter rendemento xa na Idade Media, substituído por -iño / -iña, podemos interpretalo como sinal da antigüidade dos topónimos que o conteñen. A documentación galega medieval en latín rexistra topónimos como este coa grafía latina agrella ou coa actual: “illas lareas de Agrella” (1072, Braga), “Agrela cum uno serviciali” (1144, Carboeiro). Igual que sucede noutros topónimos o a- inicial do substantivo agrela puido ser interpretado como artigo feminino e producir a deglutinación ou separación en dúas palabras, motivo da existencia do apelido Grela.
Arroio: procede dunha palabra perromana arrugio ou arrugia, que en principio tanto podía aludir a unha canle artificial como a un regato natural, pero que logo acabou sendo empregada exclusivamente para o segundo caso.
Carballeira: abundancial de carballo (palabra que provén da forma prerromana carva), bosque de carballos.
Castenda: abundancial de castiñeiro coa terminación -enda. A palabra castaña ven do grego kastanon a través do latín castanea.
Castro: procede da voz latina castru ‘campamento fortificado’. En Parada o lugar está practicamente pegado ao antigo castro, cousa que noutras parroquias de Galicia non sucedeu, situándose a aldea a certa distancia mentres o enclave orixinal quedaba no imaxinario popular como un sitio máxico onde podía haber túneles secretos, mouros, fadas e tesouros.
Cestaños: é un topónimo derivado da palabra "cesto" que ven do latín cista. En principio sería lóxico supoñer que aí había unha plantación de vimbios cos que se fabricarían eses devanditos cestos, pero parece haber unha relación coa construción dos castros porque tanto A Cesteña (Vilamaior) como Cestaños están próximos a un castro. A maioría dos castros da nosa zona teñen murallas térreas e non de pedra, é dicir, están "feitos a cestos" ou "baleirando cestos" e aí podería estar o sentido do topónimo, tal como podedes ver no blog Aldeias de Ordes.
Edreira: un dos moitos fitotopónimos -nomes de lugar derivados de plantas-, neste caso da moi corrente hedra. Provén da palabra latina hedera, aquí rematado nun abundancial rematado en -eira.
Estación: este topónimo é dos máis modernos pois data de principios do século XX. Está obviamente relacionado coa vía férrea, procedendo do latín statione ‘lugar de estancia’, e á súa vez esta palabra procede do verbo stare ‘estar’.
Fontenlas: diminutivo de fonte en plural.
Pazo: o nome da capital parroquial provén do latín palatiu, casa nobre e señorial. Neste caso claramente referido á denominada Casa grande da familia del Valle.
Ponte Quinín: Viría dunha Ponte Quinnini, ou Ponte de Quindinus, nome composto do elemento kinth ‘proxenie, estirpe’ coa desinencia -in.
 

Pontraga: Deriva de "Ponte da Agra" que, ao perder a preposición, converteuse en "Ponte Agra", logo produciuse unha asimilación quedando unha única palabra "Pontagra". Finalmente houbo unha metátese e quedou definitivamente transformada na actual Pontraga. Todo este proceso é moi antigo porque hai referencias ao topónimo xa no século XVI. Ver Toponimia de Numide e Leobalde.
Rebordelos: derivado de reboredo (do latín roboretu 'carballeira') co sufixo diminutivo -ellos e síncope da vogal pretónica.
Rego: A palabra deriva do latín riguu ‘pequeno caudal de auga’.
Valiño: diminutivo de valo ou sexa un ‘valado ou parapeto que cerca unha leira ou un campo’. A palabra procede do latín vallu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario