jueves, 17 de agosto de 2023

Cruceiro da Calle


  O cruceiro da Calle de Poulo está situado en pleno Camiño Inglés a uns 80 metros ao norte da capela da Mercé, santuario de antiga orixe medieval, e escasos metros ao sur da Casa Maldonado onde pasou a noite o rei Felipe II no ano 1554. Este emprazamento, a carón do café bar "O Cruceiro", é bastante recente xa que orixinalmente estaba uns 50 metros máis ao norte.
  É un exemplar antigo, totalmente de pedra, e moi esvelto. Ten unha base de cachotería adaptada ao desnivel do terreo. Sobre ela unha plataforma de tres graos. Acaroado ao primeiro chanzo pola parte sur hai un pequeno altar ou mesa de ofrendas colocado sobre unha peaña. A base e as gradas miden aproximadamente un metro de altura.
  Sobre un pedestal prismático moi baixo con molduras na parte superior elévase un varal alto, duns 2,80 metros, e moi delgado. Inicia e remata de forma cuadrangular pero ten os habituais chafráns no centro.
  Remata o varal nun sinxelo capitel de forma cuadrangular con molduras rectas. A continuación hai un capitel máis pequeno, decorado con volutas, que pertenceu a outro exemplar (probablemente o que había no Outeiro, porque o actual cruceiro que hai alí é bastante moderno, xa que está totalmente feito de formigón). A cruz posúe uns inhabituais paus cilíndricos, lisos e finos.
  Presenta dúas imaxes bastante esveltas e de manifesta verticalidade. No lado sur hai un Cristo con tres cravos, coa cabeza ladeada á dereita, coroa de espiñas, brazos horizontais e pano de pureza anoado á esquerda. No reverso, cara ao norte, hai unha Virxe coroada coas mans xuntas en actitude orante.
  A cruz e os capiteis miden aproximadamente outro metro, polo que todo o conxunto aproxímase aos 5 metros, sendo un dos máis altos da parroquia.
  Se queres ver máis fotos e unha vista de rúa preme en Cruceiro da Calle da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario